Vinte gifs do audiovisual galego
Chegan os Mestre Mateo, a gran festa que leva 18 anos premiando películas, series e programas de televisión feitos en Galicia. Este ano ademais leva o premio de honra o CGAI na figura do seu traballador Chema Rodríguez. O noso patrimonio audiovisual gárdase nesta filmoteca e no noso imaxinario popular, pero tamén colleu vida na rede en forma de gif animado. Aquí van algúns dos máis usados nos últimos tempos. A maioría deles foron creados durante un gifatón que organizou en 2018 a Academia Galega do Audiovisual e están dispoñibles en Tenor para usar, por exemplo, en Twitter.
Chegan os Mestre Mateo, a gran festa que leva 18 anos premiando películas, series e programas de televisión feitos en Galicia. Este ano ademais leva o premio de honra o CGAI na figura do seu traballador Chema Rodríguez. O noso patrimonio audiovisual gárdase nesta filmoteca e no noso imaxinario popular, pero tamén colleu vida na rede en forma de gif animado. Aquí van algúns dos máis usados nos últimos tempos. A maioría deles foron creados durante un gifatón que organizou en 2018 a Academia Galega do Audiovisual e están dispoñibles en Tenor para usar, por exemplo, en Twitter.
- 01
Peter Brandon
Así o fixo a conta de Twitter da DGT, que nos sorprendeu hai uns días ilustrando un chío sobre sermos tolerantes ao volante con esta imaxe sacada da webserie Peter Brandon, do colectivo Porco Bravú, protagonizada por Pedro Brandariz e premio Mestre Mateo no ano 2018.
- 02
Air Galicia
“Boas noites Galicia, como estamos Galiza?” Con este saúdo arrincaba Morris un dos sketches máis lembrados do programa Air Galicia, que se emitiu na TVG en tempos do bipartito. Simulaba un concurso titulado “O máis galego”, no que participaban os diversos personaxes que aparecían polo programa, desde Rosalía de Castro ao camioneiro Moncho ou as veciñas Víbora e Porcona.
- 03
Air Galicia
De Air Galicia tamén é un famoso sketch que reproducía a secuencia das escaleiras da película O acoirazado Potemkin (Sergei Eisenstein, 1925). Este gif da actriz Isabel Risco levando as mans á cabeza tamén é moi útil en tempos de pánico, pandemias e paranoias. Air Galicia, da produtora Zopilote, levou o Mestre Mateo á mellor serie de TV no ano 2007.
- 04
Era visto
Tempo máis tarde a factoría Zopilote creou Era Visto, unha sitcom protagonizada pola familia de Moncho, Elvira e Kevin José (Marcos Pereiro, no gif), que tivo unhas primeiras temporadas gloriosas e, cos seus secundarios de luxo (Manquiña, Touriñán, Victor Fábregas, Isabel Risco), podemos definila como os nosos Simpson. Do mellor que se fixo en comedia televisiva no país.
- 05
Padre Casares
Elsa, interpretada pola actriz Ana Santos, era a pastora beata de Padre Casares. Un dos personaxes máis divertidos desta comedia costumista dirixida por Jorge Coira para Voz Audiovisual, que durou 16 temporadas na Televisión de Galicia e levou unha chea de Mestre Mateo entre o 2008 e o 2013.
- 06
Eroski Paraíso
Anos despois, en 2019, Jorge Coira dirixiu con Xesús Ron a adaptación cinematográfica da obra de teatro Eroski Paraíso, do grupo Chévere. Nela Patricia de Lorenzo interpreta a Eva, a traballadora dun Eroski de Muros que representa moi ben a diglosia que podemos atopar en moitas vilas a día de hoxe en mulleres da súa xeración. Eroski Paraíso é finalista nos Mestre Mateo deste ano con 7 candidaturas, entre elas a de mellor longametraxe e tamén mellor actriz protagonista para Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias.
- 07
Cela 211
Cela 211 (Daniel Monzón, 2011) foi todo un fenómeno de taquilla cando se estreou, e un gran impulso para a produtora Vaca Films. Luis Tosar coroouse neste filme de acción carcelaria interpretando o preso Malamadre e a película levou unha chega de Goyas, entre eles o de mellor longametraxe. Nos Mestre Mateo dese ano tamén arrasou.
- 08
O lapis do carpinteiro
No ano 2003 estreouse O lapis do carpinteiro, a película de Antón Reixa que adaptaba a novela homónima de Manuel Rivas, e ao ano seguinte levou o Mestre Mateo á mellor longametraxe xunto a 13 badaladas. Se cadra esta non é a secuencia máis icónica do filme, pero recortada e sacada de contexto (como debe ser un bo gif) esta imaxe de Nancho Novo facendo o saúdo fascista despois de se persignar vale demasiado ben para ilustrar en certos momentos os tempos que corren.
