¡Que serán? Vinte anos dun programa mítico que pouca xente lembra

Nas desconexións territoriais que facía TVE en Galicia apareceu un programa diario novo aló por 1999. Era en directo, en galego, tiña actuacións ao vivo todos os días, entrevistas e, como dicía a sintonía da cabeceira, reportaxes alucinantes. Era o ¡Que serán?, un oasis de liberdade en plena era Fraga. Van 20 anos aló e en VINTE queremos renderlle a nosa particular homenaxe.

Xosé Cuíña no primeiro programa cortando unha banda e inaugurando o espazo como se aquilo fose un encoro. Unha entrevista ao daquela reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Meilán Gil, cunha cría de león no colo. Josefa de Bastavales e Ramona Maneiro como intrépidas reporteiras. Paco Vázquez amosando como facer un nó dunha garabata e falando en galego todo o tempo. Os Papaqueixos en directo cantando aquilo de “Sito Miñanco, preso político”. Xosé Ramón Gayoso esnaquizando adrede e perigosamente un vaso de cristal contra unha mesa. Todo isto aconteceu nun programa de televisión en Galicia, que por emitirse na desconexión territorial de TVE non está en case ningún arquivo nin na memoria dos nosos medios públicos. Chamábase ¡Que serán? e podiámolo ver todas as tardes na 2.

Johnny Rotring na dirección

“Xa sabían a quen lle mandaran facer o programa, así que non lles ía estrañar nada do que fixeramos”, estas palabras de Xosé Manuel Pereiro, o director do ¡Que serán?, xa o din todo. Nese momento Pereiro traballaba na TVE-Galicia en informativos, pero xa tiña unha traxectoria importante en entretemento. Entre outras cousas dirixira Composteláns, a primeira sitcom galega, O veciño do xoves en TVG (primeiro programa que presentou Xosé Ramón Gayoso) e Canal 13, en TVE-Galicia. Encargáronlle facer un magacín para emitir ás 20 horas todos os días, e naceu o ¡Que serán?

Paco Lodeiro e Marisol Manfurada presentando o ¡Que serán? © TVE

 O ¡Que serán? xa desde o propio concepto tiña cousas que na televisión actual (e mesmo na da época) serían impensables. Era un espazo diario en directo de 1 hora e media de duración, e nel actuaba sempre un grupo que interpretaba dous ou tres temas ao vivo (pasaron máis de 200 grupos polo plató). As entrevistas co invitado principal do día podían ter unha duración de entre 25 e 35 minutos. As reportaxes podían ser dos temas máis diversos, pero sempre eran diferentes. Na liña da televisión que se levaba daquela (Caiga Quien Caiga e Lo + plus triunfaban no ano 99) o ¡Que serán? foi do máis parecido que tivemos en Galicia naqueles anos a unha televisión fresca e de vangarda, nun tempo no que os programas modernos da TVG dos 80 xa quedaban moi atrás, coa excepción de Chambo, do que falaremos noutro momento. 

 

Nova Televisión Galega

“Cando eu recibín o encargo do Director do Centro Territorial de TVE en Galicia, Octavio Rodríguez, aceptei, pero puxen como condición que eu escollía o meu propio equipo”, relata Pereiro. Así foi como, sen darse conta (ou si), acabou formando un equipo de luxo, con xente que tería moita traxectoria posteriormente. 

X. M. Pereiro no derradeiro programa. © TVE

“Precisabamos un presentador de solvencia que fose quen de improvisar e conducir un programa con tanta duración”, recorda Pereiro. E aí estivo Paco Lodeiro. “Era un formato perfecto para min. Podía facer entrevistas en profundidade, cantar, facer o pallaso...téñolle moito cariño ao programa. Foi unha mágoa que non continuase”, relata Lodeiro. El mesmo moitas veces facía sketchs ou vídeos cómicos. En época preelectoral foi o candidato Deiro, como podemos ver neste vídeo do seu día a día.

Como acompañantes de Paco Lodeiro estiveron primeiro Marisol Manfurada, que viña da regueifa e a poesía, e despois o xornalista José Luis Álvarez. O subdirector do programa era Luís G. Labandeira, que durante moito tempo foi editor dos informativos da TVE-Galicia. Como guionista estaba un noviño Alfonso Pato, máis tarde coordinando o Festival de Cans, e Xurxo Souto. Como reporteiros Miguel Fernández e Xandra Tedín (parella televisiva despois presentando Miraxes en TVG), Antón Lezcano e Txury Ferrer, que facían o programa Zapping en Cuac FM, Lumi Campo, Jonnet Middleton, Carlos Jiménez (cunha longa traxectoria en radio e televisión) e Tuchiño e Fran Velo de Heredeiros da Crus. Aquí podemos ver a Tuchiño nun barco cos Diplomáticos de Monte Alto tocando mentres atravesan a ría da Coruña.

Sen dúbida, unha das reporteiras que máis destacaba era Josefa de Bastavales que con case 70 anos botouse polo país adiante a facer vídeos. “Gravar con Josefa era un delirio, pero moi divertido. Recordo unha vez con Compay Segundo que el alucinara tanto con ela que quería levala para Cuba, e pedíalle matrimonio”, recorda Xandra Tedín. Aquí podemos vela en acción entrevistando a Berrogüetto. Cómpre destacar a espontaneidade de Josefa, e, sobre todo, a pinta dos compoñentes de Berrogüetto, desde unha novísima Guadi Galego ata un Guillerme Fernández que segue exactamente igual 20 anos despois.

