Soraya Luaces: «Metinme á aventura e estame saíndo ben»

«Eu véñoche natural», di Soraya Luaces ao comezo da conversa que mantemos con ela en Vilanova de Arousa, pouco antes da preestrea de Matria, que comparte con todo o equipo da película. É a súa primeira entrevista sobre o filme. Sentadas nas cadeiras do auditorio Valle Inclán repasamos o que o cine lle está achegando a esta muller de 21 anos natural de Miñortos (Porto do Son), que ten no filme de Álvaro Gago o seu segundo papel como actriz.

 

Gustaríalle dedicarse á interpretación? «Encantaríame, dedicaríame a isto. Pero si me vén, vénme». Soraya Luaces é moi cauta nas respostas sobre o seu futuro no sector audiovisual, aínda que non se quere baixar do soño: «Se vexo así algún casting ou calquera cousa que vexa que dou o perfil que buscan, pois si, non me custa nada mandar o meu currículum. Pero tampouco é unha cousa que estea buscando súper a fuego, sabes?».

«Eu sei que aquí máis que nada hai que ter sorte, talento, e que ás veces non se dá. Que che teñen que saír ofertas, pero se non saen que fas? Tes que ter algo de antes, por iso a min o que me gusta é poder facer os meus estudos, e se podo seguir neste mundo, pois claro que si, pero non o tería como unha opción única», abunda Luaces.

Soraya Luaces dálle a réplica a María Vázquez en 'Matria' © Amador Lorenzo

A súa primeira experiencia como actriz foi na curtametraxe de Eloy Domínguez Serén, Rompente, que gañou os premios á mellor curta no Festival de Málaga, en Cans e no FIC Bueu, entre outros recoñecementos. Coprotagoniza a peza xunto a Sergio Baleirón, para quen tamén foi un debut na gran pantalla. «Veunos o director buscar polos institutos. Fun con el probar e ao cabo do tempo chamoume porque dixo que quería facer máis cousas comigo e, ao final, chamáronme para quedar eu tamén na curta. Non o podía crer, foi súper grande porque levaba tempo dicíndolle ao meu mellor amigo que me fixeran a proba e que parecían contentos. E ao final tocou a campá, colléronme a min e foi marabilloso. Foi unha experiencia incrible», lembra.

A raíz deste traballo chamárona de Matria: «Dixéronme que querían probar comigo. E tocou a campá outra vez». Na película do cineasta vigués Álvaro Gago interpreta á filla da protagonista, Ramona, que encarna a actriz María Vázquez, unha personaxe de ficción baseada na historia real de Francisca Iglesias. «Francis é xenial, encántame. Eu son a súa fan número un. É simpática, súper amable, aberta», apunta Soraya Luaces. 

As rodaxes da película e da curta foron moi distintas: «Eu con Eloy traballaba moito as escenas na casa, xuntabámonos Sergio e mais eu con el e formulabamos moitísimas veces a escena. Gravando e mirando como debera de ser, cun montón de tomas. Con Álvaro non foi tanto así, probabamos a ver o que saía, e se saía algo mellor, pois mellor. Por exemplo, a escena na que estou na cociña cos xurelos e co tomate foi toda improvisada, non collemos ao final o que era. Mola moito porque vas vendo diferentes maneiras de traballar, non é sempre o mesmo. E aprender sempre está ben».

O elenco de 'Matria' na preestrea en Vilanova de Arousa © Amador Lorenzo

Os de Rompente e Matria son papeis de rapazas novas con vidas nas que as cousas non se poden dar por feito, pero con fíos comúns coa 'vida real'. «A de Matria está moi tensa polos encontros coa nai. Eu quéroa, quero que ela estea ben pero non quero ir para a súa casa porque está ese home e sei que ese home non é bo para ela, e intento dirixila pero a ela tampouco lle gusta o meu. Tamén me vexo reflectida en moita xente da miña zona.

Hai moita xente da miña idade que está nunha situación na que non ten relación cos pais por asuntos de parella ou por problemas totalmente externos. Pero, ao final, o que senten todos é algo como: 'Eu téñoche rabia por isto, pero necesito que ti esteas ben tamén'. Na de Rompente eu xa era unha personaxe que tiña unha parella, viviamos na casa do pai da miña parella e tiña que estar estudando e coidar do fillo que tiñamos. Iso dáse tamén bastante na miña contorna, non tanto pero si tanto, sabes? Vén sendo un ámbito parecido», explica Soraya Luaces.

