Hai unha carta para ti. Os mellores boletíns dixitais que podes recibir en galego

Co patrocinio de

Textos literarios a xeito de diario, axenda e recomendacións culturais, apuntamentos sobre deseño, enlaces a artigos interesantes… nada que non se leve facendo dende hai case dúas décadas nos blogs e nas redes sociais. Pero agora é de novo o correo electrónico a canle pola que viaxan contidos autorais, volvendo á forma de comunicación máis básica, sinxela, íntima e antiga, aínda que con ferramentas novas. Falamos coas autoras e autores das newsletters máis interesantes ás que nos podemos subscribir na actualidade. 


 

A cotío recibimos unha chea de boletíns, desexados ou non, de medios de comunicación, de aplicacións ou produtos que compramos online algunha vez, de novidades dos temas que máis nos interesan… plataformas coma Mailchimp facilitaron e popularizaron o envío de newsletters como un xeito de manter a fidelidade do público e facer que reciba no seu buzón de email os principais contidos de moitas webs. Porque agora case ninguén nos acordamos de ir visitar webs se non nos avisan por correo ou polas redes. 

Boletíns literarios e apostas minimalistas

Os creadores de Mailchimp puxeron a andar hai uns anos tamén Tinyletter, unha ferramenta moito máis minimalista pensada para envío de newsletters máis autorais, nas que o texto teña case todo o protagonismo. Algúns veteranos da internet galega como Ascárida ou Ifrit foron dos primeiros en usar este formato en galego aínda que non lle deron moita continuidade. Quen si segue aí desde finais de 2018, mandando unha carta quincenal, é a poeta Alba Cid no seu Gabinete de curiosidades.

© Alba Cid

Decidiu levar a ese formato a sección que mantiña na revista Tempos Novos, dándolles unha nova vida a eses textos que xa «tiñan moito que ver co que viña mostrando na conta de Instagram, @ollobasilisco, pero de modo amplificado». Ademais, «o formato ‘epistolar’ parecíame ideal para darlles unha nova vida, permitíndome certos xogos que o papel non: introducir varias imaxes a cor e gifs, enlaces a artigos, ao arquivo dixitalizado de Emily Dickinson, a lugares concretos, etc». 

O seu boletín, que reciben un cento e medio de seguidores a través de Tinyletter, contén textos publicados xa en Tempos Novos e outros inéditos. A principal diferenza que atopa con publicar en papel é «a forma de chegar: moito máis libre, periódica ou non, e persoal, cun aquel de sorpresa no medio das caixas de correo e das vidas de cadaquén». Aínda que a máis importante é «o diálogo que se establece por veces, as viaxes de ida e volta dos textos, desde o “que necesario este texto nesta mañá de domingo” ata os recordos persoais, emojis e citas en resposta, xestos».

E de que van estes textos? A escritora adoita resumilo ao máximo cun “envío plantas e azares por tinyletter”. E engade: «non me resulta doado de explicar, pero diría que ten algo que ver co descubrimento e o trenzado. Un exemplo: saltar das flores da magnolia a Mulan e á balada centenaria que está por tras da historia de Disney, pasando polas mulleres soldado como motivo literario». O que aprendeu da experiencia de un ano e medio publicando neste formato é para ela «o mesmo que aprendín tras oito anos compartindo o que máis me gustaba en Instagram: que as comunidades lectoras raras veces son comunidades de iguais, e mesmo así, encóntranse. É bonito, e non é pouco». 

© V. do Rexo

Cunha vocación similar, a autora V. do Rexo empezou a enviar recentemente as súas Ladaíñas atlánticas. Esta documentalista da Costa da Morte emigrada en Madrid mantén de vello unha ampla relación cos medios dixitais, desde a vella fotolog a logo ter un blog en Blogspot durante 8 anos e outro en Wordpress. Tamén colaborou en varias publicacións dixitais como Granite & Rainbow (da que mesmo cheguei a ser subdirectora) ou en Achtung!. «Cando considerei a creación dunha newsletter», explica, “en realidade xa levaba un tempo sendo consumidora de newsletters e o que máis me gusta é sentirme como a primeira que pode ler o boletín». 

Desde que tomou a decisión de crear unha e abrir unha conta para ela ata que enviou a primeira Ladaíña, facilmente pasou un ano: «Sabía ben o que quería facer mais precisei de tempo para estudar como enfocalo». Agora vai pola terceira entrega destas Ladaíñas Atlánticas, que define como «as cartas que escribiría ás miñas amizades desde a casa dos meus avós. Máis que unha carta para poñelas ao corrente de canto acontece na miña vida, é unha reflexión sobre un concepto ou un suceso. A casa, o paseo, a familia… son elementos básicos que todo o mundo coñece, co cal, para min é importante desenvolvelo nun texto, saber que significan, a onde levan, con que se relacionan». E sobre todo, unha ferramenta que lle axudou a reconectar coa escritura: «Para min sempre se tratou dunha excusa perfecta para escribir cun propósito», e ademais sabendo que hai alguén ao outro lado, aínda que por agora apenas teña unha decena de subscritoras. 

