Alariko: «Eu só debuxo casiñas bonitas»

Co patrocinio de

Ten 270.000 seguidores de todo o mundo, e poucos deles acertan a saber de onde é. Agora dá máis pistas, pero antes o feito de escribir en inglés e de debuxar con certo trazo oriental tapaba bastante a súa orixe. Alariko é, segundo el mesmo di, un PTV (pontevedrés de toda a vida), da colleita do 2002. Non quere desvelar o seu nome completo pero si nos conta que se chama Álvaro nesta conversa, a primeira entrevista que dá nun medio un dos debuxantes máis populares da rede social que agora temos que chamar X. 


Tamén nos di que estuda primeiro de Belas Artes en Salamanca, despois de estudar Ilustración na Escola Pablo Picasso da Coruña. «Fágoo por aprender máis cousas,» —explica— «por exemplo, de non ir a Belas Artes non tocaría a pintura na miña vida, ou a escultura. Interésame ver outras técnicas. E para entreterme, máis que nada. Sobre todo para entreterme». O seu futuro profesional xa é presente grazas á relevancia que acadou en internet publicando varios debuxos en Twitter á semana. Antes diso non pensaba en dedicarse «en serio» á ilustración. «Eu tiña claro que quería estudar Belas Artes, pero tes unha visión distinta antes de ser coñecido. Pensas: a ver se fago un máster e despois profesor e xa está, teño a vida solucionada como funcionario. Pero agora xa é outra cousa. Cando es xa coñecido tes… por desgraza, a verdade, máis oportunidades laborais», recoñece. 

E en que momento se fixo Alariko coñecido nas redes?  Realmente onde empezou a acumular seguidores e interaccións cos seus debuxos foi en Instagram: «De repente aí comecei a coller moitos números, lembro unha entrada dun cantil branco que recibiu como dez mil gústames, e eu ata o momento o máximo que tiña eran 800 ou 900, que xa está bastante ben. Desde esa publicación o algoritmo namorouse de min ou algo, e os meus posts empezaron a gañar moitos likes». Daquela decidiu reactivar unha vella conta que tiña en Twitter e publicar tamén alí as ilustracións, sen moita confianza en que tivese a mesma capacidade de crecemento. E vaia se a tivo. 

Algo contraintuitivo, porque Instagram en teoría é a gran rede visual e Twitter está máis orientado a conversas, «pero podes publicar debuxos unha maior calidade que en Instagram —que segue coa mesma resolución desde que apareceu en 2010— e ademais tes unha maior interacción cos teus seguidores e con outros artistas», comenta Alariko. Esta capacidade de interacción é o que o fixo crecer en tan pouco tempo, grazas a outros perfís que se dedican á difusión da arte e que rechiaron algúns dos seus debuxos, de xeito que «pasas de ter ao mellor cen likes na publicación anterior a ter un debuxo con 3000 e pico likes, e de aí a xente empézate a seguir e vai todo para arriba». 

«Agora mesmo a miña media en Twitter está entre 10 mil e 20 mil likes. Hai pouco tiven un debuxo que o petou, con cen mil likes. Se o penso aínda me mareo un pouco con estas cifras», confesa. Estima que os seus seguidores son na súa maioría de Estados Unidos, ou de países do norte de Europa, Francia, Alemaña… e de Xapón tamén ten bastantes. Mais para non ser flor dun día é importante a constancia: «outra cousa que inflúe é que eu publico con moita frecuencia, subo dous ou tres debuxos por semana, iso non é moi común».

«Agora mesmo a miña media en Twitter está entre 10 mil e 20 mil likes. Hai pouco tiven un debuxo que o petou, con cen mil likes. Se o penso aínda me mareo un pouco con estas cifras», confesa.

Alariko faino porque o debuxo é o seu pasatempo favorito, sempre está trazando algo no seu tempo libre. Cada debuxo dos que publica na súa conta pode levarlle unhas catro horas, sempre na tableta. «Teño o proceso máis ou menos automatizado: non fago bosquexo, vou directo ao que é a liña e despois a cor, tamén directamente. Logo engado as sombras, ou cambio un pouco as cores, e publico», explica. 

