A era do 'burnout'. A saúde mental xa é tendencia estética en Pinterest

Cando en 2022 a OMS oficializou o burnout como enfermidade laboral, estaba a captar o espírito do tempo. O traballo esgota e cansa mentalmente, nun momento —o século XXI— no que a xente sente que non pode moito máis. Esta é a era da precaria saúde mental. Tanto que a súa sorte —ou ausencia dela— é xa tendencia estética en Pinterest

 

As tendencias do que vai importar nos meses seguintes que saca Pinterest con cada cambio de ano son un medidor do cool e do que interesa. É un baseado na masiva enxeñería de datos, de todas esas cousas que a xente busca unha e outra vez nunha rede social que, mesmo se non é unha das importantes-importantes, é un escaparate do aspiracional. «As persoas usan Pinterest para planear o futuro. Iso significa que temos insights únicos sobre o que será grande en breve», prometen. E este ano levaranse, segundo Pinterest Predicts, o estilo medusa, ter un recuncho café, a nostalxia tropical, as cociñas eclécticas, o aforro con estilo ou «combate o estrés». No medio de todas esas cousas que acabarán enchendo a planta de decoración dunha superficie comercial calquera está tamén a saúde mental.

Dinos isto que estamos banalizando en exceso os seus problemas ou que son xa tan habituais como para dominar taboleiros dunha rede social? «É unha evidencia de que hai preocupación, pero tamén unha banalización», dime o psicólogo Ismael Dorado, que é o secretario de organización da Sociedad Española para o Estudio da Ansiedada e o Estrés (SEAS). E como banalización, xunta, o é igual que cando a clase política fala do tema en campaña electoral e logo esquece todo sobre esta cuestión. 

Se en 2020 estaba preocupada pola súa saúde mental o 16% da poboación española, agora é o 61%. Dominio Público Image by rawpixel.com

Carlos Montes, presidente da Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia(COPG), apunta por unha terceira vía. Non é tanto —ou só— que o esteamos banalizando ou que sexa cada vez máis habitual, senón que agora «os problemas de saúde mental estanse a poñer enriba da mesa como nunca». Podería ser que banalicemos as cousas en redes sociais, indica Montes, pero o papel que teñen «non é unha novidade». O quiet quiting que marcou as axendas, lembra, comezou como unha tendencia de TikTok. 

Volvendo ao que conta Pinterest, o de combater é bastante literal. «En 2024, o mellor xeito de aliviar o estrés será tirando golpes ao aire», din. Estaremos todo o mundo a facer «deportes de combate», eliminando estrés a sopapos. Esta obsesión di moito de nós, case máis do que di que vaiamos amar as medusas ou crear zonas de culto ao café nos nosos fogares. Conta bastante do que nos preocupa e de como nos sentimos. E, por suposto, Pinterest fai unha análise global do estado das cousas. Non é posible poñerlle a lupa e ver que acontece en Galicia nesa ollada ás trends do mundo, pero a cuestión está igualmente próxima. 

«En 2024, o mellor xeito de aliviar o estrés será tirando golpes ao aire», din desde Pinterest. Estaremos todo o mundo a facer «deportes de combate», eliminando estrés a sopapos»

Polo último día da saúde mental, en outubro, Ipsos sacou unha versión actualizada do seu estudo sobre a cuestión. O Global Health Service Monitor 2023 dicía entón que a saúde mental era xa «o problema de saúde máis importante ao que se enfronta a poboación mundial», cunha media do 44% e cunha subida de 7 puntos fronte a 2022 e 18 fronte ao inicio da pandemia. A saúde mental xa preocupa máis ás persoas que o cancro, din. Os datos de España son peores que a media global: se en 2020 estaba preocupada pola súa saúde mental o 16% da poboación, agora é o 61%. En Europa, só lles preocupa máis en Suecia (67%). 

A cuestión é xa considerada un deses problemas cun certo cariz estrutural. De feito, unha análise do Consello Europeo sinalaba en decembro que unha de cada dúas persoas experimentara en 2023 en Europa «un problema emocional ou psicosocial». O contexto xeopolítico —e as súas moitas crises— empeoraran a situación. A actualidade fainos mal, cada vez peor. As conclusións viñan acompañadas dunha lista de ideas a facer polos organismos públicos, como detección precoz, loita contra a soidade ou contra a estigmatización ou unha xestión de riscos de saúde mental no traballo. 

