O primeiro paso para que as tecnoloxías de intelixencia artificial te entendan cando falas galego é pedirllo, tal e como fixo a nena Moraima hai xa anos. Mais polo momento Siri non foi quen de aprendelo. Hai xa quen fala de «colonialismo dixital» para referir como o boom das tech estadounidenses está perfilando o mundo pero xa non estamos a falar do vello colonialismo, senón de poder económico. As tecnolóxicas son un oligopolio que só se lanza alí onde ve ingresos. Trátase dunha cuestión de tamaño de mercados na que o gran beneficiado é o idioma inglés.
Quedar fóra da carreira da intelixencia artificial podería ter consecuencias lingüísticas. Esta tecnoloxía xa forma parte da vida cotiá e deberiamos poder empregar a nosa lingua tamén nese contexto. É un reto para Galicia, que xa traballa para que Siri aprobe o Celga 4 e nos entenda.
A miña amiga —chamémoslle X— pediulle consello a ChatGPT, que para iso estaba naquela hora de moda, nun momento laboral complicado. Non era que non lle estivésemos as amigas a dar consellos, pero acabou botando man da intelixencia artificial (IA) buscando unha guía, unha se cadra máis neutral. Foi divertido. Tanto que lle acabou pedindo que me recomendara a min —usuaria de segunda man— unha lista de novelas apocalípticas para as miñas lecturas. O ranking de libros que fixo pronto descubrimos que estaba repleto de erratas e sumaba algún título inventado. Os consellos, porén, estaban cheos de sentido común e non moi lonxe do que lle diría calquera coach pretensioso —e caro— sobre o mercado de traballo.
A experiencia de saltar dunhas recomendación a outras e ilo transmitindo ao vivo nun chat de WhatsApp semella digna de BlackMirror, a serie británica distópica que se converteu no atallo que empregamos nos medios para resumir que algo é incrible e lixeiramente inquietante neste contexto de revolución tecnolóxica. Semella unha fiestra futurista a un mundo no que todo estará feito por máquinas. Parece tamén unha confirmación de que todo vai moi rápido e que de súpeto pasamos do papel ao que só imaxinaban as películas de ciencia ficción. Iso si, esa é unha percepción un tanto nesgada.
«A IA é algo no que se leva traballando dende hai décadas», dime ao outro lado do teléfono Carlos Gómez Rodríguez, catedrático da área de Ciencia da computación e intelixencia artificial da Universidade da Coruña. Si é certo que se fixeron grandes avances e un pouco ás veces inesperados, explica ante a pregunta de se isto é unha moda. «Hai claramente unha moda, pero unha que responde a algo real que pode dar lugar a aplicacións moi útiles», sinala.
Dende fóra, a IA é curiosa, sorprendente, rechamante, fascinante e, non menos importante, aterradora. Está chamada a revolucionar o mundo, ou iso insisten as voces expertas e as consultoras de mercado que marcan o rumbo das decisións económicas. Unha estimación do McKinsey Global Institute calcula que a intelixencia artificial xenerativa (esa que, como ChatGPT, é capaz de crear ela mesma cousas e que é a que protagoniza estes novos e grandes avances) podería xerar un valor de entre 2,6 e 4,4 billóns de dólares para as empresas ao ano. Eles ven grandes oportunidades para facer máis produtivas as compañías e os seus empregados, para automatizar tarefas que rouban tempo ou para afinar nas analíticas (que son a pedra angular dos negocios do século XXI, todo iso de ver que se está facendo e que debería ser cambiado). Tamén Goldman Sachs Research fala do aumento da produtividade (será dun 1,5%) e da inxección que podería supoñer para o PIB planetario, dun 7%.
A IA xa deseña e executa anuncios, escribe noticias ou traduce a túa serie favorita
Non todo son noticias positivas para os balances económicos. A IA abre moitos dilemas éticos e ten usos negativos —tanto potenciais como xa agora mesmo en marcha— que crean un certo pavor tecnolóxico. E, volvendo aos datos económicos, o salto á intelixencia artificial non chegará sen custos. O Fondo Económico Mundial calcula que entre este ano e 2027 desaparecerán o 23% dos traballos do planeta pola transformación dixital. Goldman Sachs Research xa estima que a IA podería facer ela mesma dous terzos dos traballos. O seu impacto estase a notar en todos os ámbitos, dende eses traballos que se dicía que ían ser rapidamente asumidos por robots ata aqueles que se vían como tan creativos que só podían ser humanos. Non o foron. A IA xa deseña e executa anuncios, escribe noticias ou traduce a túa serie favorita.
