Anxos Fazáns: “É importante facer contido erótico que fale da realidade diversa que vivimos”

Praia, sol, rochas, as ondas do Atlántico, corpos, sexo… e unha cámara. Ou máis ben dúas: a que filma e a que aparece filmando. Analóxica é a última película da directora Anxos Fazáns (“A estación violenta”): unha curtametraxe producida por Erika Lust para a súa plataforma XConfessions. Cine erótico, si. E falado en galego.


Podemos por fin dicir que a primeira película porno en galego xa existe, e é un porno diferente, alonxado das coordenadas machistas tan habituais nesta industria. Falamos con Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992) para que nos conte máis sobre Analóxica, dispoñible desde hai unhas semanas para quen se subscriba a esta plataforma. A curta poderase ver ademais no festival Curtocircuíto de Compostela o vindeiro 30 de setembro. Pero antes botémoslle un ollo ao tráiler: 

 

Como chegas a este proxecto?  Foi unha encarga ou algo que xa tiñas en mente facer? 

Como todas as cousas boas este proxecto xorde dun encontro fortuito nun bar. Teño unha tendencia innata a buscar continuamente retos que me afasten da comodidade e do aburrimento. Ese é o motor, sei que non sempre é o mellor, que persoalmente me leva a idear novos proxectos. Non me gusta repetir estruturas nin formatos se atopo novos xeitos de facer as cousas. Falo de novidades con respecto a min mesma e ao meu percorrido, claro. Sei que non estou descubrindo a pólvora co que fago, pero si vou abrindo novas formas de ver, entender e proxectar o mundo.

Por iso cando me reencontro despois de varios anos con Javier Ferreiro, compañeiro do instituto, e me conta que vén de traballar no equipo de produción de varias curtas de Erika Lust, enseguida me intereso e ese motor comeza a arrincar. Resulta que Erika ten aberta unha convocatoria para que directoras de calquera parte do mundo poidan realizar unha curta coa súa produtora. Soamente hai que presentar un proxecto... e que o acepten. Non é tan sinxelo como parece porque tes que dispor de experiencia e suxerir un equipo local co que traballar e que poida funcionar para o proxecto. Se cumpres todos os requisitos, a produtora de Erika financia o proxecto para poder facelo realidade. O que lle interesa ao equipo de XConfessions é atopar novas miradas sobre a sexualidade, novas paisaxes, novas caras, corpos, linguas… A idea de rodar en Galicia, en galego e cun equipo de aquí sumaba moitos puntos, así que enseguida se interesaron pola miña proposta.

Coñecías a Erika Lust ou seguías o seu traballo? 

Coñezo o traballo de Erika Lust dende hai tempo e sempre me sentín próxima ao seu discurso. A web de XConfessions coñézoa desde o instituto, máis ou menos a etapa na que todas comezamos a sentir curiosidade pola pornografía. A industria pornográfica sempre me xerou conflito e desconfianza. Por iso desde tan cedo resultou revelador atopar unha muller coma Erika que defende unha forma de produción segura para tódalas persoas implicadas, e que traballa por desarticular o discurso heteropatriarcal dominante, situando unha mirada feminista tamén na construción de ideais sexuais. Erika non é a única que está a traballar neste sentido, aínda que se cadra si é das voces máis coñecidas. Aínda hai moito por facer, a industria pornográfica convencional segue movendo moitos millóns e segue a estar baseada maioritariamente en estruturas de poder machistas. A educación sexual de gran parte da poboación está en man dos xeradores de contidos de pornografía convencional que o único que fan é perpetuar estereotipos, roles de xénero e comportamentos desiguais. É moi importante reverter esta situación e amosar contido erótico que fale dende a realidade múltiple e diversa en que vivimos. E sobre todo, que sente as bases para relacións sexuais onde o consentimento sexa o primeiro paso e o placer estea ao alcance de todas.

"A industria pornográfica sempre me xerou conflito e desconfianza. Por iso desde tan cedo resultou revelador atopar unha muller coma Erika que defende unha forma de produción segura para tódalas persoas implicadas, e que traballa por desarticular o discurso heteropatriarcal dominante, situando unha mirada feminista tamén na construción de ideais sexuais".

Imaxino que ao xurdir unha oportunidade coma esta terías que pensar bastante sobre o teu posicionamento, como cineasta e como muller, ante un xénero tan próximo á pornografía. Cales foron as túas reflexións ao respecto? Cambiou a túa posición ao facer esta película? 

