Chorando apréndese. Onde o mundo se chama Quins

 

Para seguir a celebrar o décimo aniversario de `Chorando apréndese` rescatamos esta reportaxe de María Yáñez publicada en 2009 na desaparecida revista Viralatas. Un traballo de campo feito en Quins ao pouco de aparecer o primeiro disco en solitario de Emilio José, que posiblemente foi das primeiras entrevistas que se lle fixeron. Destas liñas para abaixo, o texto ten dez anos. 

 

Que un de Quins (Melón, Ourense) saque aos 25 anos un CD dobre é noticia. Que a música indie ou “popera” en galego acade certos niveis de experimentación e vangarda é aínda algo relevante. Que Ápeiron, aquel proxecto que no 2002 chamara a atención no indie peninsular, non morrese senón que siga vivo e ramificándose en estraños seres musicais é algo que cómpre celebrar. Parabenicémonos todos. O 2009 será recordado como o ano en que se publicou 'Chorando apréndese', o primeiro disco de Emilio José.

 

'Música de aldea'

E non se trata, como di a maldita rémora galega, de “conxugar tradición e modernidade”. Ou si, se por tradición temos os Beach Boys, Elis Regina, Frank Zappa ou Franz Liszt, e por modernidade o feito de que todo iso e moito máis se mesture con hiphop, samplers de voces que van dende Ezra Pound ata Ismael Rego, marimba, bossanova e rocanrol para falar de política, de amor e do medio rural, todo para reclamar a independencia de Ourense. Música de aldea. Un concepto que calquera experto en marketing botaría abaixo, pero que está a conquistar os padais indies máis exquisitos, e a desconcertar a outros tantos.

E este de quen vén sendo? 

Aínda que no Last.fm o confundan co autor de Soledad, ten claro que el é “o outro” Emilio José, un rapaz tamén de barba, que vive en Quins aínda que estuda en Santiago. Na cidade universitaria ten internet e conéctase ao MySpace, ao Twitter e a Pitchfork, a revista do ultraindie planetario. En Quins compón e grava, compón e grava, cun portátil e co Cubase. E todo o que compón e grava publícao en internet. No 2008 publicou en internet nada menos que oito EPs, así que non se permite ter cancións inéditas. En Quins tamén queda para ensaiar, ás veces co grupo que o acompaña, Os Pentagramas  -“coma os Modern Lovers de Jonathan Richman”- ou co seu curmán Álvaro Lorenzo e Belén, os outros compoñentes de Apeiron. Modernos de toda España lembran con saudades Todo sigue intacto, o LP que no 2002 sacaran uns rapaces de Quins que a penas tiñan 18 anos, e agardan polo segundo traballo da banda, que virá. “Empezamos a preparalo no 2004, pero imos moi pouco a pouco. Estámoslle dando moitas voltas porque cando saia vai ser algo que... non sei, pero vai ser difícil que exista máis música despois de entón”, explica Emilio José con picardía e sen ningunha présa. Conta con estar entretido co seu proxecto en solitario polo menos un tempiño.

A que soa?

Tal como conta no seu MySpace, soa “coma os Flaming Lips fichasen a Julio Iglesias de cantante (esto conceptualmente; por desgracia a miña voz pouco se parece á do maestro) e gravasen un disco composto por D’ Angelo -despois de escoitar intensivamente aos Beach Boys- e producido polos Moldy Peaches, pero uns Moldy Peaches cutres cutres”. A xente que entende de música compárao con Animal Collective ou El Guincho, fenómenos indies do 2008, tal vez por certa abstracción e maneira de entender as cancións, e polo gusto polo tropical. Emilio desmárcase: “a min gústame máis o rock’n’roll, así en xeral”.

Homo sampler

Pero en Chorando Apréndese (editado polo selo barcelonés Foehn, igual que o disco de Ápeiron), podemos atopar de todo. Todas aquelas músicas que pasan pola cabeciña e o ordenador de Emilio José non son poucas, pero aínda se completan con ducias de samples, de voces, de cancións, de series de televisión. Collidas sen permiso, claro, aínda que se mostra a favor de compartir os beneficios do disco con aquel que llos reclame: “que serán, 50, 80 euros? pois hala, Frank Sinatra, para ti. Non son Bustamante para andarme a forrar co traballo de ninguén”.  E nunca será Bustamante, entre outras cousas porque Emilio José non só regala toda canta música fai en internet, senón que está disposto a tocar gratis onde faga falta. Non lle mola nada iso das Creative Commons, parécelle tan capitalista como o copyright porque ao final tamén se trata de poñer restricións. “E non é tan de esquerdas como algúns din. Agora a xente non gaña diñeiro cos discos pero ben que o quere gañar cos concertos. E se queres usar algo tes que andar a pedir permiso igual. Iso non é música libre. Libre é ir tocar gratis aos sitios se fai falta, e se das a túa música, dala sen poñer condicións”.

