Carla Rivas. O outro gran descubrimento de 'O Corno'

Unha moza de Carril soña con ser actriz. Sóñao sabendo que nunca pasará porque non ve a posibilidade. Nunca fixera teatro nin tivo a oportunidade de presentarse a casting ningún. É un soño frustrado desde a súa concepción. Mais con 17 anos chégalle a ocasión e non a desaproveita.  

Todo o mundo fala de Janet Novás e o seu impresionante debut no cine como actriz protagonista de O Corno, mais o outro gran descubrimento chámase Carla Rivas e agora ten 18 anos. Ela interpreta a Luísa, unha das personaxes clave da película que vén de chegar ás salas de cine.

 

Carla Rivas naceu e creceu en Carril, de onde é a súa familia materna. O seu pai ten raíces en Monforte,  polo que ela se considera unha mestura de mar e montaña, aínda que ten claras a súas preferencias. «A montaña está ben, pero como o mar non hai nada», asegura.

Medrou nunha casa con moita arte, con cadros e libros aquí e acolá. «A miña casa está chea de pinturas do meu avó, que era profesor de plástica», indica, e o cine era a escusa para reunir a familia fronte á televisión.

Rivas ten predilección tamén pola moda desde nena - «Ti ves as fotos de cando era pequeniña e sempre saio cun bolso ou algo así, moi fashion» e gústalle saber a orixe das prendas que saen nas pasarelas. Este gusto pola moda levouna a comezar este ano a carreira de Xestión industrial de moda, en Ferrol.

Carla Rivas, na estrea de 'O Corno' no Festival de Cine de San Sebastián. © Eugenio Hernández

«Teño moita curiosidade por ver de onde veñen as cousas, os desfiles cando os miro de onde saen esas pezas. Tamén na roupa cando me visto gústame experimentar. Ao final é unha maneira de expresarte ti tamén» , relata. «Ti vísteste dependendo do lugar onde vives, e vese o poder económico tanto da persoa como do país, o clima, as circunstancias da cultura do lugar onde vives. Entón analizando cando prenda podes ir vendo a sociedade», engade.

O de ser actriz era como «un soño frustrado que eu pensaba  que na miña vida me ía pasar. Eu vivía na tristeza de podelo pensar sabendo que nunca ía pasar, pero ao final, pois mira», explica 

Carla Rivas sempre quixo ser actriz. Lembra que de pequeniña xa soñaba con ser esa persoa que sae na pantalla representando unha ficción, pero non vía a oportunidade. «Cando era pequena nin había grupo de teatro por aquí. Tampouco había moito casting”, indica.

O de ser actriz era como «un soño frustrado que eu pensaba  que na miña vida me ía pasar. Eu vivía na tristeza de podelo pensar sabendo que nunca ía pasar, pero ao final, pois mira», explica Rivas, en alusión á súa participación na película O Corno, de Jaione Camborda.

Nunca fixera nada no mundo da interpretación. Nas funcións do colexio de fin de curso sempre lle tocaban os papeis «horribles», asegura. «Se ían representar Brancaneves, pois os que sobrabamos eramos os ananiños e a min tocoume ser Mudito, así que moito non facía», lembra entre risas.

Chega a oportunidade

Mais un día chegou a ocasión máis inesperada. Un venres de maio de 2022 a moza atopábase nunha terraza da súa vila tomando algo cos seus amigos. Era un grupo moi numeroso e había conversas cruzadas cando escoitou unha referencia a un casting. «Imaxinade que me vedes no cinema», dixo o seu amigo André; e Rivas saltou como un resorte na busca de detalles. O seu amigo explicoulle que chegara información á academia onde el bailaba e a rapaza anotouse axiña. «O non xa o tiña e non perdía nada», di.

Encheu o formulario, xuntou un par de fotos e seguiu coa súa vida. Daquela Carla Rivas acababa de rematar primeiro de Bacharelato e tiña formado parte do equipo de debate do seu instituto –o IES O Carril-, que logo chegaría á final do Parlamento Xove en Santiago. Quizais sexa esta a experiencia máis próxima co mundo da interpretación que puido ter a moza ata ese momento. «Axúdate un montón tanto a falar en público como no tema da investigación porque tes que levar argumentos de todo. Mentalmente é moi esixente porque tamén tes que improvisar xa que non sabes por onde vai saír o equipo contrario e tes que xustificalo todo con algún documento real. É unha experiencia moi bonita”, asegura.

