A volta das newsletters. Compartir fóra do ruído das redes

Co patrocinio de

Agora as cartas chegan ao correo electrónico e as newsletters son un refuxio crecente para contar e compartir historias. No medio do balbordo das redes sociais non é doado captar a atención da xente, pero aquí está quen quere e como quere. Falamos coas creadoras de cinco novos boletíns dixitais que seguir para estár á última (ou simplemente para descubrir novos enfoques).

 

Notas á marxe, A hora tardía, prazeres, Modestas proposicións e Para ler, ver e escoitar son os boletíns dixitais en galego que escollemos para preguntarlle ás súas creadoras e creadores por que aposan por este medio e que lles aporta fronte aos contidos que todas e todos compartimos a diario nas redes sociais. Atopamos nestas newsletters moito desexo dunha lectura pausada e por pracer, quizá porque algunhas das súas creadoreas tamén se dedican a escribir nas súas profesións, pero sempre reivindicando estas cartas como un espazo de calma para quen as reciba ao outro lado da pantalla. 

Notas á marxe © Notas á marxe

As xornalistas Belén Teiga e Carmen Novo gañaron a sétima edición da Bolsa Nacho Mirás que organiza o Colexio de Xornalistas cun proxecto de «xornalismo lento» que chamaron Notas á marxe, que chega á bandexa de entrada das subscritoras repleta de suxerencias culturais a partir de lecturas que van debullando entre as dúas. Comezaron en xaneiro e xa tiveron tempo para innovar co formato podcast e incluíndo as súas propias ilustracións nos seus envíos.

Por que unha newsletter?

A verdade é que foi unha cousa bastante orgánica. Non nos paramos demasiado a pensar que formato íamos ter para o noso contido porque ás dúas escribimos todo o día por traballo e é o formato no que máis cómodas nos desenvolvemos. Para nós era o natural. Parecíanos que era un formato bastante novo e dinámico ao que aquí non se lle está dando demasiada cabida na nosa lingua. Apetecíanos probar o formato.

Por que non unha conta de Instagram?

Completamos o proxecto con contas nas redes sociais, pero máis que para verter todo o contido, serven para promocionalo. Non consideramos que os caracteres dunha newsletter se poidan agrupar nun post de instagram. Como receptoras, nós tampouco esperamos o mesmo dunha newsletter (texto pausado, reflexións e tempo de lectura) que dunha publicación noutra rede social (algo máis visual, rápido e coas palabras xustas para que se poida comprender). Poderíamos ter pensado, por exemplo, en ferramentas como un blog, pero pensamos que a newsletter aporta novidade e dinamismo. A nós, como receptoras de varias, ilusiónanos recibir unha mensaxe esperada na nosa bandexa de entrada do correo electrónico. Doutra forma, quen iría á nosa páxina web para comprobar se hai novo contido subido? Nin nós mesmas o faríamos.

Canta xente tedes subscrita?

Somos conscientes de que facemos un contigo que se pode considerar bastante nicho. Temos arredor de 150 subscritores. O que máis nos gusta é que moita desa xente si que sinte unha vinculación real co proxecto. Hai varias persoas que nos dan feedback sempre e podemos interactuar con todo o mundo. Quizais non poderiamos facer isto se tivésemos un público máis amplo, tampouco nos obsesionan as cifras.

«Notas á marxe tamén nos fai sentir comprendidas e parte de algo»

Cal é o obxectivo do proxecto?

O obxectivo non é outro que crear un espazo onde podernos expresar e compartir o que nos gusta. Non temos moitas máis pretensións. Facelo público a través das redes axuda a crear comunidade, a darnos de conta de que non estamos soas nisto. Non imaxinabamos que houbera tanta xente á que lle apaixonara o mesmo que a nós: os mesmos libros, os mesmos temas e a mesma música. Notas á marxe tamén nos fai sentir comprendidas e parte de algo.

Ledes a propósito para compartir esas lecturas?

