Os mellores momentos da internet galega en 2021

María Yáñez

Comezamos este ano facendo balance das case 4 décadas de historia da internet en Galicia e unha reflexión sobre o momento actual, e rematado case 2021 temos que seguir falando de maduración e de pequenos e grandes fitos que segue a conquistar a creación de contidos no noso espazo dixital. Imos darlle un repaso aos que máis nos chamaron a atención. 

Co patrocinio de

Comezamos este ano facendo balance das case 4 décadas de historia da internet en Galicia e unha reflexión sobre o momento actual, e rematado case 2021 temos que seguir falando de maduración e de pequenos e grandes fitos que segue a conquistar a creación de contidos no noso espazo dixital. Imos darlle un repaso aos que máis nos chamaron a atención. 

  • 01

    #DígochoEu

    Se hai uns anos nos din que unha canle dixital con vídeos sobre lingua galega ía ter máis de 150 mil seguidores, sería difícil de crer. Pero isto conseguiuno a CRTVG co seu espazo Dígocho eu en TikTok, grazas ao talento e capacidade de conectar co público da súa comunicadora, Esther Estévez. E non só con xente galega: moitos seguidores de fóra de Galicia quedaron prendados do noso idioma logo de éxitos como o vídeo dedicado á palabra ‘zorra’, que se fixo viral nada máis comezar o 2021.  O Dígocho eu é ademais dun contido multicanle que podemos ver como microespazo dentro dos Telexornais da TVG ou que ten tamén presenza en Twitch, cun programa semanal no que se incorporou o actor portugués Rodrigo Paganelli para compartir semellanzas e diferenzas entre o galego e o portugués no ‘Apuntamento lusófono’

  • 02

    Máis (e mellor) presenza en TikTok

    En xeral a presenza da nosa lingua na rede social máis Z deu un chimpo moi grande este ano, coa incorporación de novas voces e moi diversas, e tamén un estourido de orgullo lingüístico con ganas de vencer os estereotipos que parecían conquistar TikTok en tempos anteriores. Así, emerxeron figuras como a de Todo Malva ou Nee Barros, ou   ao tempo que se consolidaron creadoras como Leti da Taberna, Dani Irimia, Fátima Pego, Prado Rúa, Gabri Fuentes ou Eva Patinho. E personaxes senlleiros como Plenario Veiga

  • 03

    Interlingua en Tiktok

    O profesor pontevedrés Carlos Valcárcel, a quen coñeciamos desde hai anos como o artista electropop detrás de Projecto Mourente, leva uns meses triunfando en TikTok cos seus vídeos explicativos en Interlingua unha lingua inventada nos anos 50 como unha caste de esperanto, pero máis sinxelo: emprega palabras comúns á maioría dos idiomas da Europa occidental (romances, xermánicas e eslavas), cunha gramática inspirada no inglés pero simplificada, de xeito que é facilmente entendible por calquera persoa familiarizada coas linguas europeas. Valcárcel (@orlophe_vauchertres en TikTok) leva xa case 30.000 seguidores e 2 millóns de visualizacións de vídeos co cancelo #interlingua, que case só utiliza el. 

  • 04

    Os premios Youtubeiros medraron

    Os premios Youtubeirxs, que convoca a Coordinadora de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística, este ano non só se consolidou senón que medrou en premios e en participación. O gañador na categoría de mellor youtubeirx foi Ola Xon Mario, quen tamén levou o premio ao mellor vídeo con Por que é que non entendo o Portugués? Co @Portuguese With Leo. O premio á mellor canle foi para O son das ideas e o premio á calidade lingüística levouno Neeumatiko.  Toxío recolleu o galardón no apartado de Calidade Técnica e o Premio Impacto foi para o docente Pablo Rodríguez Vilacunha media de 2.000 reproducións por vídeo na súa canle. O Premio Comunicación recaeu en AstroXabi, a canle Cousas RarismASMR converteuse na gañadora do Premio Creatividade, a categoría musical gañouna Cousxs e Xacobo de Toro alzouse co Premio Didáctico, mentres que Recuncho Gamer acadou o Premio Pioneiro. A canle Orgullo Galego conquistou o Premio do Público con Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia

  • 05

    E o Carballo Interplay xuntou os “Masters da Internet de Galicia”

    Na súa oitava edición, que volveu ser presencial, o festival de contidos dixitais Carballo Interplay acolleu o 1º encontro dos "Masters da Internet de Galicia" cos ilustres gañadores do premio Galitwitter Jon Amil e Mira1cousinha; representantes de dous dos podcasts máis exitosos do último ano, Samuel L. París (MBA mal) e Carme D. Prol (CaféDerby 21) e un dos responsables de Podgalego, Isaac González; xs mencionadxs creadorxs de Youtube e Tiktok Olaxonmario, Nee Barros, Malva e Leti da Taberna, e tamén un dos impulsores da iniciativa Twitch en Galego, Agos Reigosa. Tamén se analizou  o pasado e o presente das series web en Galicia da man de creadoras como Sonia Mendez(Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú) ou Lucía Estévez (Xan). E estreouse Cacola, de David Fidalgo, a webserie gañadora a mellor proxecto en galego, que xa podemos ver tamén en Youtube. 

