Exército Mekemeke. O videopodcast para a xeración que medrou con Shin-Chan

Co patrocinio de

Á hora da merenda botaban Shin-Chan na TVG e era case un ritual. Dá igual a idade que teñas, se te recoñeces diante do televisor vendo a Shin-Chan mentres el, á vez, vía a Ultraheroe na pantalla, xa sabes do que estamos a falar. O Exército Mekemeke simbolizaba aos malos contra os que loitar nesa ficción dentro da ficción, pero agora tamén é un videopodcast conducido por Carlos Vieito acompañado de Lidia Veiga e Miguel Abad que sae desde Ames para o mundo todos os martes.

 

Exército Mekemeke é un programa con moito humor no que o obxectivo final é pasar un bo anaco. Pero as intencións de Carlos Vieito na creación do podcast van máis alá: «A miña primeira idea era crear un programa en galego que fora interesante para a xente da nosa idade, ou máis nova ou máis vella, que o puidera ver para pasalo ben. Na rede, no TikTok, no Instagram ou no Youtube hai contido galego, por sorte temos unha comunidade moi chula, pero no que se refire aos podcast en vídeo a xente que eu coñezo consumía máis os programas que son grandes referentes no Estado. Penso nas charlas de Ibai, podcast da Cadena Ser ou en Estirando el chicle, que son unhas das nosas referentes. Quixemos crear unha alternativa para escoitar programas dese estilo en galego».

Detrás do proxecto hai unha teima de intentar falar o mellor galego posible, «para que a xente poida tirar do noso programa para consumir algo de ocio na súa lingua. Sempre dicimos en broma que imos a polo premio de calidade lingüística das Youtubeiras, xa que temos aí a Miguel, que é o noso experimento nunha persoa que era castelán falante e cun galego que mellora programa a programa». Aínda que Carlos Vieito matiza que non é que non se poida facer contido en galego se non se fala ‘perfecto’, senón que o seu obxectivo é afastarse dun humor «que quere ser folclórico e emprega o castrapo para facer bromas», a pesar de non censurar esa práctica, que recoñece que pode ter gracia.

Miguel Abad, Carlos Vieito e Lidia Veiga son o Exército Mekemeke © Exército Mekemeke

«Na diáspora comecei ter relación con radios locais, en Barcelona estiven participando nun par de programas e gustoume moito o ambiente que hai na radio. Cando volvín para Galicia botábao en falta e vin unha publicación do Concello de Ames buscando programas para a radio cidadá. Así que as casualidades do destino fixeron que eu tivese ganas e xurdira esta oportunidade. Aceptaron a miña proposta e chamei ao resto de Mekemekes, que naquel momento eran Miguel e mais Xubi, amigos da infancia, para que viñeran de colaboradores. A idea sempre foi poder falar de cousas como se estivésemos tomando algo», conta Carlos Vieito.

O dos Mekemekes é o nexo de unión xeracional que teñen entre si. Esta nova temporada Xubi non está, pero incorporouse a actriz Lidia Veiga, que tamén pertence á Xabaxeración. «A quen representamos? Pois os Mekemekes recollemos unhas xeracións que fomos criadas diante do Xabarín Club e temos uns referentes comúns, que eran eses debuxos e esas cancións que viamos polas tardes para comer o bocadillo. Unha desas referencias, moi pouco coñecida, eran os Mekemekes, os que loitaban contra o Ultraheroe en Shin-Chan. Son uns malos, pero á vez es quen de empatizar con eles, un pouquiño como o porquiño valente tamén de Shin-Chan, que era un porco malo pero non tan malo», salienta Vieito.

«A nosa base son os estudios de Ames Radio. Estamos moi agradecidos, grazas a que existen as radios locais se poden facer contidos e experimentar o que é estar nunha radio. Ser partícipe dun medio público, que moitas veces os vemos moi distantes, penso na TVG ou na Radio Galega. Sen embargo, as radios locais fan un traballo brutal de achegar a información local á cidadanía; e que ademais nos abran o seu espazo para facer o noso programa é unha sorte», explica o condutor do programa.

«A quen representamos? Pois os Mekemekes recollemos unhas xeracións que fomos criadas diante do Xabarín Club e temos uns referentes comúns»

Ter un bo son é fundamental para un podcast, por iso aínda que o Exército Mekemeke sexa un programa feito no tempo libre consegue niveis de calidade profesionais. «O equipo técnico ten moita paciencia con nós, bótanos sempre unha man con todo e axúdanos a que sempre saia ben. O programa dura 30 minutos, pero en realidade preparalo pode levarnos unha hora e media», sinala Carlos Vieito.

«Queremos que a xente que gasta o seu tempo en vernos teña unha boa recompensa, xa que aposta por escoitarnos (ou vernos) a nós queremos que reciba algo de calidade e co que se sinta a gusto. Non queremos que haxa ruídos de fondo ou que non se nos escoite ben. Eu noteino ao ver outros contidos, non só en Galicia, porque moitas veces se soben cousas de peor calidade que poden funcionar. Pero cun pouco de coidado tes a oportunidade de presentar mellor as cousas, e non sempre sae como quererías, pero polo menos estámolo intentando», engade.

Con todo, onde máis tempo invisten é nas redes, onde intentan coidar as súas publicacións para achegar contidos de calidade. «Unha filosofía do programa desde o comezo foi manter unha liña de imaxe e darlle unha certa calidade ao programa que facemos, porque ao final moita xente chega a través das redes», di Vieito. Grávanse cos seus teléfonos móbiles e de aí sacan os clips de vídeo que despois empregan nas redes. Compaxinando os traballos que lles dan de comer co podcast quédalles moi pouco tempo para preparar o programa, e para editalo sacan horas de onde non as hai.

«Levarnos ben é fundamental, é como estar charlando entre amigos e iso dános a vida»

Os temas que abordan non deixan de ser as cousas que lles pasan nas súas vidas, ou as manifestacións culturais que lles interesan en cada momento. «Moitas veces volvemos conversar sobre o que xa falamos antes tomando un café», apunta Carlos Vieito. Hai un guión, pero non no sentido estrito, pois o guión pode ser un titular sobre o que parolan libremente. 

Repártense os roles de maneira inconsciente e Miguel «fai de esbardallador», mentres que Lidia aproveita o seu gran «espírito de improvisación» para sorprendelos a ambos. «Levarnos ben é fundamental, é como estar charlando entre amigos e iso dános a vida. Os programas que mellor saen son os que teñen máis liberdade e menos guión», asegura. O seu próximo reto é contar con público en directo nas gravacións do programa, para o que terán que saír fóra do estudio de forma excepcional. 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.