O cineasta de Lugo Javier Ferreiro ten dous proxectos tan distintos entre si como conmovedores xa desde o papel. Acaba de asinar a produción da súa primeira serie coa produtora de Javier Calvo e Javier Ambrossi, Mariliendre, e traballa no guión do seu debut na longametraxe: Fame e febre, unha película rodada en Galicia e en galego da man de Sétima, a produtora de Silvia Fuentes e Anxos Fazáns, sobre o que levan por dentro as persoas que coidan
Quen traballa no audiovisual sabe que pasa moito tempo ata que os proxectos chegan o público, se é que finalmente chegan. Hai moito traballo detrás, e a maioría non se ve, pero non é posible sen confianza no que estás facendo. Así o explica Javier Ferreiro (Lugo, 1989). «Tes que ter o presaxio de que esa historia pode funcionar», advirte o director e guionista que está a desenvolver a súa primeira serie de televisión, Mariliendre, con Suma Content –a produtora de Javier Calvo e Javier Ambrossi– e Atresplayer; mentres avanza no proceso de escrita da que será a súa primeira longametraxe, Fame e febre, da man de Sétima, a produtora de Silvia Fuentes e Anxos Fazáns.
Mariliendre será a súa primeira serie como creador, pero non a súa primeira experiencia neste campo, pois ao entrar en contacto con Javier Calvo e Javier Ambrossi tamén o convidaron a formar parte do equipo de guión de Vestidas de azul, a serie que lle dá continuación a Veneno e adapta o segundo libro de Valeria Vegas. «Comezaremos a rodar cara ao ano que vén, estamos en proceso de escrita, pero xa está garantido o apoio de Atresplayer», conta Javier Ferreiro.
«Síntome moi agradecido. Podo dicir que son un novato e estar comezando apoiado por Suma Content, que aposta por determinados contidos e dá moita liberdade á hora de desenvolvelos, e dentro dunha plataforma que conta con series como Veneno ou Cardo, que están marcando un cambio dentro da forma de contar as cousas, é unha sorte. Tamén sinto moita responsabilidade, como creador, para facer unha boa serie», agrega o cineasta.
O universo de Mariliendre leva na súa cabeza desde o ano 2019. Esta serie musical afonda na figura da "marilendia", esta muller que sempre vai rodeada de homes gais e bisexuais. «É unha especie de compendio de todas esas marilendias que eu coñecín, que estiveron ao meu carón ou ao doutros amigos, centrado especialmente nas que teño máis preto. É unha homenaxe. Recuperamos unha personaxe que era a "reina do bacalao", cun séquito de homes gais, que tras trinta e pico anos, e despois de ter un suceso tráxico na súa vida, está abandonada», explica Ferreiro.
«A serie é unha especie de compendio de todas esas marilendias que eu coñecín»
A serie é unha aposta e un reto pola complexidade de preparar os números musicais. O lugués está a escribir o guión xunto a Paloma Rando e Carmen Aumedes. «É moi gratificante compartir o teu proxecto. Cando eu traballo nun proxecto persoal doutra persoa agradézoo moito tamén porque entras no seu universo e sitúaste no seu lugar. Hai moitas formas de contar unha mesma historia, pero o interesante aquí é atopar entre diferentes persoas unha maneira de contar. Traballamos con ese modelo moi americano dun cuarto de escritores onde se traballan as ideas en común, e é un proceso moi interesante», asegura Javier Ferreiro, para lembrar que o audiovisual sempre é un traballo en equipo.
«A miña forma de contarlle ao mundo as miñas inquedanzas é facendo películas e series, e é moi gratificante ter este medio para contar. Se lle dixeran ao Javier pequeno que estaba en Lugo que pasados os anos atoparía esa forma de expresarse... É curioso», asegura. Aínda que tamén considera que a sorte xoga un papel importante á hora de conseguir sacar os proxectos adiante: «Son moi consciente de que hai moita xente moi boa que o está intentando, pero ás veces os proxectos non chegan a ver a luz. Á parte do esforzo, de certo talento e das persoas que te acompañan, hai un factor de sorte. Estar no lugar correcto no momento axeitado tamén axuda e, nese sentido, síntome un privilexiado por estar nesta profesión e polas historias que estou a contar».