Nese sentido, aínda que a newsletter pareza un medio unidireccional, tamén recibe respostas de persoa que o len: «as respostas que recibín ata agora son comentarios positivos sobre os textos, e algunhas persoas aínda se animan a contar algunha experiencia que lles recordou ou comparten ligazóns sobre o tema do texto. Isto case é o mellor da experiencia porque non só é recibir unha resposta, senón que se crea un vínculo co lector e, polo menos a min, faime telo máis en conta para as seguintes ladaíñas que escribo porque tomo nota de que outros temas poderían interesarlles. A newsletter é un pouco a iniciadora dunha conversa interesante na maioría dos casos». Por agora leva catro entregas. 

 

Un boletín onde falar da túa profesión

© Oscar Otero

A xente que sabe sabe, e compartir ese coñecemento na rede é moitas veces un incentivo para aprender, investigar e ordenar conceptos. Así o formulou Óscar Otero, que o pasado mes de marzo puxo en marcha o boletín conXeito en torno ao deseño dixital, a súa profesión. Podía facer un blog pero decantouse polo boletín porque considera que actualmente é máis eficaz para chegar á xente, “«a que non dependes tanto de que os teus lectores se acorden de visitarte de vez en cando ou te engadan ao lector de RSS (que cada vez o usa menos xente)», comenta. De todos xeitos no seu caso non é incompatible o formato newsletter do blog pois «todos os envíos do boletín tamén se convirten a posts na miña web».

Aínda non leva seis meses co boletín e xa supera os 165 subscritores. O primeiro envío foi o 20 de marzo e si, foi durante os primeiros días do confinamento, aínda que xa levaba tempo coa idea. De feito nos primeiros números falaba maioritariamente sobre o coronavirus e de diferentes iniciativas que xurdiron esas semanas desde o mundo do deseño.  Desde aquela, e dun modo máis xeral «trato temas relacionados coa web, interactividade, o producto dixital, accesibilidade, tipografía, etc».  

Como bo deseñador, organiza ben a estrutura á hora de traballar: «cun pequeno texto falando sobre algún tema que me interesa e logo unha serie de ligazóns. Os primeiros números tiñan unha frecuencia semanal (saía todos os venres), pero a partires do número 13 decidín cambialo e só sacar un número cando o considere necesario e así quitarme un pouco esa presión». De aí quitou a súa principal aprendizaxe: «aprendín sobre todo a respectar (e incluso admirar) a toda esa xente que mantén un boletín semanal, porque me parece moi dificil ter sempre algo interesante que dicir».  

 

Unha axenda semanal de recomendacións culturais

© Mamá non teño un can

Nesas anda a xente de Mamá, non teño un can, un boletín que achega cada venres unha serie de recomendacións moi interesantes, sexan concertos, recitais, exposicións, proxeccións ou cousas para ver, escoitar ou ler na casa. Os seus creadores son Patricia e Miguel,  dous “millennials sobrecualificados, no paro e con ganas de carallada”, segundo pon a súa bio, engadindo que “compartimos divertimentos pra que a xente chegue a tempo po vermú.”

A historia do seu proxecto comezou hai un ano ao volver do Festival Agrocuir e así nolo explican por email: «había moito que non o pasabamos tan ben e sorprendeunos a cantidade de xente do nosa contorna que non coñecía a existencia do festival», por iso decidiron facer unha axenda cultural en galego. «A idea de facelo en formato boletín foi un pouco idea de Miguel, que quería facer algo distinto, máis directo e ¿persoal?. Definitivamente, non é igual ler un blog para "todo o mundo" que un boletín como o noso, que chega directamente ó teu buzón do correo porque ti o quixeches. Somos máis impertinentes», comentan. 

O que aprenderon nos corenta e pico boletíns que levan é, para Miguel, «que é moi complicado chegar ós eventos de vilas medianas e pequenas, que tamén é o que intentamos na medida do posible, buscar a actividade descentralizada dos grandes núcleos, pero é realmente difícil». Tamén destacan os os dous a importancia de escoller unha boa plataforma: «A nosa -Tinyletter- é moi sinxela  e fácil de usar (e de balde), pero iso repercute en que ata para agregar unha imaxe dá problemas». Patricia tamén pensa «que nos obriga a pensar todo o tempo como podemos mellorar e ofrecer algo que guste. A finalidade non é ter moitísimos subscritores nin chegar a unha gran cantidade de xente (aínda que estaría ben), senón facer algo que nos mereza a pena.». Polo de agora levan máis de 40 subscritores que reciben cada venres estas recomendacións e textos impertinentes que paga a pena seguir. 
 

