En maio de 1999 comezaba un programa de música na TVG. Unha novísima Belén Regueira debutaba presentando 'Chambo', un espazo que incluía entrevistas, videoclips e actuacións en directo, e que pasou á memoria colectiva de moita xente polo seu estilo e a súa calidade. Non sabemos se se acordarán en San Marcos, pero en VINTE vaia se nos acordamos.
Empeza o programa e aparece unha presentadora descoñecida que fala sentada detrás dunha mesa. A mesa está feita de cintas VHS pegadas. Detrás hai televisores vellos. A presentadora di: “Pois acabades de entrar en Chambo, o primeiro programa democrático da televisión”. Utiliza un ton irreverente e á vez moi próximo: cando fala parece que che está falando directamente a ti. Era o ano 99 e Belén Regueira debutaba nas pantallas da TVG con só 21 anos. Era Chambo, un programa de música coma calquera, pero tamén moi diferente. 20 anos despois imos debullalo para intentar responder a unha cuestión: por que todos recordamos Chambo?
O equipo
“O director era un músico e o resto do equipo eramos amantes da música, e iso notábase”, comenta Carlos Regueira, o produtor do programa. O director a quen se refire é Xaime Fandiño, un vello roqueiro do audiovisual galego que xa viña daquela de mil batallas diferentes. Estivera en informativos e deportes na TVG, e dirixira e realizara múltiples programas como os recordados A tumba aberta ou A toda máquina. O de vello roqueiro vénlle ao pelo porque sempre foi músico por riba de todo e, de feito, actualmente ten unha banda, Deteriorados, formada por xente que vai desde os 20 ata os case 70 anos.
“Preocupámonos moito polos músicos desde o primeiro día. No plató tiñamos púas, cordas, e afinadores. Faciamos proba de son coma se dun concerto se tratase e despois a banda tocaba oito temas. Deses oito escollíamos os tres que mellor quedasen. As bandas sabían que connosco ían soar ben e ía quedar moi ben o seu directo”, recorda Fandiño. Carlos Regueira afonda na cuestión: “había un trato moi próximo coas bandas e todas quedaron encantadas e querían repetir. Despois de probar son levabámolos sempre a comer a un restaurante dando á praia de Samil [gravábase en Vigo, pois facíao a Produtora Faro]. Os que eran de fóra alucinaban. E no plató sempre había moi bo ambiente”. Todo este bo ambiente semella que acabou por notarse no que saía pola pantalla e cando as bandas tocaban, polo menos vendo o programa desde a casa, parecía que o facían a tope. Era un programa crible.
A primeira temporada de Chambo foi un pouco de busca de formato. Inicialmente era un programa orientado á xente nova pero non especificamente de música. Os directos eran acústicos e había playback. “Cando entrei no equipo para min foi moi bonito vivir o proceso de darlle forma ao programa, e chegar ao Chambo que finalmente coñecemos”, recorda Belén Regueira. Ao funcionar ben a primeira, na segunda temporada houbo máis orzamento e o programa pasou a ser só de música e coas actuacións en directo. Esta foi a época máis recordada, e tamén, por desgraza, a última.
A presentadora
“Fixemos un casting polas universidades. Queríamos que fose muller, nova, e descoñecida para o público. Non importaba nada o seu aspecto físico pero era fundamental que falase ben galego e que soubese de música. En Santiago atopamos unha estudante de xornalismo que destacou moito por riba das outras candidatas. Era Belén Regueira”, conta Xaime Fandiño. Regueira foi fundamental para Chambo. Daba unha imaxe fresca e novidosa, e á súa vez facía que o público se identificase moito con ela: era da súa mesma idade, falaba a súa mesma lingua de verdade e gustáballe a mesma música. Todo encaixaba.
Sobre o seu estilo entrevistando e presentando Regueira é moi sincera: “Realmente había vontade de facelo así, basicamente porque non podía disimular, eu non podía facelo de outra maneira. Era todo un pouco inconsciente e espontáneo”. Para ela foi o seu debut, “o choio soñado”, aínda que facer pantalla non era o que máis lle gustaba, nin daquela nin agora. De feito, na actualidade dedícase á radio, o medio que máis lle gusta, e podemos escoitala no programa Un país mundial, que dirixe na Radio Galega, así como polas mañás no Diario Cultural.
A estética e o plató
Chambo era un programa moderno, cunha realización moderna e cun plató moderno. Os decorados e o plató foron obra de Suso Montero e estaban moi á altura de cousas da época (Séptimo de caballería de Miguel Bosé era o programa de música de referencia naquel momento). O escenario estaba deseñado en círculo coa xente arredor del. Realmente non había demasiado público alí pero en pantalla daba a sensación de seren un feixe deles. A maiores había un coche, a mesa de cintas e unha boa iluminación. Todo o conxunto ofrecía unha imaxe cálida e de ambiente de rock and roll.