«O machismo que se ve en Matria é todo real. Todas podemos identificarnos co que conta a película»

«O machismo que se ve en Matria é todo real. Todas podemos identificarnos co que conta a película. Se non é polo mal trago que está pasando co home é polo mal trago do traballo ou co mal trago de que a súa filla non a quere ver. Ten aí unha conglomeración de emocións que wow... É que está tratando un tema das mulleres nun entorno de maltrato, con toda a presión acerca de conseguir traballo, ser nai... É unha sobrecarga moi grande», asevera.

Ela está estudando un ciclo superior de comercio e marketing que foi compaxinando co traballo no cine. «No instituto quérenme moito e vou aprobando todo con bastantes boas notas, saben que ando nisto e que me gusta moito e me emociona moito», di. Para o ano agarda trasladarse á Coruña para continuar alí os seus estudos, e se chega algo de cine, mellor: «É un bombazo xusto facer eu algo e ir dous anos seguidos a Málaga, aínda non mo creo. Dismo hai uns cantos anos e dígoche que imposible».

Fotograma de 'Matria' con María Vázquez e Soraya Luaces © Avalon

Soraya volveu este ano ao Festival de Málaga coa equipa de Matria tras a estrea de Rompente: «Como vou sempre pola vida coas expectativas baixas, despois cando me pasa algo bo é como wow. E desta vez en Málaga foi como o wow máximo. Non me esperaba para nada que fora tan bomba. Facendo fotos coa xente, andando por aí de súper protagonista... Pensaba: 'estou aquí súper mirada por todo o mundo'. Faise rarísimo, pero non sei, estivo ben».

Alí tamén puido ver a película por primeira vez na pantalla grande. «Chorei moitísimo –conta–, vela así non é o mesmo que cando estás na rodaxe, síntese máis. Para min, en cada trance que vai tendo María, vai aglutinando máis emocións: primeiro está mal coa parella, despois xuntábase o da parella co traballo, e logo a parella co traballo coa filla. E con iso a ela veslle cada vez a mirada máis perdida, máis apurada. Iso foi o que máis nos gustou. Tamén a enerxía coa que se solta todo, identifícase moito co que hai por aquí».

«De momento non me creo nada, aínda que agora penso que pode ser que valla para isto»

Luaces salienta que María Vázquez lle aconsellou que sexa ela mesma, e continúa no camiño para procesar todo o sucedido nestes dous anos. Por iso non quere pensar no futuro nin nos premios. «Eu vou coas expectativas baixas –incide– e se vén algo que veña. Con Eloy non sabía que ía gañar tantos premios e agora con Álvaro espero que sexa igual. Pero eu non vou esperar nada, quero que veñan e cantos máis mellor. Xa mo irei crendo pouco a pouco... De momento non me creo nada, aínda que agora penso que pode ser que valla para isto».

Con moita cautela, afirma que se puidera atopar máis traballos como estes sería feliz. «Interpretar algo é meterte na pel doutra persoa, cambiar a túa personalidade... Aínda que eu non cambiei moito moito, pero moldeas e ves outras perspectivas. E gústame porque tamén aprendes e ves máis cousas», sinala sobre a súa experiencia como actriz, para a que considera fundamental o feito de que ambos traballos teñen un vínculo coa súa contorna, con realidades que coñece ou recoñece, e foron rodaxes en galego. «Que foran en galego foi unha marabilla desde un principio porque eu póñome a falar castelán e non... Así fun natural en todo momento. Eu metinme á aventura e estame saíndo ben, parece ser», engade.  

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Máis Vinte

  • 'Rompente’. Outros camiños da xeración Z desde O Barbanza

    O cineasta Eloy Domínguez Serén adéntrase na ficción con 'Rompente'. A curtametraxe, que se estrea no Festival de Málaga, conta unha historia que se achega á realidade da xente nova na comarca do Barbanza e na Costa da Morte, onde moitas parellas repiten os roles dos seus pais e nais para saír adiante.

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.