Dillo en Instagram. De como o texto acabou invadindo a rede social máis visual

Co patrocinio de

© @escritosengalego

En que momento a plataforma que popularizou os selfies, as ‘stories’ e o código visual lle empezou a outorgar tanto protagonismo á palabra escrita? Hai vida máis alá das frases motivacionais ou dos versos atribuídos a Paulo Coelho? Pode unha captura de pantalla axudarche a atopar o teu 'crush'?

Desde que os letreiros e as capturas de pantalla se popularizaron como linguaxe en Instagram, esta rede xa vale para case todo. Por exemplo, atopar aquel rapaz tan guapo que viches na biblioteca. Na nosa lingua atopamos xa perfís dedicados a facer #escritosengalego ou #frasesengalego, e tamén contas que converten mensaxes privadas de texto en taboleiros de anuncios para ligar. As primeiras, aínda que tratan de combinar sabiduría, retranca e poesía, dedícanse en moitas ocasións a expresar pensamentos elevados, mesmo afectados, sobre o amor romántico. As segundas tiran máis polo ‘salseo’ e o amor livián de xoves pola noite. E logo sempre están os clásicos: chistes, memes e frases de dubidoso gusto. 

 

Escritos de Instagram 


Cada vez hai máis contas de Instagram que se crean só para compartir refráns populares, citas célebres, frases inspiradoras ou que fagan reflexionar. Con frecuencia tamén frases para declarar a nosa atracción ou amor por alguén. En galego destacamos Escritos en galego, con case 35 mil seguidores nesta rede e 25 mil en Facebook

 

Ou un clásico de toda rede social galega por este tempo:

 

Na mesma liña xurdiron recentemente contas parecidas como Así cho digo:

 

Poetas do ‘like’

Pero tamén hai quen leva a cuestión de escribir frases transcendentes para Instagram maís alá, e así atopamos escritores e poetas que decidiron adoptar este medio para dar a coñecer o seu talento literario. Minerva Varela é un exemplo de escritora que aproveita o seu instagram para compartir frases e versos, en castelán e en galego, sen que sexan compatibles co xénero do autorretrato. 

 

Aínda que non podemos falar de poesía popular en Instagram sen mencionar a Defreds, o vigués que acadou máis de 800 mil seguidores nesta rede a base de publicar versos. Como xa leva anos facéndoo permítese experimentar con distintas formas de deseño, tipografía, fotografía, etc. Velaquí a última, por San Valentín:

 

E ademais tamén vende merchandising: podemos mercar cuncas, velas, sobres e tarxetas para cartas de amor, cadernos, coxíns ou mesmo un felpudo con algunha das súas frases máis senlleiras. 

© @Captura web Tantanfan.com

 

‘Salseo’ na Universidade

Xa que falamos de amor e Instagram e o día é propicio, non podemos esquecer o labor social que fan contas como Salseo USC. Con máis de 18 mil seguidores e malia ser unha conta privada, este perfil funciona basicamente como taboleiro de anuncios para mocear na Uni.  A xente envíalles mensaxes privadas dicindo que buscan moza/o, rollo ou localizar alguén que lles gustou na biblioteca, no corredor da facultade, no bus urbano ou saíndo de festa. 

© Captura de @salseo_usc

 

Inspiradas nesta conta xurdiron outras similares como Salseo USC Lugo, UDC Salseo, Salseo Uvigoourense ou Salseo Uvigo. Hainas por cidades, por campus, por facultades… e ás veces van máis alá de buscar moza/o: serven para anunciar habitacións ou clases particulares, tamén esquecementos no Vitrasa, ou a mítica de esquecer as chaves na casa de alguén (que non ten o teu teléfono nin forma de contactar contigo). 

 

Humor en forma de whatsapp

Xa dicimos desde o comezo que isto de compartir frases ou mensaxes privadas na rede non é novo e foi pasando por distintos formatos. O ano pasado estivo de moda compartin en post ou stories de Instagram frases no formato de notificación de whatsapp. Unha das contas que máis o practicaba era Manda Carallo (21 mil seguidores), dedicada a compartir memes e chistes en galego, das máis populares no Instagram xunto a clásicos como Canto Ghalpón.

View this post on Instagram

00:24

A post shared by Cousas en Galego (@manda.carallo) on

 

En definitiva, a palabra escrita volve tomar o protagonismo nas redes sociais e iso dá pé a que o galego estea presente, ben polo compoñente emocional (esa fama de ser unha lingua "fermosa") ou ben polo humorístico (esoutro prexuízo que asocia o galego a dicir animaladas ou frases riquiñas). Segue sen haber moita vida máis alá das frases máis típicas, requintadas ou retranqueiras, pero de novo demostramos que grazas á rede escríbese máis galego ca nunca. Tamén no Instagram. 

Vinte na rede

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.