Xúlio Abonjo está namorado do seu oficio. Fala de xogar, de atreverse, de concentrarse e de traballar en equipo.«Cada vez temos menos tempo para facer as cousas, polo que temos que estar todos moi centrados e dar o mellor. Porque canto mellor esteamos todos, mellor será o resultado», afirma.
Que o traballo non pare para Xúlio Abonjo. Acaba de estrear Malencolía, do director compostelán Alfonso Zarauza, e estará en abril no Campamento Kamikaze do Carballo Interplay, onde tamén presentará o capítulo especial polos dez anos de Angélica y Roberta, de Sonia Méndez e Sandra Lesta. Deste festival tamén xurdiu a web serie Amnesia 3.0, dirixida por Irene Pin, na que participa.
En Malencolía comparte o protagonismo coa actriz Melania Cruz. Eles son Sira e Pepe, unha parella que regresa a Galicia despois duns anos en Berlín. A aldea na que se instalan é unha representación do interior do país e das lendas que, máis ou menos, a todas nos contaron algunha vez. Alí se atopan aos personaxes que interpretan Iolanda Muíños e Diego Anido, que se fixeron cos premios Mestre Mateo na categoría de actores de reparto.
«Malencolía ía ser unha película só para televisión, pero como Zarauza traballa tan ben conseguiu que antes fixera un percorrido por salas. A verdade é que ten moi boa factura para o tempo que tivemos para rodar, que foron máis ou menos dúas semanas. Pero hai moito traballo detrás, un equipo de xente moi concentrada para non desaproveitar ningunha oportunidade. É moi bonito, pero ás veces che gustaría ter algo máis de tempo», explica. Agora que xa a puido ver na pantalla grande recoñece que se emocionou: «Paga moito a pena, é moi bonita de ver. Eu alucinei».
Para Abonjo, as rodaxes con Zarauza e o equipo que o acompaña nas súas películas é un pouco como estar «en familia». Un ambiente moi diferente a cando vai «de mercenario», é dicir, a traballar en proxectos noutros sitios do Estado: «Aí o que máis traballo me custa é estar tranquilo e pendente do traballo que teño que facer porque non coñezo a ninguén. Eu son bastante tímido, aínda que sempre estea facendo coñas, entón teño que superar esa timidez, e con Alfonso e con toda esta troupe non teño ese problema porque ese paso xa está dado e xa saben que son completamente idiota e que vou estar facendo o carallán todo o tempo. Pero que todo o bo que podo dar como actor vouno facer tranquilo».
«Eu son bastante tímido, aínda que sempre estea facendo coñas, entón teño que superar esa timidez, e con Alfonso e con toda esta troupe non teño ese problema»
«É moi bonito traballar en familia. Hai unha cousa moi chula que sucede nos ensaios que é cando alguén che suxire algo sobre o teu traballo. A min paréceme un luxo que os compañeiros e as compañeiras non estean só pendentes do deles. E despois ter a complicidade, e a suficiente confianza, como para saber que a min non me vai parecer mal en ningún caso. O que si lle direi é que ′unha cousa é que ti mo digas e outra que eu o compre′».
Sen facer spoilers, contra o final de Malencolía hai unha secuencia de moita intensidade na que Zarauza puxo a proba aos seus actores e actrices. «Foi bonito, pero tamén complicado. Á parte despois a todos nos deu a choremia de tanto aguantar. Con Diego era moi fácil emocionarse, tamén co ambiente todo con Andrés do Barro soando. E como era tamén a final da rodaxe estabamos co corazón encollido, e rebentamos todos emocionalmente. Incluso eu, que son bastante toxo, rebentei un pouco», lembra Abonjo.
A colaboración con Alfonso Zarauza remóntase a Encallados (2013), Os Fenómenos (2014) e máis recentemente Ons(2020). Recoñécese afortunado por ir combinando o cinema co traballo para televisión, enlazando proxectos desde os seus comezos. «Somos profesionais disto, pero chámalle como queiras porque un nunca sabe canto vai durar neste negocio,todo vai a salto de mata. É certo que antes igual había máis incerteza na nosa profesión, estabamos os titiriteiros por un lado e os traballos estables polo outro. Pero agora xa chegamos a un punto no que todo o mundo é un pouco titiriteiro. Disque todos queremos ser funcionarios, pero non é por ser funcionarios se non por termos algo estable e non estar a pensar en como vas facer para pagar as facturas», sinala.
«O que eu tiña na cabeza facendo Malencolía era Scooby Doo. Mesturando o misterio coa comedia, sen que puidese ser unha comedia total»
Abonjo é un firme defensor da comedia, aínda que nas súas longametraxes máis recentes –como Qué hicimos mal?, de Liliana Torres– está a sacar o seu lado máis sombrío. «Para min o humor é algo moi serio. Cando tes que facer comedia, como actor tes moito máis desgaste. Parece que lle dedican sempre unha produción máis grande aos dramas, cando unha comedia sempre leva máis tempo e é máis dura e complicada. Ultimamente teño que tirar do meu lado máis escuro, incluso dunha xestualidade moito máis mínima. E en Malencolía, sen poder ser todo o pallaso que quero ser, si podía estar máis liberado nese sentido porque lle deixei a Melania a parte máis valente e máis arroutada. O que eu tiña na cabeza facendo Malencolía era Scooby Doo. Mesturando o misterio coa comedia, sen que puidese ser unha comedia total», debulla.
Ten morriña [como moitas espectadoras da TVG dos primeiros anos despois do cambio de século] da comedia da serie 4º sen ascensor, na que coincidiu con Xosé Barato, Cristina Castaño, César Goldi e Mónica Caamaño, entre outros.«Non había moito chiste textual, polo menos así o recordo, tirabamos máis por un rollo físico. Eu interpretaba un estudante que chegaba a Santiago e facía o que podía co meu corpiño para acentuar as bromas. Lembro este proxecto con moito cariño. Á parte, cando rematou foi cando tiven que ir a Madrid para facer Cuestión de sexo, e para cando volvín a Santiago xa me metín en personaxes serios e escuros», rememora.
Volver a 4º sen ascensor produce tamén morriña dun momento no que a TVG apostaba máis pola ficción. «O que está claro é que agora non están nin fomentando nin promocionando nada o que é o audiovisual galego en galego», lamenta Abonjo, que tamén pon o foco nas limitacións coas que se atopan moitas producións galegas: «Penso que se algún día temos tempo e temos unha produción potente, que poderemos facer? Pero o que pasa é que o pensamento xeral non é ese, é máis ben o de ′se fixeron isto en dez días, seguro que se pode facer en cinco′. E non, o que debemos intentar é conseguir máis tempo e máis recursos para poder facer as cousas con máis cariño do que xa as facemos».
«Non nos falta crer en nós, en nós xa cremos. Os que teñen que crer son os que teñen o poder de xestionar uns cartos –que tampouco son seus– e unha televisión pública que ten a obriga de crear contidos de ficción en galego»
E engade: «Non nos falta crer en nós, en nós xa cremos. Os que teñen que crer son os que teñen o poder de xestionar uns cartos –que tampouco son seus– e unha televisión pública que ten a obriga de crear contidos de ficción en galego. Mira o que estamos facendo cos recursos que temos! E non é por tirarnos flores, pero fomos quen de colocar o noso país nun sitio destacado. Apoiemos entre todos e deixemos de pensar que somos unha industria subvencionada porque todas o son. Non é certo que non se recupere nada coa cultura e co audiovisual, temos que facer que a xente entenda que non é só gasto, é investimento».