- 09
As leis de Celavella
Unha das series máis premiadas da historia dos Mestre Mateo é As leis de Celavella (Voz Audiovisual), que se emitiu na TVG ente 2004 e 2006. Ambientada en Betanzos nos anos 20 do XX, esta serie de suspense foi o máis parecido que tivemos en factura e calidade a unha serie da BBC. Aquí está o seu elegante protagonista, un avogado que volta á súa vila para atoparse cos máis curiosos casos. Interpretado por Manolo Cortés.
- 10
Os mortos van ás présas
A vaca Cachorra, que protagoniza unha das máis fermosas escenas do filme O que arde de Óliver Laxe (con 12 candidaturas nos Mestre Mateo deste ano) aínda non está convertida en gif animado, mais en Tenor atopamos este par de vacas non menos fermosas, sacadas da película Os mortos van ás présas, de Ángel de la Cruz, que gañou o Mestre Mateo á mellor longametraxe no ano 2009.
- 11
Dhogs
Seguimos en plan sexy con este gif do actor Iván Marcos na película Dhogs de Andrés Goteira, que arrasou nos Mestre Mateo do 2018 con 13 galardóns, entre eles o de mellor interpretación protagonista para este coruñés, que triunfa esta temporada nos cines co filme de terror español Malasaña 32. É un dos que aparece en Tenor se buscamos a palabra ‘crush’.
- 12
As altas presións
Seguimos co sexy subido con este gif da actriz Itsaso Arana na película As altas presións, do director pontevedrés Ángel Santos, que foi candidata a 5 Meste Mateo no 2015. Para que vexades que nos gifs do cinema galego non hai só humor e costumismo, senón tamén beleza, intimidade e suxestión. Para iso está o cinema.
- 13
Matalobos
Mais para olladas penetrantes, a de Carmelo Matalobos, o narco máis histórico e malvado da ficción galega, interpretado por Luís Iglesia. A serie Matalobos durou 5 temporadas e emitiuse na TVG entre o 2009 e o 2013. Levou dez premios Mestre Mateo en diversas edicións.
- 14
Doentes
O inesquecible Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ protagonizou o Doentes, de Gustavo Balza, que adaptaba ao cinema unha peza teatral de Roberto Vidal Bolaño e foi en 2012 o primeiro filme rodado integramente en galego que acadou Mestre Mateo á mellor longametraxe.
- 15
Somos xente honrada
No ano 2014 o premio Mestre Mateo á mellor longa levouno Somos xente honrada, do director vigués afincado en Barcelona Alejandro Marzoa. Contaba a historia de dous pais de familia, amigos e seareiros do celta, que atopan un fardo de cocaína na praia e non saben moi ben que facer con el. Neste gif vemos os actores protagonistas, Miguel de Lira e Paco Tous.
- 16
Encallados
Ese mesmo ano Encallados, de Alfonso Zarauza, levou o Mestre Mateo á mellor película para televisión. Algo bastante gracioso tendo en conta que o filme está rodado en celuloide e que nunca se chegou a emitir na televisión. Pero ese é só un dos despropósitos do mundo do audiovisual en Galicia que tan ben se contan nesta historia de cine dentro do cine, desde o punto de vista do director e guionistas que reciben a encarga de facer un telefilme sobre o Prestige.
- 17
Coruña imposible
Seguimos co branco e negro para iniciar un último bloque de filmes anteriores á creación en 2003 dos Mestre Mateo pero que son indispensables para a historia do noso cinema. Este gif corresponde á curta Coruña imposible, de Paco Rañal, rodada en 1995 ao abeiro dun concurso impulsado pola EIS, e que acabou levando unha chea de premios en festivais. 11 minutos de acción trepidante, silenciosa e surrealista seguindo a un personaxe que esperta en calzóns e zapatillas na praza de María Pita.
- 18
Mamasunción
Ese primeiro plano coas engurras de Mamasunción, a protagonista da curtametraxe que levou a Chano Piñeiro a festivais de todo o mundo en 1984, é unha das imaxes máis icónicas do noso cinema e tamén ten o seu gif.
- 19
Castelao en Bos Aires
Entre as películas do noso patrimonio audiovisual que conserva o CGAI están estas imaxes de Castelao en Bos Aires filmadas por Eligio González en distintos momentos da súa vida e tamén da súa morte, incluída a súa enfermidade anterior e o enterro e homenaxes posteriores.
- 20
Talleres Alonarti. Sociedad La Artística Ltda.
O cinema galego tamén ten a súa saída dos obreiros da fábrica, rodada en 1928 polo cineasta José Gil nos Talleres Alonarti de Vigo, por encarga da propia empresa. No filme, restaurado polo CGAI, vemos imaxes de mulleres e homes traballando en todo o proceso industrial de traballo con metais para a fabricación de envases que facía esta factoría.