Galicia non é allea a todos estes datos, porque a cuestión da saúde mental é —como demostran todos estes estudios— un problema global. Algunhas estatísticas van dando pinceladas da cuestión mental galega: é a comunidade autónoma coa maior taxa de suicidios (Lugo, a provincia que encabeza a lista galega e a terceira do Estado) e, se un estudio sinala que é a segunda mellor saúde mental de España, logo di que é a que prescribe máis fármacos tranquilizantes. 

No conto do estrés, ese que se está a converter no temor ubicuo do século XXI, se cadra xoga en contra que se asocia á vida acelerada en zonas megaurbanas e parece, por tanto, que Galicia poda ser unha Arcadia de paz campestre. Nesga iso a nosa visión do problema? Leva a pensar que é unha cousa doutros cando a temos tamén na porta? «A aproximación á saúde mental é multifactorial», explica Montes. Nela, entran tamén cuestións sociais e demográficas. Cunha poboación no rural galego repartida por aldeas ou vilas moi pequenas ou moi dispersas, pódense atopar problemas de soidade, sinala. 

O estrés vinculase cos usos e a realidade social do traballo moderno Dominio Público Image by rawpixel.com

Pero cando falamos de estrés, apunta, conectando xustamente co que di o Consello de Europa, o punto de orixe está no traballo. Pensamos en cidades aceleradas, cando a esencia está en como é o traballo moderno. Volvendo ás explicacións de Montes, o estrés vinculase cos usos e a realidade social do traballo moderno. Unha carga de traballo desaxeitada, unha falta de claridade nas funcións a desempeñar, a precariedade, unha percepción de falta de apoio e outras dimensións levan a que nos agoniemos. 

A terapia de sopapos da que fala Pinterest nas súas proxeccións do guay para este ano vai paralela ao boom das apps de meditación, da moda do mindfulness ou das sempre presentes listas de consellos de produtividade e mellor xestión do tempo. Unha das palabras máis invocadas destas décadas é a do burnout, ese estar queimados. En 2022, a OMS recoñeceuna como enfermidade laboral e, coa Organización Mundial do Traballo, pediu «medidas concretas» para atallala. «É o momento de centrarse no efecto prexudicial que o traballo pode ter na nosa saúde mental», dixo daquela o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus. Se pasamos tanto tempo traballando, sumaba, debería ser un espazo «seguro e saudable».

Pode que usemos de xeito excesivo a palabra para falar das cousas malas do traballo —«na medida na que falamos», dime Montes, o uso do termo burnout non é de todo adecuado— pero o problema está aí. Require un proceso prolongado que leva a un esgotamento e a unha falta de enerxía. Hai un proceso de desgaste. Chegamos a un punto de non poder máis. E o certo é que, se o traballo enferma, non nos gusta falar de saúde mental nese espazo. O estudio Tabúes en el entorno laboral realizado por Sondea para Amazon conclúe que o 45% das persoas en España non se senten seguras falando deste tema nun entorno profesional. 

A OMS estimou que a depresión e a ansiedade levan a perder 12.000 millóns de días de traballo ao ano no mundo. Dominio Público Image by rawpixel.com

Entrar, iso si, xa entrou nas políticas corporativas. Que sexan grandes multinacionais as que fan estudos sobre o que acontece na saúde mental do persoal é unha pista. Se cadra, tampouco habería que esquecer que, igual que existen estudos sobre esta prevalencia, tamén os hai sobre os custos económicos que supón. A mesma OMS estimou que a depresión e a ansiedade levan a perder 12.000 millóns de días de traballo ao ano no mundo. Sexa cuestión de capitalismo, sexa cuestión de ética, as compañías están tomando máis en serio a saúde mental. 

Montes explica que a cuestión é abordada e que entrou nos plans de saúde laboral. Non pode facer un panorama xeral do que acontece coas empresas galegas —cada compañía é un mundo, explica—, pero xa se traballa nisto. «Si que hai moito interese e moita vontade», di. Cambiará isto as cousas? «O escenario a priori debería ser favorable, pero non se vai conseguir da noite á maña. Require o esforzo de todos», apunta. 

Sexa cuestión de capitalismo, sexa cuestión de ética, as compañías están tomando máis en serio a saúde mental

O traballo é unha peza fundamental para comprender que nos pasa, pero a foto da saúde mental colectiva ten moitos máis alicerces. Cando se lle pregunta polo que leva a que sexa o grande problema do século XXI, Dorado fala de «dous factores fundamentais» para comprender as bases desta era de mala saúde mental. O primeiro é a caída da idade para ter un trastorno mental. «Aumentou nos dous polos», di. Cada vez rexistran máis casos entre os maiores de 65 anos —afectados pola soidade— e entre a rapazada. O segundo é un dato do que non se fala moito. «O índice de suicidios estase disparando», apunta. Mentres, España marca récords no consumo de sustancias como as benzodiacepinas, suma. Isto é, sinala, un parche que non resolve o problema, un no que os modos de vida impactan. Dorado fala da happycracia, a obsesión moderna coa felicidade e a súa falta. «Se non son feliz é porque fago algo mal, cando hai un proceso», sintetiza sobre o que pensamos e o que falla. A iso suma que «confundimos felicidade con diñeiro». «É unha trampa. O ser feliz estamos a confundilo cos cartos», apunta. 

