Ciberactivismo. A mocidade mobilízase na rede polo verde, a igualdade e a lingua

Co patrocinio de

CC-BY-ND Adrián Vázquez

As recentes mobilizacións e reivindicacións de #XustizaparaSamuel volven poñer de manifesto as  novas formas de participación política da sociedade. A xente nova quere igualdade, diversidade e sustentabilidade e utiliza o espazo dixital para esixilo. 

A mocidade galega disputa o bastón de mando dos futuros imaxinarios colectivos. Ante a crise da democracia representativa, a precarización das condicións do emprego e a quebra da confianza nos medios de comunicación convencionais, emerxe unha nova xeración e un novo xeito de mobilizarse. O ciberespazo está sendo testemuña  dunha gran conversa social focalizada en catro eixos: a defensa da igualdade de xénero, a reivindicación da diversidade sexual, a defensa da lingua galega e a aposta polas políticas verdes e polas urbes comprometidas co cambio climático. 

O 15M, a Primavera Árabe ou Occupy Wall Street foron tres exemplos de como as redes sociais, o  ciberespazo e as novas narrativas son capaces de mobilizar as masas, de influír na configuración de novas reivindicacións e na execución de políticas públicas. Actualmente en Galicia existe unha comunidade de xente nova flexible nas ideas e unidas con escasas tensións ideolóxicas, reivindicando cuestións comunitarias e articulando a “Galicia que vén”. 

Os investigadores Mario Tascón e Yolanda Quintana profundan nisto no libro escrito a catro mans  Ciberactivismo. Las nuevas revoluciones de las multitudes conectadas (Ed. Catarata, 2012). Nesta obra explícase que a internet e as súas formas participativas aumentan a capacidade de influencia dos cidadáns, que  gañan cada vez máis relevancia nas institucións e nas grandes compañías. Cando menos a nivel  aparente.

Calquera con conexión pode ser ciberactivista mais «o papel dun suxeito -na internet- vén dado polo que achega a ela e polo  valor que os demais lle conceden», explican Quintana e Tascón no seu libro. 

Así, o propio estudo dos dous xornalistas incide na democratización desta influencia na opinión pública. Antes da aparición das redes, os medios de comunicación convencionais tiñan o “monopolio”  dos imaxinarios colectivos, das formas nas que percibíamos a realidade. Non obstante, a aparición dos  ciberespazos posibilita que calquera inflúa nestes imaxinarios. 

Segundo a propia obra, atopámonos transitando dun sistema de poder vertical baseado en xerarquías  económicas e políticas a un moito máis horizontal na que a influencia a define a importancia do usuario na rede e as conexións que sexa capaz de crear neste espazo. Calquera con conexión pode ser ciberactivista mais «o papel dun suxeito -na internet- vén dado polo que achega a ela e polo  valor que os demais lle conceden», explican Quintana e Tascón no libro. 

No caso galego, parte desta influencia a teñen mozos e mozas comprometidos co seu ideal de sociedade. Unha na que homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades, na que a diversidade sexual estea completamente normalizada, na que se fale en galego e na que se defendan cidades comprometidas co medio ambiente.  

Que sexa a mocidade a que aproveite estas novas ferramentas e dispute a influencia está determinado  pola súa relación coa política. A xente nova interésase máis pola política ca antes. Duplicouse, de feito, o interese por ela, en comparación coa década anterior. O informe 2020 do Instituto da Xuventude afirma que as mozas e mozos están máis comprometidos coa política, pero moi distanciados dos seus representantes nas institucións. A xuventude entende a política coma un instrumento de cambio, de mellora e de transformación social, mais non atopa satisfacción nas actuais institucións formais. Polo  tanto, esta insatisfacción provoca unha participación política informal, como pode ser o  ciberactivismo.

Ciberactivismo galeguista: normalizar o proceso de neofalantismo a través da rede 

Segundo o último estudo do Instituto Galego de Estatística (IGE), correspondente ó ano 2018, un cuarto da infancia en Galicia non sabe falar galego e case a metade só usa o castelán. Ademais, se  interpretamos os datos chegamos á conclusión de que sete de cada dez menores de 15 anos fala sempre en castelán ou máis castelán ca galego. 

