Guísomo Eu. Un fanzine para conectar novas creadoras máis alá do Instagram

Xa vai case medio ano desde que cinco estudantes de Santiago decidiron crear un espazo no que a mocidade puidese compartir a súa arte sen temor a ser xulgada. Poemas, ilustracións, colaxes, fotografías… En Guísomo Eu non existe unha fronteira entre o que se considera arte ou non. A primeira edición do seu fanzine rematou coas existencias esgotadas, e xa andan a preparar a segunda.

 

Dunha conversa na cociña do piso que comparten Uxía Miranda, Malena Fernández e Cata Eirea, estudantes de Xornalismo na USC, saíu a idea de crear un fanzine «que nós mesmas sentiamos que necesitabamos e queriamos ver feito realidade», conta Malena, e que agora está presente en Instagram e na súa web, onde podemos coñecer mellor a todas as persoas que colaboran nesta primeira edición: «Despois de que tivésemos esa conversa empezamos a maquinar mil nomes, escribindo cousas, como o queriamos formular...», explica. Foi nese momento cando se reuniron ás dúas outras integrantes do grupo, Xiana Fole e Sara Castro, estudantes de Xornalismo e Linguas Modernas respectivamente. Entre a súas inspiracións atopamos o Pichi Fest, festival de fanzines feminista e autoxestionado madrileño, o Vaia Vaia, unha mostra artística e encontro de fanzines e autoedicións de Lugo, ou o festival vigués de artes gráficas e sonoras No Tengo Mamá.

«Poderiamos dicir que o amor, estar triste e a identidade é o que mais se enviou. Todo moi intimista, de cada un, que creo que é algo moi típico da nosa xeración»

«Había moita xente creando sen plataforma nin base, queriamos relacionalos a todos, que tivesen algún tipo de punto en común. Os fanzines naceron nos anos 80 e 90 e son plataformas nas que a xente plasmaba ideas underground para poder difundilas de forma barata, rápida e visual. O que queremos facer é expandir a arte da xente», afirma Malena. «Non é só un festival, tamén se trata de acoller a todo o mundo que quere facer cousas, hai moita xente da nosa idade que agora está facendo arte. Queremos mostrar que todo o mundo ten as súas inquedanzas e que ten un lugar onde expresalas, facer accesible algo que non debería ser só para unha elite», comenta Uxía, que engade que «en orixe os fanzines son autopublicacións cun obxectivo reivindicativo de algo. Queremos que Guísomo Eu non sexa  só un conxunto de cousas bonitas, se nón tamén reivindicar.» O corpo da muller ou o feminismo outros dos temas a expoñer, continuando coa liña reivindicativa do fanzine. Tanto Candela Ordóñez como Marta Gonza exploraron este tema, de formas moi distintas pero deixando claro os seus valores.

© Guísomo Eu

Guísomo Eu é algo «feito por xente moza e feito aquí para demostrar que non tes que marchar a Madrid ou Barcelona para poder facer estas cousas, que podes facelas en galego, reivindicar que se pode utilizar como un idioma calquera, para falar de amor e sentimentos e non só para falar de Galicia», afirma Cata. Queren animar a calquera persoa a participar no fanzine, xa que «empezar participando en Guísomo Eu é como comezar da man de alguén:dá moito medo subir un texto moi persoal á túa conta. Se estás dentro de Guísomo Eu vas coa seguridade de que vas estar protexida. Queríamos crear esta comunidade que non xulgase desde o principio, non iamos aceptar comportamentos discriminatorios de ningún tipo, queremos facer un espazo seguro para todos e todas». Non poñen restricións de formación ou de seguidores. Sobre as entregas que reciben, todas concordan en que chega «un pouco de todo pero especialmente colaxes, quedou moi visual». O resultado é unha combinación entre texto e imaxe, xuntando aportacións individuais que se complementan aínda que non teñan que ver entre elas. Un exemplo son esta ilustración de Charo López e o poema de Sofía Hidalgo.

