Nee Barros: «non me gusta parar quiete, eu tiro para adiante»

Co patrocinio de

© Youtube - neeumatiko

Cando estaba rematando o instituto, Nee Barros decidiu comezar a subir vídeos a YouTube explicando conceptos da literatura galega. Un ano e medio e 1.600 subscritores máis tarde, Nee é agora unhe creadore de contido na rede e escritore, apaixonade da literatura e da defensa das causas sociais.

 

 

Comezaches a facer vídeos durante a corentena. Que te levou a querer explicar conceptos de literatura por YouTube?

Había unha parte de min que sempre quixera facer algo en YouTube pero nunca me atrevera, non me parecía demasiado interesante dar a miña opinión sobre os libros que lera, entón íao pospoñendo. Como teño un xeito moi interactivo de aprender, eu se non estou falando con xente ou expoñendo traballos non son capaz. Cando chegou a corentena, para estar máis entretide e estudar dun xeito máis interactivo pensei en gravar vídeos explicando temas dalgunhas materias, así aprendía para a selectividade. As miñas amizades animáronme a publicalo e ao final tiveron bastante éxito porque moita xente os empregou.

Vendo os comentarios dos teus vídeos, parece que o público agradece este tipo de contido. Como describirías o impacto que tiveches entre o alumnado?

Para min foi impresionante. O feito de que alguén que eu non coñezo estea a consumir o meu contido, lle sirva para algo e poida aprender, foi sorprendente e agradecido. Unha das principais fontes externas da miña canle son páxinas dos centros de ensino públicos, e hai xente que me recoñece e que me dá as grazas, sempre é moi chulo.

O contido da túa canle mudou e agora observamos recomendacións de libros ou vídeos máis persoais. Cara onde che gustaría continuar dirixíndoo?

En canto empece de novo o curso quero retomar a liña e falar de libros que me gustan, tentarei sobre todo recomendar libros dando as razóns que poderían levar a esa persoa a ler ese libro e non só dando a miña opinión. Tamén quero comezar a falar doutros temas e convidar xente á miña canle.

Tamén es activa en Twitter, TikTok e Instagram, defendendo causas como a visibilización da identidade non binaria. Como de grande é o poder das redes á hora de utilizalas como medio onde facer activismo?

Temos que ser conscientes de que o activismo non só se pode facer en redes sociais porque os problemas están no día a día, mais son un lugar moi bo para chegar á xente e explicarlles contidos que noutros sitios como na escola non poden aprender ou que normalmente na ficción non teñen tanta representación. Especialmente en redes como TikTok é moi fácil que se che viralice un vídeo e acabas chegando a xente con posturas moi contrarias a ti. Fai que xente que doutro xeito non chegaría a esta reflexión poida velas.

Anímante a continuar co teu activismo o tipo de comentarios que recibes nas redes?

Si e non, depende. Ás veces teño comentarios que son directamente atacantes. Por exemplo, eu teño publicado chíos falando de por que ENCE é un problema que está a contaminar a ría e xa por facer unha reflexión chegan comentarios insultando, ás veces tamén por aspectos como escribir en galego reintegrado ou pola miña identidade. Ese ambiente hostil bota moito para atrás. Por outra banda, hai moita outra xente que dá apoio e forza para ir para adiante. Cando comecei coa canle só falaba de literatura e non tanto da miña identidade, pero grazas a que vin que había xente que agradecía que falase diso é polo que estou facendo agora contido relacionado.

Cales son outras causas que consideras importantes e dasque che gustaría falar máis nas redes nun futuro?

É difícil porque eu sempre falo de que me gusta o contido especializado, por exemplo Ecos de Xigantes ou Balea Vermella, que se centran na ciencia. Eu teño a canle especializada en literatura e tamén en activismo LGBTIQ+ e, aínda que non sexa malo, non quero ser unha persoa que crea contido sobre calquera tema. Eu non podo chegar a todas as loitas cando fago activismo. Ás veces esquezo por exemplo falar da perspectiva de clase, ou cousas arredor da saúde mental, ou outras loitas que debo axudar a dar voz pero non falar activamente delas como as das persoas racializadas, das mulleres ou das persoas con neurodiverxencias.