Por outro lado, se atendemos ao estudo Familias hiperconectadas: el nuevo panorama de aprendices  y nativos digitales”, realizado por Qustodio, os nenos españois de entre 5 a 11 anos pasan unha media  de 711 horas e 45 minutos ao ano conectados a internet. Un dato que adquire relevancia se o  comparamos coas horas anuais que están no colexio: 792, tan só 80 horas e 15 minutos máis que conectados á rede. En canto aos adolescentes de entre 12 e 17 anos, as cifras aumentan ata as 1.058  horas e media ao ano, mentres que o tempo que están no instituto sitúase nas 1.054. 

«Cremos que o ciberactivismo ten que vir sucedido  dunha influencia nas institucións. Para logralo hai que xerar procesos e iniciativas colectivas que  transcendan do que pode facer un único usuario ou espazo na rede», afirma Borxa Castro, de Orgullo Galego.

Deste xeito, parece lóxico interpretar que se existe unha quebra na transmisión xeracional do galego  e a mocidade emprega as TIC de xeito constante para o ocio e a alfabetización, é moi útil intervir no  ciberespazo para reivindicar a lingua e favorecer o proceso de neofalantismo. 

Isto mesmo pensan os directores de Orgullo Galego, a comunidade en galego máis grande de toda a rede. Este espazo defínese como «un altofalante para a difusión de centos de iniciativas sociais, socialización de diferentes inxustizas e espazo aberto e en galego para todas e todos». Levan cinco  anos de actividade nas que teñen un máxima: apostar pola promoción da lingua galega. 

Borxa Castro, de 'Orgullo Galego' © Cedida

Borxa Castro explica que cando fundaron Orgullo Galego, alá polo 2016, non tiñan unha intención de  facer activismo coa lingua nin reivindicar o seu uso. «Fixémolo porque é a nosa lingua, simplemente», afirma. Non obstante, co paso do tempo, e que dada a situación do idioma na mocidade e nas contornas dixitais, empezaron a ser conscientes de que están realizando un labor de  normalización do uso do galego xunto a outros moitos espazos. 

«Consideramos que o galego aínda está nunha situación delicada a nivel dixital mais percibo unha  evolución do seu uso dende que comezamos hai 5 anos», comenta Borxa Castro, quen considera que o ciberactivismo é, actualmente, «un elemento moi importante na promoción e na  normalización da lingua» mais non é suficiente: «Cremos que o ciberactivismo ten que vir sucedido  dunha influencia nas institucións. Para logralo hai que xerar procesos e iniciativas colectivas que  transcendan do que pode facer un único usuario ou espazo na rede», afirma. 

«Sería importante levar creadores de contidos en galego ás escolas para que a mocidade comprenda  que as novas narrativas poden facerse en galego, que se pode chegar a moita xente coa lingua. Que a  mocidade asuma que se pode ser exitoso na internet empregando o galego», conclúe Borxa. 

Ciberfeminismo: a loita pola igualdade e a normalización dos corpos a través do dixital


Segundo o Plan Estratéxico da Xuventude de Galicia de 2021, a igualdade entre homes e mulleres é o terceiro aspecto máis importante para a mocidade galega. A nivel estatal, segundo o Informe da  Xuventude en España de 2020, acontece o mesmo: 9 de cada 10 mulleres novas e case 8 de cada 10 mozos consideran que a violencia de xénero é un dos problemas sociais máis importantes.

Para comprender o ciberactivismo feminista cómpre ler a investigadora Elena García-Oliveros na súa  tese Del levantamiento feminista al arte público y el ciberfeminismo: el Far West de las oportunidades.  Segundo interpretamos desta obra, o ciberfeminismo postularíase como unha forma de activismo militante na rede a prol da igualdade. Dende o manexo do dixital, os usuarios xeran comunidades afíns e conquistan progresivamente territorios nese novo espazo por ocupar que é Internet.  

