Streamers. Máis de 60 xogadores comparten as súas partidas en directo e en galego

Co patrocinio de

© Twitch - inowol

Vicky, Antón, Enxebre Gamer, Gabi, Miguel, Iago, Ricardo ou Félix decidiron levar a súa paixón polos videoxogos ao seguinte nivel e comezar a compartila co público en internet. Son só algunhas das 62 canles que actualmente retransmiten xogos en galego na plataforma Twitch, unha comunidade que experimentou un gran crecemento: o verán pasado só había unha ducia.

 

Antón, coñecido tamén como inowol, é un dos streamers en galego máis activos actualmente. Emite cada día directos de catro horas, comezando ás dez da mañá. Están divididos en tres partes: videoxogo de historia, ler as novas sobre o mundo dos videoxogos, e xogar partidas en liña. Entre os moitos tipos de videoxogs que proba están clásicos como The Legend of Zelda, e Doom Eternal ou Tom Clancy's Ghost Recon.

Inowol aprecia especialmente as relacións que forma co seu público. «Gústame a idea de ser capaz de compartir o que me transmite un videoxogo con outra xente e que haxa unha resposta inmediata a iso mediante unha charla tranquila», explica. Co seu uso do galego tamén busca encher unha carencia que el tivo de pequeno. «Eu son neofalante, e crear contido no noso idioma a partir dun pasatempo que me gusta tanto foi unha oportunidade de ouro para facer algo no que a miña educación de rapaz foi claramente neglixente: normalizar o idioma propio do noso país na miña vida cotiá dun xeito natural e cómodo», afirma. Antón ve normal que sexa complicado chegar a ter moitos seguidores facendo directos na nosa lingua, porque é algo relativamente novo.

Como outros streamers, ten aberta a posibilidade de recibir mecenas a través de Patreon, mais a día de hoxe non cre que sexa posible vivir disto: «oxalá o fose nun futuro».

Xunto con Antón, quen máis tempo leva emitindo en galego é Enxebre Gamer, que conta con 639 seguidores e que dentro de pouco cumprirá ano e medio facendo directos. A súa canle está dedicada especialmente ao Fortnite, pois da súa afección a este xogo naceu a idea de compartilo con outras persoas. «Non falo nunca castelán e nin se me ocorreu cambiar de lingua para facer streaming», explica, ao que engade que «o feito de falar en galego beneficia máis que resta». Quere destacar o labor de Antón e de Agos Reigosa, de Twitch en galego, por implicarse desde o primeiro minuto en crear unha comunidade de streamers aberta e positiva. O seu público é moi variado, hai rapaces de 12 anos pero tamén adultos.

 

Para a gamer Mars Marcelyn, de nome Vicky, acadar seguidores é cuestión de constancia, de ter un proxecto e de traballalo, e máis importante que o número é a comunidade que se crea e como se coida dela. Ela ía para YouTube, pero atopouse con Twitch e pareceulle interesante o formato. Na súa canle, fai directos xogando a Dandara: Trials of Fear ou The Battle of Polytopia, mais Vicky sempre está buscando xogos novos que probar. A clave para poder monetizar esta actividade é o cando se pasa de pensar en facer streaming como un pasatempo a tratalo como un traballo. «No momento no que te tomas facer streaming en serio, o normal é que teñas audiencia e que esa audiencia te apoie como creadora de contido», comenta. A este apoio pódense sumar outro tipo de proxectos ou patrocinadores. 

«Eu son neofalante, e crear contido no noso idioma a partir dun pasatempo que me gusta tanto foi unha oportunidade de ouro para facer algo no que a miña educación de rapaz foi claramente neglixente: normalizar o idioma propio do noso país na miña vida cotiá dun xeito natural e cómodo», di inowol.

Aínda que cando comezou a facer streaming en galego ela era a única muller, di non ter sufrido ningunha experiencia negativa. «Na comunidade hai unha perspectiva de inclusión e diversidade», afirma, e tamén aclara que «ser muller e expoñerse nun medio como Twitch non deixa de ser máis violento para nós que para os homes».

Mars Marcelyn xogando a The Battle of Polytopia. © Twitch - Mars Marcelyn

A Gabi, coñecido como gabiiig8, ségueno 1.717 persoas. Algo que comezou nos inicios da pandemia, inspirado pola canle Hai Corentena, converteuse axiña no perfil de streaming máis exitoso de Twitch en galego, facendo directos xogando ao Outlast ou o Grand Theft Auto. Non pensa que facer directos na nosa lingua sexa un impedimento para acadar moitos seguidores, como así o demostra o feito de que haxa canles que excedan o milleiro. Gabi é agora menos activo que o ano pasado porque está preparando unhas oposicións, pero di que a clave para poder ter tempo para facer directos é organizarse e marcar un horario. 

