'Angélica y Roberta’. O regreso das nosas míticas friquis dez anos despois

A última vez que vimos a Angélica e Roberta estaban dentro dun buraco negro e non parecían atoparse mal alí dentro. Que pasaría con elas nestes anos? As primeiras en sabelo serán as que asistan á festa do décimo aniversario da webserie de Sonia Méndez e Sandra Lesta, Angélica y Roberta, que se celebra no Carballo Interplay. 


Lembrades que no último capítulo de Angélica y Roberta a primeira en introducirse nese buraco negro que encargaran por internet, Angélica, dicía que había dous camiños nese universo paralelo? Cal deles escollerían? Seguirán alí? Agora, o episodio especial da serie, ‘Crónicas desde el agujero’, vainos sacar de dúbidas (ou non). «Tiñamos a idea de facer un especial polos 10 anos, que se foi atrasando pola pandemia, que servise de encontro coa xente que nos seguía e de homenaxe a todo o equipo que fixo posible a serie», conta Sonia Méndez

Angélica y Roberta puido ser unha serie de televisión, pero daquela non conseguiron que ninguén dos que mandaba se interesase por ela. Lembremos que as plataformas de vídeo demanda como Netflix ou HBO aínda non se popularizaran e que o panorama das series aquí era moi diferente. «Era outra época, isto era unha serie de dúas tías friquis e nese momento era todo máis Sexo en Nueva York», explica Sonia. 

Sen vontade de seren pioneiras, convertéronse en referentes para a ficción que veu despois. Chegaron ao formato das webseries polas ganas que tiñan de levar a súa idea adiante. «Dixemos: pois facémolo nós. Pero non había un concepto do que eran as series para internet, nin de como se levaban as redes sociais. De feito, Instagram aínda case non funcionaba e estaba todo en Facebook. Estaba todo por facer, foi a primeira canle de YouTube que fixemos. Tiñamos referentes como Malviviendo, que despois nos coñecemos grazas ao Carballo Interplay, pero Angélica y Roberta xurdiu como un exercicio de confluencia e de ganas de facer algo polo que ninguén apostaba e polo que apostou moita xente que nos axudou a facelo», debulla.

Tampouco había series con rapazas friquis como protagonistas, «sempre eran as mozas, as amigas, as amantes... pero a historia non xiraba entorno a elas; e a Sandra e mais a min gustábannos ese tipo de personaxes e queriamos velas nesa posición. Nós xa traballáramos xuntas en moitas cousas máis de teatro, naquel momento eu estaba un pouco desencantada co audiovisual e Angélica y Roberta nos reilusionou a todos. Foi un momento moi bonito. A pesar de que non nos deu para vivir, si que nos devolveu a ilusión por aquilo do que queriamos vivir».

Sonia Méndez é consciente de que as posibilidades que hai agora no mercado audiovisual son completamente diferentes ás que había cando elas comezaron neste oficio: «Como carta de presentación cara a facer unha longametraxe faciamos curtas. Agora a xente que quere facer series para plataformas ao mellor fai primeiro un serie para internet. Que tamén o concepto mudou, porque para nós unha webserie tiña unha serie de connotacións e hoxe todo está en internet así que tampouco ten moito sentido a distinción».

Parte da rodaxe do episodio especial tivo lugar na Unitaria de Compostela © Cósmica Producións

Este xoves, 7 de abril, ás 22.30h no pub Goat de Carballo terá lugar a festa de celebración polo décimo aniversario da serie, no marco do Interplay que dirixe Sonia Méndez. Será a primeira oportunidade para ver ese capítulo especial, que fai un percorrido por imaxes do making off da serie que ninguén viu pero que xa estaban gravadas, así como material novo que estiveron rodando en espazos como a Unitaria de Compostela. «Tamén veremos o que lle pasou á xente que estaba no equipo nestes anos. Facemos un pouco de mestura de ficción e realidade documental», avanza. 

A estrea-festa será nun bar, como lle gusta ás protagonistas da serie: «Non o sabemos, pero pensamos que seguramente Angélica e Roberta estean na festa. E haberá moita xente do equipo». Pola serie pasaron Xúlio Abonjo, Xosé Barato, os Novedades Carminha (que ademais facían a canción da cabeceira), Judas Diz, Lucía Catoria, Xacio Baño, Dani Viqueira, David Méndez, Ángel Patiño, Javi Alvedro, Carlos Beiró, Nati Juncal, David Machado, Silvia Calvo, Alberto Guitián, Tamara de la Fuente, Isabel Vila, Jairo Iglesias e moitos outros.

Pero esta non será a única oportunidade para volver entrar no universo da mítica serie Angélica y Roberta, antes de pendurar o episodio do décimo aniversario na rede organizarán máis presentacións, como a que preparan na Unitaria, en Santiago. «Nós somos analóxicas e gústanos moito o presencial», apunta Sonia Méndez. 

Sandra Lesta e Sonia Méndez nun momento da rodaxe do regreso de ‘Angélica y Roberta’ © Cósmica Producións
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Xúlio Abonjo. Actor de oficio e cómico serio

    Xúlio Abonjo está namorado do seu oficio. Fala de xogar, de atreverse, de concentrarse e de traballar en equipo.«Cada vez temos menos tempo para facer as cousas, polo que temos que estar todos moi centrados e dar o mellor. Porque canto mellor esteamos todos, mellor será o resultado», afirma. 

    Cinema
  • Café Derby 21. Sonia Méndez, Luz Fandiño e hackers de punto de cruz

    A directora, actriz, produtora… ben, a 'cineasta 360' Sonia Méndez coñeceu a poeta Luz Fandiño e soubo que debía captar a súa historia, a dunha lenda de 90 anos con moitos matices. Tomou a cámara e fixo o documental 'A poeta analfabeta'. Con ela falamos do difícil que pode ser xerar confianza ou do dura que chega a ser a verdade. Pero tamén tivemos tempo para parolar sobre o Carballo Interplay, as webseries, a creación en Internet… unha morea de cousas das que sabe moito pola experiencia. A mesma experiencia que ten como autónoma e emprendedora, esa maldición que tivemos oco a criticar.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.