Sobre a relación entre feminismo e rede pode falar ben a historiadora Raquel Fernández, fundadora do espazo Mulleres Galegas, unha conta de Instagram que pretende reivindicar o papel histórico das mulleres fóra das tradicionais institucións de divulgación. «Durante a carreira percibín unha infrarepresentación das mulleres nos libros. Por iso decidín comezar a investigar sobre  este suxeito, e en concreto sobre as mulleres galegas. Interesábame afondar no papel da  muller e buscar referentes dentro das nosas fronteiras», explica. 

Raquel Fernández, creadora do perfil 'Mulleres Galegas' © Cedida

Con respecto ao uso da rede para facer activismo feminista a propia Raquel Fernández considera que as TIC poden axudar a cuestionar o «relato histórico tradicional con respecto ás mulleres» e as súas consecuencias políticas. Para a historiadora «o dixital» é unha  ferramenta para «reivindicar o papel da muller na historia, para facernos con referentes  femininos propios aos que admirar e, de certa forma, cuestionar a historia ao tomar como suxeito a quen sempre estivo nas marxes da mesma». 

A xornalista Laura Veiga, creadora do espazo Pingando.gal –un perfil multicanle de educación e divulgación menstrual e normalización de múltiples aspectos relacionados co corpo feminino–, explica o seguinte  sobre a seu proxecto: «Cando estaba facendo o traballo de fin de grao da carreira de xornalismo  percibín unha falta do tratamento do ciclo menstrual nos medios de comunicación convencionais. Non  só se agocha na axenda pública senón que está tratado dun xeito absurdo e pouco científico. Por iso  decidín comezar con Pingando.gal». 

Veiga percibe un aumento da presenza do tema nas redes sociais e no debate social nos últimos  anos. Con todo, afirma que o ciberfeminismo galego «ten que seguir avanzando tendendo pontes entre os moitos espazos que reivindican na rede os dereitos da muller», aumentando a súa «presenza  nos medios independentes» co obxectivo final de «influír nas políticas públicas e na educación». 

As dúas creadoras coinciden, como outros tantos usuarios da rede en galego, en que o seu labor ciberactivista nace dunha reacción á nula presenza na axenda pública das institucións formais e dos  temas que a mocidade considera relevantes. 

«As redes sociais achegan visibilidade, é distinto se loito dende a miña casa sen proxectalo, ninguén o vería, non podería  concienciar nin influír en ninguén», comenta Adriana Romero, de Galiza en Pé.

 

A defensa da diversidade sexual na rede: #XustizaparaSamuel

No tocante a diversidade sexual e a defensa do colectivo LGTBI, existen exemplos internacionais como  o #Metoo e o recente movemento galego de #Xustizaparasamuel de como as redes poden empregarse  para esixir accións as institucións, reivindicar a diversidade e liberdade sexual e mobilizar usuarios da  internet na rúa. 

Unha moza activa na reivindicación de todo tipo de identidades e, en particular, da loita polos dereitos  do colectivo LGTBI é Adriana Romero que utiliza o seu perfil multiplataforma Galiza en pé como  ferramenta para o seu activismo: «Acho que as redes fan que chegue a máis público. Aínda que non  teña moitos seguidores, os poucos que teño poden ver o que fago e o que reivindico. As redes sociais achegan visibilidade, é distinto se loito dende a miña casa sen proxectalo, ninguén o vería, non podería  concienciar nin influír en ninguén», comenta.

 

Daniela Fernández é doutora en Historia contemporánea e activista na asociación Amizando, que traballa polo recoñecemento dos dereitos das persoas trans. Para ela o emprego da rede para defender os dereitos LGBTI é esencial debido as «dificultades» que teñen estas persoas para atoparen espazos nos que expresarse en primeira persoa. 

