A mellor creación galega na rede en dous meses de confinamento

Co patrocinio de

Xa pasaron dous longos meses desde que o coronavirus mudou as nosas vidas para sempre e nos meteu na casa, obrigándonos a que o traballo, a educación e o entretemento e a vida social estivesen mediados, máis aínda, por unha pantalla. Da febre inicial por compartir contido en internet pasamos a unha etapa de máis acougo na que as iniciativas de creación na rede se foron refinando e mostrando máis elaboradas, tamén máis profesionais. Esta é unha selección das que nos pareceron máis interesantes. 

 

Cibrán Tenreiro, colaborador desta casa, batería de Ataque Escampe e tamén vocalista de Esposa e Zara, sacou en abril un feixe de cancións que gravou nun piso da Corredoira das Fraguas, en Santiago de Compostela “co que había a man”. Edita Caracol Negro, un “pequeno colectivo de culturiña punk” de Vigo. Tempo libre, que así se titula o EP, conta con colaboracións de María Villamarín, Sara Iglesias, Xiana Arias ou Berio Molina.

 

Aos poucos días de comezar o Estado de Alarma os Oh! Ayatollah regaláronnos esta versión feita na casa, nunca mellor dito, de “todos.xuntos.unidos.sempre, o temazo que estrearon en VINTE o pasado mes de decembro e que xa se converteu nun himno xeracional, sen pretendelo, e pretendéndoo aínda menos, nun canto á distopía que estamos a vivir. Desde entón a banda de Nuno, Xoel, Anaís, Andrés e Simón deixounos xa un novo single, “Nós contra o mundo”, e nas últimas semanas veñen publicando no Spotify unha lista de reprodución feita por cada un deles, tamén “contra o mundo”. 

 

Outro momento de creación caseira, inédita e moi orixinal foi este “Paxarín pin pin” que Xiana Arias e Berio Molina fixeron para o festival online escapARTE que organizou o xornal dixital Viva Lugo. Flípanos a letra, a música e a interpretación. 

 

Unha escritora da que coñeciamos a súa faceta de debuxante (lembrade a súa deliciosa crónica do concerto de Amaia na Coruña) pero non a de intérprete musical é Berta Davila, quen nos sorprendeu hai un par de semanas con esta versión en galego de “A Simple Twist of Fate” de Bob Dylan, traducida como “Un xiro de guión”. Estupendamente cantada e tocada no ukelele. 

 

Aquí temos outra intérprete que descubrimos en VINTE hai algo máis dun ano como a máis nova da música galega. Título que Xoana merece por novidade e por xuventude. Esta porriñesa de 20 anos editou en 2019 o seu primeiro LP, Dardos, e no 2020, como marcan os temos do coronavirus, ideou e gravou este videoclip na casa cun tema novo: “Un salvavidas”

 

Nacen cancións na pandemia e a xente organízanse para compoñer, interpretar, gravar, editar e publicar na rede, cadaquén desde a súa casa. Como fixeron este feixe de artistas novos de Pontevedra (Soulmacklein, Malecho, Checho Malkeda, Dani (singer stitch), Mariña Paz, Laura G. Villar, V. Mosquera, Lope, Rodrigo Valiente, Jose Barros, Tea é un paxaro, Sara López e Xaquín Moreda de Mavaralla) cun tema orixinal de aires trap, “Mañá”, que soña co momento de sermos máiis ou menos libres. Unha composición de Thomas Argibay Walker e Mariña Paz con dirección artística de Gonzalo Maceira e Artecalavera, producida por iniciativa do Concello de Pontevedra

 

Comezamos a sección infantil tamén cunha canción porque nos prestou moito esta que compartiu Germán Díaz nas súas redes, cunha letra de Paula Carballeira sobre os sete ananiños, que acompaña cunha caixa de música que parece máxica. 

 

Agora imos con este conto titulado “Po e Xía” que interpretan as nosas queridas Lucía Aldao e María Lado neste vídeo feito para a serie “Club das Lerchiñas” da Cidade da Cultura. 