Aparecerán novas ocupacións, prometen todos estes especialistas lembrando que o 60% das persoas traballan hoxe en cousas que non existían en 1940, pero cabe preguntarse quen, cando e onde as desempeñarán. Porque, non menos importante, todo este estoupido da IA ten uns protagonistas bastante claros: as grandes empresas tecnolóxicas, case sempre estadounidenses e que empregan o inglés. En que lugar deixa isto ao resto de rexións do mundo e ás outras linguas? Que papel pode ter unha lingua minorizada como o galego —e os seus redondeemos 3 millóns de falantes—neste novo mundo dixital?
Todas tartarugas fronte a unha lebre?
O problema ao que se enfronta o galego non é único. É unha cuestión global que ten moitas variantes, tantas case —se podería dicir— como linguas e culturas existen no mundo. Como explica Elisa Fernández Rei, investigadora do Instituto da Lingua Galega (ILG) e parte do Proxecto Nós (máis sobre isto máis adiante), a situación do galego non é moi diferente a doutros moitos idiomas. Todos están véndose ante algo novo, algo emerxente no que quedan moitos deberes por facer. «Nalgún sentido, as tecnoloxías democratizan a situación», indica a investigadora. É un reto para o galego ou o bretón, pero tamén para o francés ou o alemán.
Todo isto pode verse dun xeito tanxible cando se analizan as proclamas políticas e os programas de investimentos de organismos estatais e supraestatais. Así, por exemplo, tanto o goberno español como a Unión Europea contan con iniciativas de investimento e dinamización para desenvolver IAs propias. Unha das liñas para os fondos europeos españolas —os chamados PERTE— é, xustamente, a da «nova economía da lingua», orientada a impulsar «o potencial do español e das linguas cooficiais como factor de crecemento económico». Só á IA en español xa van dedicar 330 millóns de euros.
Quedar fóra da carreira da intelixencia artificial ten consecuencias lingüísticas. Entrar dentro podería achegar melloras. De feito, existen non poucas referencias que sinalan, por exemplo, o potencial que terá xa non para as linguas senón para aquelas en perigo de desaparición. A IA é o falante que nunca morre, pero tamén o que ten o potencial para facer de intérprete de todos eses contidos.
A IA é o falante que nunca morre, pero tamén o que ten o potencial para facer de intérprete de todos eses contidos
E mesmo está a cuestión pragmática, pegada a realidade cotiá. «Eu creo que é importante [que fale galego], porque a IA forma parte da vida da xente, proporciona servizos cos que interactúa, e non é de recibo que a xente non se poida comunicar no seu propio idioma», sinala Gómez Rodríguez. «Deberiamos garantir que todos podamos relacionarnos na nosa lingua», suma Fernández Rei. «Se non chega a esa meta, o galego probablemente terá difícil a súa supervivencia como lingua presente en todos os contextos», reflexiona.
O dos contextos é importante, porque un idioma non é só unha ferramenta para comunicarse. É moito máis. «Vai máis alá de que entendamos que haxa diversidade lingüística e cultural», di Fernández Rei. As linguas capturan visións do mundo, tradicións ou dereitos das persoas que as falan. Só hai que poñer a orella ou os ollos para escoitalo ou lelo. Os mesmos consellos que ChatGPT lle daba á miña amiga X para xestionar un momento amolado no traballo son unha mostra perfecta. Eran moi de sentido común, si, pero tamén un tanto estadounidenses, moi conectados a toda esa cultura laboral importada que se impuxo durante estes anos. Son consellos wellness e non tanto «vai ver un sindicato ou fala con Inspección de Traballo». E, se é certo que a cultura laboral europea foi influenciada pola estadounidense nestas últimas décadas, cabe preguntarse que leu o robot para pensar que o correcto é que fagas iso.
