AI Song Contest 2023. A Coruña será a capital mundial da música feita con IA

Joel Cava, produtor executivo desta 4ª edición do AI Song Contest, conectado por zoom co equipo organizador. CC-BY-SA VINTE

O ano pasado Galicia estivo ás portas de coroarse como gañadora da Eurovisión da intelixencia artificial. O equipo PAMP!, que presentou a canción AI Lalelo, quedou segundo logo de recibir os votos do xurado aínda que levou a máxima puntuación na votación popular. Pero sementaron algo aínda máis importante: a posibilidade de ser anfitrións do concurso deste ano. E isto xa é unha relidade: a final do AI Song Contest 2023 vaise celebrar na Coruña o 4 de novembro. 


 

Na rolda de prensa de presentación na sede de Afundación na Coruña, Joel Cava, produtor executivo este ano do evento, acompañouse por Zoom de outros membros do equipo independente internacional que organiza este certame Rebecca Leger,  Natasha Mangal, John Ashley Burgoyne e Ryan Groves. Entre os cinco presentaron, en galego e en inglés, a misión e funcionamento do AI Song Contest, un concurso que quere dar a coñecer o potencial creativo a colaboración entre músicos e algoritmos. Insistindo moito nisto da co-creatividade: «trátase de poñer a traballar xuntos a músicos, investigadoras, produtores, científicas de datos, programadoras, e de usar a IA como ferramenta colaborativa, nunca substitutiva da creación orixinal. Isto non vai de darlle a un botón e por arte de maxia crear unha canción», explicaba Rebecca Leger. 

«Trátase de poñer a traballar xuntos a músicos, investigadoras, produtores, científicas de datos, programadoras, e de usar a IA como ferramenta colaborativa, nunca substitutiva da creación orixinal. Isto non vai de darlle a un botón e por arte de maxia crear unha canción»

Con este obxectivo, nun ano no que xa a intelixencia artificial está en boca de todo o mundo e no que A Coruña se prepara para acoller a futura AESIA (Axencia Española da Supervisión da Intelixencia Artificial), o equipo que dirixe Joel Cava tomou a iniciativa para que o AI Song Contest celebre aquí a súa cuarta edición, que leva por lema “Walking With AI”(“O Camiño da IA”) e que incluirá unha cerimonia de inauguración o 3 de novembro no CSA da Cidade das TIC, que tamén acollerá o congreso internacional “AI & Creation Day” durante todo o sábado 4 de novembro, cunha programación de charlas e mesas de debate académicas arredor da música xerada con intelixencia artificial e sobre os dereitos de propiedade intelectual. 

Tal e como explica a organización, neste congreso expertos na materia achegarán luz sobre as estratexias creativas empregadas polos equipos finalistas no certame, proporcionando información sobre os procesos innovadores que hai detrás das súas composicións xeradas por IA. Ademais, o público presencial e en liña terá a oportunidade de descubrir como se está a traballar en Galicia a intelixencia artificial «e, especialmente, como se aproveita a IA para preservar e contribuír á promoción dunha lingua minorizada como é a galega»

Despois da xornada divulgativa chegará á noitiña a a Gran Final do concurso en Studio Follow, un espazo ubicado no polígono de Agrela, «cun programa de televisión en directo deseñado para celebrar a música co-creada entre individuos e máquinas, e onde a cultura galega estará moi presente», aseguran. A xornada rematará cunha festa no mesmo estudio. A primeira serie de entradas, con prezos entre os 10€ e os 30€, porase á venda a partir deste venres 7 de xullo. 

O prazo de inscrición de candidaturas xa está aberto ata o vindeiro 4 de setembro, e pódese presentar calquera equipo de traballo, con independencia do territorio onde se atope. O que podemos garantir xa é que Galicia estará representada nesta edición de novo co equipo PAMP!, que por ser o subcampión do ano pasado e gañador da residencia artística do concurso en Sony CSL Paris, este ano é recoñecido como anfitrión e a súa participación, cun novo tema que coñeceremos en setembro, vaise clasificar directamente para a final. 

O público terá a oportunidade de descubrir como se está a traballar en Galicia a intelixencia artificial «e, especialmente, como se aproveita a IA para preservar e contribuír á promoción dunha lingua minorizada como é a galega»
 

Aínda así o concurso está aberto a calquera outra proposta que poida chegar tamén desde Galicia. O público e un xurado profesional avaliarán non só a calidade das cancións senón tamén a calidade e innovación nos procesos de interacción enter artistas e algoritmos. A competición deste ano tamén fai fincapé na responsabilidade dos creadores e na transparencia no uso da IA, «polo que premiará os grupos que poidan demostras principios éticos sólidas con respecto aos datos de adestramento e a participación dos artistas».

 

VINTE vai ser un dos medios colaboradores desta edición do AI Song Contest. Todos os detalles sobre o certame e as actividades previstas poderanse seguir na web oficial e na súa conta de Twitter

Esta foi a final do concurso do ano pasado, nunha modalidade telemática diferente á deste ano, na que se fará unha gala presencial con formato televisivo que tamén se poderá seguir por streaming

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.