Este é un punto que para nós foi e segue sendo problemático. O noso non é un proxecto profesional nin pretendemos que o sexa, porque temos outros traballos cos que nos gañamos a vida, polo que desenvolvemos todos os contidos no noso tempo libre que, en ocasións, é escaso. A lectura é a nosa afección e o facemos por gusto, pero si é certo que ao ter un proxecto que alimentar moitas veces a paixón se torna en obsesión. Chegamos a pensar: «Para ser produtivas hai que ler máis e facelo con unha finalidade». Porén, cremos que como mellor funciona Notas á marxe é cando lemos de forma desinteresada, para pasalo ben. Aí, lendo con tempo e analizando, é cando sacamos os mellores temas. As nosas ideas saen así, temos un libro nas mans e nel atopamos ideas sobre as que nos parece interesante profundar. Entón, cando nos interesa de verdade algo, buscamos outras cousas para completar a nosa visión. Pero iso, intentamos que sexa orgánico, deixar de lado a hiperproductividade e facelo por pracer, ao noso ritmo.

Sodes seguidoras doutros boletíns dixitais?

Si. Ambas coincidimos moito nos nosos gustos e, aínda que nos descubrimos cousas unha á outra, compartimos algunhas das nosas newsletters favoritas. Gústanos especialmente Lo raro es vivir que escribe Noelia Ramírez en SModa. É un contido que parece desenfadado, pero que engloba moitas reflexións e lecturas, o que tamén nos sirve de inspiración e de exemplo do que nos gustaría facer. Tamén estamos subscritas á de Punzadas, aínda que agora practicamente só publican podcast, ou a outras como a de Ainhoa Marzoal, Gárgola Digital, moi centradas en temas da rede e noutra das cousas que nos interesan como xeración a nivel de linguaxe: os memes.

Pensades que a vosa xeración segue newsletters?

Cremos que o noso é un nicho e que agrupa a un grupo moi concreto de persoas. Nós consumímolas, pero non cremos que sexamos unha mostra indicativa das tendencias que segue a xente da nosa xeración. Notas a marxe reúne a unhas cantas persoas que, como a nós, lles gusta ler: xa sexa un libro, unha newsletter, ou unha newsletter sobre libros. Tamén que, polo círculo social polo que se moven, puideron atopar a nosa newsletter rulando por aí.

A hora tardía © A hora tardía

O escritor e xornalista Pablo J. Rañales comezou recentemente un boletín dixital persoal que nomeou A hora tardía. Pablo forma parte do equipo de Carretando, que segue a política galega desde o podcast e os directos a través de Twitch, e vén de gañar o VII Premio Illa Nova de Narrativa que convoca a Editorial Galaxia coa obra Os afogados.

Por que comezaches A hora tardía?

Hai unha dobre xustificación. A primeira, porque era un formato polo que eu sentía un especial interese, que me lembraba á rutina de escribir cartas e sincerarse, e que sobre todo me axudaba a establecer un hábito de escritura que perdín durante os últimos meses. Precisaba adestrar o músculo narrativo, digamos, e acostumarme á redacción semanal, e A hora tardía agora mesmo é chave para logralo!

A segunda: o Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais (UVigo) que estou cursando propón coma TFM consolidar unha «marca persoal» e producir unha serie de publicacións mínimas nas plataformas, e eu vin aí a oportunidade de materializar a curiosidade previa que tiña polos boletíns. Serviume para dar ese primeiro paso e, ademais, a facelo dende unha relación máis sa co propio proxecto creativo.

Por que non verter contidos directamente nas redes?

Por obter independencia algorítmica. Porque quería un formato que non se perdera na inmensidade dos timelines, que non estivera ao servizo das últimas ocorrencias de Musk, por exemplo. Quería un espazo onde o algorítmico fose máis irrelevante e no que eu puidera controlar os meus contidos. Que a miña visibilización non dependera de se agora priman os reels, ou os chíos con fotos, ou as publicacións con música. A newsletter permite petar na porta dixital doutra persoa e que ela sexa quen decida abrir o correo electrónico ou non. E iso, no actual ecosistema dixital, é unha cousa moi valiosa. E o guai é que nin sequera tes a posibilidade de ser invasivo: son eles, a túa comunidade, quen decide cando subscribirse. Amosan explicitamente o seu desexo de saber de ti, do que creas, do que comunicas.

Ademais, entendo que os boletíns garanten unhas interfaces de lectura máis limpas; permiten o cualitativo por enriba do cuantitativo, o diálogo fronte á hiperprodución masiva que esixe o algoritmo, que sempre pide máis e máis e máis. Tamén é un formato máis íntimo que a conta de Instagram. Seguramente menos viral, pero moitísimo máis repousado. E iso era o que quería eu: intimidade, pontes sólidas coas poucas persoas que están interesadas de verdade no que fago e xa. Chégame con iso.

Canta xente está subscrita? No teu caso, ademais, hai posibilidade de achegar uns cartos ao proxecto, ten éxito esta opción?