#XustizaparaSamuel foi un catalizador á hora de que a xente prestase atención a estes espazos de  ciberativismo que levabamos tempo sementando, fixo que se escoitase o movemento, que se comprendese que un asasinato baixo o berro de "maricón" é homofobia, e todo iso, como ten que ser, resultou en rúas cheas de galegas dicindo que a Galiza non pode ser un país inseguro para a diversidade»,  di Daniela Ferrández. 

«Fálase constantemente de nós en medios de comunicación e debates públicos, pero xeralmente iso faise  sen contar con nós. É por iso polo que as redes se configuran como un espazo no que podemos falar, no  que podemos achegar e dar a coñecer algo tan básico para comprender a diversidade como son as nosas  vivencias», explica a activista. 

Daniela Fernández, activista en Amizando. © Cedida

Tanto Daniela como Adriana coinciden en ver as redes como unha ferramenta que visibiliza os colectivos que antes non tiñan canles para expresarse e manifestar as súas necesidades. «Nese senso,  #XustizaparaSamuel foi un catalizador á hora de que a xente prestase atención a estes espazos de  ciberativismo que levabamos tempo sementando, fixo que se escoitase o movemento, que se comprendese que un asasinato baixo o berro de "maricón" é homofobia, e todo iso, como ten que ser, resultou en rúas cheas de galegas dicindo que a Galiza non pode ser un país inseguro para a diversidade»,  finaliza a propia Daniela Ferrández. 

A defensa do planeta dende o (ciber)espazo 

Dicía Castelao que «vale máis unha terra con árbores nos montes que un estado con ouro no bancos». O certo que a maioría da mocidade galega defende o mesmo con outras linguaxes e narrativas. O Informe da Xuventude de 2021 afirma que 5 de cada 10 mozas senten unha preocupación máxima  polo medio ambiente. Contextualizando, é o 47 % fronte ao 17 % dos adultos. 

Un exemplo disto é Sara Martinez. Sara é xornalista de formación e directora da Revista Píllara, unha nova publicación de xornalismo medioambiental e activismo contra a emerxencia climática en Galicia. «Píllara é unha revista independente e militante nas ideas do eco-feminismo. De feito, como liña editorial, a única condición de cara ás entrevistas e reportaxes é manternos afastadas de  ideas e/ou persoas misóxinas, racistas, homófobas ou que defendan a colonización e o patriarcado nalgunha das súas manifestacións», explica a súa directora. 

Sara Martínez, da Revista Píllara. © Cedida

Martínez, que tamén realiza activismo polo clima nas redes sociais de Greenpeace, reivindica a  relevancia nas redes na acción local e hiperlocal: «Damos a coñecer a opción de formar parte  dos nosos grupos locais ou simplemente participar nas actividades e campañas que lanzamos, creamos comunidade. As redes son moi importantes para concienciar o individuo da túa comunidade ou vila do que pode facer polo planeta». 

«As redes son moi importantes para concienciar o individuo da túa comunidade ou vila do que pode facer polo planeta», afirma Sara Martínez da Revista Píllara

Ao mesmo tempo, a propia Sara incide na importancia da consolidación do ciberactivismo como un elemento tensionador que inflúa na axenda dos medios. «Nos medios convencionais  tamén comeza a notarse un leve, levísimo, incremento nas novas de temática ambiental. É  certo que podería ser aínda máis ambicioso e que se nota moito que a maior parte dos medios non aposta aínda por unha especialización no tema. Hai que continuar avanzando»,  recoñece a  activista. 

 

Non podemos obviar a cara oculta do activismo na rede. A maioría destes persoas recoñecen  ter sufrido insultos e presións por defender as causas nas que creen a través do dixital. Isto  tamén pasa na internet. Con todo, ante esta reacción, imponse unha mocidade que continúa empurrando por unha Galicia verde, inclusiva, diversa e na que se fale en galego. Mozos, mozas e moces construíndo a “Galicia que vén” coas súas narrativas e linguaxes.

 

Adrián Vázquez

Adrián Vázquez

Xornalista e estudante interesado na relación entre os medios, a política e as persoas. As veces falo no podcast 'Carretando' e outras teño o pracer de escribir por estes lares. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.