Dorothé na Vila - Tráiler

VINTE presenta en exclusiva o trailer do documental Dorothé na Vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, unha semana antes da súa estrea na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego. A película percorre corenta anos despois o mundo gravado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas de tradición oral do país.

Así presentan a película os seus creadores:
«Durante os últimos dous anos fomos aos lugares que visitou Dorothé Schubarth para descubrir que queda dese mundo que ela recolleu no Cancioneiro Popular Galego. Queriamos atopar as caras detrás daquelas voces, coñecer as súas historias de vida e de paso devolver as gravacións de Dorothé á súa orixe. Na nosa busca demos con persoas marabillosas, como Victorina de Vilar de Parada, a muller que lideraba as “fouliadas” no seu lugar e que rexuveneceu cando lle puxemos unha pandeireta na man. As netas de Castro, en Louzarela, non sabían que os seus avós cantaban ata que chegamos por alí. Na Paínza atopamos a Jesusa, que recorda as súas cántigas con tanta claridade como hai corenta anos.
Estas son algunhas das historias que compoñen Dorothé na Vila, o documental que dá conta da nosa viaxe, narrada en primeira persoa ca intención de transmitir todo o que nos pasou nese tempo: as sorpresas, as alegrías, as tristuras, as dificultades... Todo isto sen esquecer que as protagonistas desta historia son as informantes, as súas familias e a propia Dorothé.»

Créditos

Guión e dirección: Alejandro Gándara e Olaia Tubío.  Montaxe e grafismo: Lucía Estévez

Producido por Alejandro Gándara coa coprodución da Deputación da Coruña (II Concurso de ideas "Luisa Villalta" de proxectos culturais pola igualdade). 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.