No ¡Que serán? tamén estivo un tempo Ramona Maneiro. Si, a compañeira de Ramón Sampedro. “Tiña unha sección parecida ao defensor do espectador na que incluso criticaba os propios contidos do programa”, conta Alfonso Pato. E Jorge Mira, no que foi o seu bautismo televisivo, tiña unha espazo semanal que foi a primeira sección en galego sobre ciencia feita na televisión. Neste vídeo do último programa podemos ver a todo o equipo cantando unha imposible versión de Knockin on heaven´s door en galego. Están todas e todos, podedes conxelar a imaxe e ver as pintas, como fixemos na redacción de VINTE. 

“Coincidiu no programa un grupo de xente moi bo, moi heteroxéneo, pero cun mesmo background, que quería facer cousas, e que non tiña esa permanente autocensura que segue vixente ao día de hoxe”, recorda Pato. En plena era Fraga o ¡Que serán? foi un reduto de liberdade no que se podía preguntar calquera cousa e no que se podía facer unha reportaxe do que fose. E aínda por riba, dun xeito moderno. Paco Lodeiro fala da contemporaneidade do programa: “Demostramos que con poucos medios e moito traballo e ilusión se podía facer un programa diario ben interesante e moderno”. Para Marisol Manfurada se cadra aí estivo o problema: “Eramos demasiados modernos para o noso tempo. Se se fixera hoxe probablemente tería máis éxito”. 

O programa durou a penas dez meses: comezou o 1 de marzo de 1999 e deixou de emitirse a mediados de decembro dese mesmo ano. Tempo escaso pero suficiente para deixarnos o seu particular retrato da Galicia do fin do milenio, do que agora podemos ver en Youtube algunha mostra como as que aquí seleccionamos. 

Televisión túzara

“Para min foi televisión bravú, estabamos todos alí”, di Marisol Manfurada. Xandra Tedín vai máis aló: “Era televisión túzara”. O que está claro é que no ¡Que serán? facíanse cousas diferentes. Un exemplo son as entrevistas a políticos. Si, entrevistas a políticos nun programa de entretemento, algo tan simple como iso, non se vía e, por desgraza segue sen verse, na Televisión de Galicia. Quitando algún caso moi concreto (o presidente Feijoo en Land Rober, por exemplo) os políticos galegos foxen dos programas de entretemento coma do demo. E aínda que non fuxan son os propios programas os que non os chaman. Cada cousa ao seu, non vaia ser. Polo ¡Que serán? pasaron, entre outros, Javier Solana, Xosé Cuíña, Paco Vázquez ou Meilán Gil.  

E despois estaba o tema dos grupos. As bandas que actuaban no ¡Que serán? tocaban en directo, e ademais tocaban dous ou tres temas. Para moitos deles foi a única vez que actuaron en televisión, outros xa tiñan carreira e as gravacións que deixaron hoxe son moi interesantes. Uns novísimos Ruxe Ruxe, a Psicofónica de Conxo tocando un tema inédito (que segue a estar inédito), Os Diplomáticos de Monte-Alto presentando o seu disco Capetón ou O Caimán do Río Tea en formato trío foron algúns dos que pasaron polo ¡Que serán? .

Unha das actuacións máis recordadas foi a dos Papaqueixos con “Teknotrafikante”. Eran as oito da tarde, o que agora aínda sería horario infantil, e soaba ben forte ese retrouso que sabe todo o mundo. 

Anecdotario

Un programa deste estilo deu pé a multitude de anécdotas. Despois de falar con algúns dos protagonistas en VINTE escollemos as nosas cinco favoritas. E non as contamos nós, cóntanas eles.

  • Alfonso Pato: “Cando veu Paco Vázquez preparamos unha broma para rirnos da súa maneira de falar castelán. Tiñamos un tradutor simultáneo que o ía ir traducindo ao galego durante toda a entrevista. Cando empezamos, e para sorpresa de todos, Paco Vázquez fixo a entrevista enteira en galego. E ademais, tiña un galego perfecto”.
  • Marisol Manfurada: “Unha vez ao rematar o programa unha nai que estaba no público achegóuseme e díxome que tiña unha filla pequena que na casa xogaba a ser Marisol Manfurada”.
  • X. M. Pereiro: “O día que veu Javier Solana ao programa fora antes a TVG. Na TVG fixéranlle unha recepción á altura, na entrada, con todos os altos cargos. Nós non estaba ninguén, porque era verán, e alguén de protocolo de Solana dixo que o había que recibir fóra. E entón alí saímos Lodeiro, eu e Álvarez, coas nosas pintas, e recibimos a Javier Solana como se foramos unhas autoridades”.
  • Paco Lodeiro: “No ¡Que serán? eu entrevistei por primeira vez en televisión a un rapaz que me falou da temperatura do inferno. E tamén saíu por primeira vez en televisión unha poeta moi nova. A min gustáronme moito os dous e dixen que se algún día podía incluílos nun formato de televisión que o ía facer. Pasaron algúns anos e fixen Cifras e Letras. E alí estiveron os dous, eran Jorge Mira e Yolanda Castaño.”
  • X.M. Pereiro: “O día que veu Manuel Torreiglesias, que tiña moito éxito daquela con Saber Vivir, fixemos un 25% de audiencia. Foi un dato incrible, que el mesmo se encargou de recordarnos ao día seguinte”.

 

 

Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.