Twitch. O big bang dos ‘streamers’ en galego

Co patrocinio de

© Twitch - eu_son_marta

Estamos xusto no momento no que o universo de canles que fan streaming en galego se empeza a expandir. Falamos con Agos Reigosa, a persoa detrás de Twitch en galego, sobre o presente e o futuro da creación de contido nesta plataforma e os esforzos para que Twitch recoñeza o galego como idioma oficial. Tamén coñecemos as opinións da CRTVG, que o próximo mes lanzará a súa propia canle, e dos streamers Xeración Vós, Iria Ribadomar, Eu Son Marta e Reisvas. 

A plataforma Twitch, baseada nos vídeos en directo, era ata hai uns meses relativamente descoñecida para moitos. Mais ultimamente está a medrar en popularidade e isto significa que as canles en galego tamén están experimentando esta subida. «Por setembro do ano pasado tíñamos localizadas 16 canles, e agora hai 73», conta Agos Reigosa. El creou hai un tempo Twitch en galego, un bot para avisar dos directos na nosa lingua presente maiormente en Twitter e Discord, que agora é o epicentro desta crecente comunidade, que podemos ir seguindo no seu directorio web. «A partir de que nos poñemos co Twitter empezan a aparecer máis canles. No momento no que estamos agora hai moita xente que se está animando a facer contidos. Hai uns anos, coa conexión que tiñamos nas casas, ou vivías na cidade ou non podías emitir en internet. Agora é máis accesible», expresa.

Unha concepción moi común do mundo de Twitch é que é todo sobre videoxogos. Mais isto non é verdade. Aínda que estes contidos protagonizan unha boa porcentaxe dos directos, podemos atopar de todo. «Están a aparecer contidos de todo tipo. Hai divulgación científica, con Ecos de Xigantes ou Balea Vermella, cousas de música como Local de Música de Pontevedra... Isto aínda é moi novo e aínda hai moito por descubrir», engade. 

Coa súa conta, Agos ten como obxectivo «dar a coñecer as canles, que a xente soubese o contido que hai en galego». Ademais en Twitch non hai opción de buscar vídeos en galego, polo que o contido na nosa lingua está perdido no medio dos directos en castelán en portugués. «Está custando moito a petición para que haxa unha opción en galego na plataforma. Vai lento, imos polas 1300 sinaturas. Para nós agora o importante é saber que pasa coa petición vasca, que leva máis de 4.400 sinaturas e non recibiu resposta de Twitch. Existe unha opción de Twitch en catalán, despois dunha petición similar que acadou 2.000 sinaturas». El está atento á posible resposta de Twitch á petición vasca, pois no caso de ser positiva, a opción de que exista en galego achegarase cada vez máis a realidade. Entre outros obxectivos, Agos apunta: «oxalá nalgún momento algún galego que emita en español faga directos en galego, o que temos que estar nós é apoiando e axudando».

 

De videoxogos ata política pasando por arte e moito máis

As creadoras e creadores que van despuntando no Twitch galego son diversos e polifacéticos, como así o son as súas razóns para usar esta plataforma. Manuel Ortigueira, que forma parte da canle de debate político Xeración Vós, creada por un grupo de estudantes da USC e que xa supera os 350 seguidores, conta que «xa había máis dun ano que andabamos coa idea de facer un espazo para falar de política e de actualidade entre xente nova e en galego». Os seus debates, por agora feitos por Zoom como marcan os tempos, tratan temas que van desde a xeopolítica internacional ata as restricións da Covid-19, a 'lei trans' ou as maneiras da ultradereita, que trataban onte mesmo despois do acontecido no debate da SER sobre as eleccións en Madrid. 

 

A Adri Reis, ourensán á fronte da canle Reisvas, que xa acumula 238 seguidores, sempre lle gustou facer cousas novas xunto cos seus amigos da infancia: «desde cativos,  sempre tivemos esa inquietude de facer cousas novas, polo que algún día tiña que suceder!». Na súa canle vémolo xogar a videoxogos e comentar a actualidade mediática e política a partir do que publican distintos medios de comunicación e xente nas redes sociais. 

