O quen é quen da cultura galega. Unha guía feita por intelixencia artificial

Co patrocinio de

Hai unhas semanas Twitter encheuse de capturas de xente que procurara os seus nomes e usuarios de redes en YouChat para saber se as súas biografías xeradas por intelixencia artificial eran acertadas. En VINTE preguntámoslle a este asistente de busca conversacional por varias personaxes populares de Galicia en distintos ámbitos: literatura, televisión, internet e mesmo política.

 

O 2022 foi o ano no que empezamos a crear contido en galego coas intelixencias artificiais. As IA de texto puxéronse de moda e fomos quen de ter conversacións co ChatGPT. Hai unhas semanas Twitter toleou con YouChat, unha ferramenta integrada dentro de You.com, que naceu como un competidor de Google coa pretensión de ser unha opción máis personalizada e sen publicidade programática. A xente comezou a buscar os seus usuarios de redes sociais para saber que datos coñecía a IA sobre elus e desde VINTE preguntámonos que información tiña sobre a cultura galega.

Este bot conversacional, de primeiras, non escribe en galego. Se lle preguntamos se sabe falalo, dinos que está programado para entender e contestar en calquera lingua –iso si, explícanolo en inglés–. Se lle ordenamos que nos responda en galego, si que nos devolve unha mensaxe no noso idioma. Eso si, non 'fala' fisicamente porque é un programa baseado no texto, advírtenos.

Facémoslle unha pregunta en galego e contéstanos en inglés CC-BY-SA VINTE
Semella que só obedece aos imperativos… CC-BY-SA VINTE

Para a busca só introducimos o nome da persoa, por iso todas as respostas déunolas en inglés –e nese idioma están as capturas–; de forma puntual, devolveunos a información en castelán, mais sen criterio algún aparente. Fixemos unha selección de entre vinte persoas ou elementos de diversos ámbitos da cultura galega: literatura, televisión ou figuras de internet; incluso ampliamos o noso campo de acción e permitímonos preguntarlle por persoas relacionadas co deporte ou a política. Pero, sobre todo, intentamos que a escolma fora o máis pop posible.

YouChat emprega a aprendizaxe automática (machine learning) para «comprender a intención e as consultas do usuario e asistilo nun rango amplo de tarefas, ofrecer explicacións e debates en profundidade sobre unha ampla gama de temas», explican desde a empresa. Por iso, recomendan ofrecerlle contexto ao bot e facer preguntas específicas –o que nós non fixemos–.

Doutras plataformas de chat por IA –como ChatGPT– diferénciase por varias razóns, segundo razoa a corporación. Entre elas, incorpora ao procesador de linguaxe natural resultados en forma de vídeo, imaxe ou gráfico das aplicacións personalizadas (YouApps) do buscador, cita fontes de información e engade ligazóns e, ademais, conta con información actualizada de internet.

O erro máis común que comete esta IA é mesturar uns perfís con outros. Por iso, Emilio José é un cantautor de Córdoba e o autor de Agricultura Livre ao mesmo tempo, Esther Estévez compaxina o Dígocho Eu coa súa labor como mentora e coach de expertos en crianza respectuosa e consciente e Ismael Ramos é escritor á vez que profesor na Universidade de Burgos e autor de varios artigos sobre aprendizaxe automática. De feito, se non indicamos unha rexión específica (España), este poeta de Mazaricos convértese nun artista brasileiro especializado na modelaxe de personaxes 3D.

Outras veces, o SEO pápase ao personaxe galego, como é o caso de Grande Amore, que non é un artista para o YouChat, senón a canción que participou en Eurovisión en 2015.

Para obter unha biografía de Gayoso, debemos ser moi específicos. De non teclear 'Xosé Ramón Gayoso', o chat dá moitas posibilidades. 'Gayoso' pode ser Julio Fernández Gayoso, ex-presidente de Novacaixagalicia; e Electra Gayoso, a empresa distribuidora de energía eléctrica. O apelido, que di «moi común en Galicia», tamén o levan o futbolista Ander Gayoso, o tenente coronel Jess Gayoso Rey e Domingo Gayoso de los Cobos, conde de Amarante e Marqués de Camarasa.

Á IA gústalle cambiar de opinión. Por iso, a segunda vez que lle preguntamos por Xosé Ramón Gayoso, non nos di o mesmo que a primeira vez que o fixemos. Daquela contounos que competira en judo e natación na súa xuventude, dato que non logramos verificar. Nesta nova ocasión asegura que competiu en baloncesto e voleibol –«un atleta ávido!», o que si é certo porque foi campión xuvenil de lanzamento de martelo– e que é membro da RAE. Tamén é moi dada a confundirse se lle preguntas por dúas persoas seguidas. Por iso, cando lle preguntamos por Ana Kiro, a cantante convértese de súpeto na presentadora do Luar.

Preguntámoslle a YouChat por Xosé Ramón Gayoso CC-BY-SA VINTE
E seguidamente por Ana Kiro, pero faise un lío CC-BY-SA VINTE

As metáforas tampouco se lle dan moi ben. Da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, ten información moi actualizada. Está ao tanto do conflito polo Estado Municipal de Riazor e ata do seu disfrace de Carnaval… Pero que é iso da compra dunha vaca? Pois, con toda probabilidade, refírese a unhas verbas que Inés Rey pronunciou mentres falaba sobre peonalización das rúas e mobilidade sostíbel: «Se se compra unha vaca, será porque ten un cortello». Así que a vaca, non é unha vaca, é máis ben un coche; e o cortello, un aparcadoiro.

CC-BY-SA VINTE

Ás veces, a IA non sabe que contestar, malia que a resposta téñaa mesmo ao seu carón… Outra Lucía Estévez achada na internet xéralle dúbidas de por quen lle estamos preguntando.

CC-BY-SA VINTE

E, outras veces, sorpréndenos con curiosidades, como que existe un bar en Mos chamado igual que o mítico personaxe de Pratos combinados Miro Pereira.

Xa que presume de ter información actualizada de internet, queremos coñecer que sabe a IA das personaxes nativas da rede. Primeiro faise un lío e pensa que Olaxonmario é portugués, malia que o resto de datos son todos correctos. Con Prado Rúa tampouco anda desencamiñada. Ata sabe de ideoloxías políticas e asegura que é «unha firme defensora do independentismo galego». Deberon de ter unha conversa persoal, así que iso deixamos que llo preguntedes a ela por mensaxe directo.

Recomendámoslle que incorpore algún sistema de fact-checking para que non lle diga a ninguén máis que as contas @concello_de_catoira e @concellodecatoira –un perfil galego de humor e memes– ambas pertencen ao Concello de Catoira; malia que o feito de que a conta fake multiplique por dez aos seguidores da oficial dá lugar a confusión.

CC-BY-SA VINTE

Pese a todo, a IA fixo un bo traballo coa maioría de perfís, o que demostra que a cultura galega está ben posicionada na rede. Incluso sabe quen é Digochiño, a mascota de Esther Estévez e máis recente incorporación ao noso imaxinario popular! Non perde ocasión e cóntanos que contactar con Pili Pampín é tan fácil como escribirlle un correo ou vía Instagram, así que xa sabedes.

CC-BY-SA VINTE
Daniel Portela Otero

Daniel Portela Otero

Un título di que son xornalista. O interese polo social, a cultura e as narrativas dixitais van por riba diso.

Máis Vinte

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.