Javier Ferreiro estudou Comunicación Audiovisual na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, fixo o Máster en Guion de Cine y Televisión da Universidad Carlos III de Madrid e despois especializouse en dirección de ficción na Escuela Internacional de Cine y Televisión de San Antonio de Los Baños, en Cuba, onde estivo tres anos. «A distancia con Galicia sempre che dá como unha visión do que era a túa vida desde fóra. Para min foi un lugar de reflexión no que traballei moito co cinema documental. Porque aínda que te especialices en ficción tes que facer prácticas documentais, e acabas tirando da experiencia propia e das túas vivencias, polo que é un espazo de moita experimentación. Síntome moi conectado con pequenas pezas que fixen alí, foi unha etapa intensa e moi produtiva», lembra.
«Sempre estarei agradecido á escola de San Antonio de Los Baños porque me axudou a estar conectado comigo mesmo e a explorar a miña identidade»
Confesa que cando regresou a España estaba un pouco desorientado, en Cuba a desconexión do mundo exterior era case total, podía pasar días sen cobertura e sen conectarse á rede. Foi nesa etapa, na volta á Península, cando conectou as cineastas Andrea Herrera Catalá e Almudena Monzú e entrou a formar parte da produtora Amor y Lujo. «Comezamos a desenvolver proxectos propios e axudar a outras persoas cos seus. Foi unha forma de coñecer a industria por dentro, porque non é o mesmo estudar unhas cousas que estar en contacto directo co sector. Pero sempre estarei agradecido á escola de San Antonio de Los Baños porque me axudou a estar conectado comigo mesmo e a explorar a miña identidade. Dos proxectos que teño en marcha agora mesmo, todos teñen unha parte persoal importante», explica.
Enfrontarse a un mesmo é doloroso, ás veces é preciso separarse para comprender. Os anos en Cuba, conta Javier Ferreiro, tamén son necesarios para entender como chega ata a idea da que será a súa primeira longametraxe: Fame e febre. Un filme de ficción que bebe da experiencia persoal da relación coa súa irmá Ana. «Está baseada en realidades que vivín coa miña irmá, que tiña un trastorno da alimentación e loitou moito. Eu vivín moi de preto a enfermidade, coa miña nai –que se fixo cargo desde o minuto un do seu coidado–, e co meu pai. Quero falar dun proceso que vivín coa miña irmá, que foi o seu ingreso na unidade trastornos alimenticios no hospital de Conxo, en Santiago de Compostela», revela o cineasta.
«Interésame unha película feita en Galicia, en galego, que fale da homosexualidade e dos coidados»
A esa unidade de hospitalización chegan persoas trasladadas de toda Galicia cando se considera que a súa situación pode ser límite, e alí tamén abrollan emocións límite. Quen sempre están son as persoas que coidan, unha figura que a Ferreiro lle interesa moito mostrar nos seus traballos: «Que fai o coidador cando de súpeto non ten a persoa que coida? Que fai no momento no que ten tempo para enfrontar a súa vida? Falei moitas veces coa miña nai en que o momento no que estás a coidar de alguén é pura supervivencia, hai moitas cousas nas que non pensas porque o instinto de supervivencia é case animal nese punto».
«Sempre fun unha persoa moi calmada e moi calada, e penso que continúo sendo esa mesma persoa que marchou de Lugo con dezaoito anos», confesa. Pero nesta película hai moito do que pasou no seu interior e situacións que non son doadas de compartir. Fame e febre é a historia de Afonso, que ten a ingresada á súa irmá Clara e de pronto ten un tempo para si mesmo, para analizar os comportamentos espello que ten coa súa irmá e a súa relación coa soidade, a ansiedade, a comida, e tamén a súa relación cos homes.
Interésame unha película feita en Galicia, en galego, que fale da homosexualidade e dos coidados. Faime moita ilusión porque teño unha conexión constante con Galicia e que sexa na lingua coa que me criei na miña casa é unha das cousas máis gratificantes
«É un personaxe homosexual, coma min, e hai diferentes factores que están na súa mente. Digo que a película é moi persoal tamén porque me interesa unha película feita en Galicia, en galego, que fale da homosexualidade e dos coidados. Faime moita ilusión porque teño unha conexión constante con Galicia e que sexa na lingua coa que me criei na miña casa é unha das cousas máis gratificantes», confesa Javier Ferreiro. «A película pon sobre a mesa as enfermidades mentais. A xente non é consciente da precariedade na que se vive vinculado a este tema, canta xente sofre en silencio mentres non hai infraestruturas nin persoal suficientes. No momento no que coñeces determinadas realidades, pasas como a unha nova fase do videoxogo e a perspectiva que tes das cousas é totalmente diferente», razoa.
Mentres Fame e febre e Mariliendre seguen o seu camiño, Javier segue acollendo novos retos profesionais e formará parte do equipo de guión doutra serie os vindeiros meses. Seguiremos o seu camiño ata as pantallas dos festivais, dos cinemas e das nosas casas.