Todo Malva. Sarcasmo e cultura pop en galego para a xeración Z

Co patrocinio de

© Youtube - Todo Malva

En poucos meses, con máis de 150 vídeos e case 9000 seguidores en TikTok, Malva converteuse na referente do contido galego en internet que toda unha nova xeración precisaba. 

Malva é unha estudante universitaria de 24 anos que dá clases particulares de inglés, aínda que a razón pola que a coñecerás probablemente sexa polo seu traballo nas redes sociais. Esta creadora de contido comezou en TikTok, onde xa acumula case nove mil seguidores, e agora vémola tamén por Youtube, Instagram ou Twitter. Alí comparte as súas leas cos haters, case todas co galego polo medio, as súas teimas coa cultura pop ou a súa paixón por Sobrado dos Monxes. 

A súa carreira fulgurante nas redes empezou hai pouco máis de medio ano, cando finais do novembro pasado viu un vídeo que a motivou a responderlle a unha tiktoker anglosaxona cunha lección sobre diversidade cultural, e en concreto sobre a cultura galega: «Por primeira vez saquei a miña conta do privado para responderlle. Foi o meu primeiro vídeo público e tivo 2000 likes, e daquela non fixen mais vídeos porque non me interesaba», explica. Uns meses máis tarde comezou a facer outros vídeos neste mesmo formato, o sticht, que permite responderlles a outros creadores e así establecer unha conversa audiovisual que dá pé a falar de moitos temas. A pericia de Malva está en saber aproveitar estas preguntas que lanzan creadores internacionais en inglés para contestarlles explicando cousas de Galicia, ás veces en galego e ás veces en inglés. E aí foi cando chegou o vídeo viral que superou as cen mil visitas: aquel no que explicaba nun inglés perfecto, con tanta dozura como entusiasmo, cómo funcionan en galego os pronomes de solidariedade: 

@todomal.va

##stitch with @danniegoestoamerica disclaimer: i am no linguist i just love galician a lot!! ##galiza ##language ##multilingual ##funfacts ##linguistics

♬ original sound - malva

A partir deste momento Malva seguiulle collendo o gusto a TikTok e converteuse nunha das creadoras máis prolíficas en galego (máis de 150 vídeos no que vai de ano), e unha das máis orixinais á hora de falar da nosa lingua e da nosa cultura. Tanto sinala os autores clásicos da literatura cos que tería unha pelexa física (e gañaría)...

…como é capaz de crear memes coa pregunta “que lingua falarían os personaxes de Glee/Game Of Thrones/Gilmore Girls/etc” se falasen en galego, ou rir de todos os estereotipos que rodean a nosa lingua, como nestoutro vídeo que tamén superou os cen mil visionados: 

Malva é das primeiras creadoras de contido en galego que publica tamén en inglés, tanto falando como poñendo subtítulos do que di en galego. Isto estáa levando a ter seguidores tamén fóra de Galicia, por exemplo en Gales, a onde enviou un saúdo con vontade de irmandamento probando a falar en cymraeg

Dun tempo a esta parte tamén se animou a facer unha canle de Youtube, porque quería facer vídeos máis longos, e puxo públicas as súas contas de Instagram e Twitter para promocionala. En xeral o propósito desta creadora non é máis que levar ás redes os temas dos que fala na súa vida diaria. «Falo de cultura pop e de cousas que me interesan a min. O que fago é darlles a tabarra aos meus amigos con estes temas e agora podo falar con máis xente á que lle interesan tamén». En clave de humor, dá un repaso por películas dirixidas a un público adolescente ou por cantantes pop internacionais, entre outros. «Non hai nada nos medios en galego máis grandes e mainstream pensado para a mocidade. Non hai series de adolescentes en galego, non hai programas nos que se fale de cultura pop en galego… creo que é un erro bastante grande porque a mocidade galega podería consumir contido pensado para eles feito por xente que coñece  a súa experiencia», explica. 

Cando alguén ten videos que chegan aos centos de miles de visitas, hai comentarios negativos dos que non se pode fuxir. Con respecto a aqueles nos que a critican directamente e incluso a insultan, afirma que «cando un comentario é directamente hostil faime graza; que me digan esas cousas encántame». Contesta de forma sarcástica e cómica e sen darlle maior importancia. Pero «o que me molesta son os comentarios condescendentes. Se alguen me fala con condescendencia, eu respondo con máis. Comentarios de xente que non pensa que o galego sexa un idioma». 

O comportamento dos usuarios varía moito segundo a rede na que se atope. «A plataforma na que máis cómoda me sinto é en YouTube porque a xente que interacciona conmigo é coa que máis cousas en común teño», algo que contrasta con TikTok, onde é máis probable ter unha mala reacción porque os vídeos poden chegar a calquera persoa. «É onde máis odio recibo con diferencia, que tampouco é  algo que me afecte moitísimo», afirma. «Hai xente que me comenta e que me ve como unha personaxe, como contido, e non se decata de que hai unha persoa que está lendo os comentarios que está deixando. Saltan rapidamente a conclusións que saen un pouco da nada». Aínda así, isto só é unha pequena parte da interacción que ten con outros usuarios: «a maior parte de comentarios que recibo é de xente moi guai e de persoas coas que teño algo en común»

«Non hai nada nos medios en galego máis grandes e mainstream pensado para a mocidade. Non hai series de adolescentes en galego, non hai programas nos que se fale de cultura pop en galego… creo que é un erro bastante grande porque a mocidade galega podería consumir contido pensado para eles feito por xente que coñece  a súa experiencia»

Malva destaca o labor doutros creadores de contido en galego aos que estar nas redes lle permitiu coñecer. «Non me considero influente, non creo que sexa eu a salvadora do galego nas redes, creo esto é un traballo de moitísima xente en conxunto, son eu e é pradorua, olaxonmario, CousasarisASMR, Née, Aquel-e… toda esta xente que esta creando contido en redes. Creo que estamos facendo que sexa máis aceptable falar galego». Destaca que co galego pódese falar de todo tipo de cousas e que non é necesario quedar só en temáticas serias. «Facemos un contido en redes que non é soamente divulgativo senón  que é tamén cómico e entretido. Facer contido en galego que sexa de todo tipo axuda a mellorar a lingua e a visibilizala», asegura. 

