Un paseo dixital pola nova poesía galega

Co patrocinio de

© Alba Cid - Instagram

Celebramos o día da poesía percorrendo algunhas das accións poéticas que puidemos ver ultimamente na rede. Falamos de nova poesía galega aínda que nesta escolma tamén hai veteráns que experimentan nas plataformas dixitais. 


A relación da poesía galega con internet vén de lonxe. Cando os escritores da xeración X fixeron os primeiros experimentos na rede facían con toda a vocación de pioneiros. Autores como Camilo Franco, Xelís de Toro ou Fran Alonso lanzábanse en décadas pasadasá conquista do medio dixital cunha consciencia forte á hora de aproveitar as posibilidades que os medios analóxicos, nos que xa publicaban, non lles daban. A saber: o hipertexto, o multimedia, a interacción, a participación do lector no proceso creativo. Mais sempre no terreo do textual. Na parte da performance e audiovisual tiñamos a Yolanda Castaño ou Antón Reixa abrindo os camiños para a videopoesía en galego, como ben se conta no documental Versogramas, que fixeran Esferobite (Juan Lesta e Belén Montero) coa poeta e produtora Celia Parra.

Mais Celia Parra é da xeración millennial, que tivo xa nos blogs o seu primeiro lugar de expresión poética, e que foi desenvolvendo de xeito nativo a medida que aparecían novas redes como Tumblr, Twitter ou Instagram. A día de hoxe non é nada infrecuente atoparnos con poemas na nosa timeline ou no noso feed de Instagram. Imos ver algúns exemplos. 

Un dos que mellor se manexan coas linguaxes que van máis alá do texto (a fotografía, o son, o vídeo, a propia interface de cada plataforma) é Jesús Castro Yáñez, que durante moito tempo usou o Tumblr como lugar de experimentación con estes elementos multimedia. Mais onde maior partido lle sacou ao medio é quizais en Catro xardíns ardendo, unha conta de Instagram que é todo un poema visual e literario, e tamén interactivo, adaptando algúns textos de Os nomes e os himnos, poemario publicado por Espiral Maior en 2016. 

© @exantheo - Instagram

Alén destas obras concretas, boa parte dos poetas na actualidade o que fan é usar as súas redes sociais cotiás para publicar poemas de cando en vez. En Instagram atopamos algúns destes momentos en poetas como Alba Cid, que non só usa o feed de IG senón tamén as stories

Ou poetas aínda máisi novas coma Sandra Xixirei.

Este último fai parte do reto #EscritaLeiteira21 no que colectivo editorial Beber Leite animaba a participar con poemas no Instagram durante este ano. Pero ollo porque, alén de publicar a poetas novas en papel, como Arancha Nogueira, Lucía Cernadas, Pablo Rodríguez ou Afra Torrado, tamén sacou Leite Edicións unha app para Android na que se poden ler e descargar os poemas no móbil. Ademais nela podemos xogar a ser poetas na sección Mamarrachadas, con test do tipo “Que poeta serías”, ou con Cadernos Morenos, outra app feita por elas na que podemos compoñer os nosos propios versos coa axuda dun formulario. 

Estes experimentos de base máis tecnolóxica teñen tamén unha certa tradición na rede galega desde o Gerador automático de poesia galega contemporánea (2005) ata o bot Poeta fatal, que funcionou durante 2016 en Twitter. Os dous son do mesmo autor, Berto Yáñez, e deste último quedou o código aberto, por se alguén quere seguir fedellando. 

 

 

En Twitter tamén temos poetas, máis dedicados ao choio ou máis casuais, dependendo do perfil. A xornalista e poeta Carmen Villar (@CarmeDeMilmanda) é constante na publicación de versos propios, moitas veces combinados con imaxes. 

Ou O Leo de Matamá, que nos agasalla con certa frecuencia con reflexións en forma de haikus, como xa experimentara hai anos con aquel blog chamado Haicu (haimedo).

Outro que lle dá á poesía breve en Twitter é un dos veteranos: Xesús Rábade Paredes, que atopou neste medio un lugar onde comentar a actualidade, coma outra moita xente, mais neste caso rimando.

 

No YouTube hai unha chea de vídeos de poetas, sexan gravacións de recitais públicos, recitais mirando a cámara ou videopoemas de tipo máis artístico ou experimental. Pero tamén hai outros achegamentos á poesía que nos parecen interesantes, coma esta conversa de Olaxonmario co poeta Gonzalo Hermo.

 

Ou a serie de vídeos que fixo Nee Barros para explicar distintos temas sobre literatura galega para as probas ABAU do ano pasado, nas que ela, como estudante de 2º de Bacharelato cando chegou a pandemia, tivo que participar. Un xeito de repasar a lección en público que, a xulgar polo número de visitas, tivo éxito entre os seus pares. 

Nee Barros tamén é poeta, vén de sacar dous libros e nos últimos tempos ten unha actividade intensa creando contido para as súas canles de Youtube, Instagram e Tiktok. 

 

O Día Mundial da Poesía, que se celebra o 21 de marzo, é unha excusa coma outra calquera para falar de literatura. Como tamén o son as efemérides e os cabodanos. Este ano é o 25 aniversario do pasamento de Lois Pereiro e o Ateneo Casino de Monforte botou a andar un unha campaña de vídeos nos que distintas persoas recitan os veros do poeta baixo o cancelo #LP25anos

Despois desta celebración xa se van quentando os motores para o Día das Letras Galegas, que este ano lle dedica a RAG á poeta Xela Arias. Nas vindeiras semanas veremos chegar un lote de publicacións, eventos e pezas audiovisuais arredor da vida e obra de Arias, pero mentres podemos ir seguindo o cancelo #XelaArias2021 no que moitos usuarios de Twitter están compartindo material sobre ela. O máis activo, Manuel Bragado, que a coñeceu ben cando traballaban xuntos en Xerais e que está a publicar cada día polo menos un chío sobre algún aspecto de Xela Arias. De aquí ao 17 de maio seguiremos atentas ao que dea de si esta celebración dunha das nosas poetas máis singulares.

 

 

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.