Sete candidatas e candidatos nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio que teñen en común estar na década dos vinte contan en VINTE por que decidiron participar activamente na política e presentarse nestes comicios, tan polarizados pola política estatal que se escoitan menos as demandas das vilas.
Desde as súas diferentes ideoloxías hai preocupacións nas que coinciden. Entre elas, os dous piares das demandas da mocidade na actualidade: o emprego e a vivenda. No rural hai problemas de vivenda? Pódese axudar co emprego desde os concellos? Que políticas queren emprender nos seus municipios? Que pensan as súas amizades de que vaian nas listas? Empregan as redes sociais para facer campaña? Falamos con Anxo Núñez de Outes, Alba Sinde de Castro de Rei, Lara Meneses de Tomiño, Pilar Vázquez de Xove, Aitor Neira da Coruña, Ana Alvite de Ribeira e Marco Carballal de Montederramo.
Anxo Núñez (1999)
Outes, Noia, A Coruña
Cabeza de lista polo BNG
«É moi importante que a xuventude tome partido e se responsabilice porque se non hai unha perspectiva nova moitas veces falta información. Temos que mirar polas casuísticas que temos que cambiar para mellorar a calidade de vida das nosas xeracións e tamén do resto», salienta o candidato a alcalde en Outes polo BNG.
En canto fixo os 16 anos, Anxo Núñez anotouse en Galiza Nova, as xuventudes do BNG, nun momento no que a asemblea de Amio estaba recente. Participou da asemblea local da formación en Outes e nas anteriores eleccións municipais foi na candidatura nacionalista. Leva catro anos de concelleiro e confesa que foi un «choque de realidade», primeiro porque descubriu que «que nas corporacións municipais se aprobe unha cousa non significa que se faga» e porque hai moito traballo para lograr avances.
«Nesta lexislatura conseguimos que saíran adiante avances como ampliar o horario de servizos públicos como pode ser unha biblioteca, cuestións de infraestruturas como obras en espazos deportivos ou a mellora de beirarrúas para a seguridade viaria e o reforzo de persoal no punto de atención á infancia. Pero hai outras moitas cuestións que quedaron atrás porque se o goberno non ten interese quedan en papel mollado», detalla. Gústalle ir «porta a porta» para falar coa veciñanza, pero isto é compatible con ser moi activo nas redes sociais: «O rural modernízase e vai cos tempos. O traballo que se fai nas redes de visibilización das nosas propostas é fundamental para conseguir avanzar».
Para Anxo hai dúas cuestións fundamentais: traballo e vivenda. «É importante trasladar que o problema da vivenda existe tamén no rural. Fálase moito de que a mocidade ten que marchar para as cidades porque non ten traballo, pero moitas veces non é só unha cuestión de oportunidades económicas, é que moitas veces tampouco hai posibilidade de emanciparse. Nas cidades é difícil porque é caro e no rural ás veces é imposible. Aquí buscas unha vivenda para alugar e non existe, non hai. O único que hai son vivendas de uso turístico, que están moi ben, pero non hai ningunha opción para que alguén se poida instalar a vivir neste concello», lamenta.
Isto sumado á crise demográfica complica o labor de fixar poboación en zonas rurais como Outes. Anxo Núñez é programador informático e teletraballa dende a súa casa en Outes. Estudou en Santiago, mais sempre tivo claro que quería quedar na súa vila. Séntese arroupado pola súa contorna e cre que a veciñanza valora o traballo en positivo e con propostas que leva facendo estes anos: «Nós viñemos darlle solucións aos problemas que ten a xente. Hai que crear unha liña de axudas para que se arranxes vivendas pechadas coa condición de que se poñan a disposición de alugueiro, crear oportunidades económicas e protexer as que hai. Outes e Noia somos as confrarías que máis xestionan o marisqueo, en perigo por ese vertido da mina de San Finx. A actividade económica desta ría depende fortemente deste sector e hai que defendelo».
Alba Sinde (2001)
Castro de Rei, Terra Chá, Lugo
Cabeza de lista polo PSdeG
«Sempre tiven un pouco de inquietude polo que pasaba no meu concello e me gustan os debates políticos. Teño un tío que ía nas listas do PSdeG e xa me animara a participar máis adiante, pero nestas eleccións o cabeza de lista non quixo seguir e propuxéronmo a min. Tiña a opción de seguir queixándome ou actuar», relata Alba Sinde desde Castro de Ribeiras de Lea. Ao estudar Ciencias políticas a teoría sábea, polo que agora está aprendendo como funciona unha campaña electoral por dentro.
