Lidia Veiga ía para avogada, mais a día de hoxe é un dos talentos da interpretación que máis está a despuntar en Galicia, aínda que ela, máis que actriz, considérase unha traballadora cultural. Defensora da creación colectiva, Veiga protagoniza o filme “Cando toco un animal”, un proxecto valente que amosa realidades emocionais e sexuais explícitas e, ao tempo, afastadas da pornografía. «Fíxose porque tiña que existir», defende a actriz galega. En plena xira por teatros coa irreverente e divertida “Iribarne”, Veiga está a descubrir o seu propio talento para a dobraxe e aínda terá tempo para presentar, o vindeiro 23 de marzo, a gala dos Premios Mestre Mateo.
«Non son grandísima consumidora de tele nin de cine. Son máis de teatro, pero en realidade xa son máis da vida. Prefiro sentar nun banco e ver a xente andar pola rúa”, di, aínda que hai produtos audiovisuais galegos como “O Corno”, segundo explica, que hai que ver si ou si.
Aos seus 26 anos, Lidia Veiga (Arzúa, 1997) viaxa no tren cara ao éxito profesional e xa non hai quen a baixe. “A Lei de Santos”, “Matria”, “Iribarne”, “Reboiras”, “Cando toco un animal”, “Argonautas” son só algúns exemplos do seu traballo.
Xa de cativa apuntaba maneiras para a interpretación. «Sempre estiven moi vinculada ao artístico sen darme conta porque me encantaba debuxar, escribir e non tiña ningunha vergoña para cantar nas festas familiares. Era unha bulebule e sempre fun moi dramática”, lembra e ri a actriz de Arzúa.
«Non son grandísima consumidora de tele nin de cine. Son máis de teatro, pero en realidade xa son máis da vida. Prefiro sentar nun banco e ver a xente andar pola rúa»
Din que a vida acaba poñendo a cadaquén no seu lugar e a Lidia Veiga o seu destino dirixiuna cara á interpretación. Había tradición familiar no eido da comedia, xa que tanto o seu pai, Xan Veiga; e o seu padriño, Lito de Arzúa, son monologuistas e mesmo estiveron no Luar. Con todo, cando con 17 anos tivo que encher eses ocos das carreiras para a ABAU, a súa primeira opción foi Dereito, tal e como llo indicara o orientador do instituto; e logo tamén educación infantil e INEF (foi nadadora profesional).
En realidade, ningún deses proxectos de futuro a entusiasmaba. Pero todo cambiou cando un día descubriu o teatro, o de verdade, coa obra “Xardín Suspenso”, do Centro Dramático Galego, con Melania Cruz entre o elenco. Ante esa obra Lidia Veiga chorou e riu. «Entrei nun universo súper descoñecido para min a nivel emocional. Era un sitio público onde eu estaba sentindo unha intimidade que nunca pensara sentir en público, con tanta xente», asegura. Isto foi posible porque Maca, profesora do seu instituto, os levou ao teatro.
Veiga tiña 18 anos e «estaba como saída das cavernas. Case non podía crer que esa xente gañase cartos con iso. Acendéuseme unha bombilla e decidín buscar para estudar algo relacionado coa interpretación», detalla.
Coñeceu daquela a existencia da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en Vigo. Fixo as probas de acceso e entrou. Comezaba outra xeira na súa vida. «Foi un cambio moi grande pero moi acertado para construír a miña personalidade», di Veiga, ao tempo que esmendrella coa risa ao lembrar como, ao comezo, saudaba a toda a xente polas rúas de Vigo «por educación».
A creación colectiva
A escola foi o medio para chegar ao mundo da interpretación, malia que non comparte os métodos do ensino. «Non hai realidade profesional. Parece como que non queren desvelar os segredos da profesión», lamenta. Con todo, a de Arzúa aproveitou o tempo, foi participando en proxectos audiovisuais durante a carreira, e especializouse en interpretación xestual, a rama máis relacionada co corpo, a performance, o contemporáneo e sobre todo «co que a min máis me interesa, a creación colectiva», segundo explica.