Gabi xogando ao Outlast. © Twitch - gabiiig8

 

Gabi tamén fixo colaboracións con outro streamer ben coñecido, Miguel Lago, ou miguelfieiro  en Twitch, que está presente na plataforma de luns a xoves ás 21:30. Fai uns días, emitiu o Battlefield por primeira vez, e tamén fai directos de outros tan coñecidos como o Among Us. El tamén comezou a facer directos durante a corentena, como maneira de conectar coa xente. A comunidade que se formou «é unha pasada, todos nos apoiamos entre nós, non lembro nin un só problema». Comezar de cero como streamer en Twitch, como fixo el, é moi complicado, máis incluso que en calquera outra rede social, porque é máis difícil que a xente te atope. Ademais da súa propia canle, el tamén forma parte do equipo de eSports Kings Dragon.

Quen adoita consumir o seu contido son persoas adultas de entre 20 e 40 anos, e aínda que a maioría son de Galicia, tamén proveñen doutros lugares como Madrid, Valencia ou incluso Brasil. Aínda que lle encanta facer directos, é importante ter claras as prioridades. «Durante a corentena non se podía facer nada máis e botábamos horas aí, pero agora é importante non deixar a vida social atrás», recoñece.

Miguel Fieiro xogando ao Battlefield. © Twitch - miguelfieiro

 

Outro dos streamers de referencia é Recuncho Gamer, Iago, que comezou sendo unha canle de YouTube de divulgación de videoxogos e agora tamén fai directos xogando. O recibimento foi, conta, espectacular, e decidiu continuar. Comparte a opinión de que na comunidade de gamers hai moita colaboración, axúdanse entre eles e hai moi bo ambiente. Con respecto á monetización desta actividade, afirma que se pode obter algún pequeno retorno, mais a día de hoxe facendo directos é posible sobre todo conseguir visibilidade que abra portas a facer cousas noutros eidos. A súa listaxe de xogos é amplísima: Mario Kart, Fall Guys: Ultimate Knockout ou Sonic son só algúns deles.

 

Moi preto de Recuncho Gamer está Ricardo, Corsario Gaming. Comezou a facer directos motivado pola posibilidade de coñecer xente á que tamén lle gustasen os videoxogos. Define a comunidade como unha «gran familia dixital», e tamén fala da gran utilidade de Twitch En Galego para poder descubrir novas canles de stream. «Chegar a vivir disto é posible pero é complicado, e máis en galego. Se o teu produto é entretido a xente vai quedar, mais é necesaria moita paciencia». Os seus espectadores son maiormente consumidores dos xogos que máis utiliza, como Rocket League ou CS GO, e comenta que o máis importante é ofrecer un trato directo e poder pasar un tempo agradable en liña.

Corsario Gaming xogando ao Paladins. © Twitch - corsariogaming

 

Félix, coñecido como toxoGZ, comezou a facer directos para pasar o seu tempo libre, xogando ao League of Legends, ao Teamfight Tactics ou calquera outro que probe. Fala da problemática de que aínda non se poidan filtrar directos en galego na plataforma, pois di que Twitch é a única rede real que pode mover a moita xente no mundo do stream. Tampouco cre que vaia chegar un punto no que sexa posible gañar suficientes cartos para poder vivir de facer directos. Fala de que esta actividade axudoulle nun momento da súa vida no que se atopaba baixo de ánimos permitiulle «botar para fóra a impotencia que sentía», pero que ao final, facer directos é un pasatempo e debe ser tratado como tal.

toxo GZ xogando ao Fortnite. © Twitch - toxoGZ
Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Tamén che interesa

  • Twitch. O big bang dos ‘streamers’ en galego

    Estamos xusto no momento no que o universo de canles que fan streaming en galego se empeza a expandir. Falamos con Agos Reigosa, a persoa detrás de Twitch en galego, sobre o presente e o futuro da creación de contido nesta plataforma e os esforzos para que Twitch recoñeza o galego como idioma oficial. Tamén coñecemos as opinións da CRTVG, que o próximo mes lanzará a súa propia canle, e dos streamers Xeración Vós, Iria Ribadomar, Eu Son Marta e Reisvas. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.