TikTok en galego: unha cuestión de identidade, acento e palabras malsoantes

Co patrocinio de

© @sandracastro1012 (TikTok)

Estivemos explorando o uso do galego en TikTok, e por extensión as distintas expresións da nosa identidade nesta rede. Nunha primeira ollada comprobamos como o discurso dos seus usuarios e usuarias galegas por agora non é quen de superar os tópicos e o neofolclore que se impón a nivel estatal. De feito, a maior parte deles comunican para a esfera en castelán, non hai aínda unha comunidade de contido en galego coma noutras redes sociais. 

Para isto a primeira cuestión a ter en conta é a natureza da linguaxe desta rede, que é ante todo moi visual e baseada na performance física máis que no discurso: bailes, bromas e chistes que se basean no remix de cancións e de locucións en audio con dous códigos popularmente compartidos: 1) a música que nos gusta, 2) o idioma que falamos. Cando reutilizamos un audio para publicar o noso vídeo en TikTok estamos a manifestar a nosa pertenza ao colectivo que comparte ese código. E o código que domina por aquí nesta rede é o castelán, en todas as súas variantes dialectais, desde a caribeña ata a galega. 

Trátase entón dunha plataforma de expresión basicamente oral á que, nos seus primeiros anos de vida, pásalle como acontecía con Youtube ao principio: a penas se vía xente que se expresase diante dunha cámara en galego. Iso podía ser ben por unha cuestión xeracional (que poderiamos desbotar vendo a masiva presenza do galego en Twitter por parte de xente nova), ou ben porque a nosa segue sendo unha lingua aínda demasiado pegada á expresión escrita. Moitas persoas non teñen problema en escribila mais cústalles falala diante dunha cámara. Aí pode haber un problema de competencia (para neofalantes), de vergoña (para paleofalantes que aínda teman certo estigma social) ou de pura timidez, na maioría dos casos. 

Os estudos sobre o uso da lingua entre xente nova móstrannos unha serie de valoracións e prexuízos que podemos ver ilustrados no aínda incipiente TikTok en galego.

Mais o tema xeracional si que está aí, xa sexa porque a relación coa imaxe que teñen as persoas nacidas neste século é moito máis avanzada cá que teñen quen naceron no anterior, ou ben pola cuestión sociolingüística: nese grupo de idade máis do 60% de persoas din falar sempre en castelán ou máis castelán que galego, segundo os últimos datos do IGE

Os estudos sobre o uso da lingua entre xente nova móstrannos unha serie de valoracións e prexuízos que podemos ver ilustrados no aínda incipiente TikTok en galego. Tal e como se aprezaba no informe do Consello da Cultura Galega sobre Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia, debullada o pasado ano por Praza Pública, «"a vía máis eficaz" para incrementar o uso da lingua galega entre a mocidade é a creación dun espazo de “solidariedade co galego”, movidos pola "afectividade e a emotividade” e por riba das vías máis institucionais coma o ensino e os medios de comunicación». No tocante aos prexuízos, aínda se mantén entre propia xente nova monolingüe en galego e do rural "unha auto-representación que identifica o galego como unha lingua de persoas brutas".

Moitas destas veces o galego de TikTok incorpora palabras ou expresións malsoantes, coma se a nosa lingua estivese sempre vinculada a un rexistro vulgar. 

Un paseo polo TikTok galego verifica estas cuestións. Por un lado, un apego grande á identidade galega e unha defensa desta fronte aos prexuízos que veñen de fóra: “tienes vacas?, comes percebes a diario?”. 

Por outro, unha identificación propia con outros tópicos que si se consideran parte da identidade galega como as orquestras, o monte ou os toxos. Tamén o caldiño ou a palabra "méxome". 

Hai tiktokers populares que aínda que fagan a maioría do seu contido en castelán, publican con certa frecuencia en galego ou preocúpanse de crear memes na nosa lingua. Moitas destas veces o seu galego incorpora palabras ou expresións malsoantes, coma se a nosa lingua estivese sempre vinculada a un rexistro vulgar. 

