Queremos contidos, contidos, contidos

© Giphy

O mundo neste recuncho de Europa, e seguramente noutros outros, pelexa pola atención da xente e por non quedar atrás nesta carreira de a ver quen produce máis contido, quen conta máis historias, quen crea experiencias para ocupar o lecer da xente. 

A xente, mentres, tivo un pico de lecer aí na primavera cando a pecharon na casa e se cancelaron a maioría dos plans inmediatos que tiña. Pero agora volveu entrar na voráxine do traballo, as aulas, moverse dun lado a outro dentro do que a necesidade e o #sentidiño mandan e permiten. Tamén regresan, como poden, moitos dos plans adiados. Quen seguise os festivais de cinema galegos, por exemplo, agora tenos case todos xuntos. En VINTE ofrecemos unha guía para podelos seguir pola rede, aínda que todos teñen tamén versión presencial. 

Vemos aí de novo o paradigma da abundancia fronte a escaseza. Todos os eventos que son nun lugar físico teñen o aforo moi reducido e esgotan entradas ao pouco tempo de se poñeren á venda (só na rede, por certo). Poder acudir a un espectáculo ou proxección en vivo convértese nun privilexio para a xente máis espilida, que se segue esta situación moito tempo non tardará en ser a xente con máis cartos, a que se poida permitir pagar unha entrada premium que sosteña os gastos do espectáculo en cuestión. 

Volvendo á rede, sempre nos quedará o streaming, o poder seguir conferencias e performances por unha pantalla, en directo ou en diferido, pagando entrada ou non. E a nosa axenda virtual empeza a se inzar de eventos online que cadran no mesmo día e hora, pois había moito festival pendente que desatascar. Como non temos que desprazarnos fisicamente, podemos mesmo ter un aberto en cada pestana do navegador. De xeito que, como nos pasa co resto de contidos dixitais na vida, acabamos por non prestarlle demasiada atención a ningún dos dous. 

En lugares coma o noso temos aínda unha presión extra: hai que producir máis contidos en galego para competir con todos os contidos que hai aí fóra noutras linguas. 

Nesta loita pola atención da xente os produtores de contido rara vez se poñen no pelexo da propia xente e en se realmente ten tempo e ánimo para atender a toda oferta que se lles presenta. O importante é estar, producir, facer a nosa movida. E en lugares coma o noso temos aínda unha presión extra: hai que producir máis contidos en galego para competir con todos os contidos que hai aí fóra noutras linguas

Ben, pois malas novas: esa batalla está perdida. Nunca alcanzaremos unha porcentaxe idónea de contidos en galego fronte aos contidos noutras linguas, e menos cando a nosa competencia en inglés aumenta e empezamos a ser público de todo tipo de eventos na rede a nivel mundial. Todos pelexando por unhas horas da nosa finde. Se teño que ver a presentación da Playstation 5 en directo, a cronoescalada do Tour de Francia, as charlas do WOS e do Sonar+D, escoitar o último de Malandrómeda, ver as curtas do Festival de Cans, os documentais do Play-Doc en Filmin, as reportaxes de Nós TV, a entrevista a Pedro Sánchez na Sexta e ademais comentar todo isto en Twitter, cando vou poder ter vida lonxe dunha pantalla? Cando vou facer as cousas que tiña pensado facer e non aquelas ás que me convida a conversa das redes sociais? 

Os exemplos son da pasada fin de semana pero así transcorre cada unha delas, con esa ansiedade e esa loita entre o FOMO (Fear of Missing Out, medo a quedar fóra ou a perderme cousas) de deixar escapar unha axenda cultural na rede que nin sequera nós pedimos. A programación será á carta e para elixir pero os estímulos que nos chegan solicitando os nosos clicks e plays non nos deixan en paz. 

No medio de todo iso, a lingua galega loita por non quedar fóra da carreira e unirse cando menos ao pelotón. E os nosos activistas reclaman, con toda a razón, unha canle de programación infantil que emita 24 horas en galego. Que non quede unha franxa do tempo das nosas criaturas na que non teñan opción de ver algo na nosa lingua. Non vaian ser que esperten no medio da noite e só teñamos a man enchufalas a Pocoyó en Clan TV

O mundo por aquí debátese entre embucharnos de contidos noutras linguas ou embucharnos de contidos noutras linguas e tamén na nosa. As ansias de normalización obrígannos a estar aí e non baixar dun carrusel que segue xirando. Mais non esquezamos que esa batalla ten pouco de sustentable. Que se aproveita da vontade de crear das creadoras, aínda que sexa en precario, e de roubarlle horas de sono a quen produce pero tamén, e moitas, a quen consome. Que xera saturación e frustración no peor dos casos. No mellor, consumo superficial e rápido esquecemento: hai que facer sitio para que pase o seguinte contido do que todo o mundo está a falar, ou a vindeira iniciativa para que o galego remonte espazos na lista de estupefacientes mediáticos que se nos ofrece no día a día: Twitch, TikTok ou onde queira que se mova a rapazada traballando gratis para o capitalismo das grandes plataformas. 

Tampouco sabemos definir como sería a alternativa sustentable a isto. Pero se algún día todo isto estoura, era ben que non nos pillase chupando a roda dos penúltimos cando a carreira xa veña de volta, e o botón de off sexa un privilexio reservado para os non subalternos

 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.