Alba está preparando o seu traballo final de grao sobre despoboamento e pensa en estudar un mestrado. Pero non quere quedar a vivir en Santiago despois da etapa de formación: «Dinme conta de que as cidades me gustan pero eu son unha persoa de pobo e sobre todo de Castro. Aquí tes de todo e está moi ben conectado. Desde que comecei en Santiago souben que ía rematar aquí, se non fose na política ía buscar un traballo para poder quedar».
Para ela é fundamental que a mocidade atope motivos para quedar en Castro de Rei. «Quero que a xente nova se poida identificar comigo e me conte os problemas que ve no concello. Moitas veces a xente non quere quedar porque é certo que non está todo perfecto para vivir, non hai todas as comodidades, pero queremos pór en marcha medidas para que a mocidade non marche».
Se chega á alcaldía en Castro, feudo histórico do PP, Sinde quere pór ao dispor da xente vivendas sociais e un centro de día, fomentar a cultura e a historia da vila para que se coñeza dentro e fóra. En definitiva, «poñer a Castro de Rei no mapa» para que se poidan construír novas casas e instalar industrias. Salienta que para preparar a campaña foi por todas as parroquias e falou coa veciñanza para poder incorporar ao seu programa as preocupacións e necesidades.
«Creo que a xente si que me ve como unha alternativa real, algúns me gritan ‘alcaldesa’ pola rúa. Aquí hai que ir con mentalidade de maioría absoluta, como nos exames, que tes que facelos pensando no dez, pois nisto igual e despois xa se verá. Eu quero ilusionar a xente porque é posible un cambio, que ademais sería un cambio total de ideas e formas de facer política». Non ten falado con outras forzas, pero móstrase aberta a pactos para gobernar con outras forzas de esquerda, cun programa coherente co socialista.
Lara Meneses (1996)
Tomiño, Baixo Miño, Pontevedra
Cabeza de lista polo PP
«A política corre polas miñas veas. O meu avó xa foi concelleiro en Tomiño». Lara Meneses di que xa tiña «unha posición cómoda» cun traballo estable e tivo que darlle «un par de voltas» antes de aceptar ir como candidata polo PP. «Tomiño precisa un cambio e hai unha necesidade tremenda dun PP unido e forte, con ilusión. Pouco a pouco estamos conseguindo que a xente nos vexa como alternativa ao BNG, que goberna actualmente», di.
Ela é tradutora, estudou Filoloxía francesa, ten un mestrado en Tradución de comunicación internacional con comercio internacional e traballa no sector privado. «Non entrei na política para buscar traballo, foi por vocación e por cambiar Tomiño a mellor», aclara. Ten clara a súa vontade de «servizo público» e que vén «demostrar que a xente nova si se preocupa e se implica».
Vive en Tomiño e trasládase preto de 60 quilómetros entre ida e volta para ir traballar. «Aquí as oportunidades laborais son practicamente inexistentes. Entón, todos temos que depender ou ben de ter un vehículo co que desprazarnos dun lado para outro, ou a maioría opta por marchar fóra. Unha das propostas que levamos é a creación dun parque empresarial en Tomiño. Isto non só xeraría emprego para que a xente nova puidera quedar, tamén se podería complementar coa creación de vivenda pública para que a xente nova tivera unha oportunidade real de vivir aquí porque non hai moito onde escoller», argumenta.
Lara Meneses incide na necesidade de que haxa oferta cultural e deportiva na vila, para que o seu concello sexa «referente» na contorna, e aposta por buscar vías para favorecer o consumo da veciñanza nos comercios locais. Na súa casa «sorprendéronse» cando anunciou que sería a cabeza de lista do PP pero sente o apoio da familia e das súas amizades.
Considera que as redes sociais son «unha arma de dobre fío» porque «podes chegar a moita xente pero tamén te expós a recibir comentarios ofensivos». «Como persoa moza teño a vantaxe de que sei empregar as redes, pero sei que o que publico nelas non chega a todo o mundo, sobre todo ás persoas de maior idade», explica. Di que está preparada para as críticas: «Non chorei nunca por nada político, pero hai comentarios que a algunhas persoas poden chegar a afectarlles. Son partidaria de facer política limpa sen atacar a ninguén».
Pilar Vázquez (1998)
Xove, A Mariña, Lugo
Cabeza de lista polo BNG
A Pilar Vázquez a política interésalle dende hai bastante tempo, confésase un pouco «friki» dos debates políticos, pero na súa contorna «alucinaron» con que vaia de candidata. No ano 2018 volveu a casa despois de pasar pola universidade e tivo un momento de baixón. «Vin que a situación en Xove era a de sempre. O concello ten moitos cartos –por sorte ou por desgraza– a causa de Alcoa e o uso que facía, e segue facendo, o goberno local deses cartos só ten fins electoralistas. Aí decidín implicarme en política e acabei na asemblea local do BNG», explica.