Sexa como for, a IA mostra xeitos de ver o mundo, porque por moito que pensemos nela como neutra non o é realmente. Sobre este último punto, a literatura científica —e os escándalos mediáticos— é xa bastante abundante. Os algoritmos poden facer máis profundas as fendas sociais porque importan os nesgos de quen —e de como— os crearon. E mesmo se iso está cada vez máis claro e é máis corrixido, non deixa de ser un proceso cultural en si mesmo. Foi algo que xa vivimos antes coas redes sociais, que levaron ao resto do planeta os axustes que precisaban para triunfar nos Estados Unidos, ben fora polos consensos sociais como polas leis de comunicación do país. Os social media eran moito máis puritanos que Europa e o que parecía unha parvada tivo efectos a longo prazo en como nos comportamos como sociedade.
«As normas sociais non son as mesmas e os modelos farán censura para non dar respostas que tamén están marcadas pola cultura», exemplifica Gómez Rodríguez, falando desas respostas que ChatGPT e servizos similares non dan segundo que países.
Ser quen domina a IA implica exportar o teu modo de ver as cousas ao resto do mundo. «China é moi consciente disto e por iso está creando modelos de IA con caracteres chinos», lembra. EEUU e China son, explica, as grandes potencias da intelixencia artificial. E, se por suposto a cuestión non é meterlle política á IA ao estilo chino, non hai que perder de vista o que implica todo isto. «É importante contar con sistemas propios», insiste.
«Quedarmos en ser simplemente consumidores e usuarios dos produtos e servizos que outros desenvolvan suporá ir perdendo parte da nosa identidade», afirman desde o CiTIUS
«As tecnoloxías da IA son as máis transformadoras de todas cantas desenvolvemos ata este momento», apunta Senén Barro Ameneiro, o director do CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, da Universidade de Santiago. «O seu impacto económico, social, na educación, na saúde, no conxunto das nosas vidas e das nosas profesións son tales que quedarmos en ser simplemente consumidores e usuarios dos produtos e servizos que outros desenvolvan suporá ir perdendo parte da nosa identidade», reflexiona. «Ter unha industrial cultural propia é relevante; non só é importante para nós, senón para a diversidade e riqueza cultural do mundo», di. «O mesmo ocorre coa industria tecnolóxica», suma. Quedarnos vendo o mundo empregando as lentes doutros pode levar a perder relevancia.
Hai xa quen falan de «colonialismo dixital» para falar de como o boom das tech estadounidenses está perfilando o mundo. É falar de colonialismo unha afirmación se cadra un pouco atrevida? «En absoluto», responde Barro Ameneiro, que lembra as cifras que traducen o crecente peso económico da IA. «Este impacto económico acaba converténdose en impacto social, cultural e político», di. «Se non desenvolvemos capacidades propias e unha investigación e industria potentes nestes sectores, perderemos moito máis que riqueza económica, e incluso poderíamos perder a nosa lingua», lembra.
Gómez Rodríguez, o seu colega da Universidade da Coruña, pensa que todo é máis unha cuestión económica que de vello colonialismo. «Non creo que haxa un colonialismo no sentido de que sexa deliberado, é algo relacionado co capitalismo», reflexiona. As tecnolóxicas son un oligopolio que só se lanza alí onde haberá ingresos. É unha cuestión de tamaño de mercados na que o gran beneficiado é o idioma inglés.
Os resultados son eses que Moraima, a viral nena de hai uns anos, viviu cando se enfrontou a Siri falándolle en galego. A asistente virtual non comprendía que lle quería dicir. Siri ou Google seguen sen falar galego. Tampouco o fai Alexa que si ten un modo galego… pero só para facer un pouco de humor dese que se quere vender como riquiño.
Traballar dende Galicia
Por iso, o tema da IA ten moitos matices. É unha cuestión de soberanía dixital? É un traballo de pragmática supervivencia? E, sobre todo, que pode facer Galicia e a lingua galega en todo este contexto?
«Galicia está facendo as cousas bastante ben na IA», tranquiliza Gómez Rodríguez. «Temos un sector académico no que se leva facendo investigación dende hai anos», suma. Que sexa xustamente A Coruña a cidade que acollerá o organismo estatal da intelixencia artificial ten a súa explicación, dime. Iso si, precísase ecosistema. Esa é a palabra clave cando se fala de desenvolvemento tecnolóxico. Hai que investigar, pero tamén deben existir empresas que fagan cousas, algo no que insisten habitualmente os tecnólogos.