O tema destes debuxos son paisaxes nos que hai casas «tirando a escangalladas». Máis que paisaxes poderían ser retratos de edificios imperfectos, cheos de detalles que lles dan humanidade, aínda que non aparezan persoas. Asegura que a súa inspiración «está na vida real, na rúa, e tamén viaxo moito por Google Maps. Se te fixas ves unha cantidade de cousas que normalmente cando pasas non te das conta. Imaxina: uns buratos nos que había un cartel, unha fiestra na que ao lado había unha de madeira e outra de PVC e dis: esa cambiárona. Son casas cheas de vida».

E engade: «En Galicia hai moito diso, e a min encántame todo o que lle chaman feísmo: a uralita, os engadidos, o hórreo co ladrillo, o azulexo do baño fóra da casa… Sempre que penso en Galicia, o primeiro que me vén á cabeza son medianeras e eucaliptos. Tamén me gustan as cidades galegas como inspiración: Vigo encántame, é unha loucura de cidade, ten unha planificación urbanística tolísima: a casa de dúas plantas ao lado do edificio de dez pisos… A Coruña tamén: ten o núcleo urbán e logo os arredores que dan incluso medo, unha chea de casas abandonadas… pero a min flípame todo iso. É un pouco raro o que estou dicindo, porque a xente di que é feo, claro. O enxebrismo está moi ben, pero o que é o realismo galego, a min, encántame. Debe de ser o que máis me mola».

Todo este éxito nas redes tradúcese en beneficio material? Si, e de varias maneiras. A máis directa é a páxina de láminas que vende na rede: «por aí hai bastante demanda, e tamén recibo correos de empresas que queren que traballes para eles e cousas así». Acoden a el empresas de animación e de videoxogos para que debuxe fondos: «non hai moita xente que se dedique a iso así que é un mercado bastante demandado. En internet hai moita máis xente que fai personaxes ca xente que fai fondos, coma min. O que lle din ‘concept art’».  E a partir de aí chámano para todo tipo de encargas, tamén portadas de discos ou libros: «cousas como que te chame unha editorial para preguntarche se queres facer un cómic, e eu responderlles sempre que non teño nin idea de como se fai un cómic». 

Así é como con só 20 anos empeza a ter un nome na industria internacional do ‘concept art’ e a xestionalo profesionalmente: «acabo de darme de alta en autónomos». Traballa para xente de países moi diversos, desde Estados Unidos, Xapón ou Suráfrica ata países de América Latina. Non pode desvelar ningún dos seus clientes porque «é todo moi confidencial. Eu xa non sei cantos acordos de confidencialidade teño xa asinados», comenta. 

Acoden a el empresas de animación e de videoxogos para que debuxe fondos: «non hai moita xente que se dedique a iso así que é un mercado bastante demandado. En internet hai moita máis xente que fai personaxes ca xente que fai fondos, coma min. O que lle din ‘concept art’»

O seu obxectivo por agora é «aprender e ver que pasa». Xa lle ofreceron postos de traballo fixos en empresas, que rexeitou porque «eu son novo e aínda quero vivir a miña vida de persoa nova, non quero con vinte anos ser xa director de arte dunha empresa. Non teño a capacidade nin a experiencia para dirixir persoas, non sabería que facer aí».

No tempo desta conversa, que foi xa hai uns meses, Alariko falou apaixonadamente, e mal, dos NFT —«unha pura burbulla especulativa»— e das intelixencias artificiais, que está seguro de que non lle van quitar o traballo, aínda que xa se queixa de quen anda a fedellar con elas sen respectar a propiedade intelectual. Para rematar tratamos de volver á esencia preguntándolle se ten algún statement como artista: 

– Como definirías o que fas?  

– Eu fago… Que fago eu? Buff… eu fago…mmm… jobá, pilláchesme.

– Non tes elaborado iso?

– Eu fago casiñas bonitas.

– Casiñas bonitas. :)

– Casiñas bonitas,  e moita paisaxe bonita azul e verde. Son un namorado do verán. Debe de ser a época do ano que máis me gusta.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.