Ou que teñen en común series míticas da TVG como Shin Chan, Pratos Combinados ou A Nanny con Miguel Anxo Bastos ou Néstor Rego.
O que veñen tendo en común estes cinco elementos é que todos protagonizan contas de Twitter que seguen o meme Out of Context. Explicámolo: son perfís que entresacan e comparten fragmentos descontextualizados de series de televisión (os máis frecuentes), cómis ou, ultimamente, personaxes populares da política ou da comunicación. A condición principal é que haxa abundante material na rede do que se poidan extraer eses fragmentos. Despois, que o obxecto da conta sexa especialmente icónico, a fin de contas, é a cultura fan compartida a que xerará os favs e a atención do público. Unido á pericia á hora de entresacar e cortar os fragmentos, este carácter icónico fará que as imaxes funcionen por si soas, fóra do seu contexto orixinal.
Poderiamos dicir que extraer imaxes ou fragmentos da cultura pop do seu contexto orixinal é a esencia da internet da última década, que arrincou en redes sociais de contido visual como Reddit ou Tumblr, e que foi chegando a outras máis populares, especialmente Twitter. A creación das contas Out of context é o cumio desta cultura do meme dos anos dez, un xeito de empaquetalas editorialmente e de estirar o chiste todo o que se poida.
Na rede galega no último ano creáronse contas baseadas, primeiro, en tres das series máis populares entre a xeración millennnial. Primeiro, a mítica Pratos combinados, que esta xeración medrou vendo cos seus avós na TVG cando eran bastante pequenos e conectaban co humor infantil e absurdo do gran Miro Pereira. A conta “Out of context Pratos Combinados” é a primeira deste estilo que se popularizou na nosa lingua, extraendo vídeos de momentos tas parvos como inesquecibles...
...pero tamén imaxes convertidas en meme de Twitter.
Outra serie que no seu momento non tiña moito prestixio pero que co tempo se converteu nunha serie de culto desta xeración foi A Nanny, unha sitcom americana protagonizada por Fran Fine, a rapaza de Queens que ten que coidar tres nenos de clase alta fillos dun viúvo en Nova York. Dende hai unha semanas a conta A Nanny Out of Context recorta os mellores momentos da versión da serie dobrada ao galego que emitiu a TVG. A fandom toda rendeuse de novo aos pés da Nanny e celebra con nostalxia o tempo en que na televisión pública se emitían series estupendas inglesas ou americanas dobradas á nosa lingua.
Quen será a persoa que ten dixitalizados e arquivados todos os capítulos d'A Nanny en galego para poder remexer e buscar eses cortes de vídeo? É todo un misterio, se ben existen redes privadas de intercambio de arquivos de contido audiovisual en galego que levan ano moi vivas e coleccionando moitas series, programas e mesmo filmes con dobrades moi celebradas.
Nos últimos días apareceu outra conta máis, dedicada a unha das iconas do Xabarín Club nos anos 2000, o pequeno Shinosuke Nohara, máis coñecido como Shin Chan. Con toda a súa escatoloxía incluída.
Ademais dos personaxes de ficción, hai personaxes reais que merecen o seu Out Of Context. Desde que se soubo que Pablo Iglesias podería ser vicepresidente do Goberno español, unha conta dedicouse a recoller os seus momentos máis senlleiros logo de máis dunha década aparecendo en distintos formatos televisivos. Tamén lle pasou a outros persoeiros como Federico Jiméntez Losantos ou Hugo Chávez.
Na rede galega hai personaxes que xa daban de si mesmo con citas de texto, como Miguel Anxo Bastos, coñecido profesor de Políticas e de Comunicación na USC e célebre polo seu discurso liberal galeguista e o seu peculiar humor e maneira de falar. Agora grazas a Miguel Anxo Bastos Out of Context podemos gozar da oratoria de Bastos en formato audiovisual.
Un dos últimos en incorporarse a este formato é un político que tamén acaba de aumentar notablemente a súa presenza mediática, como único deputado do BNG no Congreso: Néstor Rego. A conta “Nestor Rego Out of Context” recolle moitas fotos e vídeos del publicadas de maneira aleatoria que, a verdade, non teñen particiular interese ou graza pero si se nota a intención de facer del unha icona e achegalo ao público de Twitter. Aquí unha das imaxes que se fixo máis popular.