Conta que lle gustaría ter tido contido dese tipo en internet cando ela era adolescente: «Para min era fascinante ver os vídeos de Aquel-e e de Olaxonmario porque eran os dous divertidos, interesábanme, estaban na miña lingua, ben editados, ben feitos… se eu tivese isto cando era máis nova seguramente me tivese empuxado a falar galego moito antes. Son neofalante e ata os 18 anos non comecei a falar galego na maior parte do meu tempo». 

Os seus vídeos, ademais de chegar a diferentes lugares do mundo (recibe tamén moitos comentarios desde Latinoamérice), están callando entre moitas persoas de Galicia, especialmente adolescentes. Tanto é así que xa comezou a recibir mensaxes de rapaces que van ao instituto dicindo que están comezando a falar galego grazas aos seus vídeos. Mesmo chega a ser coñecida entre os amigos dos seus curmáns e sobriños, mais de momento non entre os seus alumnos, e «menos mal». Non deixa de ser unha excepción, pero Malva xa tivo algún encontro desagradable pola rúa debido a esta nova popularidade. «Eu estaba tomando algo coas miñas amigas e non me apetecía ter que lidar cun rapaz que non coñezo de nada borracho berrándome cousas no medio da rúa», conta. Que a recoñezan continúa parecéndolle «surrealista», e afirma non entender como chegou a ese punto.

«Para min era fascinante ver os vídeos de Aquel-e e de Mario porque eran os dous divertidos, interesábanme, estaban na miña lingua, ben editados, ben feitos… se eu tivese isto cando era máis nova seguramente me tivese empuxado a falar galego moito antes. Son neofalante e ata os 18 anos non comecei a falar galego na maior parte do meu tempo». 

Actualmente, Malva afirma que a súa vida é un «caos controlado». «Intento facer videos de YouTube cada dúas semanas pero se teño exames xa non podo, de TikTok cando teño algunha idea… de momento ninguén me paga. Se me pagasen e se eu dependese disto para o meu traballo aínda o tomaría todo cun pouco máis de seriedade e constancia». Afirma que lle «encantaría» poder dedicarse ás redes sociais, pero é consciente do complicado que sería, especialmente porque «o contido que vaia facer eu en redes vai ser sempre en galego, sempre. Como moito fareino en inglés nalgúns casos para facer intercambios culturais. Pero eu vídeos en castelán non os quero facer porque xa hai xente dabondo facendo iso e o meu obxectivo non é ter máis seguidores, senón facer contido en galego». 

Ademais de crealo ela mesma, tamén consome moito contido en galego. «Eu vivo nunha burbulla do galego tanto en TikTok como en Instagram como en Twitter, a propósito. A miña percepción da cantidade de xente tanto na miña propia vida como en redes é que todo o mundo fala galego, pero despois saes á rúa e daste de conta de que é moito máis complexo».

E onde atopa Malva a inspiración? Especialmente noutros creadores e creadoras de TikTok, e aquí nos recomenda aos seus favoritos. Ademais das galegas que xa mencionou, tamén segue moitos de fala inglesa, como Madeline Pendleton, Drew Afualo, Ghost Honey ou Sarah Lovett

Malva, a quen nacer no 1997 a sitúa nunha xeración intermedia entre millennials e xeración Z, estase coroando xa como unha das mellores referentes que pode ter a xente máis nova sobre a cultura galega, desde unha ollada fresca e totalmente normalizadora. Proba diso son as diferentes playlists de música que compartiu hai pouco en Spotify e que van moito máis alá de catalogar cancións polo feito de estaren en galego, demostrando que hai música na nosa lingua para case todo: “para imaxinar toda unha vida co teu crush”, “para reflexionar sobre unha relación tóxica que tiñas cun ex” ou “música de party para imaxinar os tempos post-covid”. Nós quedamos con esta: 

Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Tamén che interesa

  • Prado Rúa. A 'youtubeira' revelación deste ano

    Tanto che explica a Revolución dos Caraveis en Portugal mentres se maquilla como che fai unha review dos materiais de Educación Infantil, un vídeo con receitas veganas ou un dicionario de termos en galego sobre o cabelo crecho, un tema que cre que hai que “visibilizar”. Naceu unha ídola youtubeira que destaca pola calidade e frescura dos seus vídeos. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • TikTok en galego: unha cuestión de identidade, acento e palabras malsoantes

    Estivemos explorando o uso do galego en TikTok, e por extensión as distintas expresións da nosa identidade nesta rede. Nunha primeira ollada comprobamos como o discurso dos seus usuarios e usuarias galegas por agora non é quen de superar os tópicos e o neofolclore que se impón a nivel estatal. De feito, a maior parte deles comunican para a esfera en castelán, non hai aínda unha comunidade de contido en galego coma noutras redes sociais. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.