Xa se traballa en desenvolvementos dende varios frontes. Só hai que buscar «Siri galega» nas hemerotecas para velo. O máis noticioso é o Proxecto Nós. «Nace no seo da Universidade de Santiago de Compostela», explica Barro Ameneiro. «Foise madurando antes de ser presentado ao Goberno galego e decidirse que Xunta e universidade o levarían adiante, aberto á colaboración doutros axentes públicos e privados», dime. No Proxecto Nós, que recibe fondos do Perte lingüístico antes mencionado, participan o CiTIUS que el dirixe, pero tamén o ILG. Que un instituto da lingua forme parte dunha destas iniciativas é crucial, posto que as Humanidades —esas que sempre infravaloramos— teñen un papel destacado no crecemento da IA. «O coñecemento lingüístico é imprescindible», apunta Fernández Rei.
Porén, que existan iniciativas é só parte dunha cuestión máis ampla. O primeiro punto de partida na carreira para a IA —calquera IA— está, aínda que as veces se nos esqueza a quen o vemos dende fóra, no material de lectura, por así chamalo. Precísanse potentes ordenadores, pero tamén con que facer que a máquina entenda o mundo. Para adestrar todas esas ferramentas que agora están sendo tan populares, os seus creadores puxéronas antes a ler novelas e máis novelas, dende Stephen King a Zadie Smith (para o que non necesariamente tiñan permiso, o que está abrindo xa procesos xudiciais en Estados Unidos), ou textos como as actas do Parlamento Europeo. A clave do seu éxito está nos datos. Precisan cantidades estratosféricas de información.
A gran primeira pregunta podería ser, por tanto, xa non é só se Galicia pode —ou debe— ter a súa IA, senón se ten material en galego para alimentala. E ten corpus suficiente? «Non», responde Barro. «Esta é unha das principais carencias e por iso o Proxecto Nós centrou boa parte dos seus esforzos ata agora na elaboración de corpus, tanto de texto como de voz», suma. O material é hoxe, sinala, mellor que o que tiñan ao principio, de «moita maior calidade». «E continuamos e continuaremos facéndoo sen descanso», di.
Elisa Fernández Rei apunta que non é unha cuestión tan rara. Salvo o inglés, o chinés ou o español, linguas con moitos recursos na rede, dime, «o resto, todas teñen problemas de material» online. O raio de esperanza é que, en galego, estanse a producir contidos todo o tempo. O Proxecto Nós, di, conta coa «colaboración de moitas entidades» que facilitan contidos. Están, por exemplo, as actas do Parlamento de Galicia ou as horas e máis horas de emisión da CRTVG.
Alimentar a IA é, iso si, unha etapa. «Nós debe entenderse como un proxecto con carácter indefinido e realizado por fases, que busca situar o galego na sociedade e na economía dixitais, a través da intelixencia artificial», di Barro Ameneiro. Xa existen resultados e xa poden ser usados —«maioritariamente dispoñibles en uso libre»—, pero non con iso está todo resolto. O director do CiTIUS sinala que «deberá contribuír a formar, recuperar, atraer e reter talento ao redor das tecnoloxías lingüísticas». «Neste momento temos unha clara necesidade de profesionais e especialistas nestas tecnoloxías», asevera.
Ao final, a cuestión non é cando vai aparecer a Siri ou a Alexa galega. «Non sería moi realista pensar que nos vamos poñer a altura de Apple», reflexiona Fernández Rei. «Non temos a capacidade económica, humana e tecnolóxica de facelo, nin é este o obxectivo do proxecto Nós», engade Barro Ameneiro. Se cadra, non debemos obsesionarnos con ser un novo Silicon Valley, senón comprender as fortalezas e as oportunidades deste novo entorno. «Cada rexión pode marcar a diferencia», explica Gómez Rodríguez.
Comprendelo é un paso. Facelo outro, un para o que se precisa apoio público —«é un tema de interese público e xeral», sintetiza o catedrático da Universidade da Coruña— e interese da cidadanía. «A sociedade galega se quere vivir en galego ten que facer esa demanda», insiste Fernández Rei. Como fixo Moraima, o primeiro paso para que Siri che entenda cando falas galego é pedilo.