Neste mes de xuño, unhas 40 persoas. Para min, unha vez supere as 60 subscricións xa será un exitazo. E sobre a monetización d’A hora tardía, de momento, e con só tres boletíns lanzados, non existe. Pode ser que nalgún instante emerxa un patrocinio ou algunha subscrición de pago, pero tampouco é o obxectivo. Fixen un ko-fi por se alguén quere convidar, coma xesto simbólico, a un café. Tamén entendo que a newsletter, a longo prazo, o que axuda é a «obter cartos» de maneira indirecta; no meu caso, facendo que as subscritoras se interesen polas miñas novelas e perfil literario-xornalístico, ou por Carretando, ou por calquera outro servizo/produto/proxecto que teña e que si conte cun fluxo de rendementos económicos constante.

Xa que non é posible que outorgue grandes monetizacións, polo menos si que constrúe unha ‘marca de autor’ que axuda a posicionarse reputacionalmente. Por analizalo así, en termos do capitalismo de plataformas! (hehehehehe)

«A hora tardía agroma coma unha forma de recuperar a escritura dende o pracer e dende a necesidade, que é algo que perdín co tempo e que facía moito na adolescencia»

Dis que vai ser un espazo que che sirva a ti para parar fronte aluvión do traballo, pero tamén queres que sexa un espazo de lectura pausada para quen te le, non che vai dar máis traballo?

Construír A hora tardía leva tempo, si, pero xa dende o comezo tiña claro que bebería e aproveitaría as lecturas diarias en prensa ou redes sociais que fago de temas que me interesan: literatura, escritura, hiperprodución e precariedade no mundo virtual… Por iso ten un forte compoñente de curación de contidos, recomendando artigos e libros que me gustaron no seu momento baixo un gran tema paraugas, e outro tanto de creación literaria. Mesturando ambos elementos logro que poida ser sostible ao longo do tempo, tamén asumible en termos de traballo: leo algo, penso nun tema paraugas, escribo un textiño persoal e falo con Icía, a IA detrás de ChatGPT que intervén na newsletter para lembrarme cousas dos seres humanos.

E todo iso, máis que traballo como tal, é máis ben a forma que teño eu diso que dis: de parar. Coa newsletter podo buscar ocos que me axuden a pensar, a ler e reler artigos que gardo polo Twitter e a escribir reflexións xerais sobre este mundo que vai tan rápido. Sobre as boas persoas, o cansazo, os descansos… É escribir, é adicarlle tempo, pero cun fin saudable. Coma quen sae a correr ou vai ao gym.

Cal é o obxectivo do proxecto para ti?

Pois non hai para nada un obxectivo de profesionalización da newsletter. Quero dicir, non formulei grandes obxectivos, nin evolucións, nin fases, nin sequera unha estratexia de monetización. Máis que profesional, é un proxecto absolutamente persoal, con todas as súas consecuencias á hora de conceptualizalo e de executalo. De feito, A hora tardía agroma coma unha forma de recuperar a escritura dende o pracer e dende a necesidade, que é algo que perdín co tempo e que facía moito na adolescencia. As miñas metas son enteiramente lúdicas: quero pasalo ben creando o boletín, quero recompilar libros que pagan a pena, quero pensar sobre cousas da nosa cultura dixital, quero escribir máis e, sobre todo, achegar un pequeno sitio no que a xente poida sentirse en calma. Aínda que sexa por uns minutos, pero que poidan frear e darse conta de que o que lles pasa, a vertixe de ir tan tan rápido que un xa non pode nin procesar o que lle acontece na vida, supón unha problemática estrutural.

Por resumir, é un proxecto creativo que ten vocación dialogante: comigo mesmo, pero tamén co resto. Tamén porque a min me resulta moi, moi difícil ter conversacións de calidade nas redes sociais, e quizais as newsletters poden axudar a recuperar iso. O intercambio, a conversa.

Hai moito que segues boletíns dixitais? Ademais, tes experiencia polo de Carretando, aínda que a temática sexa distinta.

Arranquei na pandemia, si, e coa newsletter de Carretando puiden probar Substack e a parte máis técnica. E logo, ao longo deste 2023, no máster analicei con máis calma as partes positivas do formato, todo isto da independencia algorítmica, do control dos creadores, do consumo nunha interface libre de sobreestímulacións… Pero n’A hora tardía quería liberarme de corsés xornalísticos coma os que un ten, con toda lóxica, en Carretando, e coller o músculo narrativo que falabamos no comezo. A maiores, que sexa en galego para min é unha alegría e un reto: supón ampliar o camiño do neofalantismo e axudar a que haxa máis opcións de entretemento e consumo dentro do ecosistema de contidos galegos.