Xa había tempo que viña reflexionando sobre esta cuestión. E sigo reflexionando hoxe en día. Non creo que teña unha resposta concreta para a problemática que supón a industria pornográfica na nosa sociedade. Dende o feminismo penso que temos que poñer en dúbida practicamente todo o que forme parte do sistema, porque o sistema é machista. E a pornografía, por suposto, forma parte do sistema. Gran parte do feminismo defende a desaparición dos contidos pornográficos, e paréceme unha opción válida, mais eu agora mesmo non son quen de defendela. Para min pode ser moito máis útil xerar contidos que fomenten relacións sas e diversas e que desplacen aos contidos que se consumen actualmente de xeito maioritario.

O que me parece fundamental, en calquera caso, é defender que todo contido erótico ten que ser creado a partír non só do consentimento, senón da implicación e entusiasmo de tódalas persoas do equipo técnico e artístico. Non poden existir situacións de poder entre directora, produtora, intérpretes ou técnicas. Hai moitas persoas con verdadeiro interese por experimentar entorno á sexualidade e dende ese interese compartido é dende onde temos que crear. Polo tanto si, existe en min este compromiso na forma de levar adiante o proxecto. Ademais, por suposto, de xerar un discurso acorde no resultado.

Momento da rodaxe de 'Analóxica' © Sabela Eiriz

De onde sae a idea de filmar unha muller filmando sexo na praia? 

Todo o meu traballo nesta curta está encamiñado a desmontar estereotipos. Estamos acostumadas a que sexan os homes os que filman. Tamén no cine convencional, pero se cadra máis cando se trata de filmar sexo. Como se ás mulleres non nos puidese interesar nin mirar, nin ser miradas, nin opinar, nin xulgar, nin construír o noso propio discurso entorno ao noso corpo e o noso sexo. Esta curta desmonta esa idea a moitos niveis. Por un lado porque son eu a directora que pon en marcha un proxecto co único fin de falar de sexo. E tamén porque son as personaxes femininas da curta as que moven a acción, as que dirixen intuitivamente todo canto acontece. 

Tamén existe un discurso de exaltación do poder da mirada. E polo tanto do poder das artes visuais en xeral e do cinema en particular. Penso que o cinema ten o poder de xerar intimidade con aquilo que filma. Neste caso está levado ao extremo porque se xera unha intimidade sexual. Non sempre é así, pero penso que sí que é un compoñente importante do acto de filmar, a intimidade xerada coas cousas e persoas que unha retrata. Sinto que establezo un vínculo cando miro a través dun visor. Por iso eu non son moi de andar sempre cunha cámara na man. Moitas cineastas teñen ese costume de gravalo todo, e paréceme marabilloso, supoño que o seu ollo funciona diferente. O meu ollo xera moita emoción e empatía cando gravo ou observo algo detidamente. E non son quen de agantar tanta intensidade a diario, así que reservo isto para momentos concretos. 

De todas estas cousas fala a curta tamén, ademais de falar de sexo. É a primeira vez que o verbalizo e visto así parece un material delicadísimo. Supoño que o é, pero á vez teño que dicir que esta curta partiu dun impulso moi intuitivo, non tan intelectual como pode parecer agora que o explico. 

Como foi a escolla de localizacións e do equipo artístico?

A localización tiña que ser unha praia. Porque é o meu lugar favorito para filmar, para estar, para observar… E a praia de Barra é un dos meus areais preferidos tamén, ademais era perfecto para filmar por estar rodeado de pinos, sen contacto directo con ningunha casa nin estrada. Alí podiamos atopar a tranquilidade e soidade necesaria para a rodaxe. 

O equipo artístico foi unha decisión algo máis complexa. Eu quería traballar con alguén con experiencia, pero sobre todo con alguén con ganas de traballar dende a tranquilidade, a naturalidade, alguén con quen todo puidese fluír comodamente. Neste sentido confiei moito no produtor, Javi, que me suxeriu persoas coas que el xa traballara. Despois de barallar varias opcións falamos con Marc (Morató), el xa fixera un par de curtas con Erika. Nese momento tiña parella, Iana (Bet), e estaban convencidos de que querían rodar xuntos. Para min esta era a situación ideal, rodar cunha parella real facilita moitísimo as cousas. Eles viñeron dende Barcelona, tivemos varias reunións por skype para acordar ben como sería todo. Eles estaban encantados de vir e coñecer as nosas praias, vaia, foi unha experiencia fermosísima para todas. 

Logo estaba a personaxe da rapaza que soamente grava. Esta si que era importante que fora galega porque é quen pon a voz narrativa a toda a curta. Enseguida me acordei de Dunia (Díaz), ela participara nalgún dos castings para A Estación Violenta e deixárame moi boas sensacións, ten unha fotoxenia marabillosa e moi boa enerxía. Tamén tivemos unha reunión, pareceulle todo unha idea estupenda e pasou a formar parte do equipo. Todas foron decisións que se foron tomando de xeito moi natural, a única premisa para min é que todas tiñamos que estar cómodas e ilusionadas coa idea da curta, e así foi.