É ilustrativo este vídeo no que @cudepablo adapta un famoso meme de TikTok que mestura a Belén Esteban cunha canción de Rosalía, e na tradución mételle expresións groseiras como “que cona tes” ou “métoche unha hostia”, supoñemos que coa finalidade de que soe máis galego. No meme orixinal non hai palabras malsoantes. Houbo máis dun cento de persoas que o seguiron.

@cudepablo

O págame galeguizado//veña animos a utilizar este son ##galiciacalidade ##tiktokgalicia ##galicia ##galizamola

♬ Pa gas me - cudepablo

O mesmo tiktoker puxo de moda unha canción destas que se bailan no TikTok e que remata coa palabra “cona”. Case un milleiro de usuarios reproduciron este meme-baile, moitos deles engadindo o texto “like si eres gallego/a”.  A canción é divertida e serviu tamén para que os galegos presentes nesta plataforma se recoñecesen. 

Coa mesma finalidade creáronse hashtags como #tiktokengalego ou #galegosdominandotiktok. E tamén audio-memes coma esta “mensaxe para Charlie” en boca dunha locutora artificial de voz en galego, que ten case un cento de versións

Temos que dicir que os galegos e galegas aínda están moi lonxe de gobernar TikTok, mais si que vemos algunha xente defendendo a lingua e a identidade galega nesta rede. Case sempre explicada aos de fóra. Hai unha especie de sentimento de autodefensa dentro da comunidade hispanofalante, que empeza por denunciar a discriminación ou ridiculización do noso acento cando falamos en castelán.  

Ou, de novo, @cudepablo popularizando un meme en galego que acaban usando centos de persoas (e por certo, volvendo meter un “carallo” polo medio). Se nos fixamos vemos como as usuarias o empregan para “cuando te dicen que tienes mucho acento gallego” ou “cando me din que non fale galego porque soa raro”. O do acento segue sendo unha das máis grandes preocupacións, alén dun signo de identidade que nos hashtags moitos identifican como #galego.

@cudepablo

Veña que todxs xs galegxs utilicen este son , faríame moita ilu que o utilicedes ##galicia ##galiciacalidade ##tiktokgalicia ##galiciatiktok

♬ Pois pechas as Orellas - cudepablo

Esta actitude de autodefensa tamén avanza a posicións máis críticas de defensa do idioma. É moi interesante o esforzo argumentativo que fai Ana Picallo (@anapics_), explicando cuestións como por qué pedirlle o CELGA a quen veña traballar a un posto público en Galicia.

Ana Picallo é estudante de medicina e é das que usa TikTok dun xeito máis discursivo, falándolle á cámara para explicar cousas e contestar os comentarios dos seus seguidores. Fala de sanidade pública, de feminismo, de dereitos LGTBI, e tamén fai análises post-electorais coma este, dirixidos de novo á xente de fóra de Galicia. 

E tamén contesta en galego outros comentarios críticos, precisamente sobre a lingua, dirixidos a quen anda sempre a corrixir os demais. De paso conta a súa experiencia como neofalante. 

Outro usuario, Jorge Longueira, tamén adopta este formato discursivo para animar a xente que tanto presume de galega en TikTok a que o use realmente. 

Despedimos este repaso cunha usuaria que fai todo o seu contido en galego, que consiste en botar contos que, pola súa voz e maneira de contalos, son moi susceptibles de se converter en audio-memes de TikTok. É Leti da Taberna, que tampouco aforra tópicos pero vese que ten talento para isto. Este tivo máis de 70 remixes

E rematamos volvendo ao inefábel Cudepablo, que o pasado 25 de xullo fixo un dos seus vídeos máis auténticos, subido no monopatín en Moaña e buscando cousas estrañas como a casa de Feijoo ou uns bambús. Con isto agardamos que veñan máis voces, máis diversas, raras, novas e variadas a esta rede social. Seguiremos observando. 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén na rede

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.