Algún en concreto que che inspire?

Gústame moitísimo Lorem, de Iago Berro, porque é moi amable para ler: moi bonita, con moitos recursos chulos de deseño, arte, curiosidades de Internet… Tamén Solaris, de Jorge Carrión, que é outra desas figuras que sigo para inspirarme na intersección de tecnoloxía e literatura, ou Orden del Día, da xornalista parlamentaria María Blanco, pola estrutura tan clara que ten.

Prazeres © Prazeres

A xornalista, profesora e escritora Laura Ramos Cuba comparte na newsletter prazeres as cousas que lle producen alegría ou curiosidade na súa vida cotiá. Da mesma maneira que mantén correspondencia en papel, comparte estas cartas que chegan ás bandexas de entrada das subscritoras.

Como comezaches con este boletín dixital?

Comecei com prazeres em 2020 (o 31 de outubro, mais concretamente), e envio periodicamente missivas desde essa altura. No início enviava com maior frequência (cada sábado ou dois), e depois passei a espaciar mais as cartas por falta de tempo. Para mim era uma oportunidade para fazer uma pausa no dia a dia e escrever, fazer um exercício de curiosidade e entusiasmo com o mundo quotidiano. É uma atividade muito grata a nível pessoal, independentemente de quem acabe por ler ou contestar, quase como uma forma de auto-terapia.

Por que non valía empregar as redes sociais?

Mantenho correspondência postal com um par de pessoas, e fez-me muita ilussom atopar este mesmo ritmo de conversa e diálogo interno nalgumas newsletter que sigo. Os tempos são distintos ao das redes sociais, e a comunicação também. Não há (ou não há *tanto*) esse nível de exposição e espetáculo. A newsletterchega à caixa de entrada (pessoal, privada) de cada pessoa, e a resposta (se escolhe contestar) é também privada, íntima. Não é o mesmo, mas achega-se bastante à ilusão que faz encontrar uma carta escrita a mao na caixa de correio.

Canta xente está subscrita?

Atualmente há 98 pessoas subscritas :)

Cal dirías que é o obxectivo do proxecto para ti?

Para mim o objectivo é puramente lúdico: passá-lo bem escrevendo-a, que quem a lea também goste. Eu gosto de escreve-las, de gardar detalhes, imagens, músicas... no meu dia a dia, como um catálogo de 'pequenas satisfaçons' do dia a dia para partilhar na carta (de facto, esse é o subtítulo da newsletter!). Como quem adica tempo a fazer recortes e elaborar um collage, mas com ideias e sabores que provoquem deleite.

«É uma atividade muito grata a nível pessoal, independentemente de quem acabe por ler ou contestar, quase como uma forma de auto-terapia»

Dicías que non hai unha periodicidade nos envíos, que mandas cando che apetece, que che aporta compartir estas cartas a ti?

Para mim prazeres é um jeito de encontrar gozo no dia a dia, e obrigar-me a fazer um tempo e um espaço para pensar sobre ele... Tem em conta que escrever cada carta leva-me várias horas, e ter o projecto aberto força-me a adicar-lhe tempo na minha agenda. Uma tarde de sexta-feira, uma manhã de domingo... se não estou vivendo (acumulando ideias para prazeres!), posso estar mastigando e deglutindo estas ideias e experiências, refletindo sobre elas, e plasmando-o numa carta.

Fas unha especie de sección dentro da newsletter, como decides o que inclúes nela?

Normalmente a carta tem um texto de saúdo/inicial no que faço uma pequena reflexom. Depois, há pequenos títulos nos que acostumo achegar algo (uma música, um podcast, uma curiosidade histórica, um lugar, uma anedota pessoal...) que foi importante ou que me pareceu bonito. Sempre me despido igual, com uma traca final de pequenas coisas da Internet que me chamaram a atenção (a última cançom de Ataque Escampe, uma youtuber chinesa...) e a mesma fórmula de feche ("Fai-te boa, e...!"), que varia em cada carta.

Hai algún boletín dixital en concreto que che inspire?

