Actor, clown, monologuista, tiktoker. Aos seus 30 anos, Pablo Meixe asegura estar «nun bo momento» profesional. Camiño dos 800.000 seguidores en TikTok e máis de 160.000 en Instagram, o cómico de Ordes triunfa cos seus vídeos de humor e está inmerso nunha xira onde enche teatros co seu espectáculo ‘Meixeverso’.
Pablo Meixe naceu en Ordes en 1993 e alí viviu ata este ano, cando se decidiu a dar ao salto e fixar residencia en Madrid para vivir da comedia online e offiline. A profesora de inglés, o camareiro, a túa nai cando te esperta, as moscas no verán, a «eterna» loita entre millenials e xeración Z... Meixe deu en subir vídeos á rede durante a pandemia e axiña conquistou a audiencia. Visitar a súa canle de Tiktok ou Instagram é garantía de riso co perigo de quedar mirando a pantalla sinedie cos vídeos en bucle. Vídeos que teñen moitas visitas, como este, con case nove millóns:
Mais os comezos nunca son doados e neste apaixonante mundo da farándula Meixe foi labrando o seu camiño con malabarares na rúa, formación no estranxeiro e incluso algunha que outra saída «por pernas» de escenarios con público pouco amable.
Hoxe en día Pablo Meixe é un recoñecido creador de contido a nivel nacional e sobe unha media de catro vídeos semanais ás súas canles de TikTok e Instagram.
Visitar a súa canle de Tiktok ou Instagram é garantía de riso co perigo de quedar mirando a pantalla sinedie cos vídeos en bucle. Vídeos que teñen millóns de visitas
En realidade non leva moito como profesional das redes. Comezou coa pandemia e axiña chegaron os bos resultados. Co seu propio móbil e un trípode comprado por internet comezou a gravarse con cousas que lle facían graza, que funcionaron bastante rápido e ao cabo de tres meses chegou o primeiro viral. «En verdade foi sen querer, porque eu quería facer algo sobre os tipos de persoas cando van ao banco e saía eu baixando as escaleiras. Xusto nese momento baixou tamén un rato. Era a primeira vez que o vía e graveino como toma falsa, subino e así foi o meu primeiro viral, totalmente sen querer», relata. Logo chegaría outro viral a propósito, cun vídeo no que comparaba a celebración do Aninovo en 2019 e 2020.
Cada vez foi subindo máis vídeos ao tempo que medraba a audiencia e en 2022 chegou a recompensa económica, posto que comezou a traballar con marcas.
«Eu xa consumía as redes antes de facer contidos e por iso xa entendía os códigos e sabía o que lle gustaba á xente e sobre todo o que me gustaba a min. O que me facía graza. Ou onde colocar o texto na pantalla, que queda mellor arriba. Eu fago toda a edición aínda a día de hoxe», explica.
Durante o 2022 publicaba cada día da semana. Sketches humorísticos sobre profesores, monitores de campamento, os pais, as moscas no verán ou mesmo o lobo do conto teñen cabida na súa canle de Tiktok, onde roza os 780.000 seguidores ou en Instagram, con máis de 160.000. «Non sei se virán tempos mellores, mais agora mesmo estou nun bo momento», di Pablo Meixe.
Aínda que vendo a súas canles en redes sociais non o pareza, Pablo Meixe asegura que de cativo «era un rapaz tímido». Isto foi así ata os 14 anos, cando probou o mundo da interpretación no instituto e xa non quixo deixalo. «Unha vez comecei co teatro xa me motivei e xa lle collín a paixón ao tema da farándula». Todo comezou cun obradoiro de teatro que había no instituto e ao ano seguinte xa se anotou no grupo municipal de teatro de Ordes, ao que seguiría ligado moitos anos. Non se lembra da súa primeira obra, pero asegura que era de humor e facía de cura.
No grupo de teatro de Ordes recibiu clases da artista coruñesa Yolanda Paz, especialista en burlesque, pero dous anos despois a compañía quedou sen dirección e, como era dos máis experimentados do grupo, asumiu o mando. «Con 17 anos unha compañeira e mais eu eramos os veteráns e puxémonos a dirixir», relata. A paixón polo teatro prendera entón no rapaz que entraba xa nesa etapa da vida na que hai que decidir o que queres estudar e ser —ou non— de maior. E marchou a Ourense facer Ciencias Ambientais. Con todo, non deixou de lado a interpretación e meteuse no grupo de teatro universitario de Ourense, que o levaba Sarabela Teatro, «unha das mellores compañías de teatro de Galicia, con Fernando Dacosta e Fina Calleja», salienta.
Alí foi a primeira vez que fixo drama e atreveuse incluso con obras de Shakespeare, un teatro máis de método, segundo explica. Meixe lembra con moito entusiasmo aquela época na que fixo Otelo e Suicidio Colectivo con Encanto. Con esta última obra chegaron a xirar por numerosos lugares Portugal, España ou Italia.
