'Cachiños' na rede: e por que non facer unha playlist coas nosas actuacións televisivas máis míticas?

VINTE

Na noite de fin de ano en VINTE, logo de tomarmos as uvas con Iria Pinheiro e Carlos Meixide, inspirámonos no programa ‘Cachitos Nochevieja’ para abrir un fío en Twitter no que compartir algunhas das actuacións máis lendarias da historia televisiva en Galicia. En vista do éxito recuncamos, agora en formato web, para recuperar cachiños que mercen ficar na memoria colectiva, cando non nos nosos guateques. E dámoslles as grazas a toda a xente, anónima ou non, que leva anos colgando estas pezas en Youtube. 

Co patrocinio de

Na noite de fin de ano en VINTE, logo de tomarmos as uvas con Iria Pinheiro e Carlos Meixide, inspirámonos no programa ‘Cachitos Nochevieja’ para abrir un fío en Twitter no que compartir algunhas das actuacións máis lendarias da historia televisiva en Galicia. En vista do éxito recuncamos, agora en formato web, para recuperar cachiños que mercen ficar na memoria colectiva, cando non nos nosos guateques. E dámoslles as grazas a toda a xente, anónima ou non, que leva anos colgando estas pezas en Youtube. 

  • 01

    "Tiritando", de Los Tamara

    Mentres empezaban a súa carreira cantando en galego para goce de emigrantes en toda Europa e Latinoamérica, Los Tamara tamén lle daban ao pop en castelán, con cancións coma esta, que poderían asinar uns Belle and Sebastian. 

  • 02

    Ana Kiro e Santa Klaus

    Na súa etapa previa a ser a gran diva da canción galega, Ana Kiro fixo unha serie de actuacións para as Galas del sábado de TVE, como esta adaptación da panxoliña "Santa Claus is coming to town".

  • 03

    Andee Silver, "Miña Terra"

    Porén, a primeira muller que cantou en galego en TVE foi unha cantante inglesa, Andee Silver, que neste "Estudio Abierto" de TVE presentado por Íñigo interpretaba "Teño saudade" de Andrés Dobarro e mais estoutro temazo, "Miña Terra".

  • 04

    Andrés do Barro, "Corpiño Xeitoso"

    Nos programas nostálxicos de TVE ás veces acórdanse de poñer linguas minoritarias incluíndo "O tren" de Andrés Do Barro pero nos arquivos hai outros temas en galego como "Pandeirada" ou este "Corpiño Xeitoso", no que destaca o coro de mulleres arredor do noso tímido galán ferrolán. 

  • 05

    Juan Pardo, "En pé"

    Arrodeado pola bandeira azul e branca (sen escudo e e sen estrela), con ducias de figurantes na praza das Praterías de Compostela, Juan Pardo fai este número patriótico para un especial da TVG nos anos 80, que para algo lle puxo música ao poema de Ramón Cabanillas. 

  • 06

    Bibiano

    Membro de Voces Ceibes e figura clave da música galega, non só como cantautor nos anos 70 senón tamén na súa posterior etapa como promotor musical, Bibiano Morón, finado hai dous anos, deixa un interesante rastro televisivo no Youtube, como esta actuación ou o documental "Yo canto" dirixido por Josefina Molina para TVE. 

  • 07

    Xocaloma, "Quen poidera"

    A medio camiño entre o folk dos 80 e a canción lixeira, o grupo Xocaloma (nome feito co comezo dos nomes dos seus compoñentes (Xosé, Carlos, Loli e Manuel) era o máis parecido que tiñamos a una Mocedades no país. 

  • 08

    Fuxan os Ventos, "Ai, Rosiña"

    Mais o gran grupo de folk galego formado por matrimonios é Fuxan os Ventos, toda unha institución na música galega dos 80. Esta de Luar é unha das súas derradeiras actuacións televisivas antes do seu efémero regreso en 2008. 

  • 09

    "Pelegrín", de Montse e Luis Queimada

    Agora que nos preparamos para a invasión do Xacobeo 2021 debemos lembrar esta actuación de Montse e Luis Queimada cantando o himno do Xacobeo 93, o primeiro gran evento que con ete concepto deseña a Xunta de Fraga para seguir desde Galicia a estela do 92 en Barcelona ou Sevilla. Con mascota incluída, o senlleiro pelegrín. A estética do vídeo recolle todo o zeitgeist da época. 

  • 10

    Extrema Unción , "Cracovia"

    Este grupo de Santa Cruz de Rivadulla foi case dos únicos dese tempo que chegou a cantar en galego con influencias do pop español da "nueva ola". Esta actuación é do ano 1986 no programa "Cancioneiro" da TVG, na que tamén interpretaron outro tema na nosa lingua: "Quero toca-la balalaika"

  • 11

    Viuda Gomez e hijos, "Solución suicida"

    A banda de punk coruñesa tivo con "Solución suicida" o seu maior éxito comercial, editado en 1987. Neste programa da TVG que non recoñecemos fan un playback da canción, nunha das poucas actuación televisivas que se lle coñece a este grupo. 