 

Caramomia é un conto interactivo a oito mans feito para Instagram por un dream team da literatura infantil e xuvenil: Ledicia Costas, Miguel López El Hematocrítico, Daniel Landesa e María Lado. O conto narra as aventuras de Roque, Mabel, Brando, Mafalda e o seu can Chomsky. Un proxecto promovido pola Deputación de Pontevedra que arrincou esta semana. Cando menos promete ter entretida a audiencia, que poderá participar elixindo o rumbo da trama en diferentes momentos. 

 

Hai moitos xeitos de contar o que pasa, e a fotografía é indispensable para retratar desde todos os ángulos posibles as imaxes da crise sanitaria e as súas consecuencias. Media ducia de fotógrafos profesionais galegos uníronse en Imaxe Covid para visibilizar o seu traballo e compartir algunhas das súas mellores fotos. Este retrato fíxollo Mónica Vila a unha rapaza de 24 anos en Vilagarcía. 

 

Outros artistas visuais como David Fidalgo Omil están a nutrirse dos memes que xorden da crise para replicalos ao seu xeito e vendelos en forma de cadros. No seu Instagram temos unha boa mostra, e na súa web o catálogo de obras dispoñibles, por se queremos colgar na parede un recordo, entre macabro e humorístico, de cando empezou esta pandemia mundial. 

 

Seguimos co humor. O actor Federico Pérez Rey creou nestas semanas un personaxe, Chani, que comenta películas á súa particular maneira nas redes sociais. Fede é outro dos que non para de argallar, tanto co dúo musical que ten con Marcos Pereiro, Os tristes, como tamén participando no capítulo especial de Era Visto que o equipo da serie preparou co Escornavirus como protagonista e que difundiu na rede para apoiar os bancos de alimentos de Galicia.

Máis ficción: o actor Pedro Brandariz e o realizador Javi SeGa crearon unha microserie para internet, co título Mataría. E a quen matarían os protagonistas? Pois nestes tempos hai moitos candidatos: os runners, os grupos de whatsapp, a xente que fai directos… Cada domingo temos un capítulo novo en Youtube. 

 

Uns que botabamos en falta ultimamente eran os Páramo Pictures e as súas xeniais versións de temas pop levados ao rural. Nesta corentena reapareceron cunha versión de “Bohemian Rapsody” onde Ramón do Fertimón loce a súa faceta multivocal e multiinstrumentista tocando a galleta e a táboa de pasar o ferro.  A última é “Oles moito a xel”, adaptando famosa canción das t.A.T.u. All The Things She Said” a base de xabón, lixivia e desinfectante. Grazas por estes dous novos éxito virais, nunca peor dito. 

Pero hai quen xa di que Youtube é para os vellos: onde está a rapazada é en Twitch, a plataforma de vídeo en directo que se adoita usar para ver partidas de videoxogos, pero que tamén se usa cada vez máis para outros propósitos. Por exemplo, é a canle onde se emitiu Hai corentena, un programa diario que se emitiu durante 50 días de corentena, como deriva dixital do late night que presentou Adrián Díaz na TVG. 

E si, moitos quedastes fartos de tanto directo en Instagram de artistas, influencers e xente random. Pero temos que salvar un deles:  Ortinder, o consultorio sentimental semanal de Ortiga, que nos dá a vida os martes ás 17h. 

Cando todo empezaba

  • ESPECIAL #VINTENAREDE. Como o vídeo en internet nos axuda a levar o confinamento

    Estamos nun momento de crise inédito que nos obriga a ficar na casa e a que case toda a nosa vida social e comunitaria se desenvolva nas redes. A explosión de contido que estamos a ver estes días xorde da ansia da xente por non sentirse soa, por conversar cos demais ou por axudar e compartir maneiras de sobrelevalo. E logo está a parte catártica e performativa, sexa polas xanelas da casa ou polas xanelas virtuais. Velaquí un repaso polos contidos e iniciativas máis interesantes que estamos a ver estes días. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.