Hai un ano un grupo de alumnos da Universidade de Santiago de Compostela fundaban Carretando, un podcast sobre a política galega, baseado no xornalismo interpretativo e a divulgación politolóxica. Un programa que promete vir revolucionar o xornalismo político en galego e sobre Galicia tal e como o coñeciamos, e que na súa segunda temporada aposta pola multiplataforma engadindo sitio web e newsletter.
Detrás deste proxecto hai un equipo de mozos e mozas de entre 21 e 23 anos formado por Julio Iglesias e Yannick Juncal, que fixeron o grao de Ciencia Política e da Administración, e Carmen del Río, Román Varela, Adrián Vázquez, Pablo J. Rañales e Lorena Iglesias, todos de Xornalismo. Querían xuntar xornalismo e política para facela máis accesible para todos. O resultado desa idea é o podcast Carretando, presente en Podgalego, Spotify, YouTube e iVoox.
Botando unha ollada aos primeiros temas escollidos no podcast, xa observamos unha liña que avanza o carácter do programa. O primeiro capítulo, que chegou con grande expectación despois dunha extensa promoción en redes –titulado‘A hexemonía do PPdeG’– concretaron en 63 minutos o paso deste partido por Galicia, que non é menor. Máis non só participaban eles, contaron coa achega do politólogo e ex vicepresidente da Xunta, Xosé Luis Barreiro Rivas.
No segundo episodio –’A mocidade como suxeito político’–, o deputado máis novo do Parlamento, Daniel Castro García (BNG), relata o paternalismo existente nas institucións e xa no terceiro manteñen unha conversa a dúo cos ex alcaldes da Coruña e Santiago Xulio Ferreiro e Martiño Noriega. Protagonistas dos chamados ‘concellos do cambio’, o primeiro desde a Marea Atlántica e o segundo en Compostela Aberta. Con eles falan dos aires de esperanza que levaron ás institucións locais ao gañar as eleccións, pasando polo espírito do 15M, e sobre a derrota posterior ao remate da súa primeira lexislatura en favor do PSdeG.
Nesta segunda temporada, rematados os graos e en medio de másters e bolsas Feuga, apostan por «seguir traballando no tempo libre». Neste tempo, os xornalistas do equipo pasaron por diferentes medios de comunicación nas súas prácticas e manteñen a súa aposta por un xornalismo «atemporal» e «de escoita», en definitiva, a lume lento.«Acabamos un pouco, diría que queimados, das experiencias en medios grandes», conta Adrián Vázquez, un dos fundadores do podcast.
Adrián lembra que en decembro do 2019 estaba buscando un podcast sobre política galega e non atopaba nada. Si había certos contidos noutras plataformas, pero nada da política galega en Galicia. Por iso se decidiu a contactar con outra xente da carreira que cría que tiña intereses parecidos e, para darle unha dimensión máis especializada, falou tamén con persoas do grao de Ciencia Política.
Así naceu Carretando, un proxecto que Carmen del Río explica que non ten aspiracións como «gañar cartos» pero que busca «falar con diferentes fontes, formar axenda, entrar no mundo do xornalismo político e meter a temática politolóxica en galego, sobre política galega exclusivamente, na sociedade e na rede».
Salienta Adrián que queren tratar a política dunha forma distinta á dos medios tradicionais. Pretenden profundizar nela, entender e explicar o por que das cousas. Carmen cre que esta aposta é moi distinta a outros tipos de podcasts, como os máis pegados á actualidade. En Carretando apostan por debater sobre a política galega durante diferentes décadas, pois consideran que nas cousas que xa pasaron hai moitas claves que explican as situacións do presente. Céntranse nun xornalismo lento e de reflexión, e queren que a política galega comece a ser algo do que se pode falar de forma complexa, e non simplista.
En Carretando apostan por debater sobre a política galega durante diferentes décadas, pois consideran que nas cousas que xa pasaron hai moitas claves que explican as situacións do presente.
A maioría do seu público chega a través de Twitter, xa que teñen unha comunidade formada que escoita e parola sobre os diferentes episodios. Segundo contan os fundadores, a maior parte dos ouvintes ten entre 18 e 24 anos, pero afirman que este formato máis repousado é apto para todas as idades. Tamén pretenden saír do ecosistema universitario de Compostela e expandirse a outras audiencias.
«Detrás de cada episodio hai moito traballo», conta Adrián. «É un formato que toma moito tempo», explican, por toda a documentación previa á gravación. Ademais, Carmen sinala que «escoller un tema é moito máis difícil do que parece». Á hora de seleccionar as fontes, apostan por quen vivise de primeira man os sucesos dos que se van falar. Para documentarse consultan xornais antigos e buscan novas do momento, así como declaracións anteriores dos entrevistados.
Nos seis episodios que levan publicados este ano detivéronse «na hexemonía do Xacobeo na cultura e na economía galega», buscaron as similitudes e as veces que se atopan o fútbol e a política, e incluso se atreveron cun perfil do alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero. Para o sétimo programa desta segunda temporada explorarán a relación entre a política e a moda, e non descartan dedicar un episodio ao acontecemento máis relevante do que vai de ano neste eido: a marcha de Feijóo a Madrid. «Pode que fagamos algo sobre como queda o taboleiro da política galega coa súa marcha. A verdade é que tamén queremos incorporar máis faladoiros ao programa», apunta Adrián.
Co primeiro aniversario chega unha nova aventura que vén completar o proxecto: o sitio web de Carretando, co que queren «ampliar os vencellos entre as viaxes sonoras e analíticas realizadas a través do audio con outras pezas textuais propias ou alleas, construíndo así un tratamento complexo e multimedia». Ademais, van manter a newsletter para agrupar todos os contidos. Nela introducen curiosidades sobre a política e detalles que non caben no podcast. Ademais, fan unha recomendación dun produto cultural vencellado á política e mesmo inclúen algún artigo de opinión sobre os temas tratados.