Xa participou bastante da campaña das anteriores municipais, nas que foi no número 11 da lista do BNG, e nestes comicios tivo dúbidas para ir de cabeza de lista por se ía recibir ataques por ser moi nova: «Fácil non foi, pero pensei que xa abondaba de conformismo e que se quería mudar as cousas tiña que dar exemplo e implicarme». Para Pilar, no Concello de Xove hai «unha falta de planificación total» que provoca que «non saben onde empregar os cartos públicos». Salienta que a institución conta cun remanente duns 17 millóns de euros e «se está a limitar a potencialidade» que pode ter este concello.
«Imos moi tarde. Dependemos en exclusiva de Alcoa, que ameaza con marchar, e non se teñen creado alternativas. Temos un dique norte en Morás que non se utiliza, este ano acábase a concesión que teñen de Alcoa e non houbo ningún interese por parte do goberno local –nin da comarca da Mariña– por presentar alternativas. Vexo moitas oportunidades desaproveitadas e debemos movernos, negociar e falar con quen sexa necesario. Falta vontade política para pór a xente e o futuro do pobo no centro», detalla a mariñá.
Vázquez observa un «deixamento» acumulado por distintos gobernos da comarca que provoca que as infraestruturas e as comunicacións sexan «moi malas» e que «non haxa unha alternativa real de futuro para as xeracións máis novas». Ela comezou a carreira de Dereito en Santiago, pero cambiou a Administración e finanzas en Burela, momento no que se comezou interesar máis polos problemas da Mariña. Agora traballa como administrativa en Viveiro e vive en Xove, onde lle gustaría poder continuar.
«De poder vivir nalgún sitio de Xove querería facelo en Portocelo, de onde son os meus avós. Pero ao pensalo, ves que as opcións que tes e non son moi boas. Hai un atraso en servizos. O Hospital da Mariña está desmantelándose, para moitas cousas xa tes que ir a Lugo... Eu entendo que aos amigos que están en Compostela ou Vigo lles custe volver a casa. É complicado, por desgraza», conta.
Para Pilar as redes sociais son unha ferramenta boa para trasladar as propostas políticas, pero é preciso ver as caras da xente. «Hai que facer unha campaña esgotadora de actos e presentacións, chegar a toda a veciñanza contando o que ti queres facer e estar presente na vila», apunta. Di que o Twitter non lle funciona demasiado a nivel local, están a empregar sobre todo Facebook para un rango de idades superior aos corenta e Instagram para chegar á xente nova: «Os vídeos breves están a funcionar moi ben, serven para que máis xente saiba o que propós».
Aitor Neira (2000)
A Coruña
Número 4 na lista de Por Coruña
Aitor Neira participa da política desde o ano 2020, animouse ao ver «as inxustizas que está a vivir a sociedade» e quere que a xente nova da Coruña teña referentes nos que se sinta representada. «Que poidamos facer nós as nosas políticas e non que as faga a xente maior por nós», defende. Vai de número catro na coalición Por Coruña, liderada por José Manuel Sande, que integra os partidos Podemos, Esquerda Unida e Alianza Verde. El é o responsable de xuventude de Podemos Galicia e colaborou con Isabel Faraldo na súa etapa como concelleira non adscrita no pleno da cidade.
«Tiven que pensar se ía na lista porque teño un local de hostalaría e o paso é complicado. Pero eu xa estaba vinculado a un partido, por iso non tiven tanto problema en dar o paso. Ao principio dá respecto, pero ao ver o que está a facer o goberno municipal na cidade, e que a oposición non está a facer nada, tes máis ganas de participar para intentar mudar isto», explica Aitor, para quen a vivenda é a principal preocupación.
Neira, que naceu o ano que o Dépor gañou a Liga, considera que falta «transparencia» na actual política municipal e que é preciso «escoitar os barrios». «Hai duascentas mil cousas que están a non facer e nós vimos a intentar gobernar para facelas. Eu metinme aquí para mellorar a vida da xente», afirma, convencido de que se presenta «co mellor proxecto» para a cidade.
«Cando din que a xente nova está afastada da política é mentira porque está nos movementos sociais, no movemento contra o cambio climático ou no feminismo. O que pasa é que está distante dos partidos políticos porque non falan da súa realidade e cando fan políticas para xente nova as fai xente de sesenta ou setenta anos. Entón, a mocidade non se ve representada neses partidos», agrega.
Ana Alvite (2001)
Ribeira, O Barbanza, A Coruña
Número 2 na lista do PSdeG
Ana Alvite ten 22 anos e milita nas xuventudes socialistas desde que chegou á maioría de idade. «Sempre me gustou implicarme en todo o relacionado co benestar da xente e coa mellora das cousas», asegura. Leva catro vivindo en Santiago porque estuda Enfermaría, pero está a piques de rematar. De feito, está facendo as prácticas no centro de saúde de Ribeira. «Gustaríame poder quedar a vivir en Ribeira. Se está na miña man e podo atopar un emprego aquí, teño clarísimo que quero quedar», destaca.
