Baiuca: "Quero enfocar o misticismo galego desde un punto de vista diferente"

O proxecto co que Alejandro Guillán (Catoira, 1990) conquistou novos públicos para a música galega está de volta cun segundo disco, Embruxo, no que explora o concepto do misticismo e os mitos ancestrais galegos para darlles unha volta e conectalos coa tribalidade das percusións tradicionais, pero tamén da música electrónica que se escoita en todo o mundo. E faino apostando de novo polas voces femininas e con novas colaboracións. 

 

Foto de cabeceira: Adrián Canoura

 

Despois de sorprender o público hai tres anos co teu primeiro traballo Solpor, cal era o maior reto ao que te enfrontabas con Embruxo?

Dar un paso máis adiante e concretar máis as ideas, por iso tamén é un disco máis conceptual. Pero tamén hai un cambio claro no musical: Solpor era un disco con samples, que era unha técnica que eu quería experimentar naquel momento, e agora metémonos no estudio con Xosé Lois Romero a gravar moitas percusións, porque quería que a percusión tradicional fose a protagonista. De feito é un disco que ten máis parte orgánica que electrónica. Pola parte conceptual, era centrarme máis nun aspecto concreto da cultura galega, como é a cultura espiritual. Adrián Canoura ten moito que ver nisto porque el coa súa peli Caerán lóstregos do ceo xa indagara en moitos destes temas e claro, ao telo tan de man fomos tendo moitas conversas, pasándonos documentos, e iso foi bastante inspirador para min. Descubrín que había moitas coplas no cancioneiro popular que falaban deses seres mitolóxicos, de aspectos da natureza ou dos astros que me parecía que estaban moi ben para integrar nas letras das cancións. Entón xa me cadrou todo perfecto, a sonoridade que buscaba e mais as voces de Lilaina casaban perfectamente con esta concepción das coplas.

Como foi ese proceso no estudio con Xosé Lois Romero? 

En todas as entrevistas estou falando moito das relacións persoais que teño coas persoas que colaboran no disco e que para min son súper importantes. Solpor foi un disco que practicamente fixen eu só, e agora Embruxo foi un salto a empezar a interactuar máis con xente para aprender, tamén para interiorizar certos conceptos, enriquecerme coas colaboracións e coa compaña que tiña. Neste caso pasou un pouco así con Xosé Lois. Coñecémonos facendo mesturas, eu traballara xa coas súas pistas pero nunca fixeramos un traballo de meternos os dous a facer ritmos, a buscar os sons que queriamos. Ese foi un dos traballos primeiros e tal vez sexa o punto de partida do disco: antes do concepto, antes de saber as cancións, de saber as colaboracións, o primeiro foi meternos a gravar percusións sen ter nada feito, nin cancións nin nada. Foi claramente o principio e creo que é o que marca todo o disco de principio a fin, hai percusións de Xose Lois en todos os temas. 

E a colaboración con Lilaina?

Pois un pouco parecido a isto. As irmás Andrea e Alejandra Montero tocaban xa tamén comigo en directo con Aliboria. Cando van elas soas chámanse Lilaina, e parecíame moi interesante traballar con elas porque xa as coñecía, e ademais creo que teñen unhas voces cunha forza impresionante, as voces con máis forza que podes ver agora mesmo en Galicia. E no mundo hai poucos lugares tamén que teñan esa forza nas súas voces tradicionais. De feito este é un disco máis salvaxe que Solpor: por estaren elas cantando, polo tipo de gravacións que fixemos... e parecíame interesante, aínda que elas non tiñan nada gravado, integralas no disco e así tamén servir como un descubridor de proxectos que moita xente aínda non coñece.  Á hora de buscar colaboracións prefería iso a non traballar con xente máis consagrada. Quizais o nome máis coñecido é o de Rodrigo (Cuevas), pero no resto gustábame ese punto.

Aí está tamén o gaiteiro Christian Silva.

