AI-LALELO. A última oportunidade para gañar 'Eurovisión' váinola dar a intelixencia artificial

Co patrocinio de

© PAMP!

Non puido ser con Tanxugueiras, e Carolina Rubirosa quedou a só un voto de gañar este ano o Liet, festival de música das linguas minorizadas de Europa. Agora temos unha nova ocasión de triunfar musicalmente en Europa: ata o xoves 30 de xuño podemos votar no AI Song Contest, que vén sendo a Eurovisión da intelixencia artificial. Hai 15 cancións finalistas e unha delas é galega e titúlase AI-LALELO A gañadora coñecerase nunha gala en Bélxica o 6 de xullo. 


 

Antes de deixarnos levar polo puro patriotismo, deámoslle unha escoita á canción. AI-LALELO mestura a electronica coa música tradicional, e o resultado de combinar estas sonoridades é tan interesante como o que fan artistas actuais que coñecemos, léase Baiuca ou CRNDS

A letra ben podería ter saído do cancioneiro popular de Dorothé Schubart


 

Costureira en primavera

botará-la sementeira

labrarás sen ter arado; ai si, ai non

nin máis outra ferramenta

 

A costureira no vranhe

camisa e saia cortou

inda se ía deitare

cando o sol alvoreou

 

Costureira polo outono

urdidoira polo vrán

pónsell’a cara morena

e as carnes como azafrán
 

A costureira no inverno

coa máquina a traballare,

á beiriña da lareira

vai frío, non é verdade?
 

Mais está feita con GPT-3, un modelo de linguaxe creado por Open AI (os mesmos de Dall*e) que emprega a apendizaxe profunda para producir textos que simulan a redacción humana. O proceso para compoñer a canción durou catro meses, comezando por lograr que a computadora aprendese a falar galego e a compoñer unha copla, a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai. No relativo á letra, a propia máquina xerou os primeiros versos, cunha temática como fío argumental: a costureira nas distintas estacións do ano. Neste aspecto, indica o equipo de traballo que só foi necesario corrixir algunha falta de ortografía e adaptar algunha frase. Juan Alonso, un dos compositores, detalla máis o proceso que se seguiu para conseguir a letra no seu blog

Mostra das probas de xeración de coplas coa temática da costureira. © Juan Alonso

A melodía está feita a partir da copla popular “A Costureira”, a partir da cal, o propio ordenador xerou diferentes liñas melódicas con Google Magenta. No relativo á música, graváronse instrumentos e utensilios de labranza que se procesaron polo sistema DDSP, conseguindo unha zanfona, pandeireta, bombo, sacho, prato, tixola e lata de xeito artificial.

Xa na fase final, engadíronse as voces de Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva e Xandre Outeiro, así como un baixo e unha arpa de boca ao natural, ademais de realizarse procesamento de audio con algoritmos. Por último, elaborouse o videoclip da canción con intelixencia artificial, reinterpretando unha escolma de escenas típicas galegas.

Moito algoritmo e moita programación, mais detrás das máquinas están persoas, e neste caso a “banda” é un equipo de traballo multidisciplinar que se xuntou baixo o nome de PAMP! (Proxecto Ana María Prieto, en homenaxe á primeira programadora informática galega). Está formado por profesionais como Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais; Sofía Oriana, especialista en Composición en IA e compositora da banda sonora de Elisa e Marcela(2019) de Isabel Coixet; Xandre Outeiro, produtor de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia; David Santos, doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor; Marta Verde, artista dixital responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València; e Joel Cava, responsable creativo de CECUBO Group, a axencia compostelá impulsora do proxecto. 

Imaxe do videoclip de "AI-LALELO", tamén creado con intelixencia artificial. © PAMP!

PAMP! presentou AI-LALELO ao AI Song Contest 2022 xunto a 46 equipos de todo o mundo, e quedou entre as 15 finalistas escollidas por un xurado de especialistas en intelixencia artificial nunha semifinal interna. Para a fase final, a cidadanía pode votar gratuitamente pola súa canción favorita. Esta votación popular suporá o 50% da decisión final, xa que a outra metade da puntuación depende dun xurado profesional. Para facilitar o voto o equipo galego facilita este enlace: votaailalelo.com

No caso de que a candidatura galega gañe con AI-LALELO a terceira edición deste certame, sumaríase ao histórico de vencedoras dos anteriores anos xunto a Beautiful the World de Australia (2020) e Listen To Your Body Choir de Estados Unidos (2021).

Esta é a cerimonia do AI Song Contest que se celebrou o ano pasado. O vindeiro 6 de xullo, todo o mundo atento a gala na que AI-LALELO pode resarcirnos das veces que estivemos cerca de gañar un concurso musical en Europa. 

 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.