 

Unha das que quedou polo camiño

Falamos tamén con Ifrit, veteranro blogueiro e activista da internet galega, que iniciou en 2018 a súa newsletter pero non durou moito. Tamén queriamos coñecer a súa opinión e experiencia: «Eu comecei ifrit or not ifrit (os nomes e os titulares non son o meu) para probar e para buscar unha maneira de compartir todas esas cousas que eu creo que son interesantes e que vou topando por internet (a temática é ben ampla  #cinema #BD #música #séries #animação #internete #desenho #cerveja #cozinha #política #jogosdemesa #livros #rol #direitoslaborais #feminismo #culturapopular #história #gente), pero unha vez máis topeime co meu peor inimigo, a continuidade. "Que ben comezar un novo proxecto! Que difícil darlle continuidade e incorporalo na rutina diaria!" Ao final isto das newsletters é como os blogues, as redes sociais... pero cun aquel de exclusividade, de volver aos tempos nos que nos escribíamos mails XD de escoller quen nos manda "spam". E se non tes resposta, se non tes unha constancia e estás só, pois o proxecto decae. De todas maneiras non descarto voltar e facer un número #4...

Despois está a "tecnoloxía"... Usar o mail para ler? Quen fai iso? Alguén se subscribía aos blogues por mail? Lía RSS por mail? Alguén ten o mail limpo e ordenado? Non hai formas mellores de facer chegar estes contidos e a máis xente? Non sería máis axeitado usar as listas de distribución de Telegram ou mesmo Whatsapp? TinyLetter? Por que MailChimp creou ese servizo para que non usemos MC que ten ben máis de opcións?»

 

Recomendacións e-pistolares

 

Pedímoslles a estes creadores que compartisen connosco cales son aquelas newsletters que os inspiran ou que recomendarían para non iniciados. Velaquí: 

Alba Cid: «No podio absoluto, teño a newsletter de Anne Helen Petersen (a autora daquel artigo tan demorado coma viral sobre os millenial como a "burnout generation"), chamada Culture Study: encántanme as súas seleccións de enlaces semanais, hai xoias verdadeiras nos seus “just trust me”, e neste intre ofrece mesmo unha versión libre e outra de pago. Para poesía, as pedras, paxaros e raíces de María Sánchez en madriguera, que aparecen e reaparecen cando comezamos a botalos en falta. Para un bo prensado de vida cotiá, lecturas e flow, as Memorias de un gato naranja de Estela Gómez.
 

V. do Rexo sinala o Gabinete de curiosidades de  como unha das súas favoritas, e coincide con ela en recomenda a madriguera de María Sánchez. Tamén está subscrita a Sábado Gigante de Noel Ceballos, o boletín sobre podcasts de Laura Passel, o maneras de estar cerca de Leticia Vila-Sanjuán, o cucu de Esnórquel e Maybe Baby de Haley Nahman
 

Mamá non teño un can: «Newsletters como tal non seguimos moitas, pero a min (Patricia) gústame moito unha que se chama "La libretilla" ( https://tinyletter.com/lalibretilla), que está moi traballada e xa me gustaría a min escribir a metade de ben que algunhas das persoas que participan nela.Tamén seguimos outros medios que consideramos que fan unha labor importante de comunicación cultural en Galiza, como son Vinte, Balea Cultural ou a Revista Morcego. E xa a nivel nacional, a revista Salvaje é un proxecto ó que merece a pena botarlle un ollo.». 

Ifrit: Eu xa levo moitos anos instalado no combo de perder tempo acumulando coñecemento innecesario de Twitter + Pocket... E inda así estou subscrito a varias newsletters destas novas, pero cústame atopar un momento para abrir o mail e poñerme a ler (a de Vinte si que a leo enteira). En galego, só a do podcast Té con gotas. A maioría en castellano: a de Noel Ceballos (Sábado Gigante), a de Santi Sánchez-Pages (Capital y Trabajo, que foi unha ferramenta de traballo mentres escribía o libro), a de La Llama Store e a de El Orden Mundial. En inglés: a de "Critical Kate" Willaert, que escribe de historia dos videoxogos (Critical Mass).
 

Por último, Oscar Otero recomendou unha chea deles: 

- Para min, un dos mellores boletíns de deseño, e do que me “inspirei” para facer conXeito foi Honos de Máximo Gavete.

- Para os amantes da tipografía, Don Serifa de Pedro Arilla é obligatorio, e tamén ten un podcast.

- A Bonilista, de David Bonilla, é toda unha referencia para calquera persoa que lle guste a actualizade tecnolóxica.

- O lugués Anxo López envía cada semana unha das súas postais dende o quinto B.

- O boletín Startup Galicia para saber as novidades do ecosistema galego de startups.

- Axel Marazzi ten un boletín impresionante e superextenso, onde fala de arte, deseño e todo tipo de cousas de actualidade.

- Colors and Fonts, para descubrir recursos e ligazóns para deseñadores.

- Iago Berro ten o boletín Lorem Lorem Ipsum Ipsum sobre deseño, ilustración, arte e cultura.

- Marina Vega e Rafa Garcés co seu boletín sobre deseño myTwoCents.

- Ou o boletín Stereochromo de Wenceslao Sanz.


 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.