As comunicadoras María Aragón e Alma Alonso presentan a súa primeira curta profesional, gañadora do certame CIMA10, na que foxen dos estereotipos das personaxes femininas maiores de 60 anos baixo o paraugas de Amazon Prime.
Escrita a catro mans «en tempo récord», Señora, por favor xorde da convocatoria do certame CIMA10, un concurso de curtametraxes lanzado a nivel nacional pola Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), coa colaboración de Amazon Prime. «Para escribir o guión inspirámonos no punto número catro das bases do concurso, no que se falaba de que no audiovisual semella que non hai mulleres que sexan maiores de 40 anos ou menores de 20» , explican as comunicadoras.
Aragón e Alonso están no último curso de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, a través da cal presentaron o seu guión titorizadas pola profesora Marta Pérez Pereiro. Cun equipo novo e baixo a mentorización da cineasta Paula Cons, directora de Dónde está Marta ou La isla de las mentiras, a curta é a primeira produción feita en galego para a plataforma audiovisual.
En cinco minutos, créditos incluídos, as futuras comunicadoras mesturan a esencia das clásicas series policiais coa comedia. Tomando como referencias un episodio de Brooklyn Nine-Nine desenvolto de xeito íntegro nunha comisaria, e as relacións da serie Barry, entre unha persoa maior e unha nova, as cineastas conforman unha trama na que, segundo apunta Alonso, «non todo é o que parece ser».
Unha aula da Facultade de Ciencias da Comunicación completamente transformada e revestida como se dunha comisaría da policía se tratase e unha parada do bus urbano, son os espazos nos que se desenvolve a curtametraxe. «Rodamos todo nun domingo, chegamos ás oito da mañá e estivemos alí traballando ata as nove da noite, xa que as bases de CIMA poñían que tiña ser unha rodaxe dun único día», especifican.
«Rodamos todo nun domingo, chegamos ás oito da mañá e estivemos alí traballando ata as nove da noite»
Unha señora maior, interpretada pola actriz María Costas, está a ser interrogada por un policía –Federico Pérez– no interior dunha comisaría cando, de súpeto, chega a súa neta –Grial Montes– a ver que está a acontecer e por que a súa avoa está nesa situación na que hai involucrado un satisfyer. Deste modo, dá inicio unha historia que podería contextualizarse en calquera personaxe, pero que, tal e como indican, «lle pasa a unha señora que ten máis de 60 anos». As directoras explican que quitar os prexuízos que existen sobre a xente maior no audiovisual era un dos seus obxectivos.
María Aragón remarca que o seu propósito era fuxir da imaxe que ten a xente maior na ficción, posto que «sempre semella que son unha carga á que hai que coidar ou teñen unha historia tráxica con mortes ou enfermidades». Para elas, a representación da relación entre xeracións, entre a avoa e a neta era outro dos piares básicos. «En toda a curta están as dúas falando de ti a ti, non existe nunca un comportamento que sexa relación coa avoa», aseguran.
«A inspiración da personaxe foi un pouco a miña avoa», espeta Aragón. Entre risas, Alma Alonso engade unha definición tan sinxela como clara da personalidade que pretendían reflectir na curta: «Queriamos que tivera a esencia dunha señora que che frite un ovo porque quedaches con fame e, ao mesmo tempo, que se notase que é completamente independente, que non necesita que ninguén vaia responder por ela».
«A inspiración da personaxe foi un pouco a miña avoa»
A conformación do elenco artístico foi outra parte fundamental do proceso. Tanto María Costas como Federico Pérezcontan con dous premios Mestre Mateo polas súas interpretacións e unhas carreiras máis que consolidadas, polo que sondas caras máis visibles da interpretación galega. Pola súa banda, Grial Montes ten participado en longas como María Solinha e en numerosas obras de teatro. «As tres propostas foron de Paula [Cons] porque ao final ela coñece máis xente que nós que está traballando e foron unhas escollas incribles», salientan as comunicadoras audiovisuais.
Rodada integramente en galego, Señora, por favor érguese como a primeira produción para Amazon Prime en galego. As bases do concurso permitían presentar os traballos en calquera lingua oficial do Estado, sempre que tivese subtítulos ao castelán, razón pola que as directoras aproveitaron para facela na súa propia lingua. «Na plataforma fan moita dobraxe ao galego, pero é o primeiro que se produce en galego, a cuestión do idioma era algo ao que lle daban moita importancia», sinala Alonso.
Un total de 25 persoas conformaron o equipo da rodaxe, das cales 18 eran mulleres, case todas estudantes ou ex-alumnas do propia facultade de Comunicación de Santiago. As directoras da curta resaltan os vínculos que fixeron en todo o proceso da rodaxe, posto que non todas as persoas que traballaron nela eran directamente coñecidas súas. «É un xeito de tecer redes con xente máis maior e máis pequena coa que poidamos encontrarnos no futuro e crear novos proxectos», comentan.
«Ter a alguén que sabe moito pendente de ti fai que aprendas moito máis, porque chevai dicir o que estás facendo ben e o que non»
Así mesmo, apuntan as diferenzas coas rodaxes das que formaran parte ata este momento: «En clase vas facendo o que podes, moitas veces regular, pero neste caso ter a alguén que sabe moito pendente de ti fai que aprendas moito máis, porque che vai dicir o que estás facendo ben e o que non». Sobre isto, as mentoras destacan que foi unha rodaxe «completamente profesional».
Aragón e Alonso fan fincapé na figura das mentoras ao longo do proxecto, das que salientan as facilidades que lles puxeron ao longo de todo o proceso, que durou cerca de tres meses. Máis aló do estritamente profesional, Aragón resalta o apoio brindado por Cons na parte emocional: «Había veces que te saturabas e ela é unha persoa á que podes recorrer e falarlle».
Pola súa banda, Paula Cons define a súa experiencia como «preciosa» e destaca que lle encantou que optasen pola comedia, un xénero que ela tardou moito tempo en darse conta de que moitas veces era a solución. «Gústame moito estar en contacto con xente nova e comprobar nas novas xeracións o que se avanzou e que o que se leva loitando ten sentido», sinala sobre a súa experiencia como mentora profesional na rodaxe.
A titora académica do traballo e profesora na facultade de Comunicación, Marta Pérez Pereiro, foi a primeira persoa á que se dirixiron Aragón e Alonso cando xa tiñan o guión escrito. O seu labor, menos creativo, consistía en poñer en contacto os recursos que aporta CIMA cos da facultade, un papel no que houbo que buscar solucións e no que salienta que a aprendizaxe continúa. «Tiven plena confianza nelas dende o primeiro momento, posto que xa nos coñeciamos das aulas», subliña.
Señora, por favor ve a luz como unha obra que elas mesmas definen como «innovadora» e na que a sexualidade feminina, dun xeito distendido, toma o protagonismo. Unha nova forma de poñer o foco naqueles temas moitas veces invisibles nas pantallas.