Desde a súa ollada, no concello «non se lle dá valor ao que as veciñas e veciños queren en necesitan». «Estanse facendo un montón de obras coas que a maioría da veciñanza non está de acordo. Falta comunicación», razoa, para debullar que a poboación se está a manifestar en grupos de Facebook da vila nos que traslada as súas necesidades e «a maior parte das veces iso non chega ao goberno municipal».
A Ana custoulle tomar a decisión de formar parte da candidatura do PSdeG porque pensaba que tiña pouco tempo dispoñible xusto agora, que está a finalizar os seus estudos, e que quizá era moi nova: «Tiña medo pola idade porque a xente que está metida na política municipal do meu pobo ronda máis os 50 e eu teño 22. Vinme nunha situación diferente á que poden estar o resto». Pero pesou máis a súa implicación, que vai máis alá da política, xa que é a vicepresidenta da comisión de festas de Aguiño. «Non é a primeira vez que estou metida nunha allada destas», apunta.
Na súa contorna a decisión de presentarse para gobernar Ribeira foi ben recibida, tanto na familia como entre as amigas e amigos: «Tiven sorte coas miñas amizades porque me apoian aínda que houbo xente que me dixo ‘eu non o faría porque me parece moita responsabilidade’. Pero eu sempre lles digo que alguén ten que dar o paso».
Estes meses previos foron de moita actividade para «facer unha lista con xente preparada». Ana Alvite cre que a campaña vai ser «decisiva» porque a socialista foi a última candidatura en darse a coñecer e «a xente ten bastante intriga». «Temos unha lista completamente renovada e creo que o factor sorpresa vai xogar ao noso favor. Imos con todo, sabemos que a política é complicada, ten situacións que non vives normalmente con 22 anos, pero eu estou aquí para gañar as eleccións», certifica a ribeirense.
Marco Carballal (1999)
Montederramo, Terra de Caldelas, Ourense
Cabeza de lista polo PP
Marco Carballal está activo en política «desde agora mesmo». «A política non era unha cousa que me apaixonara, pero fíxeno polo amor que teño por Montederramo», conta, para explicar que o actual alcalde desta vila cuns setecentos habitantes censados decidiu non seguir como candidato polo Partido Popular, e que ninguén quería sucedelo, por iso se animou el. «Na casa dicíanme que é moi duro pero agora a familia está bastante máis animada ca min», explica Marco, que chegou a Montederramo con dous anos e sempre viviu na vila, salvo os anos de formación.
«Temos que remar todos no mesmo sentido. Somos o berce da Ribeira Sacra e temos que darnos a coñecer. A xente ten que saber que existe Montederramo e que desde o neno que nace hoxe ao máis maior do pobo poidan vivir aquí», destaca Marco Carballal, que insiste en que «falta unión e respecto»: «Cando pasen as eleccións temos que sentar nunha mesa tanto alcaldía como oposición para loitar polo futuro do pobo».
Aos seus 24 anos, é técnico deportivo en ximnasios e leva catro anos traballando na residencia de maiores de Montederramo. Sinala que á xente da súa idade non lle sorprendeu que dera o paso de presentarse á alcaldía porque lle din que é unha persoa que «sempre se mollou». «Pero porque eu sexa novo non vou deixar de mirar polos maiores, traballo con eles cada día e aprendo deles moitísimo, a través deles sei o que foi o noso pobo e coñezo o que perdemos», aclara.
En Montederramo o despoboamento nótase e o avellentamento da poboación, tamén. «Agora xa non hai colexio, non había nenos abondo, hai que ir a Castro Caldelas. Cada catro anos que pasan hai menos xente, coa pandemia houbo algunha xente que volveu, pero non, segue aumentando o despoboamento», debulla Marco. Aquí os problemas de vivenda non son o principal a resolver: «Hai tanto despoboamento que si que hai opcións para alugar e non a prezos desorbitados, depende dos que mires pero a xente di que sae mellor que nas cidades. O problema aquí, quizá, vén dado polo futuro... Porque aquí a principal saída que temos é a gandería, se a unha persoa nova non lle gusta a gandería xa non ten tan fácil o seu futuro laboral aquí e iso é o que temos que intentar mirar de conseguir. Pero isto como se consegue é con xente, é un círculo vicioso».
Para Marco as redes sociais «axudan se se empregan desde un punto de vista positivo». Con todo, di que no PP de Montederramo non teñen redes sociais. «Aquí é porta a porta, todo o mundo sabe quen son. Eu emprego as redes, pero para informar e non para criticar. Se gañamos temos que darlle unha volta á comunicación do concello», di.