Coñeciámonos desde pequenos (el era un pouco máis maior) cando aprendiamos a tocar a gaita en Carril, na mesma asociación. Vilagarcía ao final é un sitio pequeno: ainda que eu son de Catoira meus pais viviron alí toda a vida, e claro, estaba esa conexión, e pareceume a persoa indicada para facer isto por unha razón similar: prefería traballar con xente que coñecía e coa que sabía que ía ser un trato excelente a traballar con xente descoñecida que non sabías como ía funcionar.

O single con Rodrigo Cuevas foi xa un pelotazo. É case o tema máis pop do disco. As coplas permiten mellor ese achegamento ás estruturas do pop? 

Esa era unha conta pendente, porque estiven a punto de traballar no disco del, e ao final quedara a cousa en nada. Entón era algo que a min me apetecía e que a el tamén, de feito dixo que si ao momento cando o chamei. Eu tiña a idea do tema, faltábame como definir unha voz e el encaixaba á perfección con todo iso. Efectivamente ese é case o tema máis pop do disco, usando as coplas en estruturas que tampouco son moi pop-pop pero si que beben un pouco máis diso. Xa só polo feito feito de aproveitar que gravas con voces e que traballas con coplas, parecíame moito máis interesante iso que facer pequenos loops e repeticións como en Solpor.

O tema tradicional que Lilaina interpretan en 'Meigallo' aparece en 'Cantigueiras', que fixera Carlos Núñez con Xiradela en 1997. Tes falado do moito que admiras a Núñez, hai aí unha homenaxe explícita?

Non é unha homenaxe explícita pero si que era un tema que sempre me gustou moito. As que cantan no disco de Carlos Núñez son Xiradela e aí xa estaba Fransy González, a mestra coa que aprenderon Lilaina a cantar. Por iso moito do repertorio que elas teñen é o de Fransy, e neste proceso do disco traballamos en parte co repertorio que elas coñecían pero tamén con recollidas que foron facendo en diferentes aldeas, como é o caso de "Luar". En “Meigallo” esta era unha das que coñecían de Fransy e claro, a min era un tema que me encantaba e foi como algo que tiña que estar. De feito tocabámolo xa en directo antes de publicar o disco. Elas cantan coa letra da versión de Carlos Nuñez tal cal, mais ao final traballando coas coplas o bo que tes é que ti podes cambiarlles as letras e cantalas noutras cancións sen problema, a tradición baséase niso. O que fixemos foi coller as melodías que elas tiñan e utilizar estas coplas, tamén partes de poemas ou cousas que eu cambiaba para crear un pouco este universo conceptual do disco.

«[En Embruxo] Parecíame máis interesante traballar con coplas que facer pequenos loops e repeticións como en Solpor»

 

Nestes tempos está de actualidade o tema do "galaiquismo", un concepto creado pola antropóloga Beatriz Busto que desenvolve na súa tese recén publicada no libro Um país a la gallega (Através Editora), sobre como o NO-DO construíu o estereotipo cultural galego que chegou aos nosos días: a Galicia misteriosa e mística, as lendas, as meigas, a santa compaña... dando unha visión colonial e tribalista similar a do orientalismo que establecera Edward Said. O certo é que cando parecía que estaban superados estes códigos ou había certa vontade de emanciparse deles, novos creadores coma ti con Embruxo ou Lois Patiño con Lúa Vermella volvedes tratar eses temas e facédelo de maneira non irónica. Que achega de novo a vosa ollada a ese imaxinario cultural que tira dos mesmos elementos?

Eu creo que tratamos de dar a nosa visión, como nós o vivimos e como nós chegamos a investigar e a ter interese en certos temas, que se cadra nun momento dado collen un camiño ou hai unha apropiación de alguén por algo… Eu non é que fixera unha investigación grande, pero si que me documentei un pouco, e por pouco que te documentes vas vendo que por exemplo moitos lugares de culto que pasan a ser cristiáns xa nun momento anterior foran noutra cousa: igrexas que están en sitios onde había un castro, petróglifos a partir dos que se inventa un mito, todo vén do paganismo e acaba moitas veces virando a esa apropiación cristiá.  É o caso tamén das bruxas, por exemplo a historia de María Soliña, que non deixa de ser unha muller á que lle morre o home e que tiña certas terras ou certo poder que a Igrexa quería, e que a acaba convertendo nunha bruxa para desposuíla de todo iso. En todos estes temas, e penso que no disco hai un pouco diso, tamén se dá a entender que non é todo tan escuro nin tan serio como se pode ver. Ao final estamos falando de mitos inventados, de cousas que collen un cariz determinado ou de situacións que poden parecer que dan medo como o diaño, cando en realidade o diaño non é tan malo en Galicia, que é unha cousa que me contou hai pouco Xosé Lois. Entón están todas esas imaxes, imaxinar o diaño tocando o pandeiro, non sei, paréceme curioso e ao final é dar unha versión disto.