«Especialmente en redes como TikTok é moi fácil que se che viralice un vídeo e acabas chegando a xente con posturas moi contrarias a ti. Fai que xente que doutro xeito non chegaría a esta reflexión poida velas.»

Cres que a xente moza ve as redes como unha plataforma onde poder desenvolverse profesionalmente ou só como un pasatempo ou para realizar labores de activismo?

Depende moito da persoa e non me gusta moito agrupar a toda a xente nova nun mesmo caixón, nun mesmo estereotipo. Creo que a xente cada vez ten máis concepto das redes sociais como un espazo de entretemento, onde aprender, onde desenvolverse profesionalmente… Viuse acelerado coa pandemia. O tempo da nosa vida que pasamos nas redes non é algo negativo, é unha realidade que está aí e que fai parte da nosa vida. Ao final internet é un piar das nosas vidas e tamén temos que ser conscientes de todas as consecuencias que pode ter.

Que outros creadores de contido en galego consomes?

Hai moita xente en galego que crea cousas moi interesantes, é moi difícil dicir unha persoa en concreto porque sempre sentes que che queda alguén atrás. Referentes é toda a comunidade de Youtubeirxs porque aprendín motísimo, outra xente tamén aprende de ti, hai unha comunidade moi boa creada. Se teño que falar de alguén en concreto prefiro falar de recomendacións. En Twitter, gústame moito emgalego, en YouTube O Son Das Ideas e Recuncho Gamer e en TikTok todomalva.

Ademais de crear contido, estudas, escribes e fas música. Como te organizas?

Teño moi pouco tempo. Teño claro que non vou parar de escribir, e está combinado coa canle porque falo de literatura. Tamén teño un grupo de música, Froalla, pero iso é máis entre amizades e este ano probablemente saquemos un EP. A cousa é que non me gusta parar quiete, entón eu tiro para adiante.

Escribiches Identidade, unha obra de teatro que trata a saída do armario dun adolescente trans, con tan só 14 anos. Agora, con 18 e todo o que fuches aprendendo, que farías diferente á hora de crear esta obra?

Eu sempre digo que Identidade foi produto do seu tempo e é bonito que sexa dese momento en concreto. Foi un momento no que eu saín do armario como persoa trans, entón tiña que botar por fóra, situacións que viviramos eu e outras persoas, e ademais non atopaba referentes na literatura. Agora tería escrito algo moi diferente porque aprendín moito, especialmente sobre as identidades non binarias. En Identidade inclúo unha personaxe non binaria, Dani, pero non ten importancia na trama e existe unha explicación moi superflua do que é ser non binarie. Hoxe se o volvera facer iso estaría mais coidado e tería máis presenza, e tamén escribiría doutra maneira algúns recursos escénicos porque vin máis teatro.

Que había de ti cando o escribiches en Zé, o protagonista da obra?

Eu sempre deixei isto polo aire. Creo que cada persoa que escribe acaba escribindo sobre si mesma en maior ou menor medida. Entón do Nee dese momento en Zé hai experiencias que a min me pasaron pero tamén hai outras cousas que non, o que importa é ese personaxe que está dentro dese universo.

Ao escribilo, pensabas que algún día podería ser publicado?

Eu non escribín Identidade coa idea de que fose publicado. Está dedicado a Zé Paredes, dramaturgo que a min me daba cases de lectura de teatro. O verán do 2017 propúxome escribir unha obra arredor do universo persoal e como nese momento saín do armario foi o caldo de cultivo perfecto. O de publicar foi casual, porque eu por ir a cursos de escrita tiña contacto cunha persoa de Galaxia e paseilles o texto para saber que pensaban. A miña sorpresa foi cando despois dun tempo me chamaron para publicalo, porque non o esperaba.

Ademais de Identidade, tamén lanzaches 19 poemas para um VIRUS-19, que é o resultado daquilo que che viu á mente durante a pandemia. Cal é o sentimento principal que define este poemario?

É difícil porque foron poemas escritos especialmente durante a pandemia, momento no que tiven unha situación persoal difícil. Son moitos sentimentos pero sobre todo queixas. En xeral a sociedade intenta pechar todo en caixas e hai cousas coas que non se pode. Aínda que intentemos poñer palabras a todo e definir todo con termos moi ríxidos, realmente iso non sempre pode ser así. É como intentar poñer cravos para agarrar unha onda do mar, a realidade é esa onda do mar, está cambiando todo o tempo. Cada persoa ten xeitos distintos de definirse, podemos crear palabras que nos axuden a vivir en sociedade pero os termos ás veces acaban por ser caixas que nos asfixian.

