Iván Iglesias e Iván Olmos, de OU ké!, en Ourense © Ou Ké!
OU ké! é un medio de comunicación enfocado ás redes sociais que aborda a política coa linguaxe das xeracións máis novas e pretende contar a actualidade de Ourense para este público. Detrás do proxecto está o comunicador Iván Iglesias, que se xuntou co tamén comunicador Iván Olmos para despegar en pleno fervor da política ourensá
O 60% da audiencia de OU ké! ten entre 18 e 35 anos, «é a franxa de idade abandonada política e xornalisticamente», di o seu impulsor, Iván Iglesias, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universiade de Vigo e en proceso de facerse cun mestrado en Xornalismo. «Quería facer algo sobre a política ourensá, molábame traer para aquí contidos de humor político que se fan noutros sitios», explica Iglesias sobre esta idea que está na súa cabeza desde o ano 2021: «Non esperaba que as mucipais en Ourense se foran poñer así, que nos favorece, pero tamén nos estresa».
As emisións de OU ké! comezaron o pasado 24 de xaneiro, día de San Francisco de Sales, patrón dos xornalistas e escritores, co cara a cara de dous políticos ourensás que regresaron á primeira liña para as eleccións municipais: Paco Rodríguez do PSdeG e Manuel Cabezas do PP. «Chamoume Iván para que lle botara unha man co cara a cara e en canto vin o que quería facer souben que quería involucrarme. Desde o primeiro momento xa lle dixen que había un oco e que facía falta algo así», conta Iván Olmos, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela e con experiencia política propia en formacións como En Marea.
OU ké! é o nome que se lle ocorreu a Iván Iglesias para esta aventura que xa acadou repercusión na prensa estatal coas súas intervencións na rolda de prensa do actual alcalde e candidato de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, involucrado nun escándalo por supostos subornos coñecido a raíz dunhas gravacións reveladas polo xornal La Región. OU ké!, cun nome tan sonoro como morfoloxicamente incorrecto, é un medio de comunicación enfocado ás redes sociais que aborda a política coa linguaxe das xeracións máis novas e pretende contar a actualidade local para este público.
«Queriamos facer máis cara a cara pero non puidemos porque houbo un candidato que non quixo»
Aínda non teñen páxina web, pero todo chegará. Nesta campaña electoral están a darlle prioridade aos directos na súa canle de YouTube, que tamén se retransmiten á vez no Twitch, pero a súa idea inicial era facer contidos informativos para as redes. Están moi presentes no Instagram e no Twitter, pero tamén teñen TikTok e Facebook.
«Queriamos facer máis cara a cara pero non puidemos porque houbo un candidato que non quixo facelo, a partir de aí fomos improvisando e xurdiron formatos moi fáciles de consumir nas redes sociais como os KÉ Foi?, nos que explicamos en pouco tempo un tema. Despois chegou a idea dos formatos de debate e nos metemos a crear un estudio coa axuda da empresa de servizos web OpenHost», destaca Iván Iglesias.
Iván Olmos é o encargado de moderar o debate con mozos e mozas representantes das formacións políticas ourensás Zona Nova, que xa leva seis programas: «Xente moza das Novas Xeracións do PP, de Galiza Nova ou das Xuventudes Socialistas tamén quería mostrar as súas opinións e marcar perfil propio, e tiñamos ganas de fuxir dese paternalismo que tamén adoita haber nos partidos: a xente nova traballa nas campañas e logo se sae concelleiro ou concelleira encárgase de Xuventude de Deportes. Queriamos reivindicar que en Ourense tamén hai xente nova implicada que ten ganas de falar de política, e a dispoñibilidade foi extraordinaria desde o primeiro momento».
«Queriamos reivindicar que en Ourense tamén hai xente nova implicada que ten ganas de falar de política»
E o Zona Nova vai mellorando a cada programa porque van aprendendo a solventar cuestións técnicas –«Hai que ter en conta que a realización en directo é moi complexa e da facultade non saímos expertos en facer streamming», destaca Iván Iglesias– pero tamén pola boa disposición das participantes á hora de encaixar as críticas. «Eu non me corto con eles, pero teñen outra cintura que, sen embargo, políticos con moitos máis anos de experiencia non teñen porque quizá están acostumados a un trato mediático diferente», explica Olmos. No debate poden participar representantes das formacións ourensás menores de 35 anos.
O peso fundamental a nivel técnico recae en Iván Iglesias, Iván Olmos encárgase máis de labores de produción e ambos presentan ou entrevistan diante da cámara. Ademais, están a colaborar en OU ké! Víctor Barbosa, Adrián Reis e Conchi Pérez. Todo de maneira altruísta, canto menos de momento, pois a dimensión do proxecto está a medrar moi rápido pola necesidade de contar o que sucede na política municipal ourensá entre as multas por exceso de velocidade do presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e as repercusións deses audios de Jácome baixo investigación xudicial por posibles delitos.
A chegada de OU ké! non foi allea para os medios de comunicación que fan información local na cidade das Burgas, sobre todo despois de que na rolda de prensa convocada polo alcalde no salón de plenos do concello a primeira pregunta que concedeu Jácome sobre os famosos audios fora para Iván Olmos.
«Hai que comunicar as cousas para que a xente de a pé as entenda»
«Non somos un xornal, isto é un proxecto de comunicación xornalística transmedia que bebe moito das redes sociais e non ten o mesmo obxectivo nin o mesmo formato que un xornal tradicional. Pero eu non estou facendo cousas distintas a cando traballaba en La Región ou no Diario do Támega e ía a unha rolda de prensa e facía preguntas, simplemente que agora o fago desde un sitio novo», razoa Olmos, quen ademais promove unha «reflexión colectiva» dentro da profesión xornalística sobre por que cando nace un medio novo «en lugar de crear sinerxías, o que facemos é colocalo nun lugar que non é agradable».
Con todo, os dous Iváns confesan ser «un pouco frikis», á parte de que se documentan para preparar os temas que tratan, e para iso tamén se nutren do traballo dos medios de comuniciación. «Hai que comunicar as cousas para que a xente de a pé as entenda, é cuestión de atopar o equilibrio entre toda a información que tes para que se entenda. Porque se ti contas toda a parafernalia de datos, pero despois quen o está vendo non sabe o que lle contaron, é que non vale de nada», resume Iván Iglesias sobre o obxectivo de OU ké!.