AI Song Contest. O voto popular será decisivo na Eurovisión da Intelixencia Artificial máis galega

Entusiastas da intelixencia artificial (IA), innovadores culturais, mentes curiosas e amantes da música por igual poderán participar por primeira vez cos seus votos no AI Song Contest 2023. A Gran Final, celebrarase na Coruña o sábado, 4 de novembro, mais o prazo para emitir os votos a través da páxina web oficial aisongcontest.com estará aberto do 15 ao 30 de outubro. 

Conta atrás para a gran cita da música creada con intelixencia artificial. A Gran Final do AI Song Contest celebrarase na Coruña o 4 de novembro. Alí chegarán só dez cancións, entre as que se atopa a galega "Florespiña" e o público terá moito que dicir na elección do tema vencedor.

«Trátase dunha oportunidade para que o público participe directamente no concurso, escoite estas co-creacións e dea a súa opinión para determinar o premio popular, unha novidade na edición deste ano. As opcións finalistas representan o cumio da creatividade na música creada con IA, e estamos emocionadas por ver que composición cativa os corazóns do planeta», salienta John Ashley Burgoyne, representante do xurado e un dos directores do AI Song Contest.

Cómpre sinalar que o voto do público será decisivo posto que supón o 50% do total da puntuación que determinará a proposta gañadora do 4 de novembro. O outro 50% corresponderá coa valoración do xurado profesional. Ademais a canción mellor valorada polo pública contará cun premio especial.

Precisamente será o día 15 cando se coñecerán as nove cancións rivais da galega “Florespiña”-obra de PAMP!-, que homenaxea a Ana Kiro.  Segundo explican desde a organización, a escolla non vai ser sinxela para o prestixioso xurado de expertos da industria musical e a intelixencia artificial. Diferentes estilos, sonoridades e xeitos de co-creación entre artistas e algoritmos representan nesta edición os diversos e creativos camiños da IA nas 35 candidaturas preseleccionadas.

O día 15  abriranse as votacións e coñeceranse as nove cancións rivais da galega “Florespiña”, que homenaxea a Ana Kiro

Co obxectivo de concienciar os equipos e o público sobre a importancia de poñer a tecnoloxía da intelixencia artificial ao servizo das persoas de maneira ética, responsable e transparente, a organización do certame desenvolveu un novo sistema de avaliación baseado nestes valores. Ademais do procedemento habitual, analizouse o proceso, a creatividade, a canción e o método seguido por cada equipo. 

Award Show e AI & Creation Day

A final do festival tenrá lugar dentro dun mes no Studio Follow da Grela, cunha gran gala de premios conducida en inglés, galego e castelán polas presentadoras Neves Rodríguez, Belén Rivero e Ricardo Saaverda, caras ben coñecidas da pantalla galega e estatal. Será un espectáculo que combinará actuacións en directo, conexións en remoto cos equipos participantes, festa rachada e o anuncio do vencedor ao máis puro estilo de Eurovisión, segundo asegura a organización.

O programa retransmitirase para todo o mundo, con público asistente no recinto. Contará cunha ampla grella de programación: grupo de baile tradicional galego, a participación de PAMP! -subcampión na competición do ano pasado con “AI-Lalelo”- e o electro-pop emerxente de Lontreira, cunha actuación con intelixencia artificial especialmente deseñada para a ocasión, seguindo o lema da edición "Walking with AI" (O Camiño da IA).

Antes disto e ese mesmo día, terá lugar o AI & Creation Day no CSA da Cidade das TIC, unha conferencia que incluirá relatorios maxistrais e mesas redondas. Nela, afondarase na forma en que a IA pode contribuír á preservación das culturas minorizadas, as actuais cuestións en torno á intelixencia artificial na música e os dereitos de autor, a IA xenerativa e a ética deste tipo de ferramentas. 

Con este certame, A Coruña convértese na capital mundial da música escrita con intelixencia artificial, aproveitando a acollida da futura AESIA (Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial).

Ana Kiro e "Florespiña"

Un modelo de intelixencia artificial da famosa cantante, presentadora e actriz Ana Kiro representará a Galicia co equipo PAMP! e a canción "Florespiña" . A candidatura está formada por un grupo multidisciplinar de doce persoas artistas, enxeñeiras, investigadoras e músicas galegas que conseguiu a segunda posición con "AI-Lalelo" o ano pasado neste festival, e que este ano contou coa colaboración do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A proposta, que recibiu a aprobación expresa e o recoñecemento da famila de Ana Kiro, comeza cun recitado emotivo da filla adoptiva de Mera (Oleiros), que volta tras 13 anos de ausencia polo seu pasamento. A raíña da música lixeira alenta ás galegas e galegos a defender unha nova Galicia contra o asoballamento, o conformismo e a autocomplacenza. 

Tamén che interesa

  • AI Song Contest. Así soa 'Florespiña', a canción coa que Ana Kiro representará a Galicia

    O misterio foi desvelado. Este venres deuse a coñecer a canción Florespiña, coa que Ana Kiro representará a Galicia na final do IA Son Contest -o Eurovisión Mundial da Intelixencia Artificial- que se celebrará na Coruña o 4 de novembro. 

    A Intelixencia artificial recupera a voz da cantante, falecida hai 13 anos, para crear este tema dan man da empresa compostelá CECUBO Group baixo o nome de PAMP!  

  • AI Song Contest 2023. A Coruña será a capital mundial da música feita con IA

    O ano pasado Galicia estivo ás portas de coroarse como gañadora da Eurovisión da intelixencia artificial. O equipo PAMP!, que presentou a canción AI Lalelo, quedou segundo logo de recibir os votos do xurado aínda que levou a máxima puntuación na votación popular. Pero sementaron algo aínda máis importante: a posibilidade de ser anfitrións do concurso deste ano. E isto xa é unha relidade: a final do AI Song Contest 2023 vaise celebrar na Coruña o 4 de novembro. 

    Música
  • AI-LALELO. A última oportunidade para gañar 'Eurovisión' váinola dar a intelixencia artificial

    Non puido ser con Tanxugueiras, e Carolina Rubirosa quedou a só un voto de gañar este ano o Liet, festival de música das linguas minorizadas de Europa. Agora temos unha nova ocasión de triunfar musicalmente en Europa: ata o xoves 30 de xuño podemos votar no AI Song Contest, que vén sendo a Eurovisión da intelixencia artificial. Hai 15 cancións finalistas e unha delas é galega e titúlase AI-LALELO A gañadora coñecerase nunha gala en Bélxica o 6 de xullo. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.