 

A pandemia tamén foi o motivo que impulsou a varias creadoras a abrirse unha canle. No caso da artista Iria Ribadomar, con case 300 seguidores, tomou a decisión debido á cancelación das feiras e da arte na rúa coa pandemia. «Quería compartir o proceso de creación e manter o contacto con moitas persoas, e este formato e calidade non eran posibles noutra plataforma», comenta. O que fai Iria é crear en directo, mesmo moitas veces en diálogo co público, facendo debuxos a partir do que comenta a xente no chat. 

Marta, da canle de música Eu Son Marta, que supera o cento de seguidores, tamén se atopou nunha situación similar. «A principal razón pola que creei a canle foi porque non podo exercer a miña profesión, a música en directo, dende que comezou a pandemia», explica. E Twitch permítelle facer improvisacións e concertos en directo, un xeito de acompañar as seguidoras e seguidores. Porque unha das características deste medio, no que un streamer pode botar horas en directo cada día, é que non require demasiada atención senón que se adoita poñer de fondo mentres se fan outras cousas. Cada vez máis rapazada o pon de fondo para estudar. 

 

O público que atende aos directos tamén é diferente dependendo da canle ou do programa concreto. A audencia de Reisvas «vai mudando segundo o contido que esté a emitir, e o rango de idades é variado. No que si coincide a miña audiencia é que todos prefiren repasar a actualidade ou visionar contido antes de xogar a videoxogos». Iria afirma que o seu público, aínda que está unido polo interese pola arte, é moi hetereoxéneo e participativo. Isto queda reflectido nos debuxos colaborativos, nos que a audiencia intervén facendo peticións. O público de Xeración Vós componse maiormente de «estudantes da USC que habitualmente falan en galego e está xeniunamente interesada polo ámbito da ciencias sociais». Ademais, non debemos pensar que Twitch é só para a mocidade, pois a franxa de idade de espectadores é moi ampla. Cóntanos a creadora de Eu son Marta que o seu público está entre os 20 e os 50 anos.

Non debemos pensar que Twitch é só para a mocidade, pois a franxa de idade de espectadores é moi ampla. Cóntanos a creadora de Eu sonMarta que o seu público está entre os 20 e os 50 anos.

Sobre a comunidade do Twitch en galego e o seu futuro, Iria afirma que desde o primeiro día foi acollida por un grupo de persoas dispostas a axudarse entre si para fortalecer a presenza do galego na plataforma. «De seguir nesa liña o futuro só pode ser positivo», engade.  O mesmo pensamento ten Manuel: «si que lle vemos futuro grazas a plataformas como Twitch en galego, que axudan a darnos a coñecer». Adri Reis tamén se mostra esperanzado: «hai moitísimo futuro, e hai streamers que xa teñen unha audiencia considerable e en aumento. Isto só é o comezo» . «Vexo obvio que si hai futuro no Twitch en galego, hai unha comunidade bastante grande de creadores e consumidores de contido», concorda Marta.

A Galega tamén se apunta

O 30 de marzo a CRTVG anunciou que en maio entraría no mundo do Twitch. Seguen coa súa teima en adaptarse aos tempos actuais, tal como aseguran desde o seu departamento de Prensa:  «a CRTVG leva xa anos planificando e executando o transvase ao plano dixital xa que a TDT ten data de caducidade no 2030. Hai que comunicarse cos nenos e mozos nas canles que usan no 2021, non no 1985».

O famoso #DígochoEu, que xa experimentou unha explosión en Tik Tok, será o primeiro proxecto a desenvolver en Twitch, debido a unha «alta demanda da comunidade educativa». Ademais na CRTVG recoñecen o esforzo dos contidos dos creadores en galego e aseguran sumarse á petición dunha opción en galego na plataforma. «En Galicia xa hai establecida unha rede fantástica de xente que leva moito tempo a facer cousas moi interesantes en Twitch. Aprenderemos deles e sumarémonos á comunidade para avanzar no uso do noso idioma tamén nesta canle. Pedirémoslle a Twitch que a emisión en directo e a interface estean dispoñibles en galego», aseguran.

