O ano no que empezamos a crear contido en galego coas intelixencias artificiais

Co patrocinio de

© Twitter - Dall·e Mini - ChatGPT

Empezamos no verán levando unha canción co seu videoclip ao festival de Eurovisión das IAs. Seguimos fedellando con DALL·E e outras ferramentas para xerar imaxes a partir de enunciados, e vimos que podiamos poñer a Godzilla na catedral de Santiago ou a Kim Kardashian coma se fose un cadro de Maruja Mallo. Ben. No último mes puxémonos a parolar co ChatGPT e descubrimos que é capaz de escribir en galego mellor ca nós. Isto en apenas seis meses. Que nos traerá o 2023?

O que xa sabemos que vai traer 2023 é a posta en marcha da AESIA, a Axencia Española para a Supervisión da Intelixencia Artificial. Un órgano dependente do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, que decidiu que A Coruña era a sede máis idónea para supervisar as IAs, no ano no que Afundación traía á cidade a exposición AI: More Than Human, creada polo Barbican Centre e que ofrece un magnífico percorrido pola historia das intelixencias artificiais ata o día de hoxe. 

Ou de antonte, máis ben, porque este mundo corre que se mata. Quen nos ía dicir hai un ano que se puñamos a descrición dunha posible imaxe que non existe nun formulario web nos devolvería un jpg con esa imaxe en poucos minutos? Quen contaba hai un mes con que puidésemos pedirlle a un chat que nos escribise unha peza de texto coas nosas ordes, e menos aínda en galego? Alguén pensaba que a finais de 2022 unha máquina ía escribir mellor en galego ca nós? 

Pois todo iso está a suceder diante nosa, e coa sensación por primeira vez de que o galego está máis ou menos participando da carreira cara ao contido automático. Non nos primeiros postos, pero aí está co seu dorsal. 

A primeira destas tecnoloxías que se popularizou este ano foi DALL·E –o nome mestura o pintor Dalí co robot do filme de Pixar Wall·e–, que xeraba imaxes a partir dun prompt (indicación) onde podías dar instrucións sobre o contido, a forma e o estilo. Primeiro apareceu unha versión beta só para unha primeira comunidade de desenvolvedores, pero no verán saíu a versión popular a (e un pouco máis perralleira, hai que dicilo). 

Naquel momento empezamos a probar cal eran os referentes galegos que podía ter DALL·E mini

Un par de meses máis tarde o DALL·E 2, que producía imaxes con moita maior calidade e posibilidades estilísticas, xa estaba aberto ao gran público. Un dos primeiros por aquí en probalo e compartir os resultados foi Modesto, veterán superusuario da internet galega. 

Mais xa de antes había artistas galegos experimentando con ferramentas similares, como Midjourney. Así facía Edu Poch, desenvolvedor web e músico (Nouvelle Cuisine, OCRE, Atrás Tigre) nas súa conta de Instagram. 

E tamén empezou a aparecer algunha conta de imaxes freitas con DALL·E en relación a Galicia. 

Pensabamos que rematariamos o ano así, fedellando coas imaxes e reflexionando sobre o perigo destas ferramentas para o futuro de profesións como a de debuxante ou ilustradora, cando a comezos de decembro a ameaza apareceu para as persoas que se dedican a escribir. Chegaba ChatGPT, a versión popular de GPT3, un programa que funcionaba coma os de imaxes pero con texto escrito. E ademais era multilingüe e sabía ler e escribir en galego. 

Estes son os primeiros experimentos que empezamos a facer. Os galegos temos querencia por poñer a proba o que os demais saben de nós, e neste caso non ía ser diferente. 

Aínda que por veces a intelixencia artificial tamén parecía rebelarse. 

O cal é comprensible, porque axiña empezamos a querer pillala con problemas matemáticos. 

É de agradecer a honestidade (ou o pudor) da máquina en canto ao seu pouco coñecemento da cultura galega, pero é cuestión de irlle aprendendo. Suponse que co tempo estas intelixencias artificiais van seguir adquirindo habilidades co uso, e cantas máis cousas lle digamos a este chat máis cousas nos dirá de volta. Ata que poidamos pedirlle cousas de verdade e non só polas risas. Aínda que a fronteira entre unha cousa e outra non está moi definida. Miren que avío lle fixo o ChatGPT a Os da Ría para o guion dunha gala de premios que presentaron hai pouco en Santiago. 

Que nos deparará a Intelixencia Artificial dentro doutros seis meses? Funcionarán xa en galego ferramentas como Whisper para o recoñecemento da fala e a transcrición inmediata? Quitarannos o traballo a xornalistas, ilustradores, fotógrafas e creadoras de contido diverso? Ou axudarannos a facelo mellor? Acadarán un nivel de intelixencia que sirva para intimar e facernos compaña?  Verémolo a mediados do 2023. 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.