«Se fas rir á xente complicada, cando chega o público fácil pois xa o rebentas»
Naquela época, en Ourense, tamén comezara a facer monólogos, unha afección que lle veu de pequeno cando vía os anuncios dos shows de Buenafuente na tele e sempre se preguntaba que sería iso. «Pero como empezaba ás 12 da noite era un misterio porque meus pais mandábame para a cama antes e non o podía ver». Mais logo buscou en Youtube eses e outros monólogos e comezou a escribir os seus propios textos. «Empecei a participar en concursos e facía bolos e ás veces tiña que ir a sitios onde ou non había ninguén, ou tres persoas, ou non te coñecían ou non te escoitaban. Se fas rir á xente complicada, cando chega o público fácil pois xa o rebentas. O público complicado labroume moito», subliña
Algúns desastres
Meixe recorda un estraño evento no barrio vigués de Teis en 2014, que quería mesturar discjockeys con cómicos, o que, asegura, era un desastre. «Chegaba o dj, estaba unha hora con música e logo chegaba eu co micro dicindo ‘Ola’ e a xente abucheábame porque querían música. Tiráronme xeos e acabei saíndo por patas porque alí ninguén quería escoitarme».
Outra vez nun bar en Santa Cristina, ao lado da Coruña, no mesmo 2014, era a noite da final da Champions, que xogaban o Madrid contra o Atlético de Madrid. Acababa o partido e logo tiña que saír a actuar. «Subo, todos miran para a miña cara e marchan todos menos unha persoa. O bar estaba cheo, igual había 50 persoas, e só quedou un señor na barra que nin sequera me estaba a mirar. Leccións de humildade», conclúe.
Ao rematar a carreira, con 23 anos, volveu a Ordes e púxose a impartir clases de teatro no grupo municipal, de novo, pero con máis experiencia. E ao ano seguinte decidiu marchar fóra para formarse a nivel académico de forma máis seria.
Tras pedir en varias academia do mundo, aceptárono finalmente na Escola de Comedia e Clown de Francine Côté, unha pallasa francesa afincada en Montreal (Canadá), que traballara no Cirque du Soleil máis de tres décadas e a persoa máis graciosa que coñeceu Pablo Meixe na súa vida. «Con ela aprendín a ser pallaso, a ser clown, a ser mimo, a transmitir a través das pausas e das miradas; foi a persoa que máis me axudou a nivel artístico», asegura.
«Con Francine Côté aprendín a ser pallaso, clown e mimo, a transmitir a través das pausas e das miradas; foi a persoa que máis me axudou a nivel artístico»
Pablo Meixe lembra que aqueles foron tempos un chisco complicados a nivel de cartos, áinda que non quere «facerse a vítima» porque tampouco non pasou fame. Mais tivo que buscarse a vida e facer malabares na rúa e no metro cun sombreiro. «A verdade é que iso non era o peor, porque Canadá ten moitos espazos no metro onde te podes poñer e non vai frío. Pero esa experiencia labroume un pouco»
Un ano despois, en 2018, regresou a Galicia e estivo dando clases para nenos en Ordes, na Coruña e en Bergondo. Pola semana impartía aulas de teatro e nas fins de semana facía de animador en aniversarios ou de clown en vodas. «Se non me saía nada ía co sombreiro para o Obradoiro e facía de mimo», lembra.
Gañador do concurso de monólogos de Helios
Tamén ao seu regreso retomou os monólogos e comezou a probar sorte en concursos máis afastados ata que en 2019 anotouse ao que organizaba a marca Helios (a das marmeladas) en Madrid. Tratábase dun certame «bastante potente», segundo di, con Eva Soriano, Sara Escudero ou o Mago More no xurado e Leo Harlem como presentador. Pablo Meixe conseguiu chegar á final e gañou.
O concurso tiña un premio en metálico mais tamén o compromiso de varios bolos para iniciar o gañador a nivel profesional. «Pero chegou a COVID e non me puideron levar a ningún lado porque estaba todo pechado. Entón, da man de Iago Regueiro, empecei a darlle caña ás redes sociais», lembra.
Galego falante de sempre, Meixe fixo parte do proxecto Lacón con gracia, xunto con Vanesa Regueiro e Víctor Bascoy, un grupo de humor que apenas durou oito meses durante 2017 –ata que o de Ordes marchou para Canadá-, pero que deixou unha morea de parodias rurais na súa canle de Facebook ou de Youtube para rir un tempo. Lacón con gracia acadou moi bos resultados en redes, con 18.000 seguidores en Facebook e vídeos de 200.000 visitas.
Na actualidade a meirande parte do seu traballo está en castelán, mais de cando en vez aínda sobe vídeos en galego e elixe falar en galego ou castelán no seus espectáculos segundo onde estea (en Galicia ou fóra). «Falo de sempre en galego. Agora vivo en Madrid e a xente dime que teño moito acento e alégrame moito saber que levo esa parte de identidade comigo. Dános moita personalidade», asegura. «A min paréceme bonito que mo digan porque estou moi orgulloso de telo e de non perdelo.
O novo espectáculo para teatros
Pablo Meixe atópase agora no comezo do que promete ser unha gran xira co seu novo espectáculo Meixeverso. Estreado no teatro Abanca de Santiago a comezos de mes ante 500 persoas, Meixeverso xa encheu o Principal de Ourense e ten datas en Vigo, Madrid, A Coruña, Barcelona ou Valencia, durante o que queda de ano e o vindeiro 2024.
Meixe asegura que este é un show de comedia moi completo, con banda sonora propia, material audiovisual, interacción coa pantalla ou co público, cambios de vestiario e monólogo, por suposto. «Foi moi especial estrealo», di, orgulloso tamén de que súa nai fora velo a Santiago e subira incluso ao escenario. «Estaba moi contenta. Xa non está tan preocupada porque ve que teño xente que me apoia e podo dedicarme a isto», relata.