Precisamente, no que supuxo o seu debut como protagonista nunha longametraxe, “Cando toco un animal” (Ángel Filgueira, 2023) Lidia Veiga experimenta o poder da creación colectiva e a valentía e xenerosidade dun director que traballa con ese método. «Algo moito máis interesante que ler un guión», apunta.
«Ángel non visualizou as palabras que dicían as personaxes. Fomos nós atopando esas palabras», explica Veiga en referencia a “Cando toco un animal”
Non é que non houbese guión, senón que este era descritivo, non tiña texto. «Ángel non visualizou as palabras que dicían as personaxes. Fomos nós atopando esas palabras», explica Veiga.
Neste proceso de creación colectiva o director sabía perfectamente cara a onde ían os personaxes, que se quería contar en cada escena, cal era o arco emocional do personaxe pero non había unha construción elaborada de todos os elementos. «Tivo a valentía e a vontade de entregarnos en man a todo o equipo o que el quería facer e que colaboraramos. Hai que ser moi valente para confiar así no equipo», subliña a actriz.
Tras pasar por numerosos festivais tanto de España como de fóra durante o ano pasado, e clausurar o Novos Cinemas de Pontevedra, cal é o percorrido da película agora? A actriz recoñece que o corte de idade e o contido do filme reduce as súas posibilidades en salas comerciais, mais o traballo está feito e agora hai que amosarllo á xente, sobre todo á mocidade que precisa educación emocional, sexual e de identidade de xénero, polo que defende a súa visualización en institutos.
«Por desgraza o porno é base da educación sexual que teñen a gran maioría dos adolescentes. É algo moi preocupante, porque ademais é algo moi machista»
«A intención principal era que se vira a realidade sexual, de xénero, de identidade, emocional… e que a xente puidera identificarse con iso, sobre todo os adolescentes», detalla Veiga. A actriz explica que «por desgraza o porno é base da educación sexual que teñen a gran maioría dos adolescentes. É algo moi preocupante, porque ademais é algo moi machista, cunha hipersexualización das lesbianas e o colectivo queer, moi mal representando en xeral». Veiga defende que sería importante que a película chegue aos institutos, aínda que sexa complicado «venderlla» aos profesores. «Este produto fíxose porque ten que existir. Ten que haber este tipo de representacións no cine, e no cine galego, tamén».
Alén dos proxectos audiovisuais, Veiga sempre tivo moi claro que quería facer teatro e a oportunidade chegou da man de Xavier Castiñeiras, co que traballou na obra “Camiños” facendo unha substitución e co que percorre agora España e Galicia na xira de “Iribarne” (Butaca Zero). «É súper divertida e irreverente. A pesar de que o humor pode ser duro ou salvaxe nalgún momento, é moi elegante a maneira que temos de contar a historia, e moi rebelde. Estou moi orgullosa de poder formar parte do equipo de Iribarne e traer esta proposta a Galicia», asegura a actriz.
Veiga compaxina a xira teatral cos proxectos de dobraxe, que cada vez son máis e máis importantes –xa tivo dous papeis protagonistas- e mesmo o medio radiofónico, posto que segue coa súa cita semanal do programa Exército Mekemeke, un videopodcast en galego pensado para a xente de Tik Tok.
En pouco menos dun mes, ademais, a actriz de Arzúa terá a honra de presentar, xunto a Miguel Canalejo, a Gala dos Premios Mestre Mateo, dirixida pola dramaturga Noemí Rodríguez.
Con todo, Lidia Veiga asegura que a súa grande ilusión é no futuro poder traballar en Arzúa o tecido cultural. A actriz rebélase contra a concentración cultural nas cidades xa que a xente das vilas e das aldeas tamén precisa referentes e poder coñecer en persoa directores de teatro, escenógrafas ou iluminadores. «É unha débeda que teño coa miña nena pequena e gustaríame que o teatro estivera moito máis presente na vila, e non só teatro».
Veiga, que sempre que pode aproveita para ofrecer obradoiros coa cativada da súa vila, defende que non é só unha intérprete. «Eu sempre digo que non me considero unha actriz. Considérome unha traballadora cultural porque non só actúo, senón que fago máis cousas», argumenta.