Os grupos
“Chambo tiña unha liña moi clara. En cada programa tocaría un grupo galego, un grupo español e un grupo portugués”, relata Fandiño. E así foi. Por Chambo pasaron Fame Neghra, Embriones, Skornabois, Killer Barbies ou Dismal pola parte galega; Dover, Rosendo, Los Enemigos, Barón Rojo ou Doctor Explosion pola parte española e Zen, Clã ou Ornatos Violeta pola parte portuguesa. “Polo programa pasou o mellor que había naquel momento no ámbito estatal, só nos escapou Calamaro. E no galego apostabamos por bandas menos coñecidas. Quen ía levar a Fame Neghra se non o faciamos nós?”, conta Carlos Regueira (non, non son familiares el e a presentadora). No vídeo que segue temos a Fame Neghra facendo un playback coa última formación, que incluía a Martin Wu á guitarra, antes de Japon 84 e The Homens.
Conexión con Portugal
Unha das cousas máis importantes de Chambo foi a conexión que creou con Portugal. En cada programa coñecías unha banda portuguesa nova e habitualmente eran moi boas. Isto propiciou intercambio de contactos entre bandas galegas e portuguesas e tamén de mánagers e sitios para tocar. “Os grupos portugueses tocaban moi ben e eran moi profesionais. A nós chamábanos a atención que antes de saír a tocar cambiábanse de roupa. Non para poñer un uniforme senón simplemente para poñer roupa máis atrevida esteticamente ou máis de saír a escena”, conta Fandiño. “Zen deixounos alucinados, chegaron e aos 5 minutos de proba xa soaba todo fantástico”, recorda Carlos Regueira.
Os momentazos
Houbo varios momentos moi recordados no programa. Un deles foi a famosa entrevista con Josele Santiago de Los Enemigos. Josele non atravesaba o seu mellor momento e cando chegou á entrevista con Belén Regueira comportouse de maneira moi arrogante e intentou amolala. “Lembro que o primeiro que dixo foi que necesitaba un Vox, porque eu empecei, coma sempre, facendo a entrevista en galego. Cando vin a situación e como me falaba pensei que el sería de Malasaña, pero eu era de Labañou así que a ver que pasaba”, recorda a presentadora. Na entrevista ela saíu airosa dos embates e Josele quedou bastante mal. Lamentablemente ninguén a subiu a Youtube para poder recordala e, como boa parte do arquivo interesante da TVG está oculto, na actualidade só se pode ver o primeiro programa de Chambo na web. Conta a xornalista que tempo despois viu a Josele en Vigo e el non lembraba nada do sucedido. Meu pobre, tiña de abondo co seu.
Despois de Chambo houbo outro programa con música en directo na TVG. Exactamente 10 anos despois, foi Banda Curta. Se se cumpre a lei dos 10 anos debería estar ao caer neste 2019 outro das mesmas características. Oxalá sexa así xa que vivimos un momento para a música galega único.
Outro dos momentos de Chambo foi cando tocou a Elephant Band. “Para min foi un dos mellores directos que pasaron pola programa: soaba moi ben e tocaron moi ben. Notábase que aquel rapaz ía ter moito máis percorrido”, relata Belén Regueira. Ese rapaz era Xoel López e para a posteridade quedará ese momento final da actuación dándolle lategazos á guitarra coa correa como se fose o mesmiño Pete Townshend. Podédelo ver ao final do vídeo.
Na primeira temporada, aínda con ese formato xuvenil sen definir completamente, houbo algunha entrevista a persoeiros ben curiosa. No primeiro programa de Chambo tocoulle a un dos personaxes do momento, o xogador do Celta Míchel Salgado. "Que se fai con esa pila de cartos que gañas ti? Que gaña un xogador de primeira división?", preguntoulle Belén Regueira anticipándose a Broncano en La Resistencia. E tamén lle preguntou polo seu Porsche, porque a primeira parte da entrevista fíxolla no coche que había no plató. Podedes vela neste enlace a partir do 19:58.
E por último hai que destacar que Belén Regueira tamén entrevistou en Chambo a Moisés Mendoza, o protagonista, guionista, director e creador dos famosos spots de Muebles Mendoza. No Facebook da empresa pódese ver unha versión moderna dos anuncios, que non é o mesmo pero ben vale para facerse unha idea.
E despois…
Despois de Chambo houbo outro programa con música en directo na TVG. Exactamente 10 anos despois, foi Banda Curta. Se se cumpre a lei dos 10 anos debería estar ao caer neste 2019 outro das mesmas características. Oxalá sexa así xa que vivimos un momento para a música galega único. Hai bandas galegas moi boas con proxectos consolidados e interesantes, hai discos moi bos, hai festivais a esgalla por todo o país e hai público para eles. A Televisión de Galicia como servizo público debería non só recibir contido de todo este mundo musical senón que debería tamén xeralo. Un programa con música en directo debería estar xa na grella da nosa televisión.