"Supoño que son das primeiras en facer unha curta erótica con sexo explícito en galego e cunha distribución en festivais de cine, iso pode ser. Non lles dou moita importancia a estas cousas, non me gusta ir de abandeirada de nada. O cine erótico feminista xa vén de lonxe e o cine en galego tamén, era cuestión de tempo que isto pasase".

A curta chámase ‘Analóxica’ e está filmada en parte cunha cámara super8, non?  Por que elixiches este soporte analóxico e o reivindicas no título?  Cal é a conexión entre forma e contido neste caso? 

Efectivamente a curta está rodada parcialmente en analóxico, en super 8mm. Aquí volve a idea de naturalidade, amateurismo e sinxeleza. As cámaras de super 8 son moi versátiles e moi cómodas para gravar e sempre están vinculadas ao cinema amateur e caseiro. Claro que hoxe en día non son tan comúns e o cine caseiro facémolo case todas cos móbiles… pero parecíame importante que a cámara tivese unha presencia, un peso, unha importancia. Un móbil ou unha cámara das que temos todas na casa non xera esa sensación de que o que se está a gravar é amateur, pero é importante. Ademais no que a min respecta a cámara de super 8 non é un elemento tan estraño ou alleo, as miñas amigas acostuman andar con cámaras analóxicas nas viaxes ou excursións, é bastante común.

© Sabela Eiriz

A voz en off é en galego. Eras consciente de que iso marcaba certo fito na nosa cultura audiovisual?  Hai tempo que se vén reclamando cine X en galego, e mesmo houbera un proxecto para facer unha película, O divino ferrete, que nunca se chegou a executar.  Coñecíalo?  Pensas que hai máis percorrido para o cine X en galego? 

Nunca o pensei como un fito na historia nin moito menos. De feito, non tiña claro se O divino ferrete se chegara a rodar e estrear ou non. Ademais estou segura de que na rede existen videos X en galego, pero de interese escaso seguramente. Supoño que son das primeiras en facer unha curta erótica con sexo explícito en galego e cunha distribución en festivais de cine, iso pode ser. Non lles dou moita importancia a estas cousas, non me gusta ir de abandeirada de nada. O cine erótico feminista xa vén de lonxe e o cine en galego tamén, era cuestión de tempo que isto pasase. Se son a primeira, pois vale, espero non ser a última. 

Como foi recibido o uso do galego na plataforma XConfessions?  Os comentarios da web (con moitos parabéns, por certo), son en inglés e ao público non parece importarlle.  

Claro que non lle importa a ninguén, tampouco no cine convencional. Cando saes de España desaparecen estes dilemas. Cando distribúes internacionalmente ninguén pon pegas polo idioma no que está feita a película. Como moito, se é unha lingua minoritaria e se trata dun público sensibilizado, quizais gañe interese, pero nunca o vai perder. No caso da web de Erika levan tempo traballando en diversos idiomas: catalán, inglés, sueco, alemán, castelán… Non se cuestionaron nada cando propuxen facer a curta en galego.

Na produción de Analóxica estivo Javier Ferreiro, galego afincado en Barcelona, que dirixiu tamén outra peza para XConfessions publicada hai pouco: Faithful Dogs, baixo o nome de Von Ferro. Que nos podes contar deste creador? 

Javi foi unha persoa esencial no proceso de creación de Analóxica, acompañoume dende o comezo e tamén agora na distribución. Leva tempo producindo contido deste tipo e ten experiencia, coñece todos os pasos que hai que dar para garantir a seguridade dos intérpretes e do equipo. Para min o seu papel foi importantísimo, deume sempre moita tranquilidade e confianza poder resolver calquera dúbida con el. Tamén dirixe e escribe, acaba de estrear esa curta en XConfessions, marabillosa por certo, e está a escribir unha longametraxe de ficción. 

Tamén me pareceu fundamental neste proxecto o traballo de edición de Iria Silvosa e o de deseño sonoro de Charles Rapante (Víctor Rivas). Iria, ademais de traballar de montadora, crea as súas propias pezas e ten unha sensibilidade moi especial que nesta curta foi moi interesante para atopar a linguaxe adecuada. Do mesmo xeito Víctor é músico, técnico de son e artista visual. Grazas a isto puido aportar moito na construción sonora, non só pola música orixinal, senón pola propia edición de son, que termina de construír unha atmosfera onírica moi suxestiva. O traballo de Iria e Víctor foi necesario para rematar de converter a peza nunha creación de interese moito máis alá do erotismo.

Captura dunha das imaxes de 'Analóxica'. © Anxos Fazáns
María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.