Na pandemia anotei-me a Ola e Flecha, de Carmen Pacheco, modelo de newsletter da que bebo bastante. Também estou anotada ao Gabinete de curiosidades de Alba Cid, a de Laura Olin, os poemas diários de Matthew Ogle, Gárgola Digital... E alguma mais, mas as de Carmen Pacheco, Ainhoa Marzol e Laura Olin som das que mais gosto.

Modestas proposicións © Modestas proposicións

Lucas Torres está detrás do boletín dixital Modestas proposicións, unha carta moi persoal a través da que comparte as súas creacións e inquedanzas.

Como xorde Modestas proposicións?

Hai uns cinco ou seis anos que escribo de maneira máis ou menos regular. Neste tempo participei nalgúns talleres de escrita creativa como o de Carlos Valdés na Unitaria de Santiago, ou no Laboratorio Permanente que formamos algunhas persoas pola nosa conta. Logo estiven opositando e deixei en pause todo o tema da escrita. Ao rematar os estudos empecei coa newsletter porque era unha maneira de volver escribir e tamén para crear unha canle aberta que puidese empregar sempre que tivera algo que contar.

Por que non facelo cunha conta de Instagram ou noutras nas redes?

Creo que a newsletter adáptase mellor aos meus ritmos. Gústame facer as cousas a modo, con períodos de silencio e soidade; e quería que a xente tamén lera os meus textos desa maneira, para despois poder comentalos coas súas parellas, amigas ou avoas. Plataformas como Instagram son para min demasiado veloces, un like e a outra cousa, unhas iconas nos comentarios e a outra cousa, non era o tipo de interacción que eu quería conseguir.

Canta xente está subscrita? Na plataforma Substack hai posibilidade de achegar cartos ao proxecto, funciona no teu caso?

É un público modesto, algo máis de 100 persoas subscritas. Mais estou moi contento porque houbo xente que me coñeceu por Modestas Proposicións e logo falamos en persoa e sempre foron conversas moi agradables.

Non teño aberta a posibilidade de achegar cartos ao proxecto. Agora mesmo teño un traballo estábel co que sosterme economicamente e hai outros proxectos e persoas que seguro precisan esas achegas moito máis ca min.

«Penso que as miñas Modestas Proposicións poden despertar novos intereses, motivar a outras a buscar repouso ou beleza arredor de si mesmas»

Como decides o que inclúes en cada envío?

Vivo cunha ollada curiosa cara as cousas que me rodean, sempre o fixen. Arredor do meu día a día e das miñas rutinas sempre atopo movidas que me interesan, e penso que tamén lle poden interesar a outras persoas. Vou enchendo diarios, cadernos, notas no móbil e de cando en vez reviso todo isto, poño orde e intento buscar conexións para darlle unidade ao conxunto.

Cal é o obxectivo deste proxecto para ti?

Resúltame difícil valorar os meus textos, penso repetidamente que son terribles. Publicar estas entradas, máis breves e lixeiras, é para min unha maneira de resolver estas cuestións, de ir practicando e probando.

Tamén penso que as miñas Modestas Proposicións poden despertar novos intereses, fomentar esa maneira de ver que comentei antes, motivar a outras a buscar repouso ou beleza arredor de si mesmas.

Hai moito de creación propia, incluso tes apuntado que che gustaría publicar o que escribes, é a newsletter unha vía para compartir iso mentres tanto?

Nun principio si, pero tamén me gusta que a proposta vaia transformándose como se transforman as miñas ideas e obsesións. Para min na newsletter colle case todo, só hai que atopar a maneira de que encaixe, ese é o xogo permanente que a mantén con vida.

Levas moito tempo como seguidor de boletíns dixitais?

Sempre tiven algunhas no correo. Unha das primeiras, aínda que durante anos non lle fixen caso, foi a de Austin Kleon. Inspiroume moito para comezar e continúo a roubarlle ideas continuamente así que polo menos devólvolle esta mención.

Para ler, ver e escoitar © Para ler, ver e escoitar

A xornalista Gala Dacosta Diehl mantén un boletín dixital mensual no que comparte temas culturais, de actualidade, crítica e debate. Para ler, ver e escoitar é unha carta na que fala de ti a ti coas lectoras. 

Por que naceu Para ler, ver e escoitar?