Publicaches Identidade a través de Galaxia, pero como foi o proceso de autoeditar  19 poemas para um VIRUS-19?

Todo veu de que Identidade escribino con 14 anos pero non se publicou ata que eu tiña 18, porque os procesos editoriais son moi longos e veu a pandemia, e eu tiña a espiña cravada de que ía publicar sendo menor de idade. Falei con Gonzalo Maceira, profesor de música e amigo, que leva unha escola cun selo discográfico, Arte Calavera, e que tamén pode sacar libros. Púxome o reto de que se eu conseguía montar un libro, en menos dun mes, para entregalo unha semana antes do meu aniversario, el me axudaba a publicalo. Tiven a sorte de contar con Jon Amil de corrector lingüístico. Tirei de cartos aforrados e o que fixo o estudio foi responder por min ante o rexistro. Foi moito máis rápido que Identidade. Este libro é algo moito máis persoal, son textos que están case sen corrixir, que é parte do bonito, son vómitos que eu escribín e plasmei.

«Gustoume ver que o libro non está só a chegar a xente cis que está a aprender senón a persoas trans para exploraren a súa identidade ou teren unha reflexión o suficientemente importante para que lle falen dela ao psicólogo.»

Utilizas unha linguaxe non binaria no teu poemario. Tes referentes na literatura que tamén a utilicen?

Eu no poemario no tiña moita idea de como era a linguaxe non binaria en galego. Empregara a forma ‘eli’, que non se adapta moito ao noso idioma, pero vou facer unha segunda edición que emprega o pronome ‘elu’, que é o mais adecuado á nosa lingua. Ata hai pouco case ninguén en Galicia se puxera , así que como referentes teño xente que a estuda no Brasil. É certo que hai algunhas persoas como escritoras que agora están empezando a utilizar linguaxe non binaria en casos concretos, como María Reimóndez na súa novela Fóra do Normal.

Recibiches comentarios de persoas ás que a túa obra lles servise  para poder explorar mellor a súa identidade?

O outro día un psicólogo da Seguridade Social, nunha unidade especializada en xente trans, preguntoume se eu era Nee Barros, quen escribira Identidade, porque moita xente lle falou do libro. Gustoume ver que o libro non está só a chegar a xente cis que está a aprender senón a persoas trans para exploraren a súa identidade ou teren unha reflexión o suficientemente importante para que lle falen dela ao psicólogo.

Xa probaches co teatro e a poesía. Tes previsto publicar prosa?

Ao principio cando empecei a escribir foi desde a narrativa, ata hai ben pouco non escribía poesía. Claro que me gustaría publicar prosa e teño algunha idea por aí. Ao final é o xénero no que empecei, porque comecei con relatos.

Por último, falemos do futuro. Cal é a túa maior aspiración como creadore de contido e escritore a longo prazo?

A min sempre me gusta pensar nas cousas que estou conseguindo agora, pero gustaríame continuar a publicar libros. Cada libro que publicas é como unhe fille. Tamén que Identidade fose levada ao escenario, e non necesariamente por min. Como creadore  estou a preparar cousiñas para cando volva o curso e quero facer contido en TikTok.

 

Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Tamén che interesa

  • Un paseo dixital pola nova poesía galega

    Celebramos o día da poesía percorrendo algunhas das accións poéticas que puidemos ver ultimamente na rede. Falamos de nova poesía galega aínda que nesta escolma tamén hai veteráns que experimentan nas plataformas dixitais. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • Comeza a cuarta década da rede en galego, que nos vai traer?

    En 1991 asinábase o convenio para a creación do Centro de Supercomputación de Galicia, que se crearía en 1993 e que marcaría o fito fundacional de internet en Galicia, segundo a cronoloxía da rede galega recentemente publicada. 30 anos e unha pandemia despois, internet xa non é un espazo á marxe nin unha promesa: ocúpao case todo e está a resituar o lugar do galego  nas nosas interaccións sociais e na cultura popular. De onde vimos e que nos depara esta nova década que estreamos? 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.