Para que serve unha influencer? Na crise medioambiental dos ‘pellets’ que estamos a vivir en Galicia desde hai semanas a alerta en redes sociais lanzada pola divulgadora de contido @blondiemuser foi o punto de partida para poñer o foco no problema.
A asociación Noia Limpa xa viña denunciando a situación nas súas redes nos días anteriores mais o poder de difusión dun perfil con 1,8 millóns de seguidores en Tik Tok foi clave. O 3 de xaneiro subiu o seu estupor polo desastre ambiental ás redes e ao día seguinte a Xunta deu explicacións por vez primeira. Este vídeo acumula case 1,9 millóns de visualizacións en Instagram e foi compartido máis de 6.700 veces.
O 3 de xaneiro Paula @blondiemuser tivo coñecemento da vertedura de ‘pellets’ que a asociación ambiental Noia Limpa levaba denunciando en redes había semanas. Chegoulle unha mensaxe con fotos e vídeos do que estaba a acontecer na zona de Noia e axiña gravou un vídeo no que alertaba do asunto e manifestaba o seu sincero asombro porque non houbese unha cobertura mediática masiva do desastre ambiental.
«Puxen en Google ‘pellets Galicia’ e apenas había tres noticias do asunto. Quedei abraiada. Collín o trípode e fixen o vídeo. Saíu espontáneo e auténtico. Saíu a rabia galega», explica a creadora de contido ambiental, bióloga de formación
«Estaba comendo cando vin a mensaxe. Puxen en Google ‘pellets Galicia’ e apenas había tres noticias do asunto. Quedei abraiada. Collín o trípode e fixen o vídeo. Saíu espontáneo e auténtico. Saíu a rabia galega», explica a creadora de contido ambiental, bióloga de formación. O vídeo espallouse a lume de carozo polas redes sociais. Milleiros de persoas compartiron a denuncia e a sorpresa pola falta de información e de acción ante o problema.
«Alguén da consellería do Mar» chamouna ese xoves pola noite para darlle as grazas polo vídeo e asegurar que xa estaban poñendo os medios necesarios. Para ela a chamada tiña o claro obxectivo de quitarlle ferro ao asunto e calmar a alerta, mais tiña claro que non ía calar
A viralidade da rabia galega chegou ata a Xunta, que, casualmente, emitiu o seu primeiro comunicado de prensa informando da noticia ao día seguinte. É máis, segundo a propia autora explica, «alguén da consellería do Mar» chamouna ese xoves pola noite para darlle as grazas polo vídeo e asegurar que xa estaban poñendo os medios necesarios. A chamada sorprendeu a Paula, porque eran as 9 da noite e porque non sabía quen lles dera o seu número -«Temos contactos», dixéronlle-. Para ela a chamada tiña o claro obxectivo de quitarlle ferro ao asunto e calmar a alerta, mais tiña claro que non ía calar. «A natureza non entende de festivos e se en pleno Nadal es consciente dun desastre medioambiental, aínda que non chegara ás noticias, tes que poñer os medios», asegura @blondiemuser no seu podcast.
A partir de entón a noticia saltou a todos os medios galegos e estatais e, en consecuencia, medrou tamén o nivel de fiscalización sobre o proceder das administracións no problema ambiental. Tal e como debulla Praza.gal nesta información, o primeiro pronunciamento do Goberno galego sobre o vertido de ‘pellets’ xorde tres semanas despois da chegada dos primeiros granulados de plástico á costa pese a ter coñecemento desde o 13 de decembro.
Desde o Goberno galego insisten aínda hoxe en que ninguén os avisou ata o 3 de xaneiro, 21 días despois da chegada dos primeiros sacos, malia que o 112, axentes medioambientais autonómicos, concellos e o Goberno central, segundo as súas versións, xa advertiran do problema. Esa suposta tardanza no aviso foi o que, segundo a Xunta, xustifica que non se activase o plan anticontaminación (Camgal) ata o 5 de xaneiro –no seu nivel máis baixo-, case un mes despois da caída dos contedores ao mar e malia as demandas doutras administracións. Non foi ata o 9 de xaneiro cando a Xunta sobe o nivel de alerta para poder recibir axuda do Estado.
A día de hoxe este primeiro vídeo -logo virían moitos máis- acumula 1,9 millóns de visualizacións en Instagram –onde ten 52.000 seguidores, e foi compartido por máis de 6.700 persoas e gardado por case 1.400 usuarias e usuarios desta rede social. En TikTok -con 1,8 millóns de seguidores-, pola súa banda, a denuncia do 3 de xaneiro leva case 500.000 reproducións, foi compartida 2.500 veces e gardada en 2.310 ocasións.
A día de hoxe este primeiro vídeo -logo virían moitos máis- acumula 1,9 millóns de visualizacións en Instagram, onde foi compartido por máis de 6.700 persoas e gardado por case 1.400 usuarias e usuarios
@blondiemuser explica que neste vídeo ela representa as propias persoas que ven as imaxes porque está igual de sorprendida ca elas e que sempre intenta facer contidos divulgativos baseados en feitos. O mérito da publicación, asegura, pode residir en que foi o primeiro vídeo divulgativo, con fotos e vídeos do feito e mencionando fontes. «Estou orgullosa de que se fixese viral polo que puido axudar. Noia Limpa estaba loitando a escala pequena e grazas a xente que compartiu o meu vídeo puidemos dar a voz de alarma a gran escala», indica.
«Nós enterámonos o día 13 polo Diario de Arousa e fomos ver as praias. Sacamos fotos e denunciamos en redes sociais pero ninguén facía moito caso», asegura María Santiago, desde a asociación Noia Limpa. Santiago lembra que a finais de decembro foi Telecinco gravar ás Furnas e a Porto do Son pero a tema non tomou relevancia ata que Guillermo Carracedo deu a voz de alarma á contorna de @blondiemuser.
«O noso obxectivo era que se coñecese o problema, e iso conseguiuse a través de Blondie; agora falta que se profesionalice a limpeza», explica a membro fundadora de asociación ecoloxista, para quen os labores de limpeza non poden depender de voluntarios.