Comecei esta carta porque me naceu o impulso un día. Eu son filla da Blogosfera, con oito anos xa tiña dous blogs onde escribía e facía recensións de libros. Chegada a adolescencia abandoneinos e esta nova era das newsletter paréceme que retoma o espírito do blog. Eu quería formar unha pequena comunidade lectora con inquedanzas, un lugar para lernos entre nós porque no fondo sempre foi a miña paixón, xuntar internet, comunicación e cultura. Ao que foi xurdindo con espontaneidade sumeille a experiencia do xornalismo cultural no que estou especializada.

Pensaches en facelo en Instagram?

Busco crear un certo ton íntimo nas cartas que escribo, e non quero verme presionada pola hiperconexión e canibalización de contidos en Instagram. As redes sociais, por moito que as valoro, non me parecen idóneas para un proxecto así pola maneira na que están deseñadas.

«Quería formar unha pequena comunidade lectora con inquedanzas, un lugar para lernos entre nós»

Cantas subscritoras tes?

Ata o momento teño 139 persoas subscritas e sorpréndome cada vez que chega alguén novo, porque non publicito demasiado Para ler, ver e escoitar. Creo que ao estar en galego a acollida é maior porque teño un nicho. Sinto cada nova chegada como un amigo que se une á conversa. A opción de subscribirse pagando ven por defecto na plataforma que uso, pero nunca foi a miña intención monetizar este proxecto. É puro divertimento para min, aínda que leve o seu traballo. Paréceme moi difícil que a opción de monetizalo algunha vez sexa viable.

Como decides o que inclúes en cada carta?

Escollo o que me interesa e creo que podería gustar aos meus lectores. Como o propio título indica, quero que sexa algo moi natural e espontáneo: o que eu percibo quero transmitilo, e tamén o subscritor pode contestar sempre que o desexe. Nin procuro subscritores con agresividade nin creo contidos se non atopo o tempo que require escribir unha peza con certa calidade. Vou anotando eventos culturais, retallos do que aprendo e do que leo, e reflexións que moitas veces van ligadas a esas cousas. A estrutura é sempre unha breve narración de actualidade de ti a ti e ao final da carta recomendacións de lecturas, concertos, documentais… o que se me ocorra, pero buscando unha coherencia.

Algún boletín dixital que che guste?

O certo é que comecei noutra plataforma (ligada a Twitter) antes de Substack que finou cando cambiou a propiedade de Twitter. Eu coñecía unha newsletter americana de crítica á cultura da beleza, The Unpublishable da xornalista Jessica De Fino, publicada en Revue. Cando comecei, a miña amiga Aida creou unha newsletter tamén na que fala de deseño, viaxes e curiosidades varias dende Amsterdam, onde vive ela. Chámase Vamos viendo. Tamén estou subscrita á Xanela, de Javi Ramos, quen se puxo en contacto comigo hai uns meses porque quería comezar na plataforma, por iso sinto que verdadeiramente é posible xerar unha comunidade. A súa é moi boa, trata de actualidade e música.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Máis Vinte

  • Hai unha carta para ti. Os mellores boletíns dixitais que podes recibir en galego

    Textos literarios a xeito de diario, axenda e recomendacións culturais, apuntamentos sobre deseño, enlaces a artigos interesantes… nada que non se leve facando dende hai case dúas décadas nos blogs e nas redes sociais. Pero agora é de novo o correo electrónico a canle pola que viaxan contidos autorais, volvendo á forma de comunicación máis básica, sinxela, íntima e antiga, aínda que con ferramentas novas. Falamos coas autoras e autores das newsletters máis interesantes ás que nos podemos subscribir na actualidade. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • OU ké! A política ourensá para a «abandonada» mocidade

    OU ké! é un medio de comunicación enfocado ás redes sociais que aborda a política coa linguaxe das xeracións máis novas e pretende contar a actualidade de Ourense para este público. Detrás do proxecto está o comunicador Iván Iglesias, que se xuntou co tamén comunicador Iván Olmos para despegar en pleno fervor da política ourensá 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • Exército Mekemeke. O videopodcast para a xeración que medrou con Shin-Chan

    Á hora da merenda botaban Shin-Chan na TVG e era case un ritual. Dá igual a idade que teñas, se te recoñeces diante do televisor vendo a Shin-Chan mentres el, á vez, vía a Ultraheroe na pantalla, xa sabes do que estamos a falar. O Exército Mekemeke simbolizaba aos malos contra os que loitar nesa ficción dentro da ficción, pero agora tamén é un videopodcast conducido por Carlos Vieito acompañado de Lidia Veiga e Miguel Abad que sae desde Ames para o mundo todos os martes.

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.