Imos a Quins

Todo isto cóntanolo Emilio José en Quins, onde nos recibe para ensinarnos a aldea onde vive e da que parte toda esta cosmovisión que está a encandilar a crítica e público máis ben urbanita. É unha tarde calurosa de San Antón, e hai unha pequena festa na parroquia. As grandes son as do 15 de agosto, e diferéncianse destas en que “nas grandes toca unha orquestra e nas pequenas un grupo”. Pero o día anterior houbo un concerto moito máis especial: a presentación en directo de Chorando Apréndese a cargo de Emilio José e os Pentagramas. Foi o venres pola noite no túnel de Negrelle, sobre o que pasa a autovía das Rías Baixas, e xuntou unhas 50 persoas entre amigos e veciños da comarca. Emilio toca o baixo, Hugo, de formación clásica, a guitarra e Xaime (d' O Sonoro Maxín) a batería. Fóra samples e adornos, Emilio José nos directos é rocanrol e vai máis na liña duns Yo la tengo que do que se pode escoitar no disco, pois para el son historias moi diferentes. Ningunha canción soa nunca igual. No MySpace dos Pentagramas podemos atopar ata 3 versións de ensaios de Astroturfing, unha das cancións do disco.

No bar Campus de Quins os parroquiáns cantan. Xogan a partida, atenden, falan, pero cando queren cantan, e non o fan nada mal. Emilio José interrompe as súas diatribas sobre Creative Commons para escoitar, cun sorriso cómplice, unha habanera: “Eu tamén choro, eu tamén choro cando non me alumean eses teus ollos”. Algunha teima han ter os de Quins con isto de chorar. Mais para evitar cursiladas falamos de política. Polo disco de Emilio José desfilan Touriño, Quintana, Feijoo, Obama, o citado Ismael Rego falando da esperanza para o Medio Rural entre gargalladas... aprézase un lixeiro cabreo co bipartito que, preguntándolle directamente ao autor, de lixeiro ten pouco. “Tiñan o poder para facer moitas cousas e non fixeron nada. Logo viñan con excusas de “é que non podemos, é que a xente non está preparada...”. E para mostra pon tres botóns cos seus apelidos: Gayoso, Piñeiro e Suárez Canal. O conselleiro máis valorado do último goberno teno cruzado este ourensán dende que “veu un día aquí a presentar o Banco de Terras. Antes de falar houbo unha especie de sketch con actores que facían de vellos ignorantes da aldea que desconfiaban de que a Xunta lles fose quitar as terras... Amólanme que veñan rirse da xente da aldea. Que coñece sobre Quins Suárez Canal?”  Con todo, e aínda que confese a súa adoración pola carisma de Xosé Luís Baltar, nas eleccións de marzo votou o PSOE e nas europeas a Extremadura Unida. “Xa sei que son de dereitas, pero canto de dereitas pode ser alguén de Estremadura?”. E tiña un vicio confesábel que era escoitar polas mañás a Jiménez Losantos na Cope. Non é de estrañar, entón, que no seu disco fale tanto de política, á súa peculiar maneira e coa intención de falar da independencia de Ourense (de España e de Galicia), aínda que ao final “o que máis me saíron foron cancións de amor”.

O monte de Quins

Para que non sexamos coma Suárez Canal, proponnos dar unha volta pola parroquia. Fai falta coche, porque Quins é moi grande, ocupa máis ca Melón e de feito en tempos tiña a capitalidade do concello. A querencia pola independencia se cadra vén de moito atrás. Partimos da N-120 -que desde que existe a autovía os sábados está destinada a ser circuíto de moteiros- para subir polos montes de Quins ata as aldeas de Covelo, Vicenzo, Moces... cada unha co seu palco para festa e grupo musical. Casas malfeitas e parques eólicos coma os que saían no videoclip "Crepitàtion", realizado polos coruñeses Esferobite sobre unha canción de Apeiron. Tamén recoñecemos lugares que se mencionan no disco como as famosas pozas de Melón, onde Emilio José pasa boa parte do tempo no verán, cos amigos ou só, e onde lle veñen á cabeza moitas letras e melodías. “A min gústanme os chapuzóns nas pozas de Melón, mentres imaxino onde vai a xente que pasa pola autovía”, canta en Antigua. Noutra reclama internet para o seu pobo: “Quero Wifi no Casal, cines en Portodochan, R en Barcia, Ono en Quins...”. Por certo, desde hai poucos meses xa se poden contratar 3 megas de ADSL en Quins con Telefónica. Pero Emilio José non ten conexión na casa.

