As redes serven para contar historias e tamén para contar a nosa Historia nos máis diversos formatos: fotografías, vídeos, fíos de Twitter, stories de Instagram, preguntas de Trivial… Divulgación, curiosidade e entretemento marcan o éxito de contas como ‘A Galicia Medieval’ ou ‘Galicia hai un século’, por mencionar algunhas en galego con milleiros de seguidores. Falamos cos seus creadores para coñecer que motivacións, métodos e inspiración hai detrás destas iniciativas.
O compostelán Adrián Blanco, de 29 anos, é o creador da conta A Galicia Medieval, que funciona desde 2017 e ten perto de 4.500 seguidores en Twitter. Graduado en Historia e cun mestrado en estudos medievais europeos pola USC, foi ao acabar este mestrado cando Adrián se viu “con poucas ganas de investigar, prefería traballar, pero tamén sempre me gustara divulgar”. El xa seguía en Twitter outras contas de divulgación histórica como Antigua Roma al día e pensou en facer algo así sobre a Historia de Galicia, abordando a época histórica que el mellor coñecía, a Idade Media.
Foi a comezos de 2017 cando a súa conta se comezou a dar a coñecer, cadrando coa estrea da serie de TVG e TVE O final do Camiño. Galicia Medieval empezou a facer fíos puntualizando ou dándolles contexto histórico aos feitos que aparecía na serie. Aí empezou a crecer en número de seguidores. Outros contidos que publicaba ao comezo tiñan máis que ver con efemérides ou con novas que saían en medio. Co tempo foi explorando formatos como os fíos, ou propoñendo o “momento friki do día”.
En total Adrián explica que lle acaba dedicando á conta entre 10 e 15 horas á semana. Un traballo completamente voluntario pero que trata de ser metódico e rigoroso. Para documentarse adoita acudir a bibiotecas, aínda que o confinamento tivo que recorrer máis a fontes en liña como Academia.edu. Sempre buscando fontes académicas: “intento evitar sacar cousas de internet sen contexto ou da Wikipedia, agás algunhas imaxes, que tamén saco da web de Turismo de Galicia, cando se trata de patrimonio”.
Isto non lle impide botar man do humor ou conectar coa cultura popular e cos memes, como fixo con este vídeo extraído dun videoxogo Anno Domini 1250, que recordaba ao meme máis popular do coronavirus.
Desde hai un tempo podemos atopar Galicia Medieval tamén en Instagram, onde destacan aquelas historias que teñen maior interese visual. Aínda que confesa que “sigo sen saber ben como utilizalo”, esta plataforma permitiulle acadar novas formas de interacción cos seus seguidores, por exemplo co formato trivial que fai nas stories, unha idea que xurdiu no confinamento e que tivo moito éxito, tanto en Instagram como en Twitter.
Á comunidade gústalle participar de distintos xeitos. Algúns seguidores mándanlle información, outros ás veces pídena. Está en contacto cos responsables de outras contas similares, “como as do Románico en España, hai todo un movemento de divulgadores en Twitter, como Cantabria Románica, Castilla y León Románica ou Álava Medieval, cuxo traballo me parece moi admirable”. Tamén se relaciona con outras contas como La Cultura Social, Propylaeum, Arquivo Dixital de Galicia, a Escola de Conservación de Bens Culturais de Galicia ou El Barroquista, un dos divulgadores galegos de máis éxito en español.
Malia haber todo un ecosistema de divulgación histórica en redes sociais e moito interese por parte do público (“a moita xente gústalle a historia ainda que logo non a estude”), bota en falta máis profesionalización, especialmente naquelas contas xestionadas por institucións, segundo el moi desaproveitadas. El mesmo ten traballado de forma temporal en centros públicos como o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés de Sigüeiro, pero denuncia que non haxa convocatorias de prazas públicas para este tipo de institucións que xestionan Concellos ou Deputacións: “só se contrata se hai subvención polo medio, o tempo que dura esa subvención. E estes lugares, museos e centros de interpretación, teñen que ter persoal todo o ano, que poida facer unha planificación de desenvolver un traballo a longo prazo de divulgación, documentación…”.
Malia haber todo un ecosistema de divulgación histórica en redes sociais e moito interese por parte do público (“a moita xente gústalle a historia ainda que logo non a estude”), bota en falta máis profesionalización, especialmente naquelas contas xestionadas por institucións, segundo Adrián Blanco moi desaproveitadas.
