O Ferrado. O centro galego da mocidade é dixital

Co patrocinio de

© oferrado.gal

Un proxecto colectivo. Un punto de encontro para a mocidade galega na rede. Un espazo que acolle todas as opinións e os puntos de vista. Un sitio web aberto á participación da rapazada que queira compartir e construír. A demostración de que «hai relevo xeracional». A versión contemporánea do manifesto Máis Alá! de Manuel Antonio. Todo isto é O Ferrado


A primeira idea foi facer un manifesto da mocidade galega. Mais desbotárona porque non podían facer algo representativo dunha parte ampla do país, e non buscaban repetir experiencias sectarias nin vinculadas cunhas determinadas siglas políticas. «O país é heteroxéneo, o que non o saiba ver é que non o quere ver, porque hai de todo», asegura Pablo Diego Dios (Pontevedra, 1998), que explica como despois de falar con moitas galegas e galegos da súa xeración deron coa opción de crear un espazo para a creación conxunta no que poder lerse entre todos e todas: O Ferrado

«Imos crear unha plataforma web que funcione como repositorio de todo o que queiramos plasmar nun futuro manifesto», dixeron. A inspiración vén do manifesto que en 1922 asina Manuel Antonio con ilustracións de Álvaro Cebreiro, o Máis Alá!, que recolle un sentir da mocidade da época e mais unha sorte de declaración de intencións. 

Entón, quen pode escribir agora no Ferrado? «Todo o mundo porque non hai que saber de nada. É dicir, cando Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro escribían facíano sobre o país no que vivían, o país que lles ensinaran e o país no que lles gustaría vivir. Criticando o pasado pero aprendendo del, intentando levarnos cara a un futuro desde o seu presente. 

Temos diferentes exemplos da mocidade contando desde a súa subxectividade como era o país no que vivían. Desde Murguía, Vicetto, Risco, o cambio tremendo de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, a época do piñeirismo máis cultural, despois chega Xosé Manuel Beiras con O atraso económico da Galiza, e logo eu perdería a pista ata Miguel Anxo Murado, pero non hai máis. Entón, como ve a mocidade galega o país? Quen cho di? Que sente a mocidade galega sobre a súa emigración? Que figuras do pasado son as que quere reivindicar? Toda a xente menor de 30 anos que faga algo que teña que ver coa cultura, a historia, a ciencia ou a política e teña unha mínima ollada na Galiza ten que estar no Ferrado porque é como un manifesto do Máis Alá! de 2022 ou, polo menos, é o que intentamos facer», sinala Pablo.

«Como di Xurxo Souto, somos un pobo de artistas. Hai unha morea de rapaces e rapazas que fan cousas nas artes e na cultura en xeral, na política, nas ciencias... E realmente teñen conciencia de país, pero non hai nada que os artelle. Entón, había que facer o centro galego do futuro. Como un está en Gales, outro en Escocia, São Paulo ou Shanghai, temos que ter un punto para artellar a cultura galega. O Ferrado é para a xente nova, falamos entre nós de que sexa para menores de 30 anos pero tampouco ten que ser estritamente así, o importante é ter un sitio de referencia e que desde aí tamén se poida ver o noso sentir como mocidade galega hoxe», afirma.

Pablo está agora vivindo e traballando en Ámsterdam. Alí non pode tocar a gaita na casa porque faría demasiado ruído e, na procura dun espazo onde facelo, procurou na rede por un centro galego na cidade. «Atopei un número de teléfono e cando chamei colleume un home maior –despois souben que xa tiña 90 anos– sorprendido pola miña pregunta, pois ninguén o chamara preguntando polo centro galego en ducias de anos. Foi moi curioso porque me dixo: ′Ti mira o que somos e o que fomos′. 

E contoume que aínda que os Países Baixos non foron un gran foco de emigración galega, cando el chegou había seis centros da diáspora do Estado español. Dous deles eran centros españois e os outros catro eran galegos. E agora non queda absolutamente nada, e non é porque non haxa mocidade neste país. Teño amigos que son do Barco de Valdeorras, de Pontevedra ou da Coruña que viven aquí. A gran diferenza é que agora non estamos artellados e iso, baixo o meu punto de vista, é bastante perigoso. Gran parte da nosa idiosincrasia e da nosa cultura vén precisamente de que sempre nos artellamos moito, fomos un pobo aberto pero ao mesmo tempo pechado, que sempre intentou estar rodeado do noso», debulla.

Pablo Diego Dios incide en que a emigración hoxe «non por ser elixida é menos dura» para a xente nova. «Eu nunca vou ser 100% feliz se non estou no país. Así o sinto. Sentirse un estranxeiro toda a vida é bastante fastidiado, e eu levo así xa seis anos», salienta. Pois este proxecto tamén é unha maneira de manter o vínculo co país desde calquera parte do mundo.

A ilusión que desprende todo o proxecto levou a Lucía Rodríguez (Navia de Suarna, 1999) a involucrarse. Ela mantén O Argueiro dos Ancares, que comezou como un traballo final de grao de Publicidade e Relacións Públicas e se converteu nunha xanela aberta á realidade da veciñanza desta comarca. Colabora desde Barcelona, pero coa cabeza en Galicia. «É unha forma de seguir conectada con Galicia e seguir tratando de darlle visibilidade á realidade desde o meu punto de vista», argumenta para engadir que «é moi importante non esquecerse de onde somos e de onde vimos, e a onde queremos volver».

«Pareceume unha iniciativa moi bonita e moi necesaria, e sobre todo gustoume que xa era algo real cando contactaron comigo porque moitas veces dicimos que imos facer algo pero ao final non se acaba facendo nada. O Ferrado vai funcionar porque cando as cousas se fan con tanto cariño e ganas funcionan. Somos todos xente nova de diferentes partes de Galicia con opinións e visións distintas. Creo que estamos axudando a construír unha visión de Galicia máis ampla escribindo de diferentes temas e expresando os nosos pareceres», conta Lucía. 

O Ferrado naceu no mes de marzo, está dando os primeiros pasos e, aínda que non chegue a nada máis grande, consideran que paga a pena a experiencia. «Polo menos ten o valor de quedar aí para que a xente do futuro saiba as inquedanzas da mocidade dos anos vinte deste século», resume Pablo.

 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en Faro de Vigo, El País, Europa Press e Nós Diario. Vogal no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e membro da asociación Xornalistas Galegas. Agora, entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.