  • 06

    Xela Arias anegou as redes

    O 58º Día das Letras Galegas foi un dos máis populares que se recorda, e desde logo un dos máis vizosos no que a creación nas redes se refire. Un par de buscas rápidas de “Xela Arias” por TikTok, Youtube ou Twitter lévannos por un mundo de contido, desde o que preparou a propia Real Academia Galega para achegarlles a figura das Letras á xente nova, como o que fixo a propia xente nova, non so nas innumerables actividades escolares senón tamén por iniciativa propia. En Twitter foi o editor e docente Manuel Bragado quen fixo a maior recompilación de contido e materiais sobre a poeta. 

  • 07

    A conversa imposible entre Siri e Moraima

    Se houbese que darlle un premio ao vídeo viral do ano seguramente a gañadora sería o protagonizado por Moraima, unha nena de 3 anos que lle falaba á súa tablet para establecer comunicación cunha Siri que non entendía a súa lingua, o galego. Ademais de pola listura e pola riquiñez da pequena, nunha escena cotiá que capturou súa nai sen máis pretensión que compartila coas amizades, o vídeo viralizouse ao pór de manifesto que o galego aínda non é unha das linguas que recoñecen os asistentes virtuais baseados na fala. O conselleiro de Cultura aproveitou o fenómeno Moraima para anunciar o proxecto Nós, que se explica moi ben nesta reportaxe de Praza, pero o pai da nena non deixou de contestarlle que no fondo “o problema non é Siri”

  • 08

    #MissVaca cruzou fronteiras

    Nin Eurocopa, nin Tour, nin Olimpiadas, nin Eurovisión. A competición televisiva do ano en Galicia foi a comezos do verán a 13ª edición de Miss Vaca, o certame de beleza organizado polo programa Luar da TVG, que bateu todas as marcas de popularidade na rede, ben máis alá do Galitwitter. No momento en que contas tan populares como a de Ibai Llanos ou Electomanía se sumaron, os hashtags do Miss Vaca acapararon a lista de trending topics en España. Máis non só se tratou de volume: no seu momento escolmamos os mellores chíos e memes que acompañaron esta edición

  • 09

    Influencers da robaliza

    Outra figura que emerxeu a comezos de ano foi a de Rogelio Santos, mariñeiro do Porto do Son que se converteu en todo un influencer da pesca de baixura grazas, sobre todo, á súa conta de Twitter. Desde os seus primeiros vídeos, feitos desde o seu barco de baixura, comparte o que pesca e, sobre todo, o que deixa de pescar porque as pezas non cumpren a talla mínima ou están en veda. Con máis de 11 mil seguidores, agora tamén colabora con programas de radio e televisión, e este é un dos seus chíos máis populares, onde devolve ao mar centolas por valor de 140€. Ademais ten unha canle de Youtube, e non descartemos que estea detrás da inspiración para outras contas de divulgación de traballos tradicionais ou pegados á terra, como a Panadería Concha ou o labrego ourensán O do Zapateiro. En VINTE tamén falamos este ano de todo o universo de Youtube que hai en torno á pesca deportiva en Galicia.

  • 10

    A consolidación dos podcasts

    Aínda que levan ben anos existindo, os podcast atoparon este ano a súa consolidación despos da explosión de creación e consumo que motivou a pandemia en 2020. Houbo moitas incorporacións ao espazo do podcasting en galego, e tamén a ambición de xuntar forzas e canles para darlles continuidade e visibilidade aos proxectos emerxentes. A plataforma Podgalego leva 15 anos acollendo novas chegadas pero tamén se para a analizar e coñecer con máis profundidade estas propostas no seu propio falangullo, Oíches?. Pola banda de VINTE, este ano producimos máis podcast ca nunca: Retrocorenta e Conexión.gal foron dous programas feitos en colaboración con Praza.gal e co apoio da SXPL, que volveu colaborar na segunda temporada de Nalingua. Tamén acollemos varios episodios de Fan Fan, o podcast de Cibrán Tenreiro, e mais a nova temporada de Café Derby 21

  • 11

    Agora.gal: imos poñerlle orde a todo ese contido en galego

    Na primavera deste ano nacía Agora.gal, un agregador de contidos na nosa lingua, que serve como porta de entrada ás últimas actualizacións de blogues, vídeos, webs de información e divulgación, gastronomía, deporte e lecer… se buscas medios alternativos en galego aquí tes unha boa variedade. A iniciativa partiu de algunha da xente destrás de Podgalego e está tamén ligada a outras comunidades como Twitch en galego. Non podemos dicir que a rede en Galicia non estea organizada. 