De todos xeitos o trasvase de talento entre a TVG e as novas canles xa existía, de feito o streamer con máis seguidores na nosa lingua é Brais Doval, que xa leva anos sendo youtuber e a quen desde hai algo máis dun ano vemos na tele como un dos presentadores do Malicia Noticias. Na súa canle de Twitch fai directos xogando ou falando co público, e un dos seus últimos hits foi unha entrevista ao presentador de Luar, Xosé Ramón Gayoso, que recibiu as preguntas dos seguidores de Doval.

 

Cada día máis xente

Mentres faciamos esta reportaxe o número de streamers non parou de aumentar, con canles moi diferentes entre elas. Estas son algunhas das máis recentes:

Bocaorella é unha novísima canle de debate para falar de sociedade e economía galegas. Veñen de facer o seu primeiro directo cunha conversa sobre financiamento de proxectos de I+D+i mediante cesión de créditos fiscais, organizada por Startup Galicia. A sociedade e a economía galegas serán os puntos principais a tratar. De momento só fixeron un directo, pero a comunidade de Twitch en galego pode esperar moitos máis nos próximos meses.

Nuno Pico, o artista agora coñecido como Grande Amore, está en plena presentación dos temas do seu primeiro disco en solitario e tamén se uniu a Twitch para contalo. No seu primeiro directo, o pasado 17 de abril, deulle un repaso á lista de grupos que máis lle gustan e quedou de parola cos  espectadores.

 

Hai un par de semanas A Marxe da Páxina, canle do subxénero “sala de estudo”, subía o seu primeiro directo. Contido non ten moito pero iso non é un impedimento en Twitch: trátase dunha canle feita para acompañar a xente á que lle gusta estudar en compañía. Coma estar na biblioteca, mais en tempos de reclusión pandémica. Podemos conectar en directo de luns a xoves pola tarde.

 

E é posible vivir disto?

A nivel internacional xa moitas persoas gañan ben de cartos creando contido para Twitch grazas ao sistema de subscricións que permite que a audiencia máis fiel lles pague mensualmente aos creadores a cambios de pequenas vantaxes de contido ou interacción con eles. O gran referente en español é Ibai Llanos, que con case 6 millóns de seguidores e 40.000 subscritores xa é un referente no streaming e sitúase como o terceiro mellor pagado do mundo. Veremos algún día os nosos creadores monetizando contido en galego a un nivel que lles permita facelo de xeito profesional? 

Manuel Ortigueira responde cun cortante «non». «Para vivir disto tes que ter polo menos 200 subscritores, e aínda asi vivirías mal», engade. Ademais o perfil da súa audiencia, comenta, non é por agora o que está afeito a pagar nesta plataforma. Con todo, si que ve posible unha monetización da canle. «Os requirimentos son fortes, pero pódense cumprir. Nós poderíamos telo monetizado, máis decidimos que non ata que teñamos algo orixinal que ofrecer aos que se subscriban», explica. 

Ao final, o obxectivo dos diferentes creadores parece ser o mesmo: entreter, crear, divulgar ou debater na súa lingua, tal como se fai en calquera outra. Iniciativas como Twitch en galego, e unha comunidade cada vez máis forte, axudan a que cada vez máis xente se sume a probar esta ferramenta e os novos códigos que implica para a enriquecer a comunicación dixital na nosa lingua. 

 

CORRECCIÓN: Infórmanos un lector de que o streamer con máis seguidores en galego non é Brais Doval, senón que o supera GabiiiG8, con máis de 1.700. Velaquí o seu vídeo máis recente, unha entrevista co actor Federico Pérez Rey.

Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Tamén che interesa

  • Comeza a cuarta década da rede en galego, que nos vai traer?

    En 1991 asinábase o convenio para a creación do Centro de Supercomputación de Galicia, que se crearía en 1993 e que marcaría o fito fundacional de internet en Galicia, segundo a cronoloxía da rede galega recentemente publicada. 30 anos e unha pandemia despois, internet xa non é un espazo á marxe nin unha promesa: ocúpao case todo e está a resituar o lugar do galego  nas nosas interaccións sociais e na cultura popular. De onde vimos e que nos depara esta nova década que estreamos? 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.