ESPECIAL #VINTENAREDE. Como o vídeo en internet nos axuda a levar o confinamento

Co patrocinio de

© VINTE

Estamos nun momento de crise inédito que nos obriga a ficar na casa e a que case toda a nosa vida social e comunitaria se desenvolva nas redes. A explosión de contido que estamos a ver estes días xorde da ansia da xente por non sentirse soa, por conversar cos demais ou por axudar e compartir maneiras de sobrelevalo. E logo está a parte catártica e performativa, sexa polas xanelas da casa ou polas xanelas virtuais. Velaquí un repaso polos contidos e iniciativas máis interesantes que estamos a ver estes días. 

 

A performance individual

Hai quen ten arte e chispa e perfil en redes sociais, e ademais agora tempo libre e un tema sobre o que compoñer unha letra. Na internet galega xa xurdiron algúns ghits como a Muiñeira do Coronavirus de Sabela Galván, que leva uns 50 mil visionados en Facebook deste vídeo onde ela se desdobra para tocar o acordeón, a pandeireta, levar a voz solista e mais os coros. 

Ou esta versión dunha das cancións máis populares do momento, Tusa (de Karol G e Nicki Minaj), compartida en Instagram por Xeila Juanes, de Lugo, con referencias locais ao Polusa ou o San Froilán. 

 

O músico e cómico Víctor Grande tamén lle dedicou unha canción ao coronavirus neste vídeo no que tamén nos ofrece unha peza dedicada a Songoku. A actuación forma parte da iniciativa Da miña casa á túa, que un grupo de creadores e creadoras puxo en marcha estes días en Facebook para ir programando contidos para animar estes días na casa. 

 

…ou a performance a dúo. 

Os cómicos X.A. Touriñán e David Perdomo están a facer estes días ás 23 un directo en Instagram no que improvisan con distintos personaxes e interactúan cos seus seguidores. O primeiro chegou a ter máis de 4.000 espectadores en directo, o que equivale a encher varios auditorios. Parece que seguirán esta semana, e quen sabe se non explorarán por esta canle novas vías e rexistros para a comedia. 

 

A catarse dos balcóns

As xanelas e os balcóns das casas son a vía de escape non só para respirar ou pórse algo ao sol senón tamén para compartir coa veciñanza estes momentos de angustia. Ademais de combinar para cazoladas e aplausos a certas horas, hai quen sae a compartir a súa arte musical dando concertos improvisados, como dúas das Tanxugueiras no seu piso de Teo. 

 

Johnny Güimil é un veciño de Barro que leva desde o domingo ofrecendo sesión vermú e verbena desde o seu balcón, e a xulgar polos vídeos compartidos estes días nas redes parece que o logrou e ten os veciños encantados. A maioría deles súmanse á festa, fanlle peticións e ata puxeron luces de verbena na fiestra. O repertorio vai desde reggaetón a Pimpinela pasando por cancións para os máis pequenos. 

Aquí un vídeo de Johnny coa guitarra e o micrófono no balcón. 

E aquí outro cos veciños bailando todos “Galicia” de Pimpinela. 

 

Algo máis relaxado é o plan de Benito Buide para amenizar a veciñanza, neste caso da rúa Azalea de Lugo, tocando o seu violín cada día ás 12 da mañá polo balcón e tamén en directo por Facebook. Súmase deste xeito á iniciativa impulsada pola COAEM, Confederación de Asociacións de Educación Musical, que está a compartir concertos similares por todo o Estado. 

 

A falta de balcón ben vale unha galería, aínda que sexa para ter luz e un momento de introspección como a da cantante e harpista Clara Pino, que nos agasalla este vídeo dela interpretando o “Bella Ciao”. 

 

E son moitas as músicas e músicos que se están sumando a facer pequenos concertos desde a súa casa a través da iniciativa “especial corentena” do Ciclo Músicas no sofá que se adoita celebrar durante dous días de agosto nas rúas do Carballiño. Teñen feita toda unha programación de concertos para estes días. No día de onte deron o seus recitais músicos como Abe Rábade ou Margarida Mariño

 

Os videotitoriais

A arte non só serve para erguer o espíritu ou acougar a alma. Tamén se pode aprender online e, no caso da danza, tamén axuda a manter a forma física mentres estamos na casa. Son varios os mestres de baile tradicional que e animaron a dar unhas clases en vídeo especiais para a corentena e subilas a Facebook como Artur Pastoriza Puga, ou a Youtube, como Antonio Prado. O lugués Xabier Iglesias, á fronte da academia de baile tradicional OxeitO, que nestes días ten que dar as aulas de maneira virtual e tamén ten a xenerosidade de dar leccións en aberto para principiantes. Como por exemplo este “ana quere pan” que vale como iniciación á muiñeira.