A incerteza da socieadade no século XXI acrecenta o estrés. Dominio Público Image by rawpixel.com

É o século XXI entón nocivo para a nosa saúde mental? «É unha mestura de todo. Vamos estresados porque estamos estresados de arriba a abaixo», valora o experto. Non só hai máis ruído e máis tensións, tamén hai que vivir nunha «sociedade próxima á incerteza». «A verdade perdeuse nestes tempos. Vivimos na postverdade», sinala Dorado. Isto leva a que non saibamos que vai pasar, que vai ser de nós, e iso fai que todo se nos faga máis complexo. Esa mestura entre incerteza, unha mala sensación ante os poderes públicos (esa era de polarización —esa palabra de moda— e tensións) e a unha falta de claridade crean un combo perfecto para o noso estrés, a nosa angustia xeneral, explica. 

E, mentres a mente escala posicións como o que nos preocupa sobre a nosa saúde, a outra gran pregunta é a de que acontece cos seus recursos. Semella inevitable pensar que se estamos mal precisaremos pasar pola consulta médica. Pero —e como levan anos dicindo dende a comunidade sanitaria— o sistema de saúde pública non conta coa infraestrutura necesaria para afrontalo. «O problema é o parche como política», di Dorado, que non haxa «empeño» por crear solucións reais. Isto é, apunta o experto, debería haber unha mellor educación emocional, unha divulgación e recursos. Se rompes unha perna, exemplifica, non che porían a escaiola un mes máis tarde. Se precisas asistencia psicolóxica, tampouco debería ser así. Tampouco ir arranxando con apaños. «Si se acende a luz do aceite, a solución non é apagala», sinala. «A saúde mental non é un tema que faga gañar votos», lamenta.   

Raquel C. Pico

Raquel C. Pico

Xornalista e escritora. Escribo sobre a vida moderna, a de agora e a de hai cen anos, nunha ecléctica variedade de cabeceiras, como boa freelance millennial.

Tamén che interesa

  • Verdades e mentiras da fantasía rural galega

    Protagonista das ilusións urbanas durante a pandemia e raíña dos feed de Instagram vía cottagecore, a romantización da vida rural ten un certo cariz aspiracional. Mais canto hai de certo e falso nesa fantasía millennial de que a vida nos irá mellor na calma da aldea? 

    Lugares
  • Os derradeiros videoclubs

    Eran unha peza incuestionable do ocio dos anos 90 e dos primeiros 2000, antes de que os cambios tecnolóxicos os fixeran pasar de moda. Pero ir ao videoclub segue sendo posible, polo menos nalgunhas cidades galegas nas que aínda resisten. Cantar odas nostálxicas á súa supervivencia di moito máis sobre nós que sobre o atractivo dos DVD. 

  • Blondiemuser: Cando a rabia galega viraliza a crise dos ‘pellets’ (e mobiliza os medios)

    Para que serve unha influencer? Na crise medioambiental dos ‘pellets’ que estamos a vivir en Galicia desde hai semanas a alerta en redes sociais lanzada pola divulgadora de contido @blondiemuser  foi o punto de partida para poñer o foco no problema. 

    A asociación Noia Limpa xa viña denunciando a situación nas súas redes nos días anteriores mais o poder de difusión dun perfil con 1,8 millóns de seguidores en Tik Tok foi clave. O 3 de xaneiro subiu o seu estupor polo desastre ambiental ás redes e ao día seguinte a Xunta deu explicacións por vez primeira. Este vídeo acumula case 1,9 millóns de visualizacións en Instagram e foi compartido máis de 6.700 veces. 

    VINTE na rede
  • 18F na Xeración Z. A mocidade matina no seu voto

    Como está a vivir a xente moza as eleccións galegas? En VINTE saímos na procura de membros da Xeración Z para preguntarlles por isto das eleccións, porque a mocidade tamén vota. Sen ánimo demoscópico, mais si moito interese nas súas opinións, achegámonos ao Campus Universitario de Vigo para falar co alumnado sobre as súas sensacións nesta campaña electoral cara á cita do 18 de febreiro. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.