  • 12

    Twitch: a explosión dos 'streamers'

    Contámolo ao longo do ano: a vaga de comunicadores de chegou a Twitch coa pandemia trouxo a esta plaforma audiovisual moito máis que vixeoxogos. Neste 2021 vimos en directo divulgación científica, leccións de música, conversa, salas de estudo e ata debates políticos. E xogos, claro. Máis de 60 streamers compartiron en galego as súas partidas ao Fortnite, ao League of Legends ou ao Among us. E tamén ao Vinte Preguntas, o xogo que este Nadal estreamos en VINTE. 

  • 13

    A chegada dos NFTs

    As siglas NFT (Non Fungible Tokens) empezaron a soar este ano e está por ver se viñeron para quedar como a internet 3.0 que xa se anuncia ou é outro froito da criptotolemia coa que os apóstolos do bitcoin e as tecnoloxías blockchain invaden os nosos algoritmos sen desprenderse de certo cheiro a estafa piramidal.  Un NFT vén sendo unha copia dixital única que pode ter valor de mercado e interese para quen queira posuír ese anaco singular dunha obra dixital. O mundo da arte, afeito ao coleccionismo, foi dos primeiros en darlles a benvida aos NFT e depaso unha nova vida a esquecidas obras de net.art, pero albíscanse posibilidades para calquera contido dixital. Chegará á industria da música ou do audiovisual? Por agora ofrece un posible cambio de paradigma á hora de outorgarlles valor ás obras na rede: e se deixamos o viral e empezamos a valorar o transcendente?  E xa algúns galegos que se animaron a probar, como o artista dixital Toño Cabanelas (xa temos falado do seu proxecto Liveforevr) ou divulgador Isaac González, que conta o proceso de crear un NFT galego neste artigo para GCiencia

  • 14

    V.O. galega nas plataformas

    Falouse moito este ano, orzamentos do Congreso mediante, da (escasa) presenza do galego e outras linguas oficiais nas plataformas audiovisuais máis populares, como Netflix, Amazon ou HBO. Parece que vén aí vontade política para axudar a isto, pero xa asoma timidamente algún filme ou serie que podemos ver en galego: no mes de outubro Ons, de Alfonso Zarauza, despois de triunfar nos Mestre Mateo convertíase no primeiro filme en galego que chegaba a Netflix. En versión orixinal galega tamén están dúas mostras do chamado Galician Noir: Auga Seca en HBO MAX España e Portugal, e O sabor das margaridas en todos os países a onde chega Netflix. Mentres os gobernos seguen negociando con estes xigantes, lembrade que es plataformas máis pequenas como Filmin temos moito cinema galego, e que a maioría das series producidas pola TVG están dispoñibles de xeito gratuíto na web EnSerie

  • 15

    E os videoxogos?

    2022 será o ano da agardada estrea de The Waylanders, o videoxogo que leva anos desenvolvendo o estudio coruñés Gato Salvaje, con escenarios situados na Galicia celta e na Galicia medieval. Os que apoiaron o proxecto en Kickstarter xa poden xogar unha versión beta, e podemos saber algo máis do proxecto na curta documental A Coruña nos videoxogos, realizada por Iago Gordillo de Recuncho Gamer. Un percorrido pola presenza desta cidade en distintos xogos, que vai máis alá e ten chegado ás pantallas do FIFA e do Proevolution Soccer (co Dépor polo medio, claro) ou simuladores de arquitectura, percorridos en camión e vistas aéreas con drons. 

  • 16

    Tanxugueiras’2022

    Rematamos co último fenómeno viral que está a romper todo tipo de teitos en canto a audiencia nas redes e plataformas de música, xa sabedes. Desde que no verán os eurofans empezaron a falar do ben que quedarían temas como Figa en Eurovisión, o runrún foi medrando e Tanxugueiras non podian deixar de presentar a súa candidatura, máis agora que RTVE empeza a tomar en serio o tema eurovisivo coa celebración do Benidorm Fest. Pois ben, o tema Terra, que lanzaron o 21 de decembro, superou as expectativas, polo menos en canto a repercusión: o seu lyric video superou o millón de visionados en Youtube nunha semana, levan centos de milleiros de escoitas en Spotify, e son tema de conversa incesante nas redes dos afeccionados españois pero tamén os europeos. Aquí temos unha recompilación de comentaristas de Youtube de distintos países tratando de dicir TAN-XU-GUEI-RAS, a pesar de que elas xa deron o seu titorial

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

  • Comeza a cuarta década da rede en galego, que nos vai traer?

    En 1991 asinábase o convenio para a creación do Centro de Supercomputación de Galicia, que se crearía en 1993 e que marcaría o fito fundacional de internet en Galicia, segundo a cronoloxía da rede galega recentemente publicada. 30 anos e unha pandemia despois, internet xa non é un espazo á marxe nin unha promesa: ocúpao case todo e está a resituar o lugar do galego  nas nosas interaccións sociais e na cultura popular. De onde vimos e que nos depara esta nova década que estreamos? 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.