Cultura musical

Mais internet si que é a súa conexión co mundo, e o que posibilita que esteamos diante dun dos músicos galegos con máis cultura e erudición musical que coñecemos. Manexa centos de referencias clásicas e contemporáneas e reflexiona moito sobre o pasado, presente e futuro da música. Gústalle provocar e discutir, como cando di que a aparición dos Strokes no 2001 foi letal para a evolución da música “porque tocaban o mesmo que Television 25 anos antes, e despois foron todos detrás”. Emilio José pensa moito no estado das cousas, cre que é moi difícil facer algo novo cando se producen tantos milleiros de cancións cada semana, e non precisa de falsa modestia para dicir que se el esperta certo interese agora é “porque un de Quins sacou un disco dobre”, ou “porque hai por aí un popero que canta en galego”. Aínda que no musical é moi resistente a conformarse, ou precisamente por iso, gústalle aprezar o que fan os seus contemporáneos, e cabréao moito a marxinación que teñen os grupos galegos. “En Madrid e en Barcelona pasan completamente de nós, desprezan o que se fai aquí e non sei por que. Por exemplo, Ataque Escampe. Ningunha revista de música española se vai fixar neles, pero se pasado mañá saca Nacho Vegas un disco exactamente igual, van e din que é o mellor do ano. Ou Nadadora, que recibiu algúns paus da crítica hai dous anos porque os seus arranxos disque eran pretenciosos. Eran pretenciosos porque eran galegos, se fosen cataláns, madrileños ou vascos serían a hostia”.

“As cancións vanse acabar”

Desde o seu visionario punto de vista, está convencido de que ás cancións tal como as coñecemos quédanlles dous telexornais, ou máis concretamente, que acabarán no 2020. De feito, tanto os cortes de Chorando Apréndese como os dos seus anteriores e múltiples EPs non son cancións coa estrutura clásica de estrofa-retrouso-estrofa-retrouso. “Son... outra cousa”. Tamén o serán as do segundo disco de Ápeiron, así como a discografía en solitario que Emilio José xa ten planificada ata o cuarto LP: “O seguinte disco vai ser todo de cancións de amor tipo Julio Iglesias e titularase Emilio José te quiere. Aínda que seguramente vaia antecedido de outro que se chame Emilio José está toliño por ti. E o cuarto será Emilio José e Os Pentagramas”. Ter ten material para eses discos e para máis. Non sabemos se tamén para seguir alimentando os grupos paralelos que montou estes anos el só no MySpace, como El Grupo de Las Canciones, co que publicou en 2007 no Megaupload o LP máis curto de toda a historia, titulado El Evangelio de las Anacondas, e despois outro dedicado á tenista serbia Ana Ivanovic. Ten talento, amor e cancións para dar e regalar e non quere quedar con ningunha para si, mentres haxa rapazas guapas que as escoiten, internet para subilas e un lugar dende o que estar no mundo chamado Quins.

Amigos de España

Así se chamou a extravagante xira que Emilio José fixo o verán pasado, cando empezamos a oír falar do seu proxecto en solitario. O reto consistía en ir tocar por vilas de menos de 200 habitantes, coma Quins, desprazándose en autobús ou no camión dun curmán seu, camioneiro en Jaén, e durmindo en tenda de campaña. Cun orzamento ínfimo Emilio José chegaba a o sitio onde quería tocar con carteis feitos por el mesmo que anunciaban o concerto. Non cobraba. Alimentábase de barras de cereais e chegouno a pasar mal coa vaga de calor de agosto, porque non sabía dun detalle, e é que no rural español non teñen fontes como as de aquí. Cáceres, Murcia, Cuenca, Zaragoza... O diario da xira aínda se pode ler no blog Amigos de España, mentres Emilio asegura que ten ganas de repetir, “pero en Azerbaixán ou nun país así”.

© Emilio José

Que pasa en Ribadavia?

A comarca do Ribeiro está que desborda talento musical, e algunhas das ideas musicais máis frescas dos últimos anos atopámolas a pouco que tiremos do fío dos parentes e veciños de Emilio José. O seu curmán Álvaro ten dende hai un tempo unha formación de samba e bossanova chamada Pescando en Copacabana. Hai dous anos ata chegara a aparecer no programa de Buenafuente cantando unha samba que lle dedicara a Ronaldinho. O amor pola música brasileira, que comparte Emilio José, venlle, seica, porque os dous teñen parentes en Rio de Janeiro. Se buscamos a Álvaro Lorenzo no Youtube chegamos ao seu perfil, onde colga vídeos del mesmo tocando á guitarra (tanto no seu cuarto como á beira do Miño) versións de clásicos de bossa nova, o propio vídeo de Buenafuente e outra rareza deste indie rural como é a Charanga Gran Pequena Filarmónica da Toscana, ou máis ben de Ribadavia, facendo unha xenial versión con trombón e gaita do Lullaby de The Cure.

No MySpace

http://www.myspace.com/singstaralone

http://www.myspace.com/ospentagramas

http://www.myspace.com/elgrupodelascanciones

No Youtube

http://www.youtube.com/discosdolar

http://www.youtube.com/gatilhoR10

 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Máis Vinte

  • Chorando apréndese. Dez anos dun disco que nos petou a cabeza

    O 18 de maio de 2009 viu a luz un disco que cambiou o rumbo da música galega no que vai de milenio. Era un CD dobre que asinaba un tal Emilio José, que se autodefinía como “música de aldea” e que proclamaba a independencia de Ourense. No interior había máis de 22 cancións, por chamarlles así, que non se parecían a nada que tivesemos escoitado antes na nosa lingua. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.