  • 12

    Los contentos, "A casa baleira"

    A banda de Lugo pioneira do 'garage' na que debutaron músicos como Piti Sanz tamén tocou algún tema en galego, como este temazo titulado "A casa valeira" que interpretaron nunha gala da TVG.

  • 13

    Semen Up, "Bendita seas"

    O inefable Alberto Comesaña tivo a finais dos 90 unha certa traxectoria como presentador da TVG en programas como "Con perdón" ou "Bravo polos amigos", programa precuros de "Mujeres, hombres y viceversa". Moito antes diso, e tamén antes do seu exitazo comercial con Amistades peligrosas, destacou na movida viguesa co grupo Semen Up.  

  • 14

    Los Cafres, "Alimaña"

    Un dos grupos máis esquecidos da Movida foi tamén un dos máis divertidos. Este "Alimaña", que despois versionou Sinietro Total, é un dos mellores temas de aqueles anos. 

  • 15

    La Rosa, "La reina del mate"

    Non todo o relevante musicalmente nos 80 pasou en Vigo ou na Coruña. En Ourense destacou La Rosa, a banda de pop comandada por Magín Blanco, cunha importante traxectoria posterior en solitario e como compositor de música infantil. 

  • 16

    Los Grumos + Radio Océano

    Poucas pistas temos sobre Los Grumos, a formación coruñesa que aparece neste vídeo, mais que formou parte da movida coruñesa dos 80 e que é das poucas nas que cantaba unha muller. Na segunda parte do vídeo vemos unha interesante reportaxe sobre Radio Océano. 

  • 17

    Aerolíneas federales, "Mi video no tiene mando a distancia"

    Para vocalistas femininas na Movida, as de Aerolíneas Federales, aínda que neste vídeo que escollemos (hai moitos en youtube) canta un home esta versión chusqueira de "Video killed the radio star". 

  • 18

    Los Esquizos, "Generación beat"

    Do tempo de Los Contentos é a banda coruñesa Los Esquizos, que comandaba Pedro Granell. Foron posteriores á Movida coruñesa, anteriores ao bravú de Monte Alto e representaban todo un undergroun na cidade que marcou toda unha xeración. 

  • 19

    Praps: de cando se escoitaba hardcore na TVG

    O hardcore tivo moitos seguidores na Galicia dos 90, especialmente en Santiago ou Ourense, de onde era esta banda, Praps, perfectamente axeitada á estética tribal da época. Aquí actúan no programa Clipmanía, que presentaba Mon Santiso a comezos dos 90. 

  • 20

    Charly J, o rapeiro de Lugo

    Charlie J (ou "xota", como din na inenarrable presentación deste vídeo) foi o primeiro cantante de rap que coñecemos en Galicia. En Lugo fíxose moi célebre e na TVG ten mesmo rapeado en galego, como nesta actuación do programa "Mar a mar". 

  • 21

    A primeira actuación de Leilía na TVG

    Acaban de celebrar o seu 30 aniversario enriba dos escenarios e aquí podemos ver como unhas novísimas Leilía actuaban no ano 90 na TVG interpretando a Muiñeira de Calvos de Randín, tres anos antes de revolucionar a música tradicional galega co seu primeiro LP. 

  • 22

    O paraugas do Xosé

    Poucas cousas hai máis mítica na terra da Chispa que a charanga do Cuco de Velle e a súa canción "O paraugas do Xosé". Ben, si: o día que apareceron no programa "Sitio distinto" de Antón Reixa. 

  • 23

    Chouteira, "O bolero"

    No ano 1995 o grupo Chouteira irrompeu na música tradicional convertendo en clásicos instantáneos temas do seu primeiro disco como "O Jai Jai" (que formou parte da banda sonora do Xabarín Club) ou este bolero, cantados pola gran Ugia Pedreira, que despois formaría Marful.  

  • 24

    Korosi Dansas, "Amén, amén"

    Nos 90 este grupo de Vilagarcía, que formaban entre outros o actor Josito Porto e o escritor Manuel Seixas, dicían facer "rock de batea" e sacaron un disco, "Non!" que contiña temas tan potentes como este "Amén, amén" que interpretaron en Luar. 

  • 25

    Os Quinindiolas, "Mentiras"

    Achega da nosa lectora Marga Tojo: «Lembro este tema dos Quinindiolas en 'Sitio Distinto' da TVG, con Fran Pérez (Narf), Xelís de Toro ou Pepe Sendón, tres pesos pesados da nosa fértil cultura underground.»