 

Outros centros de ensino como as academias de idiomas tamén teñen que pechar estes días. No caso de Christian Saunders, un profesor australiano que vive en Chantada, ensinar inglés na rede non é novidade, xa que hai tempo que leva a cabo un proxecto para dar leccións online de maneira gratuíta chamado Canguro English. Este luns comezou unha programación especial dando clases en directo por Youtube e Instagram. 

 

Aínda que unha das consecuencias desta crise que máis está afectando á vida das familias é a parada das clases presenciais no ensino regular. Un feixe de docentes de todo o país púxose en marcha para crear Aulas galegas, un portal web educativo co que queren axudarlle ao alumnado, ás familias e ao resto do profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego para todos os niveis escolares. En Praza entrevistan a unha das impulsoras, Pilar Ponte, e aquí está o seu vídeo de presentación: 

 

Corentena literaria

Cando o escritor Diego Giráldez se confinou na casa propuxo no seu Facebook unha #corentenaliteraria na que compartir, primeiro, os comezos dos nosos libros favoritos, para máis tarde convencer a diferentes autoras e autores galegos a ler en alto algún fragmento dunha obra súa e mandalo en vídeo. El foi o primeido en animarse lendo esta pasaxe da súa novela Hotel para coleccionistas discretos (Galaxia).

 

Seguírono xa varios autores como Xurxo Chapela, Arantza Portabales, Emma Pedreira, Lois Alcayde Dans ou Iria Pedreira, que nos achega unha lectura do seu libro Ferreñas e rocanrol coa música de Guadi Galego de fondo. O libro está publicado por Baía Edicións, que tamén activou unha serie de vídeos relacionados co seu catálogo para estes días de corentena literaria. 

 

Cinema e teatro en aberto

O que estamos a ver tamén é unha chea de iniciativas para compartir contidos que xa teñen un tempo pero ou ben non estaban publicados na rede ou levan tempo aí pero pouca xente se lembra deles. A web Novo Cinema Galego liberou varios filmes representativos dos últimos dez anos de cinema en Galicia, con traballos de autores como Óliver Laxe, Lois Patiño, Xisela Franco, Xacio Baño, Sonia Méndez, Jaione Camborda ou Alberte Pagán. Outros cineastas están a compartir os seus traballos pola súa conta nas redes. É o caso de Álvaro Gago, que está a compartir en Vimeo a maioría das súas curtas, con títulos, como Matria ou Curricáns, Enrique Otero, que liberou o documental Funes, o inventor da lúa, Diana Gonçalves, que liberou a curta Palmira ou Lázaro Louzao, que deu tamén acceso a Nove de novembro, o primeiro filme de temática LGTB feito en Galicia. 

 

Na rede estes días non só podemos ver unha chea de cinema galego senón tamén de teatro. A compañía Voadora creou en Youtube unha playlist con 5 das súas obras recentes máis populares, como Waltz ou A tempestade, e o Grupo Chévere lémbranos que desde hai anos podemos ver en aberto o arquivo de espectáculos creados por eles ou representados na desaparecida Sala Nasa a través da súa plataforma Redenasa.tv

 

A terapia artística de grupo

Delirar na casa é un grupo de facebook que xa ten máis de 150 membros no que artistas e outras persoas comparten os materiais máis tolos e experimentais para facer catarse colectiva cadaquén dende o seu salón. Así, mentres Pablo Orza crea un mundo a escala poñendo unha miniatura do seu corpo en espazos domésticos, Cristina Balboa e Manuel Parra de Funboa Escénica ofrécennos sesións bailadas de techno, coma quen organiza unha rave a distancia. 

 

Fin da primeira parte

Poderiamos seguir case ata o infinito coa cantidade de concertos, recitais poéticos, contacontos e outras actividades e contidos que se están a difundir a cada hora para axudar a resistir esta crise, mais nalgún punto hai que parar. Non está mal para a primeira semana de confinamento, e parece que aínda quedan unhas poucas. Seguiremos atentas ao que acontece na rede estes días. Ánimo, a recollerse e a coidarse. 

VINTE NA REDE

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.