A Cousa. O que está na boca da xente nova

Co patrocinio de

A Cousa é o medio que catro xornalistas de vinte e poucos anos botaban en falta para falar do que fala todo o mundo ao seu arredor e facelo en galego. É un proxecto moi centrado no audiovisual no que compartir inquedanzas, consellos e experiencias que aínda está agromando e ten moito que contar. 

 

As xornalistas Xulia Lomba, Yaiza López, Beatriz Gutiérrez e Aida Vilariño saíron da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e coincidiron facendo as prácticas na TVG e mais na Radio Galega. «Viamos como todo o mundo tiña proxectos e estaba a facer cousas novas, pero nós non. E pensamos en presentarnos á convocatoria da ′Bolsa Nacho Mirás′, pero tivemos que darlle moitas voltas. Cando vin que aumentaban o prazo de presentación un mes máis pensei ′é o momento'. Fixen unha presentación de Canva, creei un grupo de WhatsApp e dixen: ′Chicas, imos presentarnos′. E gustoulles a idea, que foi a base de A Cousa. Foi todo un pouco ás présas, pero sobre todo é que non confiabamos nada en nós mesmas», conta Xulia. 

A Cousa nace como un medio para chegar á xente nova e un espazo no que consumir –sobre todo en vídeo– todo aquilo que estas catro xornalistas non atopaban na rede en galego. «Pensamos que A Cousa era un medio que nos faltaba aquí. O que queremos é que chegue a todo o mundo, sobre todo a toda a mocidade galega. E consolidarnos, porque o noso soño sería dentro de cinco anos poder vivir disto. Vai pasar? Pois non o sabemos pero ao mellor unha porcentaxe si. Pero é moi complicado porque hai outros medios que son moi bos e teñen moito respaldo económico», explica.

A súa principal motivación é «darlle un enfoque máis xuvenil aos contidos». Son conscientes de que hai medios que si o teñen en conta, pero botan de menos un tratamento audiovisual axeitado e adaptado ás formas de consumir contidos que teñen elas. «Falamos tanto de relacións sexuais como de identidade de xénero, pasando pola saúde mental e esta crise que está tendo todo o mundo despois da pandemia no mundo laboral. Pero hai cousas tan simples como o deporte, que tamén lle interesa á mocidade. A nós gústanos moitísimo tamén a moda, estes días falamos moito da Met Gala. É unha cousa que está na boca de todo o mundo que non é made in Galicia, pero si que podes falar do tema en galego. Iso é o que falta, falar de calquera tema en galego. Non só temos que falar do de aquí, que tamén», razoa Xulia Lomba.

Unha das publicacións coa que comezaron é ′O libro das experiencias sexuais′, para a que abriron un formulario online que repartiron entre a xente da súa xeración para que coñecer historias que a xente se animou a compartir: «Hai cousas divertidísimas e outras non tanto, pero o bo é que se comparta todo. Aínda temos algunha anécdota gardada para máis adiante». E falando de compartir, as creadoras de A Cousa estiveron no Carballo Interplay. «Foi a primeira vez que traballamos case en directo. Foi esgotador pero foi incrible. Aprendemos un montón da xente alí, tanto dos convidados como do equipo do festival. Axudáronnos moito a facer a cobertura. Para min o paso polo Carballo Interplay tamén foi interesante a nivel persoal por ver como xornalistas máis maiores ca nós teñen eses problemas que nós imos atopando como mulleres, porque non todo ten que ser autoficción, temos unha voz seria para outros temas igual que os homes», engade Xulia.

Durante a entrevista que gravaron con Iris Gestoso © A Cousa

En A Cousa apostan polo audiovisual, os vídeos breves e o dinamismo. «Fixemos unha enquisa con máis de 500 persoas preguntando por isto e reafirmamos as nosas ideas, porque ao final somos chicas de vinte e poucos anos e os nosos amigos son o noso público obxectivo. Todos consumimos TikTok como se non houbese mañá, e ademais odiamos consumir TikTok pero non saímos de aí porque é aditivo; como os Reels de Instagram, que é un mundo bastante parecido. Que é o que nós queremos consumir? Vídeos curtos dun minuto. Se lle das a alguén un vídeo de seis minutos pode darlle máis preguiza, en cambio pode ver seis vídeos dun minuto»

A estética é moi importante neste medio, pero advirten que non é só para mulleres a pesar dos prexuízos que están a percibir: «Buscamos unha estética bonita e, entre que somos catro tías moi normativas, e empregamos cores rosas asociadas culturalmente ás chicas, pensan que é un formato só para mulleres. Pero nós nunca o pensamos así, é certo que de momento estamos falando máis do que nos gusta, pero tamén temos amigos aos que lles gusta a maquillaxe e a moda. Estamos comezando, agardamos que nuns meses a xente deixe de asocialo así porque haberá máis contidos. Pero o rosa e o amarelo son cores moi bonitas que chaman a atención e van quedar».

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • O Ferrado. O centro galego da mocidade é dixital

    Un proxecto colectivo. Un punto de encontro para a mocidade galega na rede. Un espazo que acolle todas as opinións e os puntos de vista. Un sitio web aberto á participación da rapazada que queira compartir e construír. A demostración de que «hai relevo xeracional». A versión contemporánea do manifesto Máis Alá! de Manuel Antonio. Todo isto é O Ferrado

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • 'Angélica y Roberta’. O regreso das nosas míticas friquis dez anos despois

    A última vez que vimos a Angélica e Roberta estaban dentro dun buraco negro e non parecían atoparse mal alí dentro. Que pasaría con elas nestes anos? As primeiras en sabelo serán as que asistan á festa do décimo aniversario da webserie de Sonia Méndez e Sandra Lesta, Angélica y Roberta, que se celebra no Carballo Interplay.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.