  • 26

    Os Diplomáticos de Monte Alto, "Non chas quero"

    Esta debeu ser unha das primeiras actuacións dos DMA na televisión, de cando Xurxo Souto levaba camisas de chorreiras e estética de cantante de orquestra, mentres interpretaba a música da radionovela "Os frigoristas" co que logo sería a banda máis importante do rock en galego nos 90. 

  • 27

    Os Papaqueixos, "Tekno Trafikante"

    Do bravú coruñes tamén saíu estoutro himno coruñés, non moi edificante en canto ao tema pero indiscutiblemente celebrado en moitas noites galegas. Esta actuación é no programa ¡Que Serán?, aquel magazine diario que se emitía na TVE-G en 1999. 

  • 28

    Lamatumbá, "Licor Café"

    Agora imos coa "farlopa dos pobres": o licor café. Nos ano 2000 os dignos sucesores da estirpe do Cuco de Velle e do rock bravú viñan de Ourense, chamábanse Lamatumbá, foro unha das bandas que máisi tocou neste país e deixáronnos estoutro himno, que neste Luar interpretan en formato acústico. Con Ico tocando o trombón ao xeito do mesmísimo Xosé Luis Baltar. 

  • 29

    Elephant Band, "Tears & a light"

    Antes de empezar a cantar en castelán co seu proxecto Deluxe, Xoel López era o vocalista da coruñesa Elephant Band, que lle daba ao rock psicodélico en inglés e que actuaba no ano 1999 no programa Chambo da TVG. 

  • 30

    "Onde están?" de Fame Neghra

    Do mítico Chambo tamén é esta actuación de Fame Neghra, banda compostelá de punk guitarreiro con toques melódicos saída do selo Lixo Urbano. Algúns dos seus membros seguiron noutros grupos como Samesugas ou The Homens. 

  • 31

    Kabuto JR, "Time"

    A finais dos 90 saíron de Vigo unhas poucas bandas proto-indies que empezaban a cantar en inglés xuntando pop e electrónica e chegaron a triunfar no ámbito estatal. Como Kabuto JR, que fixeron este temazo, Time, que máis a 1999 non pode soar. 

  • 32

    Nadadora, "Septiembre no está tan lejos"

    Os grovenses Nadadora foi unha das bandas galegas máis interesantes no indie dos anos 2000, e no program Onda Curta da TVG, que presentaba Luis Pardo,  podemos ver unha das súas últimas actuacións. 

  • 33

    Leo i Arremecaghona en A polo ghit

    A gala da primeira edición de A polo ghit, o concurso de cancións que puxo en marcha no 2006 o portal Vieiros coa Radio Galega, deixounos tamén algunhas actuacións memorables como esta do Leo i Arremecághona e a súa banda de bailadores de pogo nugalláns. 

  • 34

    Projecto Mourente, "Por que es tan falso?"

    Que mágoa que Projecto Mourente non chegase ás orellas de moitos amantes do pop electrónico en Galicia e fóra dela. Os dous discos que sacou Carlos Valcárcel están cheos de temazos e aínda menos mal que programas como "Bamboleo" e poucos máis chegaron a poñelos enriba dun escenario. 

  • 35

    Triángulo de amor bizarro, "A cantiga de Juan C"

    Foi bastante insólito ver un grupo como Triángulo de Amor Bizarro no palco do Luar, pero non foi mal sitio para estrear a súa versión en galego desta canción dos Beach Boys. Que estilazo ten Isa para o playback.

  • 36

    Festa malandrómica

    As gravacións de Casa de Tolos tamén nos deixaron un bo feixe de actuacións de bandas galegas que, grazas a atoparse en Youtube, acabaron facéndose moi populares á hora de poñelas en festas de pisos de estudantes composteláns, por exemplo. Este temazo, que é un dos máis coñecidos de Ataque Escampe, é unha versión acústica do himno que xa fixera Malandrómeda en clave de hiphop. 

  • 37

    Guadi Galego, "Cedeira"

    Guadi Galego foi a artista invitada ao programa Late Motiv de Buenafuente (en Cero de Movistar) o día das letras galegas de 2018 e fixo unha versión estupenda da súa canción "Cedeira" coa banda do programa. 

  • 38

    Verto, "Oye Gayego"

    Como hai que acabar a lista nalgún momento, que o material que hai pola rede é case infinito, imos saltar á actualidade e rematar co hit televisivo máis recente. A actuación do novísimo grupo Verto para abrir o Luar hai 15 días xa se converteu nun dos vídeos máis vistos da canle de Youtube da TVG neste tempo. Non deixou de compartirse nas redes e gañou os corazóns de moita rapazada con Oye Gayego, convertido xa nun himno post-millennial a golpe de trap con ritmo latino e un pouco de mala uva. 

Vinte na rede

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.