Adrián Blanco polo de agora ve lonxe sacarlle algún rédito profesional ao seu traballo con Galicia Medieval. Nin sequera o pon no seu currículo, “pero se cadra debería”, di. Ao que si aspira é a tentar estender o seu traballo a outras plataformas e formatos, como o podcast, “pero non sabería por onde empezar a facelo, preciso alguén con máis coñecemento do mundo podcast que o queira facer comigo”. E tamén contempla dar o salto a Twitch, a plataforma audiovisual que se popularizou aloxando streamings en directo de xogadores de videoxogos e que cada vez está a ampliar máis as temáticas dos seus contidos, abríndolle a porta ao entretemento e á divulgación en canais como Absurdum.
Galiza hai un século
Por amor á arte tamén traballa a persoa detrás da conta Galiza hai un século, que prefire manter o anonimato e definirse como “un/ha amante anónimo/a da historia en xeral e da historia e xeografía da Galiza en particular”. Tamén en 2017 comezaba a súa aventura en Twitter cun primeiro chío que anunciaba “unha viaxe gráfica no tempo pola Galiza de hai un século”. Desde o primeiro momento tivo moi boa acollida: “creo lembrar que nos primeiros seis meses xa superaba os 3.000 ou 4.000 seguidores”. Agora ten case dez mil. E aínda, que tivo momentos de menos actualización e crecemento, “co confinamento pola Covid19 volvín publicar a diario, o que fixo que outra vez a conta volvese a crecer (coido que empecei o confinamento sen chegar aos 8000 seguidores)”.
Ao que se dedica este perfil de Twitter, que por agora non ten previsto expandirse a outras redes sociais, é a compartir imaxes da Galicia de comezos do século XX, de cando a fotografía comezaba a popularizarse no país. Recoñece que a maioría de material tírao de internet e que “en menor medida hai xente que me envía fotos, moitas delas particulares e da súa propiedade”. O seu método para xerar contido baséase nunha mestura de planificación e improvisación: “a planificación é porque todas as fotos que teño están perfectamente catalogadas por datas, lugar onde as atopei, etc. En canto a súa publicación é totalmente improvisada, mais procuro non repetir fotos do mesmo lugar un mesmo día”, asegura.
Para determinar cales son os contidos que máis impacto ou interacción xeran, di que “non podería establecer un patrón, mais normalmente as fotos referidas ás cidades (Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo...) teñen máis interaccións que outras ”. Aínda así “lembro tres fotos cunha chea de interaccións e ningunha delas referidas ao tema urbano. Unha era dun grupo de excursionistas nas Illas Cíes; outra dunha palloza no medio do Cebreiro; e unha última dunha cociña galega coa súa lareira, pota e gramalleira. Tamén son moi seguidas as fotos que publico da fotografa estadounidense Ruth Mathilda Anderson (todas da súa viaxe pola Galiza dos anos vinte)”.
Nos plans futuros desta conta está simplemente seguir funcionando, “por amor á arte e sen un plan estratéxico escrito. A gasolina para seguir dana as propias interaccións que ten a conta, o aumento de seguidores e os ánimos que moitos me mandan a través da rede”. A Galiza hai un século tamén chegan ás veces curiosas peticións: “Hai pouco un seguidor dos máis activos preguntoume pola orixe dunha foto. Cría ollar nela un antepasado seu. Por suposto puxen os pormenores da foto no seu coñecemento. O que non sei e se lle serviu para descubrir o que buscaba”.
Curiosidade e cultura xeral
O que une a contas como Galicia Medieval ou Galicia hai un século é, segundo os seus creadores, a ansia da xente por aprender cousas novas na rede e compartir coñecemento. Tamén por poñer a proba o que saben, de feito Adrián Blanco foi concursante de concursos de televisión Como un allo, baseado en preguntas sobre cultura xeral galega. Para quen queira ter sempre a man detalles ou anécdotas coas que sorprender as súas amizades tamén temos contas como Sabías Galicia, que tamén comparte unha chea de coñecemento en forma de pílulas informativas con efeméride, fíos que contan un feito histórico ou algunha curiosidade da nosa xeografía ou cultura popular.
As interaccións de Sabías Galicia en Twitter cóntanse con frecuencia por centos e desde hai un tempo tamén están en Instagram. Outro medio moi axeitado para ir administrando estes petiscos de coñecemento que non sobran, que non sempre lembramos e que sempre convén ter a man para quedar ben por se alguén nos pregunta cousas típicas como por que á xente da Coruña lle chaman cascarilleira.
Ao final son estes detalles e curiosidades as que máis se reteñen na memoria da xente. Como recorda Adrián Blanco, "tiña un profesor de Historia Medieval na USC, Andrade, que sempre dicía: se van a quedar ustedes con la anécdota", e ao final na linguaxe das redes, nos memes e demais o que máis se comparte é iso, a anécdota". Sirvan logo estes petiscos en forma de microhistorias, adaptados á linguaxe actual, para que cada día máis xente se enganche á nosa Historia.