Un mes despois recibiu a chamada para unha segunda fase, preto de Ribadumia, onde xa había cámaras e tivo que facer a «proba das miradas» para expresar sentimentos. Evidentemente tamén pasou esta proba e chegou ao casting final de Santiago, onde xa estaba a directora e tres rapazas máis para o papel de Luísa.

Fotograma de 'O Corno', con Carla Rivas. © Elástica Films

Carla Rivas volveu facer a «proba das miradas» e sentiuse moi cómoda. «A verdade é que me vía con posibilidades», asegura. O teléfono soou ao día seguinte e estivo dez minutos dando saltos polo seu cuarto.

A partir de aí, un intenso verán de ensaios en Santiago e a rodaxe en setembro. Ese verán de 2022 Carla Rivas converteuse en actriz e gozouno. «A promoción está ben pero onde mellor o pasas é na rodaxe. Encantoume o equipo. Moi profesional pero moi divertido», indica.  Rivas confirmaba entón que os seus anhelos tiñan certo fundamento, que lle gustaba o traballo e dábaselle ben. «Metíame na personaxe e ás veces case me esquecía que había cámaras gravando», asegura.  

 No verán de 2022 Carla Rivas converteuse en actriz e gozouno. «A promoción está ben pero onde mellor o pasas é na rodaxe», asegura

Non foi ata un ano despois, nada más e nada menos que no Festival de Cine de San Sebastián, cando a actriz puido ver a película completa e mirouse na pantalla grande. «Cando acabou era como que quería chorar pero non era capaz, e quería rir pero tampouco era capaz. Tiña como un bloqueo, porque a película é tan potente que a miña cabeza non procesaba», asegura. «Ao ser a primeira vez que me vía nunha pantalla tan grande era todo moi raro. Era como ver outra persoa, pero es ti, pero á vez non es. A película encantoume. Xa sabía que ía ser boa, pero non esperaba tanta potencia. Saímos da proxección e dixen que iamos gañar», lembra.

Elenco de 'O Corno', en Donostia. © Eugenio Hernández

Efectivamente O Corno, a película galega, rodada en galego e dirixida pola directora donostiarra afincada en Galicia Jaione Carborda, gañou. E fixo historia. A primeira película en galego seleccionada e gañadora da sección oficial do festival e a primeira directora do Estado que acada a Cuncha de Ouro. «É un orgullo incrible, que o primeiro proxecto no que participo teña este resultado», subliña.

Carla Rivas asegura que lle gustaría avanzar no mundo da interpretación e seguirá presentándose a castings co obxectivo tamén de acadar un día un papel protagonista. Mais ten moi claro que vai facer a carreira universitaria elixida porque sempre ten que estar con varias cousas a un tempo e non ve que sexan incompatibles ambos os dous camiños. «Ao final todo está conectado, todo é arte», asegura.

Postos a elixir a película a protagonizar, a carrilexa indica que «un drama con suspense» sería o seu ideal. Ao tempo, amosa unha curiosa bagaxe cultural aos 18 anos ao engadir que lle gustaría ter sido protagonista de Con saias e a rachar (Billy Wilder, 1959) porque é a película coa que máis riu na súa vida.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Javier Ferreiro: «A miña forma de contarlle ao mundo as miñas inquedanzas é facendo películas e series»

    O cineasta de Lugo Javier Ferreiro ten dous proxectos tan distintos entre si como conmovedores xa desde o papel. Acaba de asinar a produción da súa primeira serie coa produtora de Javier Calvo e Javier Ambrossi, Mariliendre, e traballa no guión do seu debut na longametraxe: Fame e febre, unha película rodada en Galicia e en galego sobre o que levan por dentro as persoas que coidan.

    Cinema
  • Soraya Luaces. Naceu unha Estrella

    «Eu véñoche natural», di Soraya Luaces ao comezo da conversa que mantemos con ela en Vilanova de Arousa, pouco antes da preestrea de Matria, que comparte con todo o equipo da película. É a súa primeira entrevista sobre o filme. Sentadas nas cadeiras do auditorio Valle Inclán repasamos o que o cine lle está achegando a esta muller de 21 anos natural de Miñortos (Porto do Son), que ten no filme de Álvaro Gago o seu segundo papel como actriz.

    Cinema
  • O corpo aberto. 'Okupas' de corpos na Raia Seca

    Estréase ‘O corpo aberto’, de Ángeles Huerta, un filme de ‘terror folk’ que adapta un relato de Arraianos, de Méndez Ferrín, e no que a atmósfera de misterio deriva nun baile carnal que traspasa os corpos e subverte o xénero.  

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.