É posible reapropiarse desas tradicións sen que sexan entendidas como unha mirada colonial 2.0? Como desmarcarse desta connotación?

Cando rematou o franquismo na cultura galega empeza a aparecer todo este concepto de música folk e música celta, con grupos como Milladoiro, e desde aquela non houbo demasiada evolución desa música, non houbo nada que rachase con iso. No meu caso eu racho moi conscientemente, e gustaríame que o seguinte que pasase fose igual, dentro de 5 ou 10 anos. Así é como as miradas de cada xeración van sendo diferentes. Que non pasen outros 40 ou 50 anos tendo unha mesma concepción.

No musical é moi visible, pero no teu caso onde cres que está a ruptura no que propón Baiuca en canto a estes conceptos da Galicia mística?

Aí si que creo que hai unha conexión con todos estes grupos, xa sexa con Milladoiro ou Carlos Núñez, que tratan moitas destas historias e desta mística en certos discos deles. Pero eu quero dar a miña visión e enfocala desde outro punto diferente.

Onde si que parece que hai unha conexión evidente é entre o misticismo do que fala o disco e a experiencia da música electrónica, a través de elementos comúns coa bruxería como son o trance, os psicotrópicos, a catarse colectiva... É así? Como chegas ti a esa conexión?

Cando estou no meu estudio compoñendo sinto algo así. Cando estaba facendo os temas e pasaba un día e logo os escoitaba por primeira vez sentíame case embruxado, como nese mantra de pechar os ollos, escoitar a tema e sentirme dentro realmente do universo ou da textura que quería crear. Foi como que todo cobraba sentido cando eu escoitaba eses temas. Ese mantra para min é super importante. Hai xente que me di que a miña música ao primeiro día igual non lle gusta tanto como ao terceiro. Hai casos nos que é o revés, que a primeira escoita é fundamental. E eu vivo moito da repetición, de interiorizar algo e despois volver e disfrutalo máis ca antes. 

Referíame tamén á experiencia colectiva, o momento de goce da túa música. Parece que o lugar da música é a danza colectiva, algo que tamén ten algo de aquelarre.

Si, hai algo diso en todo. Tanto nos ritmos galegos como nos electrónicos, como no baile como tamén na forma que teño eu de compoñer, na que o ritmo é fundamental. Cando fago algo véxome bailando iso, véxome dentro dese mantra nun club ou onde sexa. Tamén é o que quero trasladar ao público. Creo que vai un pouco por aí.

»Neste disco tamén creo que hai unha conexión moi grande co norte de África, que é algo que cada vez me interesa máis.» 

Parece que o público recibiu moi ben a túa música nese aspecto experiencial, en festivais en clubs, a xente desfruta bailando Baiuca. Aínda que non é a primeira experiencia de explorar a unión entre música electrónica e tradicional, parece que quen tocou a tecla ou tivo a sorte de conectar co público fuches ti. Sabes a que se puido deber?

A moitas cousas, supoño. Igual ao momento, estamos nun momento no que interesa. Se cadra cinco anos antes non lle interesaria a ninguen, ou cinco anos despois, non sei. Creo que hai unha parte emocional que eu sinto cando fago as cancións e creo que a xente conecta tamén dese xeito con ese universo. Entendo tamén que a nivel global hai certos fluxos musicais que funcionan e que de repente, non sei, a min hai moitos artistas latinoamericanos, que me gustan e que foron un referente para trasladar esas ideas á nosa tradición. 

Por exemplo?

