En 1991 asinábase o convenio para a creación do Centro de Supercomputación de Galicia, que se crearía en 1993 e que marcaría o fito fundacional de internet en Galicia, segundo a cronoloxía da rede galega recentemente publicada. 30 anos e unha pandemia despois, internet xa non é un espazo á marxe nin unha promesa: ocúpao case todo e está a resituar o lugar do galego nas nosas interaccións sociais e na cultura popular. De onde vimos e que nos depara esta nova década que estreamos?
Para saber de onde vimos temos desde o ano pasado unha ferramenta excepcional: a cronoloxía que preparou a xornalista e investigadora Marta Veiga ofrece máis de cen fitos da cultura dixital en Galicia, que sinalan nomes e datas dos acontecementos máis relevantes que, segundo a autora, fixeron avanzar a internet galega nestes 30 anos.
O título xa di bastante: “Ao principio foi Vieiros. Do Blogomillo ao Galituiter”. Menciona o primeiro medio de comunicación nativo dixital en galego, Vieiros, que se seguise en activo (pechou en 2010) faría o vindeiro mes de febreiro o seu 25 aniversario. Pero tamén as que seguramente foron as dúas comunidades máis importantes neste tempo: nos anos 00 a comunidade de xente que facía blogs en galego, e nos anos dez a comunidade de usuarios de Twitter na nosa lingua.
Se ben leva habendo xente que chía en galego desde o ano 2007, o ‘Galituiter’ afronta este cambio de década cunha autoconsciencia de comunidade que non se dera tanto nos anos anteriores. Neste gráfico podemos comprobar como no último ano se disparou o número de mencións ás palabras “Galitwitter” ou “Galituiter”, demostrando que cada vez máis xente recoñece esta marca para identificar o colectivo.
Do mesmo xeito os Premios Galituiter, creados informalmente (coma case todo o que ten éxito nesta rede) a finais de 2016 para recoñecer a persoa que mellor chiaba en galego, por plebiscito da propia comunidade, deron no 2020 un salto de calidade na súa organización, cun perfil propio: @galituiter. Por certo, para quen non o saiba, este ano o gañador foi @AmilGZ.
Mesmo este ano os premios Galituiter tiveron os seus derivados. Por un lado, o usuario @Chimpinho creou os premios Malituiter, para que a xente votase os que para el eran os peores usuarios galegos desta rede. Por outro, como ser galego é unha carreira e de Ourense, catedrático, os desa provincia decidiron crear os seus propios premios este ano:
Non foi o único salto cualitativo que deu a comunidade tuitadora nos últimos tempos. Se no anos dez unha das máximas do blogomillo era “metabloguear é o p**o peor”, aos seus sucesores (algúns deles os mesmos) encántalles metatuitear e comentan todo o tempo as dinámicas da comunidade. Mesmo para facilitarlle ao público menos metido a información sobre que se coce na conversa, creouse a conta Agora no Galituiter, que vai resumindo as tendencias do que se fala cada semana e destaca os chíos máis comentados.
Con todo, se algo caracteriza as redes nestes tempos é que non son espazos pechados senón que retroalimentan con outras plataformas para crear e compartir contido de maneira transversal. Os premios Galituiter foron comentados en Twitch cun programa en directo no que participaron algúns dos usuarios que cadraron na final do certame. As novas xeracións do Twitter xa non teñen medo a porse diante dunha cámara ou dun micrófono. Será o streaming en directo o novo lugar da conversa dixital na década dos vinte?
Por agora a tendencia apunta a que si, a que esa conversa en directo está a xerar moita atención entre os usuarios máis novos, e xa se está a organizar unha comunidade de Twitch en galego para que os streamers que falan na nosa lingua se coñezan e sexan máis doados de atopar. De feito teñen en marcha unha petición para que o galego sexa unha das opcións á hora de buscar streamers nesta plataforma. O prognóstico é que neste 2021 veremos un crecemento grande e a incorporación de bastantes contidos tipo faladoiro ou divulgativos sobre diversos temas, máis alá da retransmisión de videoxogos, que foi o que marcou o nacemento e crecemento inicial desta rede. Por exemplo, o creador da conta de Twitter A Galicia Medieval, con quen falamos nesta sección hai uns meses, xa creou unha canle en Twitch para falarlle da Idade Media á súa audiencia.
Neste 2021 veremos un crecemento grande en Twitch e a incorporación de bastantes contidos tipo faladoiro ou divulgativos sobre diversos temas, máis alá dos videoxogos.
Tamén seguiremos con atención a evolución de TikTok, pois nos últimos meses, logo de que buscaramos contidos en galego e levaramos unha pequena decepción, foiron aparecendo perfís máis interesantes e diversos. De novo, a lingua nestas redes non só é unha ferramenta de comunicación senón que parece que triunfa como tema: as pezas nas que se comentan cuestións sobre a lingua adoitan xerar moitísimas interaccións. Sábeo ben Esther Estévez, a gran revelación da comunicación galega no último ano, co seu espazo “Dígocho eu”, que podemos ver tanto na TVG como nas distinas redes, No TikTok supera xa os 40 mil seguidores. E esta semana acadou grandes cotas de viralidade co seu vídeo sobre as zorras.
Outra que acadou gran viralidade nos últimos días foi a dona da conta todomal.va, que nun inglés moi bo explicaba unha das características máis singulares do galego: o pronome de solidariedade. Efectivamente, Uxía éche moi lista.
O crecemento de plataformas relativamente novas coma Twitch e TikTok non parece por agora que vaia deter a progresión de Youtube como unha das ferramentas principais para a creación de contido audiovisual en galego. Non é doado facerse co número de canles en galego que existen nesta rede, mais se atendemos ao número de vídeos que se presentaron á última edición do certame Youtubeir@s, temos 535 pezas feitas para Youtube en galego no último ano. Na primeira edición do concurso, en 2017, había un total de 173. Nesta lista de reprodución podemos ver os gañadores de 2020, e aquí unha conversa con algúns dos seus creadores.
Comezamos, pois, a terceira década deste século cun panorama moi aberto e moi diverso en canto a canles, propostas e tamén número de usuarios que producen e consomen contido dixital na nosa lingua. Cada vez se fai máis difícil anotar nunha liña de tempo os fitos máis importantes da internet galega porque isto cada vez vai a máis velocidade: case todas as semanas se dan fenómenos na rede que noutros tempos farían historia e hoxe fan parte da rutina dunha mañá calquera, con tanta intensidade coma fugacidade. Por iso iniciativas como Agora.gal pretenden axudarnos a non perder o fío cun agregador que permita atopar, ordenar e distribuír contidos en galego, e que non se perdan como pingas no océano.
Estaremos moi atentos á progresión de todas estas ferramentas nun ano que promete unha explosión de “creadores de contido” na nosa lingua, unha nova xeración que sucederá os irmáns maiores do Galituiter e os tíos-avós do Blogomillo, que aínda non sabemos como se chamará pero que vén petando forte. En VINTE na rede iremos debullando e acompañando estes novos fenómenos na medida en que poidamos.