É do Porriño, ten vinte anos e acaba de sacar o seu primeiro disco. Dez temas en galego moi comerciais, e á súa vez moi comprometidos, que para ela teñen un obxectivo claro: achegarlles aos máis novos a música na nosa lingua.
Facer música comercial é á súa vez que sexa comprometida con determinadas causas son dúas características que moitas veces non van da man. E no caso galego aínda máis. Xoana Veiga, co seu proxecto Xoana, quere rachar con isto. O seu primeiro disco ten unha vocación tremendamente comercial e a intención de chegar a todo tipo de públicos. Á súa vez, ten un compromiso total coa lingua ademais dun título premonitorio, Dardos: 10 temas cos que alcanza cadansúa causa.
“Mártires” é o primeiro videoclip de Dardos e funciona a modo de single de presentación de Xoana. A letra é unha denuncia da violencia que sofren as mulleres todos os días na nosa sociedade. O vídeo foi feito pola produtora Siete Gatos Blancos, e na canción colabora nos coros Najla Shami, a cantante e compositora galego-palestina.
A emigración aparece no tema “Anceios”, o egoísmo da xente en “Egoísmo”, e en “Aliado” ou “Un salvavidas” aparecen temas relacionados con valores como a amizade ou o amor. Pero o que realmente percorre todo o disco é unha defensa e compromiso co idioma: “O compromiso coa lingua ven por parte de meus pais, que sempre me falaron en galego. E realmente cando se materializou foi hai 3 anos, cando fun estudar Tradución e Interpretación a Vigo, e alí dinme conta de que tiña que falar máis galego e defender o meu idioma”, relata. De feito, na folla promocional de Xoana xa deixa as cousas claras: “Son os prexuízos e a ignorancia os que limitan a un idioma, e é ben sabido o sufrimento que estes lle causaron ó longo dos anos á cultura de Galicia; é por iso polo que me empeño en demostrar a súa valía a través deste disco”.
A carreira artística de Xoana empeza con 15 anos na escola do Porriño MasQMúsica. Alí comeza a recibir clases e con 17 anos xa dá o seu primeiro concerto cun grupo de versións. Neste vídeo podemos vela moi nova cantando en inglés un tema composto e interpretado por músicos da propia escola.
Nesta etapa de formación é cando o seu mestre, Jose Portela, a anima a dedicarse á música. El será unha persoa fundamental para a creación de Dardos, como compositor e produtor de todos os temas. Nos anos 80 Portela foi guitarrista e cantante de Bajo en nicotina, un grupo de Vigo que chegou a publicar 2 LPs. En Youtube hai un vídeo da presentación do segundo disco na praia das Barcas, en Coruxo, en 1987.
Nos primeiros pasos de Xoana tamén foron moi importantes os seus pais. Eles foron os que lle deron azos e os que axudaron a pagar a gravación do disco. Imprescindible foi o papel da súa nai, Eva María Martínez, que escribiu todas as letras do disco. Xoana só ten palabras de agradecemento: “Que ela escribise as letras e me axudase tanto é algo moi bonito”.
Dardos foi publicado polo selo Inquedanzas Sonoras, e está aínda comezando a súa andadura. O seu estilo, a pesar de ter moita variedade, desde funky, jazz ou reggae, poderíamos definilo como pop. O reto inminente de Xoana é escribir as súas propias cancións. Polo de agora poderemos vela en directo presentanto este Dardos. Concretamente este xoves día 7 estará na Casa Das Crechas, de Santiago de Compostela.