© Guísomo Eu

A temática era libre para esta edición, mais afirma Uxía que «poderiamos dicir que o amor, estar triste e a identidade é o que mais se enviou. Todo moi intimista, de cada un, que creo que é algo moi típico da nosa xeración» ao que Malena engade, a modo de reflexión, que «eu penso que todos os temas que se tratan son bastante universais. Ainda que mire para dentro, todo o mundo sente esas cousas, é un reflexo de moita xente». Cando se trata de  amor non falamos só de amor romántico: Miguel Rodríguez déixanos ver de forma ilustrada a súa reflexión sobre o amor propio, que aparece xunto a unha do paso do tempo da man de Miguel Romero, outro tema que tamén está moi presente. 

© Guísomo Eu

Entre as persoas que colaboran con Guísomo Eu ou o seguen nas redes, a maior parte son mulleres en idade universitaria, e aínda que moitas estuden en Santiago, os seus lugares de orixe están repartidos por toda Galicia. Hai unha gran cantidade de estudantes de Belas Artes en Pontevedra, que se animaron a poñer o seu grao de area para formar esta pequena recolección. Atopamos estudantes de primeiro curso, como Laura Domínguez Carnero, Natalia R. Juan ou Candela Eirea, xente no medio dos seus estudos, como Lili Algo, e tamén recén graduadas como Mar Tobío. Diferentes expresións artísticas como a colaxe ou a fotografía están presentes ao observarmos as súas achegas,que mesmo as combinan para apoiar unha idea como no caso da tamén estudante Ainoa Simóns.

© Guísomo Eu

Ademais das diversas persoas que colaboran, a realidade é que hai moito de cada unha das súas fundadoras neste fanzine. «Todas as imaxes que facemos, todos os textos que temos… teñen moito de nosoutras. Cada unha achega as súas cousas», opina Malena, e na mesma liña di Uxía que: «todo, non só a nivel de coñecementos, se non tamén a personalidade. É unha filla de todas. É a parte bonita». Incluso afirma Cata que crear isto animouna a ela mesma a publicar nas cinco últimas páxinas que reservaron para o seu equipo. Podemos ver a colaboración entre Cata e Malena coas súas achegas, tituladas “As Miserables”, e vólvese ver  a temática feminista, nspirada en escritoras como Virginia Woolf ou Almudena Grandes

© Guísomo Eu

Algo prioritario para as fundadoras era facer ver que detrás das contas de arte das redes sociais había persoas reais, e o pasado domingo 9 de maio iso fíxose realidade coa posta en marcha do primeiro Festival Guísomo Eu, na carballeira de San Lourenzo de Santiago de Compostela. Alí se xuntou o equipo coas persoas que colaboraron para vender as súas pezas, anunciar novidades sobre a seguinte edición e mesmo ter un momento de micro aberto. «Tiñamos moitísimo medo a que  non viñese ninguén. Queriamos saber se realmente toda esa xente que había detrás de Instagram, compartido os posts e comentando  de verdade ía vir, desprazarse, vernos, comprar cousas, coa choiva que había», comenta Malena. A pesar dos nervios o festival rematou sendo un éxito, cunha asistencia moito máis alta do que elas esperaban. «Quedamos sorprendidas de que a maior parte da xente que viña non nos coñecía», explica Xiana.

Da copia física da primeira edición xa se esgotaron as 150 existencias, algo que sorprendeu as creadoras. «Nas primeiras reunións falabamos de imprimir 50 existencias. Ao final fixemos 150 e non esperabamos que quedase xente sen ela», conta Cata. No entanto, a seguna edición do fanzine xa está en marcha e vaise titular “Veráns da Infancia”. Para facelo máis colaborativo, esta vez a súa idea é emparellar as persoas participantes para que creen unha obra en conxunto. “Na primeira edición sabiamos que o contidoía ser dunha calidade incrible. Estamos contentas de que quedase reflectido, pois conseguimos vender todos os fanzines. Saíu ben, agora a ver o segundo”, afirma Uxía.

As integrantes do equipo no festival. © Guísomo Eu
Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.