A primeira referencia da que parte o proxecto de Baiuca é de produtores latinoamericanos como Nicola Cruz. Eles seguen un ritmo e uns tempos similares aos que eu emprego, pero con sons latinos e con instrumentos da tradición latinoamericana. O que eu fago é diferente ao deles porque estou noutro punto e os instrumentos son totalmente diferentes. E claro, iso tamén enriquece moito, tanto para fóra, para que xente coma Cruz, con quen teño colaborado, descubran cousas que non coñecen da tradición galega. Neste disco tamén creo que hai unha conexión moi grande co norte de África, que é algo que cada vez me interesa máis. Penso que todo este tema espiritual de Embruxo igual ten máis que ver co mundo do norte de Europa (aínda que en África poida que haxa algo diso tamén), pero a parte musical, coa forza das Montero cantando e das percusións, vén do sur, do norte de África. Eses dous mundos acaban chocando aquí.

Ademais da música Baiuca conta co apoio visual de Adrián Canoura, que adoita complementar a túa a ollada e a túa estética. En Embruxo a arte do disco baséase nos petróglifos, como foi este achegamento? 

Como dicía antes, falar con Adrian foi xa un punto de partida, buscabamos toda esa conexión que hai entre o misticismo e o presente, de como elementos máis antigos ao final serven tamén para que parta un mito aí. Por exemplo o petróglifo que sae en “Veleno”, que é o mito da serpe de Mogor. Pareceume súper interesante cando me comentou esta idea dos petróglifos, de como a quería levar a cabo. De feito o videoclip que sacamos o día do lanzamento de Embruxo co tema que lle dá nome ao disco está baseado en todo ese tema. 

Supoño que estades preparando os poucos directos que se poderán facer. Hai algo que nos poidas adiantar de como van ser eses concertos de Baiuca post-pandemia?

Aínda que imos manter ese formato de dúo audiovisual, que agora cada vez está máis enfocado ao baile, ao club, o formato coa banda vai ser o que máis presentemos este ano. Vai ser unha evolución dos concertos que xa fixemos, porque ao final tampouco presentamos tanto neste formato. Antes había moitos temas que eran de Solpor nos que elas non cantaban e agora temos parte dos temas de Embruxo para que as voces luzan moito máis en directo, e coas percusións de Xose Lois moito máis potenciadas, creo que vai encaixar todo mellor. 

E desde o palco como che gustaría ver o público?

Teño moi bo recordo do concerto que fixeramos aquí na Quintana. Repetir algo así o antes posible sería o que máis me gustaría. Nunca fixera un concerto para tanta xente, e creo que ata o día de hoxe é dos que máis asistentes tivo. Ver a praza chea, en Santiago, foi algo moi especial para min. Ademais foi un concerto que saíu moi ben, e con aquel escenario enorme, con tanto público logramos esa emoción, esa conexión que é inesquecible.

Ademais a xente agora ten unhas ganas tolas de volver aos concertos, cres que se vai notar?

Nótase que a xente quere concertos, hai como unha necesidade xa vital. De feito agora nos concertos, con isto de estar sentado, hai unha parte tamén que a disfrutas, e nós temos a sorte de que coas visuais de Adrián, para concertos que estamos facendo en teatros eu pido que sexa case como ver cine, que haxa a mínima luz posible, porque xa tes un impacto visual tan grande que non precisas nada máis. Pero cando a xente está de pé hai momentos nos que case non tes nin que mirar o que pasa aí abaixo. Só pechar os ollos e estar metido nesa catarse, sentir a enerxía.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

  • Vinte imaxes do Son do Camiño

    Nun festival tan grande e variado como o Son do Camiño xúntase moita xente. Cada unha coa súa historia e coas súas circunstancias, e por suposto, cos seus gustos. Uns ían por David Guetta e outros por Iggy Pop, pero todos tiñan en común algo: as ganas de disfrutar. Fixemos esta galería co público e traballadores do festival. Dalgunha persoa sabemos o nome e as circunstancias. E doutras non, desculpádenos. Con todo aquí vai esta colección de imaxes do festival, 20 de VINTE, feitas por de Tamara de la Fuente.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.